
Vivimos nunha sociedade que sempre está a recalcar que todos/as somos diferentes. Pero este énfase máis que enriquecernos, impídenos vivir e convivir en harmonía e igualdade. Un mundo onde ser diferentes e ter unha diferencia funcional sitúate directamente nunha posición de menor valía e con necesidades diferentes.
Diversidade e pluralidade están na base dun mesmo triángulo en cuxo vértice só pode encontrarse a integración. O alimento para que este tríade se sosteña non só inclúe a tolerancia e o respecto senón, sobre todo, un compromiso esixente para cada unha das partes implicadas. Para elo, é preciso coñecer a realidade, dende a normalidade e o sentido común, rompendo estereotipos e ideas irracionais, achegando e traballando xuntos/as en materia de sensibilización e capacitación. Só así acadaremos unha comunidade inclusiva.
Neste senso, xurde Capacíta-T, un programa de sensibilización, educación e formación do noso centro. Consolídase como un dos programas centrais e engloba diferentes accións internas e externas para desenvolver liñas estratéxicas e alcanzar os obxectivos marcados. Consideramos oportuno que o programa de sensibilización, formación e educación de Íntegro se artelle baixo o nome de CAPACÍTA-T, posto que é un programa de Capacitación da poboación en xeral, que forma, sensibiliza e educa para lograr a plena normalidade e inclusión das persoas con diversidade.
As persoas con discapacidade e as súas familias son os grupos da sociedade máis marxinados e vulnerables. Os dereitos das Persoas con Discapacidade non foron protexidos nin respectados da mesma forma cos das persoas sen discapacidade.
As Persoas con Diversidade funcional contan cos mesmos dereitos que as Persoas sen Discapacidade pero estes dereitos deben ser promovidos e protexidos. En moitas ocasións, négase a posibilidade de que as Persoas con Discapacidade tomen as súas propias decisións e actúen en consecuencia, sendo outros/as os que terminan decidindo por elas/eles.
Na maioría das ocasións négaselles a posibilidade de exercer o seu dereito á educación, á saúde e á vida digna na comunidade. Toda a sociedade debe propiciar e Capacitarse para vivir en inclusión.
Dentro das diferentes accións deseñadas para dar sentido ao programa central destacan o deseño e celebración de xornadas, actividades e accións formativas.
A )XORNADAS DE SENSIBILIZACIÓN
Este tipo de xornadas pretenden responder ás carencias de coñecemento e capacitación da comunidade, ó cambio sobre as crenzas irracionais e ós estereotipos negativos en torno á diversidade, capacitándonos para convivir con normalidade e Igualdade, sen que as diferenzas por razóns de diversidade supoñan un trato desigual. Ao mesmo tempo, permite brindar información variada sobre aspectos esenciais da vida das persoas con diversidade e dar visibilidade ás diferentes accións e servizos do noso centro, onde os/as usuarios/as son protagonistas.
Ademais, consideramos imperante consolidar este tipo de programas no noso contorno rural (comarca de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra) para levar a cabo tamén labores preventivas de lesións por accidentes, educar e formar á poboación na inclusión real, impulsar a autonomía e a capacidade das persoas con diversidade e reivindicar os servizos e recursos nesta materia dentro do entorno rural. Cada unha das nosas xornadas ten unha temática distinta segundo as necesidades detectadas en cada ámbito de actuación: familia, sexualidade, formación, emprego, etc.
Destaca, neste senso, a nosa xornada anual de INCLUSIÓN que ten o pretexto de contribuír a mellorar a concepción das persoas con diversidade ata lograr a plena normalidade e a súa inclusión na sociedade. Trátase dunha xornada lúdica e festiva onde todas as entidades sociais da zona, ademais de pasalo ben e desfrutar do tempo de ocio, reivindicamos a nosa presenza na sociedade. Cada ano celebrámola nun lugar diferente e contamos cunha programación específica na que nunca falta a Marcha Diversa, o Xantar Inclusivo, a solta simbólica de globos e as actividades na rúa.
B) PROGRAMAS ESCOLARES
Somos coñecedores de que a educación é a base para acadar unha inclusión real. Por iso, estes programas están deseñados especialmente para que sexan os/as escolares os verdadeiros protagonistas na capacitación real dunha sociedade máis xusta. Ao mesmo tempo, poñémonos a disposición das entidades educativas achegando os nosos servizos e colaboracións.
C) DIVERSIESCOLA e CONCURSOS TEMÁTICOS
Trátase dun programa de sensibilización e formación para os máis peques do centro escolar. A través de diferentes contos e usando a técnica da narración oral e dramatización poderanse achegar á diversidade, coñecela e normalizala. Logo realizan diferentes actividades empregando elementos como o muralismo e os xogos emocionais. Por outra banda, tamén celebramos o noso concurso de debuxo “Ponte no meu lugar”, unha actividade que permite que os máis pequenos expresen libremente a súa idea de diversidade e de sociedade inclusiva.
D) VISÍTANOS
É programa de convivencia onde os/as escolares xunto cos/as nosos/as usuarios/as son os/as protagonistas dunha xornada chea de aprendizaxe e valores positivos. A actividade está dirixida a nenos/as do último ciclo de primaria coa finalidade de que poidan coñecer o noso centro, visitar as nosas instalacións e, por suposto, participar nas nosas actividades ocupacionais. Deste xeito, e tras unha xuntanza grupal falando e indagando sobre as súas ideas previas en torno á discapacidade, poden participar de forma activa e a modo de estacións lúdicas nas seguintes actividades: artes manuais para a confección dalgún produto, invernadoiro e o circuíto de mobilidade.
E) A TI TAMÉN CHE PODE PASAR
É programa de sensibilización e prevención de lesións medulares destinadoao alumnado da ESO e que ten como obxectivo principal concienciar aos mozos/as en materia de prevención, dotándoos dos coñecementos necesarios. Por outra banda, tamén poderán sensibilizarse a través dos circuítos de mobilidade en cadeiras de rodas aumentando así a súa empatía e sendo máis conscientes das dificultades coas se pode atopar unha persoa nesta situación.









