post

Preto de 50 mulleres en situación de vulnerabilidade foron atendidas no PMIDRural

  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo ( FSE) ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, prestou atención a 50 mulleres en 2021 
  • Ademais de accións formativas presenciais, ofrecéronse servizos de asesoramento, orientación laboral e acompañamento a colectivos de especial vulnerabilidade 

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural) vén de pechar o período 2020/2021 cun balance máis que positivo e un notable incremento de usuarias con respecto aos últimos anos. Dende o pasado 1 de outubro foron atendidas case 50 mulleres, a maioría delas con disCapacidade e residentes en concellos rurais con baixa densidade de poboación, neste servizo promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a tripla discriminación á que se ven sometidas moitas das beneficiarias deste programa.

Ao longo do presente exercicio, realizáronse numerosas actuacións encamiñadas á orientación e información sobre recursos singularizados, de atención e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social. De feito, un dos máis demandados nos últimos meses foi o acompañamento na realización de trámites básicos en oficinas como o SEPE, administracións públicas ou en entidades bancarias.

 

 

A orientación laboral e o seguimento na busca de emprego foi, xunto coa realización de actividades para a mellora da empregabilidade, unha das prestacións máis requiridas polas usuarias, que tamén precisaron do noso servizo de mediación familiar e/ou intercultural.

Programa formativo

Por outra banda, a posta en marcha de novas accións formativas contribuíu notablemente a promover a igualdade de oportunidades e diminuír a discriminación á que habitualmente están sometidas as mulleres con disCapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade. Neste último ano, levamos a cabo con gran éxito varios talleres sobre habilidades pre-laborais, habilidades sociais e domésticas, resolución de conflitos, auto-coidado, manexo do teléfono móbil e busca activa de emprego en época de pandemia, este último con excelentes resultados xa que logramos a inserción laboral de varias persoas usuarias en diferentes empresas da contorna.

Logo dun ano de sesións online, puidemos retomamos as clases presenciais, con grupos reducidos para garantir as medidas hixiénico-sanitarias e prestar unha atención personalizada e á medida das necesidades de cada participante.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.