post

Chega a 4ª edición do FestIgual para reivindicar a diversidade e a inclusión

 A xornada terá lugar en Nantón  o sábado 26, a partir das 12.00 horas, e contará con música, animación infantil, artesanía, actuacións e actividades para todos os públicos baixo unha gran carpa

O Festigual 2026 xa ten programación. A cuarta edición desta celebración organizada por Íntegro terá lugar o vindeiro sábado 26 de setembro en Nantón (Cabana de Bergantiños), na zona do campo de fútbol, cunha xornada aberta á participación de toda a cidadanía e que volverá poñer no centro a diversidade, a inclusión e a igualdade.

Baixo o lema “Diversamente iguais”, o Festigual dará comezo ás 12.00 horas e ofrecerá ao longo da xornada unha programación dirixida a públicos de todas as idades, combinando música, animación infantil, artesanía e diferentes propostas culturais e de participación.

Entre as actividades previstas figuran a actuación de AC Inllar e do Dúo La Fábula e un concerto a cargo de Terapia de Grupo, ademais dos espazos dedicados á artesanía e á animación infantil, que completarán unha programación pensada para favorecer o encontro e a convivencia.

O Festigual pretende consolidarse así como un punto de encontro para celebrar a diversidade e reivindicar unha sociedade máis inclusiva, ofrecendo un espazo no que persoas con e sen discapacidade poidan compartir unha xornada de lecer, cultura e participación en igualdade de condicións.

 

Xantar popular

Desde a organización lémbrase tamén que ata o vindeiro día 18 permanecerá aberto o prazo para a retirada dos tickets do xantar popular, unha das propostas que cada ano contribúe a facer do Festigual unha xornada de convivencia e encontro. As persoas interesadas en participar no xantar deberán reservar praza chamando ao 981 734 985. Haberá menú adulto e infantil, e os menores de 3 anos non pagarán (pero haberá que comunicar previamente a súa asistencia).

Desde Íntegro animan a veciños e veciñas da comarca e a todas as persoas que queiran sumarse a reservar a data e participar nesta cuarta edición do Festigual. Unha cita para compartir, desfrutar e celebrar que, aínda sendo diferentes, somos diversamente iguais.

post

O PIMD RURAL pecha unha nova edición acompañando a 51 mulleres da Costa da Morte

O programa consolidouse un ano máis como un recurso de referencia para mulleres do medio rural, ofrecendo atención social, psicolóxica, mediación e orientación laboral para favorecer a súa autonomía e igualdade de oportunidades.

A asociación Íntegro vén de pechar unha nova edición do Programa de Información, Mediación e Desenvolvemento (PIMD) RURAL, desenvolvido entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026, cun balance de 51 mulleres beneficiarias da Costa da Morte. Delas, 42 son mulleres con discapacidade e 9 residen en concellos rurais cualificados como zonas pouco poboadas de baixa densidade (ZPP).

O programa que Íntegro desenvolve de maneira continuada desde 2015, ten como principal obxectivo achegar recursos, apoio e acompañamento ás mulleres do medio rural, especialmente ás que se atopan en situación de maior vulnerabilidade, contribuíndo a reducir as desigualdades derivadas da discapacidade, a dispersión xeográfica e as dificultades de acceso aos servizos.

Atención integral e próxima

Ao longo desta anualidade, o PIMDRural ofreceu un servizo integral de información e asesoramento sobre recursos sociais, sanitarios, económicos, formativos e laborais, ademais de apoio na realización de trámites relacionados coa discapacidade, a dependencia, prestacións e outras xestións administrativas.

A atención desenvolveuse tanto nas instalacións de Íntegro, en Nantón, como nos domicilios das participantes e noutros espazos comunitarios da comarca, facilitando tamén transporte (ou transporte adaptado) cando foi necesario para garantir a igualdade de acceso ao servizo.

O programa, subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, prestou tamén atención psicolóxica individual e grupal, acompañando ás participantes en procesos relacionados coa ansiedade, a sobrecarga dos coidados, os conflitos familiares, o duelo ou a xestión emocional. Ademais, desenvolvéronse talleres sobre autoestima, auto-coidado, comunicación, conciliación, competencias dixitais e xestión do estrés, entre outros, orientados a fortalecer as habilidades persoais e sociais das mulleres.

Outro dos eixos de actuación foi a mediación familiar e social, así como o acompañamento para mellorar a convivencia, a comunicación e a resolución de conflitos desde un enfoque interdisciplinar e personalizado.

Máis oportunidades no medio rural

A inserción laboral continuou sendo unha prioridade do programa. As participantes recibiron orientación na procura activa de emprego, apoio na preparación de candidaturas, formación en competencias dixitais e acompañamento a empresas traballando en coordinación cos servizos públicos de emprego.

Desde Íntegro destacan que a continuidade de moitas usuarias ao longo dos anos converteu o PIMD RURAL nun recurso de confianza na comarca, facilitando a detección temperá de necesidades e un acompañamento máis próximo e eficaz.

A asociación Íntegro salienta a importancia de manter programas como o PIMD RURAL para garantir que as mulleres da Costa da Morte, especialmente as que viven no medio rural e teñen discapacidade, poidan acceder aos recursos e exercer os seus dereitos en igualdade de oportunidades.

A entidade anima a todas as mulleres da comarca que precisen información, orientación ou apoio a achegarse ao programa, un servizo gratuíto, próximo e adaptado ás necesidades de cada participante.

post

Limpeza de praias na Costa da Morte e xornada de portas abertas con Diversiplás

  • As accións desenvolveranse durante o mes de setembro nas praias de Traba (Laxe), Ariño (Camariñas) e Balarés (Ponteceso)
  • A programación inclúe tamén unha xornada de portas abertas no obradoiro Diversiplás para coñecer de primeira man o proceso de transformación dos residuos plásticos

A asociación Íntegro, a través do proxecto Diversiplás, desenvolverá durante o mes de setembro unha nova campaña de sensibilización ambiental na Costa da Morte, incluída entre as accións previstas para a anualidade 2026. A iniciativa combinará tres xornadas de limpeza de praias cunha xornada de portas abertas no obradoiro Diversiplás, co obxectivo de achegar á cidadanía o problema dos residuos plásticos e mostrar as posibilidades que ofrece a súa recuperación e transformación.

As actuacións de limpeza comezarán o 2 de setembro na praia de Traba, en Laxe, continuarán o 9 de setembro na praia do Ariño, en Camariñas, e rematarán o 14 de setembro na praia de Balarés, en Ponteceso.

Durante estas xornadas, que se desenvolverán de 10 a 13 horas, as persoas participantes colaborarán na retirada de residuos dos areais, nunha acción que pretende ir máis alá da propia limpeza. O obxectivo é sensibilizar sobre o impacto que os residuos, especialmente os plásticos, teñen nos ecosistemas mariños e lembrar que aquilo que hoxe queda abandonado na contorna pode acabar mañá no mar. Para participar abonda con inscribirse ata o día anterior chamando ao 981 734 985 ou 650 961 649.

Do residuo ao recurso

A campaña terá continuidade o 4 de setembro, coa celebración dunha xornada de portas abertas no obradoiro Diversiplás. A iniciativa permitirá coñecer o traballo que se desenvolve neste espazo e descubrir que acontece cos residuos plásticos unha vez recuperados. Ademais, as persoas que se acheguen poderán coñecer de primeira man as renovadas instalacións que a entidade ten en Nantón e iniciarse na reciclaxe coas novas adquisicións de moldes, cos que poder elaborar xaboeiras, “bolillos”, peites para táboas de surf e moito máis.

A través deste proceso, Diversiplás traballa na transformación e valorización de residuos plásticos, promovendo a economía circular e demostrando que determinados materiais que xa non teñen uso poden converterse en novos recursos e produtos.

Con estas actuacións, que serán totalmente de balde, Íntegro busca implicar á cidadanía no coidado da contorna e poñer en valor o compromiso colectivo coa protección do litoral. Unha chamada á acción que se resume nunha idea: para coidar o mar, tamén hai que poñerse mans á obra.

As actividades forman parte das accións da anualidade 2026 do proxecto Diversiplás, promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Unión Europea, a Xunta de Galicia e o GALP Costa da Morte.

 

post

Asinado un convenio coa Fundación “la Caixa” para impulsar un novo espazo de estimulación multisensorial

A entidade e a oficina de CaixaBank en Baio asinan un convenio de 5.000 euros para desenvolver o proxecto “Do Residuo ao Benestar”

A asociación Íntegro e a Fundación “la Caixa”, a través da acción social da oficina de CaixaBank en Baio, dirixida por María Martínez, veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha o proxecto “Do Residuo ao Benestar”, unha iniciativa destinada a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e grandes necesidades de apoio do rural da Costa da Morte.

O acordo, dotado cunha achega de 5.000 euros, fará posible a creación dunha aula de estimulación multisensorial no Centro de Día de Íntegro, un recurso pensado para ofrecer terapias especializadas ás persoas usuarias con maiores necesidades de apoio. A través de diferentes estímulos sensoriais, este espazo contribuirá a favorecer o seu benestar emocional, a comunicación, a estimulación cognitiva e a relaxación, adaptando cada intervención ás capacidades e intereses de cada persoa.

O proxecto inclúe tamén unha segunda liña de actuación no Centro Ocupacional, onde as persoas usuarias participarán na elaboración de materiais destinados ás propias terapias mediante o uso das novas tecnoloxías. Deste xeito, foméntase a adquisición de competencias dixitais, a creatividade e a participación activa nun proceso que ten un impacto directo no seu propio benestar e no dos seus compañeiros e compañeiras.

Todas as actividades desenvolveranse desde unha metodoloxía centrada na persoa, con propostas individualizadas que garantan unha participación real e unha aprendizaxe significativa, respectando os ritmos, capacidades e preferencias de cada participante.

Desde Íntegro agradecen o apoio da Fundación “la Caixa”, que permitirá incorporar novos recursos terapéuticos e continuar avanzando na mellora da atención ás persoas con discapacidade intelectual do medio rural. A entidade destaca que colaboracións coma esta resultan fundamentais para impulsar proxectos innovadores que promovan a inclusión, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades.

Con este convenio, a Fundación “la Caixa”, a través da acción social de CaixaBank, reforza o seu compromiso co desenvolvemento de iniciativas sociais de proximidade que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade e a fortalecer o tecido asociativo do territorio.

post

Formación para impulsar o voluntariado inclusivo e a sustentabilidade entre a mocidade da Costa da Morte

A iniciativa, financiada a través de Iniciativa Xove, inclúe accións sobre diversidade funcional, igualdade, medio ambiente, economía circular e eco-deseño

A asociación Íntegro vén de poñer en marcha un amplo programa de formación dirixido á mocidade, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses co obxectivo de fomentar a participación social, o voluntariado inclusivo e a sensibilización ambiental. A iniciativa, impulsada ao abeiro do programa Iniciativa Xove da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, permitirá ás persoas participantes adquirir coñecementos e competencias relacionadas coa inclusión social, a igualdade de oportunidades e a protección do medio ambiente.

O programa arrincou este mes de xuño co Curso de voluntariado e diversidade funcional, unha acción destinada a ofrecer unha aproximación á realidade das persoas con discapacidade desde unha perspectiva baseada nos dereitos, a accesibilidade e a inclusión. As persoas participantes poderán coñecer os diferentes tipos de discapacidade, comprender a evolución dos modelos de atención e adquirir ferramentas para establecer relacións respectuosas, empáticas e inclusivas.

Tamén durante este mes celebrarase a Formación básica en Medio Ambiente, que abordará cuestións relacionadas coa contaminación, a correcta xestión dos residuos, a reciclaxe, o consumo responsable e a conservación dos recursos naturais. A finalidade é reforzar o compromiso ambiental da mocidade e promover hábitos sostibles que contribúan á protección da contorna.

Xa no mes de xullo desenvolverase a acción formativa Empoderamento e inclusión: a igualdade de oportunidades no voluntariado, centrada na análise das desigualdades de xénero e na realidade específica das mulleres con discapacidade. A formación permitirá reflexionar sobre os estereotipos e barreiras existentes, así como promover prácticas máis inclusivas e equitativas tanto no ámbito do voluntariado como na sociedade en xeral.

O calendario continuará en agosto con Voluntariado inclusivo: comunicación e trato adecuado, un curso orientado a mellorar as habilidades sociais e comunicativas das persoas voluntarias, favorecendo unha interacción baseada no respecto, a empatía e a eliminación de prexuízos asociados á discapacidade.

Economía circular e innovación social

Un dos aspectos máis innovadores do programa está relacionado coa sustentabilidade e a re-utilización de materiais. A través da formación Plásticos que cobran vida: do residuo á re-utilización, as persoas participantes aprenderán a identificar, clasificar e transformar distintos tipos de plástico mediante o uso de maquinaria específica como trituradoras, inxectoras e extrusoras.

Esta actividade enmárcase dentro de Diversiplás, un proxecto impulsado por Íntegro que combina inclusión social, innovación e economía circular mediante a transformación de residuos plásticos en novos produtos de utilidade.

Complementando esta iniciativa, durante o mes de setembro impartirase a formación Introdución ao eco-deseño con plástico reciclado, na que as persoas participantes se achegarán aos principios do eco-deseño e desenvolverán propostas creativas para a elaboración de produtos sostibles a partir de materiais reciclados.

Un voluntariado comprometido coa inclusión e o medio ambiente

Con este programa, Íntegro pretende fortalecer a participación da mocidade na vida comunitaria e crear unha rede de persoas voluntarias sensibilizadas coa diversidade, a igualdade de oportunidades e a protección ambiental. Neste senso, o presidente da entidade Adolfo López Baña asegurou que “debemos ofrecer á mocidade ferramentas para implicarse activamente na transformación social e ambiental da súa contorna, promovendo valores como a inclusión, a igualdade e a sustentabilidade”.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse e/ou solicitar máis información a través dos teléfonos 981 734 985-650 961 649 ou no mail formacion@integro.es.

post

Limpeza de praias en Fisterra e Camariñas para promover a inclusión e o coidado ambiental

 A asociación Íntegro, a  través do seu programa de valorización do plástico Diversiplás, organizará durante o mes de maio dúas xornadas de limpeza de praias na Costa da Morte baixo o lema “Limpa, colabora, inclúe!”, unha iniciativa que combina sensibilización ambiental, participación cidadá e inclusión social.

As actividades desenvolveranse o venres 22 na praia da Langosteira, en Fisterra, de 11:00 a 12:30 horas, e o mércores 27 na praia de Camelle, en Camariñas, de 10:00 a 12:00 horas.

O obxectivo destas accións é fomentar a conciencia ambiental e implicar á veciñanza na conservación dos espazos naturais do litoral galego, promovendo ao mesmo tempo valores de cooperación, convivencia e inclusión.

Desde a entidade facemos un chamamento á participación da cidadanía para contribuír activamente á protección do medio mariño e á redución dos residuos nas praias da Costa da Morte.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do teléfono 981 734 985 ou do whatsapp 650 961 649.

Esta iniciativa está impulsada por Diversiplás e conta co co-financiamento da Xunta de Galicia, da Unión Europea e do GALP Costa da Morte, no marco das accións de apoio ao desenvolvemento sostible e á dinamización social e ambiental do territorio.

post

Íntegro organiza unha visita á Ribeira Sacra con actividades enoturísticas, gastronómicas e culturais

 A asociación Íntegro organiza para o vindeiro 20 de xuño unha saída á Ribeira Sacra, unha proposta que combina natureza, cultura e lecer nunha das contornas máis emblemáticas de Galicia. A actividade está dirixida tanto a persoas socias como á cidadanía en xeral

A xornada incluirá unha visita guiada á bodega Regina Viarum, situada no corazón da Ribeira Sacra, con degustación de viños, así como un xantar no Mesón Casa Lelo, onde as persoas participantes poderán gozar da gastronomía local. Pola tarde, realizarase unha ruta en barco polos Canóns do Sil, que permitirá descubrir desde o río algunhas das paisaxes máis singulares da zona.

A saída terá lugar ás 8:30 horas desde as instalacións da entidade en Nantón (Cabana de Bergantiños), con regreso previsto arredor das 22:00 horas. O desprazamento realizarase en autobús.

O prezo da actividade será de 70 euros para persoas socias e 80 euros para non socias, incluíndo transporte, visitas e xantar. As inscricións permanecerán abertas ata o 20 de maio, con prazas limitadas e condicionadas a un número mínimo de participantes.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, a organización confirmará as prazas e indicará o procedemento para realizar o pagamento.

As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico info@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Desde Íntegro animan á participación nesta iniciativa, pensada para ofrecer unha experiencia de convivencia e lecer nun entorno natural de gran valor paisaxístico.

post

Íntegro e Máis Porvir reunirán a profesionais da contorna para abordar os dereitos das persoas con discapacidade

A xornada terá lugar en Nantón o 28 de abril coa finalidade de abrir un novo espazo de diálogo

A asemblea xeral de persoas socias e a 3ª andaina solidaria serán outras citas clave marcadas para o sábado 25

A asociación Íntegro e a empresa de xestión social Máis Porvir promoverán o vindeiro 28 de abril un espazo de diálogo arredor dos dereitos das persoas con discapacidade, nun encontro que reunirá a profesionais dos ámbitos educativo e social co obxectivo de analizar a súa aplicación na práctica diaria.

Baixo o título “Os dereitos das persoas con discapacidade”, a sesión nace coa vocación de xerar unha reflexión compartida e poñer o foco nos avances e retos existentes, tomando como marco a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

O encontro contará coa participación de Ramón Sestayo, presidente do CERMI Galicia, e de Adolfo López, presidente da asociación Íntegro, que achegarán unha visión experta e pegada á realidade do sector.

A actividade desenvolverase nas instalacións da entidade, en A Pedra, 30 (Nantón, Cabana de Bergantiños), en horario de 11:30 a 12:30 horas.

Desde a organización anímase ás persoas interesadas a participar e confirmar a súa asistencia ao longo desta semana a través do correo electrónico info@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649, co fin de garantir unha mellor organización do encontro.

Andaina solidaria e asemblea xeral

Antes desa xornada, Íntegro e Máis Porvir terán outra cita importante: a celebración da 3ª andaina solidaria “Por un millón de pasos”, que terá lugar o sábado 25, a partir das 16:00 horas. A actividade, que contará coa colaboración do Concello de Cabana, constará dun percorrido accesible de 4,5 quilómetros, con saída na Praza de Canduas e chegada na Praza do Pendón.

O prazo de inscrición xa está aberto, cun custo de 5 euros para persoas adultas e 3 euros para menores de 12 anos, incluíndo avituallamento. Ademais, ofrecerase a posibilidade de adquirir unha camiseta conmemorativa por 5 euros.

Desde a organización convídase á participación da veciñanza neste evento que combina deporte, inclusión e solidariedade, aberto a persoas de todas as idades. Para inscribirse, é necesario cubrir o formulario habilitado en https://shre.ink/AndainaSolidaria2026 ou contactar coa entidade a través do correo info@integro.es ou dos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Como antesala da xornada, ambas entidades celebrarán ese mesmo día, ás 11:30 horas, a súa Asemblea Xeral de persoas socias na sede da asociación. Durante a sesión, darase conta das actividades desenvolvidas e abordaranse as liñas de traballo futuro, fomentando a participación activa das persoas socias no desenvolvemento do proxecto.

Desde Íntegro anímase á asistencia a esta convocatoria, considerada clave para o fortalecemento da entidade e a mellora continua dos seus servizos e iniciativas. As persoas interesadas poden confirmar a súa presenza a través  dos teléfonos e o correo electrónico habilitados. Ao remate, ofrecerase un pequeno aperitivo para favorecer o encontro e a convivencia entre as persoas asistentes.

post

Convocada a asemblea xeral anual de persoas socias

A asociación Íntegro celebrará o vindeiro 25 de abril, ás 11:30 horas, a súa Asemblea Xeral de persoas socias na sede da entidade, situada no lugar da Pedra (Nantón).

Durante a sesión, as persoas socias poderán coñecer de primeira man a actividade desenvolvida pola entidade, así como contribuír ao seu desenvolvemento futuro mediante a súa participación activa.

Desde a organización anímase a todas as persoas socias a asistir e formar parte deste proceso, clave para o fortalecemento do proxecto común e para seguir avanzando na mellora dos servizos e iniciativas impulsadas pola asociación.

As persoas interesadas en asistir poden confirmar a súa presenza a través dos seguintes teléfonos: 981 734 985 / 650 961 649 ou enviando un mail a: info@integro.es. Ao remate da sesión, ofrecerase un pequeno aperitivo para favorecer o encontro, o intercambio e a convivencia entre as persoas asistentes.

post

Deporte, inclusión e solidariedade na 3ª andaina solidaria

O prazo de inscrición xa está aberto e terá un custo de 5€ para adultos e 3€ para menores de 12 anos

A asociación Íntegro e o centro especial de emprego Máis Porvir poñen en marcha, coa colaboración do Concello de Cabana, a terceira edición da andaina solidaria “Por un millón de pasos”, unha iniciativa que combina deporte, lecer e compromiso social, e que se celebrará o vindeiro 25 de abril, a partir das 16:00 horas.

Tras o éxito acadado nas anteriores edicións, o evento consolídase como unha cita destacada no calendario local, co obxectivo de fomentar hábitos saudables, promover a inclusión e apoiar o labor social da entidade a través dunha actividade aberta a toda a veciñanza.

A andaina contará cun percorrido accesible de 4,5 quilómetros e de baixa dificultade, que permitirá a participación de persoas de todas as idades e condicións físicas. A ruta partirá da Praza de Canduas, continuará pola Praia do Curro e rematará na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, ofrecendo a posibilidade de gozar dunha contorna natural privilexiada. Ademais, co obxectivo de fomentar a participación das familias e, especialmente, dos máis pequenos e pequenas, a organización ten previstas sorpresas e pequenos agasallos dirixidos ao público infantil, co propósito de facer da xornada unha experiencia aínda máis atractiva e divertida para todos os públicos. Deste xeito, Íntegro reforzará o carácter inclusivo e familiar da andaina, promovendo a implicación das novas xeracións en actividades saudables e solidarias.

Durante a xornada, as persoas participantes poderán desfrutar non só do paseo, senón tamén dun ambiente festivo e inclusivo, con propostas complementarias que contribuirán a facer da actividade unha experiencia completa para familias, amizades e grupos.

Inscricións abertas

O prazo de inscrición xa está aberto. O prezo será de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para nenos e nenas ata 12 anos, incluíndo avituallamento. Ademais, quen o desexe poderá adquirir a camiseta conmemorativa do evento por 5 euros.

Para formalizar a inscrición, as persoas interesadas deberán cubrir o seguinte formulario https://shre.ink/AndainaSolidaria2026 ou solicitar máis información a través dos teléfonos 981 734 985 ou 650 961 649, así como no correo electrónico info@integro.es.

Desde Íntegro anímase a toda a cidadanía a participar nesta terceira edición da andaina solidaria, unha oportunidade para practicar deporte ao aire libre, gozar da contorna natural da Costa da Morte e contribuír, ao mesmo tempo, a unha causa social que promove a inclusión e a igualdade de oportunidades.