post

Íntegro volve ás aulas cunha nova edición da Diverescola

Tras case dous anos de inactividade pola pandemia

O CEIP Plurilingüe San Vicenzo de Vimianzo será o primeiro destino desta iniciativa, incluída no programa Capacíta-T, para a achegar ao alumnado de infantil e primaria da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento

Tras un período de inactividade de case dous anos debido á COVID-19, a asociación Íntegro porá en marcha a vindeira semana unha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida pola entidade de Nantón, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento. A primeira saída da nova campaña terá como destino o CEIP Plurilingüe San Vicenzo, de Vimianzo.

O martes 25 terá lugar a primeira xornada de sensibilización, na que participarán un total de 69 nenos e nenas de 4 a 6 anos. Desde primeira hora da mañá, desenvolveranse diferentes actividades lúdicas arredor dun “contaconto guiado”. Ademais da lectura e e posterior interacción sobre o conto, abordarase a temática a través da técnica do “muralismo” para intercambiar ideas e afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade.

O mércores 26 será a quenda do alumnado de 1º e 2º de educación primaria. Neste caso, os pupitres darán paso aos circuítos de obstáculos para acoller unha actividade denominada “xogamos coas barreiras”. Trátase de realizar un circuíto de mobilidade en cadeira de rodas por determinados espazos do colexio e un percorrido estacional sensorial, que lles axudará a sensibilizarse e empatizar coas dificultades. Así, a través do xogo, poderemos reflexionar sobre as barreiras físicas, sociais e mentais que existen na sociedade e como podemos superalas.

Educación en valores

Diverescola é unha acción de sensibilización desenvolvida por Íntegro, no marco do programa de capacitación da sociedade Capacíta-T, encamiñada a educar en valores ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos da Costa da Morte, co obxectivo de formar, xunto ao profesorado, persoas comprometidas coa diversidade funcional, romper as barreiras mentais e propiciar a normalidade e a inclusión real. A través do xogo e o entretemento, os máis cativos/as terán a oportunidade de reflexionar e flexibilizar sobre crenzas erróneas, xa consolidadas, en torno ás persoas que son diferentes e/ou teñen diferentes capacidades, ata darse conta das súas potencialidades, aprender a respectalas e descubrir que a riqueza e a importancia da diversidade. Deste xeito, promoveremos actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade.

post

“Non considero a miña vida como unha historia de superación e fortaleza”

Ramón Pombo Castro, vicepresidente da Asociación Íntegro

A I Xornada Diversidade e Familia, organizada pola Asociación Íntegro, tamén conta cun espazo dedicado ás vivencias persoais. Ramón Pombo Castro e David Pombo Rivera serán os encargados de poñer o broche de ouro á sesión de conferencias con dous relatos en primeira persoa. O primeiro deles é o vicepresidente da entidade e co-administrador de Asubiomedia. Técnico Superior en Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, traballa como analista programador no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia. Durante 10 anos foi xogador de baloncesto en cadeira de rodas competindo a nivel nacional e internacional co seu club, o AMFIV. No 2011 foi nomeado Bergantiñán do Ano en recoñecemento ao seu traballo, esforzo e valía. Todo un referente, exemplo de adaptación e crecemento persoal co que estivemos conversando esta mañá.

IMG-20151127-WA0003

  • Xunto ao teu compañeiro e amigo David Pombo, protagonizarás o vindeiro xoves as charlas en primeira persoa, dúas historias de superación e de fortaleza, é difícil falar sobre un mesmo?

Si, cóstame falar sobre min porque non considero a miña vida como unha historia de superación e fortaleza. Polo menos, non moito máis que a de calquera outra persoa.

  •  Cales son as barreiras cotiás que máis doen?

Particularmente, as barreiras non me doen pero creo que hai que concienciar á sociedade de que debe respectar as normas. Eu non me sinto doído porque nos aparquen nunha praza de discapacitados ou nos atopemos cun chanzo grande nun acceso. É a comunidade quen ten que concienciarse de que iso non está ben.

  •  Cal é a túa válvula de escape?

Non creo que necesite unha válvula de escape para a miña discapacidade polo mesmo que acabo de comentar. Para min, a diversidade é algo natural que vai comigo a onde eu vou e véxoo como algo ao que me teño que adaptar. Gozar da vida, da miña familia e da xente que me rodea é o que me fai sentir mellor. 

  • Cres que a túa contorna está á altura das persoas con diversidade?

Claro que si. Nós formamos parte da sociedade e para ben ou para mal somos un reflexo de onde vivimos. Eu síntome ben e fanme sentir coma un cidadán máis.

  •  Que podemos facer cada un de nós por avanzar cara a inclusión?IMG_5361

Creo que a inclusión de calquera colectivo, non só o noso, conséguese cando forma parte da vida cotiá dun xeito normal e natural. Para iso ten que haber unha labor moi grande de implicación de todas as partes.


 cartel integro i xornada capacitate