post

Íntegro celebrou a súa asemblea xeral de socios/as marcada pola pandemia

Na orde do día figuraban importantes novidades como a posta en marcha da 1ª fase da ampliación do Centro Ocupacional e a elaboración dun novo plan estratéxico

A asociación Íntegro celebrou este sábado 8 a súa asemblea xeral ordinaria de socios/as marcada, por segundo ano consecutivo, polas medidas de seguridade e hixiene establecidas pola COVID.  Nesta ocasión, a xuntanza, que deu comezo ás 12.00 horas, celebrouse ante un público moi reducido para garantir o distanciamento social obrigatorio e preservar a saúde de todos os asistentes.  

En primeiro lugar, os membros da directiva procederon á lectura da acta da sesión anterior e deron conta dos orzamentos e actividades levados a cabo en 2020 así como dos programadas para este ano. Pola súa banda, persoal do Centro de Recursos de Nantón foi o encargado de ofrecer detallada información sobre os servizos que se están levando a cabo (Infoase, PIMDRural, fisioterapia, ocio, xuventude, voluntariado…) e sobre outros de nova implantación como o de podoloxía, que contou cos parabéns de todos os/as asistentes.

Outro dos asuntos da orde do día foi a relación de obras acometidas dentro do plan de mellora das instalacións de Nantón. E neste punto, tamén se abordaron as novidades programadas para este ano como a 1ª fase da ampliación do Centro Ocupacional. Así mesmo, púxose sobre a mesa a necesidade de elaborar un novo plan estratéxico implicando a todos os interesados/as (familias, usuarios/as, socios/as, provedores, traballadores, directivos…).

Desde Íntegro queremos dar as grazas a todos os/as asistentes á asemblea pola súa participación e respecto no cumprimento das medidas de seguridade.  

 

post

Íntegro reanuda a actividade no centro tras a pandemia

Hoxe queremos compartir con vós a mellor noticia dos últimos 6 meses! ABRIMOOOOOOOOS!!!!! 
 
Por fin, esta mañá, volvemos abrir as portas de Íntegro para encher de vida, actividade e ilusión as nosas instalacións de Nantón, en Cabana de Bergantiños. Por fin, volvemos reencontrarnos cos nosos usuarios e usuarias para retomar, sen bicos nin abrazos pero con máis gañas ca nunca, os soños, os retos e os proxectos que tivemos que deixar aparcados o pasado mes de marzo por mor da  COVID-19. Aínda que, polo de agora, non estamos todos os/as que somos, agardamos que nos vindeiros días se vaian incorporando gradualmente o resto de usuarios/as a fin de evitar aglomeracións e así garantir as medidas de seguridade e hixiene, recollidas no protocolo de actuación anti-Covid elaborado polo centro, e que vos resumimos a continuación. Benvidos/as! 
 
✅ Servizo de transporte| Antes de acceder aos vehículos, os usuarios/as someteranse ao correspondente  control de temperatura e  desinfección de mans. Ademais, procederase á realización dunha enquisa epidemiolóxica sobre a detección de síntomas, que deberá estar asinada polas persoas usuarias.
 
✅ Distribución das aulas e grupos| Habilitamos novas aulas, reconvertindo ata a cociña e o ximnasio, para garantir o distanciamento social necesario para preservar a saúde e a seguridade das persoas usuarias.
 
✅ Creación de “grupos de convivencia” ou “grupos burbulla”| Estarán formados por un máximo de 10 persoas e agrupados por transporte, cunha monitora de referencia, para reducir ao máximo o contacto con outros compañeiros/as e minimizar así os riscos.
 
✅ Xantar| O xantar levarase a cabo nas aulas e sempre co mesmo grupo de convivencia.
 
✅ Protección individual| O uso da mascarilla será obrigatorio durante toda a xornada así como a desinfección e lavado de mans con frecuencia.
 
✅ Limpeza e desinfección das instalacións a diario.