post

Presentado o proxecto Diversiplás á Rede de Entidades Colaboradoras para a xestión de residuos plásticos na Costa da Morte

  • Ademais dos responsables da entidade, no acto celebrado esta mañá na Escola de Vela de Cabana, estiveron presentes representantes de varios concellos e agrupacións pesqueiras da Costa da Morte adheridos ao proxecto
  • Ao remate, fíxose entrega do primeiro colector de residuos ao Concello de Cabana e realizouse unha pequena demostración do funcionamento da maquinaria de reciclaxe

O proxecto medioambiental da asociación Íntegro segue traballando e avanzando desde a inclusión cara unha Costa da Morte máis sostible. E hoxe volveuno demostrar na Escola de Vela de Canduas, en Cabana de Bergantiños, durante o acto de presentación de Diversiplás, + diverso – plástico, aos integrantes da Rede de Entidades Colaboradoras, celebrado esta mesma mañá, de 10.30 a 12.00 horas.

O alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez, exerceu de mestre de cerimonias do evento, que contou coa asistencia de numeroso público, entre o que se atopaban algúns representantes dos concellos da Costa da Morte e do sector marítimo e pesqueiro, que integran a Rede de colaboradores do territorio de influencia do Galp Costa da Morte. Durante o discurso de benvida, Muíño sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para ‘’poñer en valor a recuperación de elementos e a cooperación entre as distintas institucións e sectores nun proxecto que buscará darlle solución á problemática do plástico a través de novos empregos do mesmo”.

A continuación, foi a quenda da asociación Íntegro. A directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, foi a encargada de dar a coñecer o proxecto de recuperación e (re) valorización de residuos plásticos, que vén de iniciar unha nova etapa coa posta en marcha dun taller para o aproveitamento e tratamento deste tipo de refugallos na súa sede de Nantón (Cabana). Trátase dun espazo equipado coa tecnoloxía e os recursos necesarios (trituradora, inxectora e extrusora) para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic, co obxectivo de darlles unha segunda vida mediante a creación de novos produtos con novas utilidades (chaveiros, mobiliario…). Con esta iniciativa de economía circular, a entidade pretende non só promover a autonomía e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, senón tamén preservar o medio natural da Costa da Morte xerando novas dinámicas de colaboración. Neste sentido, a directora do centro apelou tamén á conciencia ambiental da cidadanía, á que animou a colaborar no proxecto “utilizando os novos colectores de plástico e contribuíndo a manter limpos os nosos areais con xestos individuais e novos hábitos máis respectuosos co medio ambiente”, declarou.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña destacou na súa intervención o compromiso ambiental da entidade desde as súas orixes e lembrou que “xa no ano 1996 puxemos en marcha xunto coa Confederación Galega o proxecto Ecoemprego para a recollida de voluminosos e no 2000 creamos unha extensión agraria de produción ecolóxica que, por razóns alleas á entidade, non deu os froitos agardados”, matizou.

A Rede de Entidades Colaboradoras

Desde a asociación Íntegro fíxose especial fincapé no importante labor que desempeñarán os diferentes axentes sociais da Costa da Morte (concellos, confrarías, asociacións de mariscadoras, redeiras…), que conforman a denominada Rede de Entidades Colaboradoras, moitos deles presentes no acto, encargados da xestión dos novos puntos de recollida de plásticos. Un compromiso xa selado, coa sinatura dun acordo de colaboración, cos concellos de Cabana, A Laracha, Vimianzo e Carballo, e as confrarías de Caión e Malpica, aos que en breve se sumarán outras entidades públicas e privadas así como centros de ensino e colectivos sociais.

A xornada rematou coa entrega simbólica do primeiro colector ao Concello de Cabana (nos vindeiros días serán enviados a todas as entidades colaboradoras) e unha breve demostración en directo do funcionamento da maquinaria de reciclaxe, a cargo de Just Fair Enough. Os novos contedores, de cor branca para diferencialos do resto, contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo. Por último, os/as asistentes levaron de recordo un obsequio elaborado con plástico reciclado.

Diversiplás é un proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola asociación Íntegro e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. En 2021, arrincou a primeira fase do proxecto coa posta en marcha dun programa de asesoramento e formación no tratamento e valorización de plásticos, dirixido ás persoas usuarias de Integro- en colaboración con Just Fair Enough- e outro de sensibilización, promovendo accións de boas prácticas para reducir a presenza de plásticos no litoral, a través da limpeza de praias e zonas costeiras. Ademais, realizáronse diversos encontros coas profesionais sector marisqueiro e da pesca da Costa da Morte con visitas ás redeiras Illa da Estrela, de Corme, e ás mariscadoras da Agrupación da Confraría de Camariñas.

post

Íntegro recompilará material plástico da campaña de Nadal do CCA Carballo para o novo taller de reciclaxe de Diversiplás

  • Máis de 20.000 bolas de plástico serán utilizadas como materia prima para a fabricación de novos produtos no taller de aproveitamento e tratamento de residuos que se porá en marcha en Íntegro en 2022
  • Este Nadal, o Centro Comercial Aberto tamén contribuirá á inclusión laboral de persoas con discapacidade mediante a contratación de dous traballadores da nosa empresa de xestión social MáisPorvir   

O proxecto medioambiental da asociación Íntegro para a reciclaxe e transformación de residuos plásticos Diversiplás, + diverso – plástico segue avanzando no seu camiño cara unha Costa da Morte máis sostible, máis diversa e con menos plástico. E, desta volta, faino captando novos colaboradores e participando nun fermoso proxecto no que a ilusión, a maxia e, por suposto, a reciclaxe serán co-protagonistas xunto cos máis pequenos da casa.

Grazas ao Centro Comercial Aberto de Carballo e á súa campaña de Nadal, nas vindeiras semanas teremos a oportunidade de recompilar un gran volume de residuo plástico. Nada menos que máis 20.000 bolas, as mesmas que agocha no seu interior a casiña de Nadal,  que o CCA ten instalado na Praza do Concello para repartir ilusión, sorrisos e premios entre a cativada. Para conseguilas, bastará con mercar este Nadal nos 76 establecementos comerciais e de hostalaría adheridos á campaña. A cambio, cada cliente recibirá un vale que os e as máis peques da casa poderán cambiar por unha tirada na casiña e obter así unha bola con premio seguro e directo.

 

Unha vez obtido o agasallo, os envases poderán ser depositados nun tragabolas para o seu almacenamento e posterior utilización como materia prima no taller de aproveitamento e reciclado, que imos poñer en marcha en 2022 co apoio e asesoramento de Adrián Coira, de Just Fair Enough, para a creación de novos produtos con diferentes utilidades (chaveiros, macetas, mobiliario urbano….). Neste senso, desde a asociación Íntegro queremos solicitar a colaboración de toda a cidadanía para lograr recompilar o maior número posible de bolas, e darlles así unha segunda vida a través da reciclaxe.

Diversiplás é un proxecto de economía circular, xurdido ao abeiro do proxecto Tanza, dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos. Coordinado pola asociación Integro, conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

Máis Porvir Xestión Social

Ademais da súa aportación ao proxecto medioambiental Diversiplás, este Nadal o CCA de Carballo contribuirá tamén á inclusión social e laboral de persoas con diversidade funcional. Dous traballadores de Máis Porvir Xestión Social, a empresa de economía social da asociación Íntegro, serán os encargados de repartir ilusión, sorrisos e premios entre a cativada que se achegue ata a casiña de Nadal do CCA.  Unha colaboración que pon de manifesto  o compromiso e a implicación do Centro Comercial Aberto de Carballo cos colectivos sociais máis desfavorecidos. Grazas e parabéns pola iniciativa!