post

Clausurado o obradoiro de carpintería de Íntegro cun compromiso dos concellos de potenciar a formación

A Asociación Íntegro clausurou hoxe o obradoiro de carpintería que se desenvolveu ao longo dos últimos seis meses grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo e á colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños. No acto participaron representantes dos concellos de Malpica, Laxe, Zas, Ponteceso e Cabana, cinco concellos que, a raíz desta iniciativa, poderían poñer en marcha un programa de formación conxunto.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Así o explicou o alcalde cabanés, José Muíño, quen destacou os bos resultados do obradoiro de emprego desenvolvido cos concellos de Ponteceso e Zas e avogou pola extensión da experiencia ao resto dos concellos da agrupación supramunicipal Costa Bergantiñá. “A idea –dixo Muíño- é que cada concello homologue unha aula para impartir cursos de formación de distintas especialidades”. No caso de Cabana esa aula sería, precisamente, a nave cedida a Íntegro en Anos para impartir o obradoiro. “Seguiríamos compartíndoa con Íntegro, de balde, de xeito que a asociación poida desenvolver un traballo que lle permita subsistir, ao mesmo tempo que os concellos poidamos beneficiarnos dese servizo ademais de poder utilizar tamén a nave”, engadiu o alcalde de Cabana.

De feito, a cesión do taller á Asociación Íntegro durante os últimos seis meses permitiu encher de vida unhas instalacións que non tiñan uso. Ao longo deste tempo, os alumnos e alumnas traballaron na restauración de pezas de madeira, a elaboración de mobles e a reparación de elementos do mobiliario público, principalmente. Miguel Álvarez, un dos monitores, realizou aos participantes no acto de hoxe unha detallada exposición dos distintos labores realizados, con especial fincapé no mantemento do mobiliario público. Papeleiras, xogos infantís, bancos… do municipio de Cabana volven a estar como novos despois de recibir o tratamento axeitado na nave de Anos. Precisamente, o alcalde de Cabana destacou a importancia do curso desenvolvido por Íntegro para este tipo de tarefas, que xa, segundo indicou, “moitas veces os concellos temos problemas para o mantemento do mobiliario en perfectas condicións”.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Pola súa banda, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, incidiu na importancia do proxecto desenvolvido de cara á autonomía da asociación. “As entidades antes dependían case exclusivamente das subvencións, pero nós queremos demostrar que é preciso prestar un servizo á comunidade e cobrar por iso”, manifestou. Os 9 usuarios e usuarias que participaron no obradoiro de carpintería, que recibiron hoxe os seus diplomas, demostraron a súa capacidade para poder desenvolver este tipo de traballo, e, aínda máis, de “dar resposta á demanda e de facelo con calidade”, destacou López Baña.

post

Os concellos de Costa Bergantiñá implícanse na posta en marcha dos PIMD Rural

Os concellos de Cabana, Laxe, Malpica e Ponteceso, que compoñen a asociación supramunicipal Costa Bergantiñá, expresaron no Día Internacional da Muller o seu compromiso coa posta en marcha dos Puntos de Intervención para Mulleres con Diversidade (PIMD) Rural, un servizo que funciona dende o ano pasado no centro dIMG_20160308_121417e recursos de Nantón e que moi pronto estará dispoñible tamén nos concellos.

Os alcaldes de Cabana, Manuel Muíño; Laxe, José Manuel Mouzo, e Malpica, Eduardo Parga; así como as concelleiras Marisol Blanco, responsable de Servizos Sociais e Igualdade en Malpica; e Isabel Vuelta e Susana Toja, de Ponteceso, asistiron onte en Nantón á presentación do PIMD. O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, explicou que a extensión dos puntos de intervención limítase de momento aos concellos de Costa Bergantiñá por cuestións de persoal, aínda que a intención de Íntegro é continuar coa ampliación en función da dispoñibilidade dos técnicos e da implicación dos concellos.

A terapeuta ocupacional e directora do centro de recursos de Íntegro, Noelia Barreira, e a psicóloga, Begoña Rial, foron as encargadas de explicar as liñas xerais do PIMD Rural, un programa específico de asesoramento e intervención integral para mulleres con diversidade funcional, tanto no ámbito social coma no educativo, o cultural ou o laboral. De feito, aínda que a iniciativa botará a andar en colaboración cos departamentos municipais de Servizos Sociais, o obxectivo é implicar tamén a orientadores/as laborais e axentes de desenvolvemento local.

post

Íntegro celebra o Día da Muller coa presentación de catro novos PIMD Rural na comarca de Bergantiños

Mañá é o Día da Muller e na Asociación Íntegro ímolo celebrar coa presentación da ampliación do Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional no medio rural (PIMD Rural), posto en marcha o ano pasado pola nosa entidade, a catro concellos da comarca de Bergantiños. Ademais do noso presidente, Adolfo López Baña, a directora do centro, Noelia Barreira, e a psicóloga, Begoña Rial, estarán presentes os alcaldes dos municipios de Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, Laxe e Ponteceso para dar a coñecer o programa de implantación do PIMD Rural nas súas respectivas localidades.

mujer disca 4

Con esta iniciativa preténdese ampliar o ámbito de actuación do servizo coa finalidade de facelo máis próximo e accesible a todas as mulleres que residen en diferentes zonas da comarca.  No acto, que dará comezo ás 12h no centro de recursos de Nantón, exporanse as liñas de traballo que se desenvolverán dende os diferentes servizos sociais de cada municipio para loitar contra a discriminación e a desigualdade de oportunidades que sofre este colectivo ademais de reforzar o seu papel no ámbito rural.

Cabana de Bergantiños, Laxe, Ponteceso e Malpica de Bergantiños serán, a partires deste ano, os primeiros concellos da Costa da Morte en contar cunha ubicación específica para o PIMD Rural nas súas propias instalacións, permitindo achegar e aproveitar os recursos técnicos da nosa asociación para poñelos ao alcance dos seus habitantes.

Grazas a este novo programa de cooperación tamén se poderán mellorar as actuacións previstas nos Plans de Igualdade Municipais con medidas específicas para a atención de mulleres con diversidade funcional.

Servizos

As mulleres que se acheguen ata os puntos de intervención tamén poderán atopar ampla información e asesoramento sobre recursos en materia de diversidade; atención psicolóxica e mediación familiar; accións encamiñadas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas así como competencias para a mellora do emprego e apoio na mediación laboral e profesional. Ademais, realizaranse actividades de prevención da violencia de xénero e asesoramento de ocio e participación social. Así mesmo, as usuarias deste novo servizo terán información continuada e actualizada sobre todos os programas e accións específicas que se desenvolven na Asociación Íntegro.

sede reducida

En breve, poderás atopar toda a información ao respecto na nosa web a través dunha nova sección que crearemos para manterte puntualmente ao día. Mentres tanto, se te queres achegar ao novo punto de intervención só tes que poñerte en contacto con nós chamando ao 981 734 985 ou preguntando no departamento de servizos sociais do teu concello.

post

Catro concellos de Bergantiños contarán co Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional de Íntegro

O 2016 non podía empezar con mellor pé! Se rematamos o ano dando a coñecer o programa CapacítaT, para a educación e formación da sociedade en materia de diversidade e inclusión, agora tócalle a quenda ás mulleres. O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade no ámbito rural (PIMD Rural), que a Asociación Íntegro puxo en marcha nas súas instalacións no 2015, trasladarase a varios concellos da comarca de Bergantiños co fin de ampliar as actuacións que se están levando a cabo dende a entidade e incrementar a colaboración cos servizos de proximidade á cidadanía.

O programa contempla accións para a mellora do emprego e a mediación laboral e profesional

Dende hai anos o centro de recursos de Nantón desenvolve un programa específico de asesoramento e intervención integral para persoas con diversidade funcional, especialmente mulleres, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade e polo Fondo Social Europeo (FSE). Nesta liña, o ano pasado botou a andar o PIMR Rural co obxectivo de promover medidas específicas de loita contra a discriminación e desigualdade de oportunidades que sofre este colectivo, ademais de desenvolver actividades que faciliten o seu empoderamento e reforcen o seu papel no ámbito rural ata acadar unha situación de normalidade.

 

 

Cabana de Bergantiños, Laxe, Ponteceso e Malpica serán, a partires deste ano, os primeiros concellos da Costa da Morte en contar cunha ubicación propia do PIMD Rural, permitindo achegar e aproveitar os recursos técnicos da nosa asociación para poñelos ao servizo das persoas que residen nas diferentes localidades do noso entorno de intervención.

Grazas a este novo programa de cooperación tamén se poderán mellorar as actuacións previstas nos Plans de Igualdade Municipais con medidas específicas para a atención de mulleres con diversidade funcional.

Servizos

Os PIMD Rural ofrecerán completa información sobre os programas e recursos da Asociación Íntegro

As mulleres que se acheguen ata os puntos de intervención poderán atopar ampla información e asesoramento sobre recursos en materia de diversidade; atención psicolóxica e mediación familiar; accións encamiñadas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas así como competencias para a mellora do emprego e apoio na mediación laboral e profesional. Ademais, realizaranse actividades de prevención da violencia de xénero e asesoramento de ocio e participación social. Así mesmo, as usuarias deste novo servizo terán información continua e actualizada sobre todos os programas e accións específicas que se desenvolven en Íntegro.

En breve, poderás atopar na nosa web toda a info que precises sobre o PIMD Rural a través dunha nova sección que crearemos para manterte puntualmente informada. Mentres tanto, se te queres achegar ao novo punto de intervención só tes que poñerte en contacto con nós chamando ao 981 734 985 ou preguntando no departamento de servizos sociais do teu concello.