post

Íntegro presenta á Xunta o seu proxecto de educación ambiental Sementes de futuro

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático anunciou que estudará as vías de colaboración para impulsar esta iniciativa de reforestación e sensibilización escolar

A asociación Íntegro mantivo recentemente unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para presentar o seu novo proxecto de educación ambiental “Sementes de futuro”. O encontro contou tamén coa presenza do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, e outros representantes da entidade.

Durante a reunión, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, explicou os obxectivos principais desta proposta, que nace cunha dobre vocación formativa e medioambiental. O proxecto pretende recuperar zonas degradadas mediante a reforestación con especies autóctonas galegas, ao tempo que busca concienciar á comunidade escolar e á poboación en xeral sobre a importancia da biodiversidade e dos bosques autóctonos.

Entrega dun obsequio elaborado no taller Diversiplás con plástico reciclado

A través de Sementes de futuro, Íntegro aposta por implicar a diferentes xeracións e colectivos sociais nun proceso participativo que combine educación ambiental, inclusión e acción comunitaria, favorecendo así a aprendizaxe compartida e o respecto polo medio natural.

Desde a entidade, valórase moi positivamente a boa acollida da proposta por parte da Consellería, que se comprometeu a analizar posibles vías de colaboración para facer realidade este proxecto, co obxectivo de que poida contar con apoio institucional e financiamento público. “Para Íntegro, é unha gran satisfacción comprobar que a Xunta comparte a nosa preocupación pola protección do medio ambiente e a educación en valores sostibles. Agardamos que esta colaboración poida materializarse nun proxecto conxunto que beneficie á mocidade, ás persoas con diversidade funcional e ao noso territorio”, sinalou Adolfo López Baña, presidente da entidade.

Con iniciativas como Sementes de futuro, Íntegro continúa ampliando o seu compromiso coa sustentabilidade, a inclusión e a mellora da calidade de vida na Costa da Morte, unindo esforzos entre administracións, comunidade educativa e sociedade civil para crear un futuro máis verde e solidario.

post

30 setembro: Día da accesibilidade universal

Manifesto

Hoxe celebramos o Día da Accesibilidade Universal, unha data que non é só símbolo, senón compromiso. Porque falar de accesibilidade é falar de dereitos, de dignidade e de igualdade real. É falar da sociedade que queremos ser: unha sociedade inclusiva, xusta e aberta, na que todas as persoas poidan participar e vivir en plenitude.

Desde Íntegro sabemos que a accesibilidade non é un luxo, nin unha concesión. É un dereito fundamental que constrúe pontes onde antes había barreiras. É a posibilidade de abrir portas, de garantir que ninguén quede atrás nin quede fóra.

Non se trata unicamente de rampas, de sinais ou de tecnoloxías. Trátase de actitudes, de vontade política, de empatía colectiva. Trátase de recoñecer que a diversidade é a nosa forza, e que só respectándoa e acolléndoa seremos unha sociedade máis humana.

Por iso, hoxe reclamamos espazos públicos e privados sen obstáculos, comunicación accesible para todas as persoas, educación inclusiva que abrace as diferenzas e unha economía e un emprego que dean oportunidades reais.

Soñamos cun país no que a palabra “accesibilidade” non faga falta, porque todo será naturalmente accesible. Ese é o horizonte que perseguimos, e cara a el avanzamos cada día.

Que este Día da Accesibilidade Universal sexa un recordatorio de que xuntas e xuntos podemos facer posible o imposible. Porque cando eliminamos barreiras, abrimos camiños. E cando abrimos camiños, avanzamos como pobo.

Accesibilidade é liberdade. Accesibilidade é igualdade. Accesibilidade é futuro.

Moitas grazas.

Adolfo López Baña. Presidente asoc. Íntegro

Consideracións xerais.-

A accesibilidade universal é o principio segundo o cal todas as contornas, produtos, bens e servizos deben poder ser utilizados e gozados por todas as persoas, independentemente da súa idade, xénero, condición ou grao de discapacidade. Noutras palabras: significa que calquera persoa debe poder acceder, comprender e participar en igualdade de condicións na vida social, cultural, educativa, laboral e comunitaria.

As súas características principais:

  1. Integral: aplícase a todos os ámbitos (arquitectura, transporte, comunicación, educación, lecer, tecnoloxía…).
  2. Universal: non está pensada só para persoas con discapacidade, senón para toda a sociedade.
  3. Deseño para todas as persoas: busca crear espazos e servizos desde o inicio pensando na diversidade de usuarios, evitando ter que facer adaptacións posteriores.
  4. Independencia e autonomía: permite que as persoas poidan moverse, informarse e decidir por si mesmas sen depender de apoios externos innecesarios.

A día de hoxe, en España, aínda que existe unha normativa clara sobre accesibilidade universal (Lei Xeral de Discapacidade, Código Técnico da Edificación, normativas autonómicas e municipais), nas contornas rurais o seu cumprimento adoita ser máis limitado e irregular que nas cidades.

Agarrámonos á Convención da ONU para falar sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (CDPD, 2006) —ratificada por España en 2008— que dedica varios artigos á accesibilidade universal, e é un piar fundamental de todo o tratado.

Recordemos que a convención está por riba de calquera lei ou tratado.

Puntos clave que di a Convención:

1.- Artigo 3: Principios xerais. A accesibilidade é un dos principios básicos da Convención. Vinculase coa igualdade de oportunidades e a participación plena das persoas con discapacidade na sociedade.

2.- Artigo 9: Accesibilidade. Os Estados parte deben adoptar medidas adecuadas para:                                                                                                                        – Garantir o acceso das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, á contorna física, ao transporte, á información e comunicacións, e a outros servizos e instalacións abertas ao público ou de uso público, tanto en zonas urbanas como rurais.                                                   – Eliminar obstáculos e barreiras á accesibilidade. Reclamar a accesibilidade non e ir contra ninguén se non ir a favor de todas as persoas.

Desenvolver normas mínimas e directrices sobre accesibilidade.

1.- Asegurar que os edificios, estradas, transporte, escolas, vivendas, instalacións médicas e lugares de traballo sexan accesibles.

2.- Promover a accesibilidade en servizos de información, comunicación e medios electrónicos.

3.- Ofrecer formación a todas as persoas implicadas (arquitectos, urbanistas, persoal de transporte etc.)/ etc.).

4.- Artigo 19 (Vida independente e en comunidade) e Artigo 20 (mobilidade persoal).

5.- Todo isto reforza que a accesibilidade é esencial para que as persoas con discapacidade poidan elixir onde e con quen vivir, e para desprazarse con autonomía.

6.- Artigo 30 (Participación na vida cultural, recreativa e deportiva).

7.- Esixe que os lugares culturais, recreativos e deportivos sexan accesibles para garantir o goce en igualdade de condicións.

33 anos despois en Integro seguimos reclamando que se cumpra coa accesibilidade universal. Avanzamos! E debemos seguir avanzando.

post

Íntegro inicia unha campaña de limpeza de praias na Costa da Morte da man de Diversiplás

  • A primeira terá lugar este sábado 13, ás 13.30 horas, na praia cabanesa do Pendón. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao 981 734 985
  • Trátase dun proxecto da asociación Íntegro que conta co apoio do Galp Costa da Morte, a Consellería do Mar e a FEMPA (UE)

A asociación Íntegro, a través do proxecto Diversiplás, pon en marcha unha nova campaña de sensibilización ambiental centrada na limpeza de praias e espazos naturais pola Costa da Morte. Do 13 de setembro ao 2 de outubro, realizaranse diversas actuacións en diferentes areais e zonas verdes do noso litoral co obxectivo de reducir o impacto dos plásticos mariños, darlles unha segunda vida e, ao mesmo tempo, concienciar sobre o coidado do medio ambiente.

Ademais de retirar residuos, as limpezas buscan concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o mar e o litoral, lembrando que unha parte importante dos plásticos que chegan ao océano proceden da actividade pesqueira e marisqueira. Desde Diversiplás, estes materiais recóllense, transfórmanse e convértense en novos produtos, reducindo a contaminación e xerando novas oportunidades para persoas con diversidade funcional.

Esta nova acción está dirixida a todas as persoas preocupadas polo coidado da nosa contorna.  Para participar, abonda con inscribirse chamando ao 981 734 985 ou ao 650 961 649.

Calendario de limpezas

  • Sábado 13 de setembro, 13:30 h – Praia do Pendón (Cabana de Bergantiños)
  • Mércores 17 de setembro, 11:00 h – Praia de Muxía
  • Martes 23 de setembro, 10:30 h – Praia por confirmar no Concello de Carballo. Acción desenvolvida en colaboración coa Cruz Vermella Carballo
  • Xoves 2 de outubro, 11:00 h – Praia e zonas verdes de Ariño (Camariñas)

Esta iniciativa conta co apoio do GALP Costa da Morte, da Consellería do Mar e do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura da Unión Europea), entidades que fan posible levar a cabo este proxecto de economía circular e sensibilización ambiental.

 

 

post

Diversiplás avanza no camiño da inclusión e a sostibilidade da Costa da Morte

O proxecto de tratamento e valorización de residuos mariños de Íntegro vén de recibir unha subvención de 34.681,62 € procedente da Unión Europea, a Xunta de galicia e o Galp Costa da Morte

A asociación Íntegro vén de obter unha subvención de 34.681,62 euros para a ampliación de Diversiplás, un proxecto pioneiro na Costa da Morte que promove a integración socio-laboral de persoas con diversidade funcional a través da valorización de residuos plásticos procedentes do mar e do sector pesqueiro. A achega, financiada nun 70% pola Unión Europea e nun 30% pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar e o Galp Costa da Morte, permitirá mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras e ampliar o catálogo de produtos elaborados con plástico reciclado.

A iniciativa contempla a dotación de equipamento adaptado, novo almacenaxe e unha bomba de calor para o obradoiro de plásticos, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e o confort das persoas usuarias. Tamén se incrementará a produción de artigos reciclados coa creación de bolillos para as palilleiras ou peites de parafina para deportes acuáticos como o surf, contribuíndo así ao fomento da economía circular e a redución de residuos mariños.

Entre os principais obxectivos destacan a inclusión social, sensibilizar ao sector pesqueiro sobre a problemática da contaminación mariña, fomentar a colaboración cos concellos da Costa da Morte e reforzar as redes de traballo entre axentes sociais, pesqueiros e turísticos.

Con esta ampliación, Íntegro dá un paso máis na consolidación de Diversiplás como un proxecto referente en economía circular, inclusión e sostibilidade na Costa da Morte.

post

Íntegro mellora as instalacións do Centro de Día a través do programa FOIE 2025 da Deputación da Coruña

O proxecto contou cun orzamento total de 69.937,08 euros, dos cales 26.145 € foron subvencionados pola administración provincial

A asociación Íntegro vén de completar unha serie de actuacións de mellora e adaptación das súas instalacións en Nantón (Cabana de Bergantiños), no marco do proxecto “Redistribución de espazos e equipamento para Centro de Día”. Estas intervencións foron posibles grazas ao co-financiamento da Deputación Provincial da Coruña a través do Programa FOIE 2025, destinado a subvencións para entidades sen ánimo de lucro que desenvolven investimentos en servizos sociais.

O proxecto contou cun orzamento total de 69.937,08 euros, dos cales 26.145€ euros foron subvencionados pola Deputación.

Entre as melloras realizadas destacan a reubicación e ampliación da aula de centro de día e do comedor, que agora conta con maior luminosidade natural, ventilación e accesibilidade, así como a creación dun novo espazo destinado a ximnasio terapéutico.

Ademais, acometéronse outras actuacións como a substitución de portas exteriores, a instalación de novo mobiliario adaptado e a adquisición de maquinaria e material específico para a actividade física e rehabilitación.

Con este proxecto, a asociación dá un novo paso na súa misión de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da Costa da Morte, adaptando espazos ás necesidades actuais das persoas usuarias e reforzando os servizos que presta no seu centro de día ocupacional.

Desde Íntegro queremos agradecer á Deputación da Coruña o seu apoio constante e decidido ao tecido asociativo e ás entidades sociais que traballan a prol da inclusión, a igualdade e o benestar das persoas con diversidade funcional no rural galego.

post

Máis Porvir Xestión Social asina co Concello de Ponteceso un contrato reservado para a prestación do servizo de limpeza viaria

O contrato, de dous anos prorrogable por outros dous, está reservado a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, en cumprimento da Lei de Contratos do Sector Público

A empresa de iniciativa social Máis Porvir Xestión Social, S.L.U., vén de asinar un contrato co Concello de Ponteceso para a execución do servizo de limpeza viaria municipal, en virtude dun procedemento reservado a Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social (CEEIS) e Empresas de Inserción Laboral, segundo o establecido pola Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público.

Este contrato, cunha duración inicial de dous anos e posibilidade de prórroga por outros dous, supón un novo paso cara á consolidación dun modelo de contratación pública socialmente responsable, que favorece a creación de emprego digno, local e inclusivo.

O acordo foi asinado entre o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato Martínez, e o representante de Máis Porvir, Ramón Pombo Castro, como administrador do CEE con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños), especializado na inserción laboral de persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social. Desde Máis Porvir valoramos especialmente que este contrato sexa reservado a entidades que traballan pola inclusión laboral, como marca a lei, poñendo en valor a economía social como ferramenta para unha sociedade máis xusta e harmoniosa.

“Queremos felicitar ao Concello de Ponteceso por cumprir e facer cumprir a lexislación en materia de contratación pública, apostando pola inclusión laboral real e efectiva, así como ao resto de municipios e entidades que tamén están a cumprir a lei de contratos reservados e/ou realizan os seus servizos a través dos centros especiais de emprego, sinalou o equipo directivo de Máis Porvir. Así mesmo, animamos a outras administracións locais a seguir este modelo de contratación reservada, que permite ofrecer servizos profesionais de calidade ao tempo que se crean oportunidades de emprego para quen máis o necesita.

Máis Porvir é un centro especial de emprego de iniciativa social (CEE), promovido pola asociación Íntegro, que desenvolve servizos de limpeza, mantemento, coidados e atención socio-comunitaria, integrando a persoas con diversidade funcional a través de itinerarios personalizados de inserción.

post

Íntegro recibe a visita da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo

A asociación Íntegro recibiu esta semana nas súas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños) a visita da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde do municipio, José Muíño, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce. A visita enmárcase dentro das accións de seguimento e apoio aos proxectos sociais que desenvolven entidades da comarca da Costa da Morte.

Durante o encontro, os representantes institucionais puideron coñecer de primeira man o labor que desde 1992 desenvolve Íntegro a prol da inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional. A entidade conta cun centro de día ocupacional e cun centro especial de emprego, desde os que promove programas de capacitación, formación, inserción laboral e mellora da calidade de vida para as persoas usuarias.

A delegada da Xunta puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade, destacando a súa “traxectoria exemplar e pioneira en programas que promoven a inclusión, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades”. Así mesmo, anunciou que a Xunta manterá o seu compromiso de apoio a través de diferentes vías de financiamento, cun investimento global próximo aos 500.000 euros no ano 2025.

Entre as liñas de colaboración previstas figuran axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a contratación de persoas mozas e o mantemento de postos de traballo nos centros especiais de emprego. Ademais, Íntegro é beneficiaria do programa Iniciativa Xove da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como de varias subvencións para actividades de voluntariado e programas interxeracionais en contornas rurais, como o proxecto Talento Interxeracional, financiado pola Unión Europea.

No ámbito dos servizos sociais, a Consellería de Política Social e Igualdade colabora mediante o financiamento de 30 prazas concertadas no centro de día e centro ocupacional a través do IRPF autonómico, cunha achega superior aos 400.000 euros. A isto súmase a labor do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional, un servizo especializado de atención no rural a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, agradeceu a colaboración e o compromiso mantido e continuado da administración pública a través da posta en marcha de proxectos innovadores, que permiten ampliar servizos e, sobre todo, ofrecer oportunidades reais ás persoas que máis o necesitan.

A visita institucional rematou cun percorrido polas instalacións e un encontro co equipo técnico da entidade, no que se compartiron experiencias e proxectos de futuro. Desde Íntegro valoramos moi positivamente este encontro, que reafirma o apoio das administracións ao noso traballo e dá visibilidade ao esforzo colectivo para a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.

 

post

Íntegro celebrou o Día das Familias poñendo en valor o papel esencial do fogar no camiño cara a inclusión

O pasado sábado 19, a asociación Íntegro celebrou unha nova edición do tradicional Día das Familias, unha xornada marcada pola emoción, o recoñecemento e o sentimento de pertenza. O encontro reuniu a persoas usuarias, familiares, persoal da entidade e representantes da comunidade, consolidándose como un espazo de encontro, reflexión e celebración.

Desde primeira hora da mañá, o ambiente foi festivo e acolledor. Música, animación, propostas gastronómicas, baile, risas e moitos premios protagonizaron unha xornada que quedará na memoria de todos os e as presentes. Pero o máis importante foi a compañía: familiares, amigos/as, veciños/as, socios/as, directivos/as e usuarios/as acudiron á cita para compartir, un ano máis, este momento especial de encontro, que nesta ocasión xirou arredor dunha temática moi singular: o oeste!

Durante o acto de inauguración, o presidente da entidade Adolfo López Baña quixo render, en nome de toda a Xunta Directiva, unha sentida homenaxe ás familias, destacando o seu papel insubstituíble no acompañamento das persoas con diversidade funcional: “A familia é o primeiro abrazo, o primeiro apoio, a primeira mirada que di: ‘Ti podes’”, afirmou, nun discurso cheo de humanidade e compromiso. Ao longo da intervención tamén puxo en valor o esforzo diario de nais, pais, irmáns e avós, que, como dixo, “convértense en terapeutas, en mestres, en defensores… sen deixar de ser simplemente familia”. Tamén destacou a importancia de que estas non camiñen soas: “Necesitan apoio, redes, descanso e sentirse escoitadas pola sociedade”.

As charlas informativas da mañá, nas que se deu conta das actividades e os diferentes programas que se están a desenvolver en Nantón, deron paso a un xantar popular co que chegou o entretemento e a diversión. A sesión de tarde foi do máis distendida e divertida: baile, música, conversas e moitos premios, entregados durante o sorteo levado a cabo grazas   doazóns realizadas por empresas e comercios da contorna. Ademais, os membros da directiva quixeron homenaxear a dúas persoas moi especiais para a entidade: Ricardo Martínez, de 92 anos, socio sénior da asociación e Mª Luisa Fernández, autora de “La mirada de Ángel” e antiga colaboradora e amiga de Íntegro. A ambos, fíxoselles entrega duns agasallos como mostra de agradecemento polo seu compromiso e dedicación.

A xornada serviu tamén para reforzar o sentimento de comunidade que define á asociación. “Ser parte de Íntegro é sentir que pertencemos a un proxecto colectivo e comprometido coa igualdade”, asegurou o presidente, quen fixo un chamamento a seguir construíndo unha sociedade máis inclusiva, especialmente no ámbito rural.

Nun ambiente distendido e cheo de emocións compartidas, as familias foron as auténticas protagonistas dun día que rematou cun agradecemento colectivo e unha mensaxe de esperanza: “O que sementemos hoxe, florecerá mañá”.

post

Excelente acollida do obradoiro de busca de emprego do PIMD Rural

A entidade xa está a preparar unha nova edición en xullo debido ao éxito de participación

O programa PIMD Rural, que desenvolve a asociación Íntegro coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, vén de pechar con éxito un taller de busca activa de emprego por internet, no que participaron varias mulleres do rural con ganas de mellorar as súas oportunidades laborais.

A formación, centrada no uso de ferramentas dixitais para atopar emprego –como o manexo de plataformas online, a elaboración de currículos ou o envío de candidaturas– tivo moi boa acollida entre as participantes, ata o punto de que xa está prevista unha segunda edición para o mes de xullo. “Fixemos grupos pequenos para adaptarnos ben ás necesidades de cada muller, e mesmo así houbo lista de agarda”, explican desde Íntegro.

O PIMD Rural vai dirixido a mulleres en situación ou risco de exclusión social, especialmente aquelas con dificultades para acceder ao mercado laboral. A través de orientación personalizada e accións formativas como este taller, o programa busca mellorar a empregabilidade e promover a inserción sociolaboral no medio rural.

Aquelas mulleres interesadas en participar na próxima edición do obradoiro ou recibir información sobre o programa poden poñerse en contacto coa asociación mediante o mail info@integro.es ou no teléfono 981 734 985.

post

Íntegro impulsa o novo programa xuvenil Reacciona para fomentar a reciclaxe e a inclusión social a través de actividades sostibles

Trátase dunha iniciativa subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O pasado xoves, a sede da asociación Íntegro (Nantón-Cabana de Bergantiños) acolleu  a presentación do proxecto BOOR, unha iniciativa artística que busca combinar arte e sostibilidade. Durante o obradoiro, impartido pola responsable da empresa, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto esta innovadora proposta encamiñada á creación de pezas únicas a partir de materiais recollidos nas praias, como boias e flotadores abandonados, fomentando así a reciclaxe e a conciencia ambiental. Así mesmo, os integrantes do noso grupo xuvenil realizaron un pequeno taller empregando a técnica de debuxo que emprega para as súas creacións artísticas.

Esta acción forma parte do programa de actividades xuvenís Reacciona, posto en marcha o pasado mes de maio. Trátase dunha iniciativa promovida coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que ten como obxectivo principal concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos para o coidado do medio ambiente, promovendo ao mesmo tempo a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

Reacciona nace como resposta á necesidade de integrar á mocidade nun modelo de desenvolvemento sostible, apostando pola educación ambiental e a colaboración entre entidades sociais e ambientais. As actividades, que se desenvolverán entre xullo e setembro, inclúen visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais do sector da reciclaxe e da economía circular.

Aprendizaxe, visitas e acción social

Entre os obxectivos específicos do programa destacan:

  • Identificar e clasificar os distintos tipos de plásticos e as súas aplicacións.
  • Coñecer os procesos de fabricación e o impacto ambiental dos produtos plásticos.
  • Fomentar a reflexión crítica e a responsabilidade individual no uso, redución e reutilización destes materiais.
  • Promover o traballo colaborativo entre organizacións sociais e ambientais.

O calendario inclúe ademais estes outros espazos e proxectos de referencia:

  • SOGAMA (11/07): coñecemento de primeira man da xestión integral de residuos en Galicia.
  • Aula do Freixo (24/07): Centro de transformación de residuos mariños
  • Exposición no Aquarium da Coruña (07/07): aproximación á contaminación mariña por plásticos.
  • Aspaneps- Proxecto Ártabro Inclusivo (setembro): sensibilización ambiental e dinamización da rede de colaboradores con limpezas costeiras e actividades divulgativas.
  • Netcycle (09/09): proxecto de Ecoplas baseado na reutilización do desperdicio plástico para darlle unha segunda vida útil.
  • Antonia Studio (pendente confirmar cita): deseño sostible e economía circular.

Tamén se impartirá a charla divulgativa “SOS Planeta Terra” o 28 de xullo e un obradoiro formativo Diversiplás, centrado na transformación de plásticos reciclados en novos obxectos.

Con este programa, Íntegro reafirma o seu compromiso coa xuventude, o medio ambiente e a igualdade de oportunidades, favorecendo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.

As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición a través do teléfono 981 734 985
ou do mail: info@integro.es.