post

Íntegro apela á conciencia cidadá para evitar lesións medulares por mergullos durante a temporada estival

Membros da entidade están a percorrer diferentes praias, peiraos e piscinas da Costa da Morte para comprobar os focos de risco e incidir na  prevención de accidentes

Como xa vén sendo habitual por esta datas, na asociación Íntegro iniciamos unha ronda de visitas polos municipios costeiros da nosa contorna para proceder á comprobación ocular dos focos de alto risco de lesións medulares por mergullos na Costa da Morte e incidir na súa prevención. Cada ano prodúcense en Galicia arredor de 100 accidentes medulares, dos que o 5% teñen a súa orixe nas prácticas de risco que se realizan en piscinas, ríos e praias. E lonxe de evitalas, cada vez son máis os adultos e adolescentes que expoñen as súas vidas en zonas altamente perigosas como as entradas a diques, peiraos e rías con pouco caudal de auga.

Como evitalo? O sentido común é a mellor defensa! En caso de mergullos, é imprescindible inspeccionar o fondo para comprobar tanto o seu interior como a súa profundidade. Aínda que na zona non haxa rocas saíntes do leito mariño, nin chanzos de pedra ou maleza ocultos pola area ou as plantas, NUNCA debemos tirarnos de cabeza. Neste senso, desde a entidade de Nantón faise un chamamento público a todas as administracións e organismos competentes para que procedan á correspondente sinalización de prohibición deste tipo de prácticas, ademais de apelar á concienciación cidadá para a súa erradicación. O verán é para gozalo e este tipo de lesións son evitables no 100% dos casos.

Estas son algunhas recomendacións para desfrutar dunhas vacacións tranquilas e sen correr riscos innecesarios.

. Comprobar sempre a profundidade da auga antes de tirarse de cabeza. (A OMS recomenda que haxa como mínimo 1.5 metros de profundidade).

. Evitar inmersións bruscas.

. Ter moito coidado cos ríos e rías porque o caudal da auga varía continuamente.

. Extremar a precaución en bordos e zonas húmidas de piscinas.

. Evitar bañarse en caso de consumir alcohol.

. Respectar os sinais de advertencia de perigo e normas de conduta en praias e piscinas. No caso de que non as haxa, como usuarios/as destas zonas debemos esixilas aos organismos competentes.

Como actuar en caso de accidente?

  • Avisar aos servizos de emerxencias ou acudir ao socorrista máis próximo da praia ou piscina.
  • Intentar non mobilizar ao accidentado/a. En caso de perigo de afogamento, desprazalo/a sempre entre varias persoas.

Lembra que o verán é para desfrutar. Non xogues coa túa vida. Usa a cabeza!

post

160 estudantes carballeses toman conciencia sobre a prevención de lesións medulares

Responsables de Íntegro achegáronse nos últimos días ata as aulas do IES Monte Neme e Parga Pondal

160 alumnos e alumnas de dous institutos carballeses participaron nas últimas xornadas de sensibilización promovidas pola asociación Íntegro, dentro da campaña de prevención de lesións medulares que está a percorrer os centros educativos de primaria e secundaria da Costa da Morte.

O pasado martes, varios responsables da entidade con sede en Nantón (Cabana), entre os que se atopaba o seu presidente Adolfo López Baña, achegáronse ata as aulas do IES Monte Neme de Carballo para manter un encontro cos estudantes de 3º e 4º da ESO. Ademais da proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, no que se narran as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular, o alumnado seguiu con atención o relato de varias testemuñas reais que deron conta do seu día a día sobre unha cadeira de rodas. Durante a mañá celebráronse dúas sesións informativas nas que participaron un total 110 mozos/as. Ao remate, moitos deles/as aseguraron sentirse máis concienciados/as sobre a importancia de evitar prácticas de risco, especialmente en zonas como praias e piscinas onde os mergullos de cabeza son moi habituais.

Os/as que tamén terán que poñer en práctica os consellos recibidos o pasado venres son os 50 alumnos/as de 2º da ESO do IES Isidro Parga Pondal, o outro centro carballés que estes días abriu as súas portas á campaña de prevención de Íntegro. Logo da charla informativa, celebrouse un pequeno coloquio para intercambiar impresións sobre a xornada e conversar sobre as dificultades de vivir cunha lesión medular. Esperemos que todos/as vaian coa lección aprendida. Ata a próxima!

post

Íntegro ofrecerá este venres unha charla sobre lesións medulares no Centro de Día de Cabana

Con esta actividade, de balde e aberta á cidadanía, a entidade amplía o seu programa de sensibilización social a outros ámbitos e colectivos de risco

Esta semana a campaña de prevención de lesións medulares de Íntegro traspasará as aulas dos centros educativos da Costa da Morte para informar e concienciar a novos colectivos sociais sobre a importancia de evitar prácticas de risco que poidan derivar en doenzas irreparables. E é que as estatísticas falan por si soas! Mentres que o número de lesións por sinistros de tráfico e/ou mergullos en praias e piscinas está diminuíndo nos últimos anos entre a mocidade grazas, en boa parte, ás accións de sensibilización que se están levando a cabo en colexios e institutos, os accidentes domésticos e as caídas fortuítas no ámbito do traballo estanse a cobrar cada vez máis vítimas, especialmente entre a poboación adulta. Por iso, desde a entidade de Nantón decidimos ampliar o programa de re-educación social poñendo en marcha novas actividades dirixidas ao público en xeral. A primeira delas terá lugar o vindeiro venres a partir das 11h no Centro de Día de Cabana de Bergantiños, situado na parroquia de Neaño (Estrada do Bosque, 69).

A xornada comezará cunha charla informativa para dar a coñecer as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular facendo especial fincapé na importancia da prevención. Ademais, proxectarase o novo vídeo da campaña deste ano que leva por título “A ti tamén che pode pasar” (dispoñible no noso canal de Youtube e en www.integro.es), no que un médico, unha enfermeira e un terapeuta ocupacional da Unidade de Lesionados do CHUAC analizan as situacións de perigo que orixinan estas doenzas e as medidas que debemos tomar para evitalas. Na proxección tamén interveñen testemuñas reais que relatan en primeira persoa as súas experiencias. Entre outros, varios membros de Íntegro, colaboradores habituais da campaña e protagonistas involuntarios aos que un día unha lesión medular lles cambiou a vida. Algúns deles/as acudirán á cita para expoñer as súas vivencias e amosar os seus exemplos de loita, fortaleza e superación. Tamén os/as acompañarán a educadora social Tania Bartucca e o presidente da entidade, Adolfo López Baña.

 

 

 

 

Desde os seus inicios, asociación Íntegro desenvolveu unha importante e extensa labor divulgativa en favor de prevención de lesións medulares. Durante máis dun cuarto de século puxéronse en marcha numerosos proxectos de sensibilización social co único propósito de informar, primeiro, e concienciar, despois, á cidadanía e especialmente aos máis novos, por ser o colectivo máis vulnerable. Neste sentido, durante a presentación da campaña deste ano, López Baña aseguraba que “se en todos estes anos evitamos un só caso, xa pagou a pena”.

Agora este ambicioso proxecto, co-financiado pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña ademais da colaboración das administracións locais e algunhas empresas privadas, traspasará as aulas dos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte para estenderse a outros ámbitos como o do fogar ou o do traballo, e a outros grupos en situación de risco como o dos/as profesionais do campo ou da construción e as persoas de idade avanzada.

Desde Íntegro queremos convidar á cidadanía a asistir á charla informativa do vindeiro venres e participar activamente na mesma aportando as súas propias experiencias e/ou propoñendo as dúbidas ou suxestións que considere oportunas e de interese. A entrada será de balde.