post

Íntegro e Máis Porvir organizan en Corme o Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas

O deporte inclusivo volve ser protagonista na Costa da Morte coa celebración do Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas, unha cita deportiva que se celebrará o sábado 25 no pavillón polideportivo de Corme (Rúa do Cubeiro, Corme – Ponteceso).

O evento, organizado pola asociación Íntegro e a entidade Máis Porvir Xestión Social S.L., contará coa participación dos equipos ICB Coruña e Inclusport, que se enfrontarán en dúas apaixonantes sesións. A primeira, ás 18.00 horas, será para disputar o partido oficial da copa e, unha hora despois (ás 19.00h) terá lugar un encontro amigable.

A cita, promovida pola Federación Galega de Balonmán, A Federación Española de Balonmán e o Concello de Ponteceso, conta coa colaboración de Deporte Galego, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e varias empresas da contorna. Con eventos deste tipo, preténdese fomentar e dar visibilidade á práctica deportiva inclusiva, promovendo valores como a igualdade, o esforzo e o traballo en equipo.

A entrada é totalmente gratuíta, polo que se convida a toda a veciñanza a achegarse para apoiar aos deportistas e gozar dun espectáculo cheo de emoción, compañeirismo e superación.

post

Íntegro mellora as instalacións do Centro de Día a través do programa FOIE 2025 da Deputación da Coruña

O proxecto contou cun orzamento total de 69.937,08 euros, dos cales 26.145 € foron subvencionados pola administración provincial

A asociación Íntegro vén de completar unha serie de actuacións de mellora e adaptación das súas instalacións en Nantón (Cabana de Bergantiños), no marco do proxecto “Redistribución de espazos e equipamento para Centro de Día”. Estas intervencións foron posibles grazas ao co-financiamento da Deputación Provincial da Coruña a través do Programa FOIE 2025, destinado a subvencións para entidades sen ánimo de lucro que desenvolven investimentos en servizos sociais.

O proxecto contou cun orzamento total de 69.937,08 euros, dos cales 26.145€ euros foron subvencionados pola Deputación.

Entre as melloras realizadas destacan a reubicación e ampliación da aula de centro de día e do comedor, que agora conta con maior luminosidade natural, ventilación e accesibilidade, así como a creación dun novo espazo destinado a ximnasio terapéutico.

Ademais, acometéronse outras actuacións como a substitución de portas exteriores, a instalación de novo mobiliario adaptado e a adquisición de maquinaria e material específico para a actividade física e rehabilitación.

Con este proxecto, a asociación dá un novo paso na súa misión de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da Costa da Morte, adaptando espazos ás necesidades actuais das persoas usuarias e reforzando os servizos que presta no seu centro de día ocupacional.

Desde Íntegro queremos agradecer á Deputación da Coruña o seu apoio constante e decidido ao tecido asociativo e ás entidades sociais que traballan a prol da inclusión, a igualdade e o benestar das persoas con diversidade funcional no rural galego.

post

A Deputación da Coruña apoia o mantemento do centro ocupacional a través do programa FOAXE-C 2025

A entidade provincial vén de aprobar unha axuda económica de 23.975€ para o mantemento do noso centro de Nantón

A asociación Íntegro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de resultar beneficiaria dunha subvención de 23.975 euros concedida pola Deputación da Coruña no marco do programa FOAXE-C, un programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de centros de servizos sociais no ano 2025.

Esta achega económica permitirá apoiar o funcionamento do noso centro ocupacional, un recurso fundamental para promover a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. O centro constitúe un espazo de apoio, aprendizaxe e participación onde as persoas usuarias poden desenvolver as súas capacidades persoais e sociais, así como prepararse para unha posible incorporación ao mercado laboral.

Grazas a esta aportación, daremos continuidade ao amplo programa de actuacións dirixidas a mellorar a autonomía persoal, a formación e a participación social das persoas usuarias. Entre os servizos ofrecidos destacan a información e asesoramento en recursos, a manutención con menús adaptados ás necesidades de cada persoa e o servizo de transporte adaptado, que conta con seis vehículos para facilitar o desprazamento das persoas usuarias desde os seus fogares ata o centro.

Ademais, o programa inclúe diferentes áreas de intervención terapéutica e formativa, como atención psicolóxica, logopedia, rehabilitación e mantemento físico, así como talleres de habilidades sociais e de axuste persoal e social, que contribúen a mellorar a autonomía e a integración na comunidade. Así mesmo, tamén se levan a cabo talleres de auto-coidado e hábitos de vida saudables, tarefas do fogar (actividades instrumentais da vida diaria), talleres de aprendizaxe e estimulación cognitiva, así como actividades ocupacionais e pre-laborais, elaborando diferentes produtos adaptados ás súas capacidades, como xabóns, velas, bixutería, artigos elaborados con plástico reciclado ou detalles personalizados.

O programa complétase con actividades deportivas, culturais e de lecer, así como con iniciativas de vida comunitaria e participación social, que favorecen a interacción co contorno e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

Desde Íntegro destacan que este apoio institucional resulta fundamental para garantir a continuidade dun servizo esencial no medio rural, que contribúe a mellorar a autonomía, o desenvolvemento persoal e a inclusión social das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

Esta actuación está financiada pola Deputación da Coruña a través do programa FOAXE-C 2025 de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de centros de servizos sociais.

post

A deputada de Política Social Mar García visita as instalacións de Íntegro

Ademais de comprobar a boa marcha dos programas de formación ocupacional e promoción da vida autónoma que financia a entidade provincial, comprometuese a seguir colaborando en novas liñas de axuda

Esta semana, a deputada de Política Social Mar García Vidal desprazouse ata a sede da nosa entidade en Nantón (Cabana de Bergantiños) para comprobar de primeira man a boa marcha dos programas de formación ocupacional e promoción da vida autónoma que financia a entidade provincial.

Xunto ao presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a directora do centro, Noelia Barrera; a xerente do centro especial de emprego Máis Porvir, Sandra Caamaño; o tesoureiro, Silvestre Couto, e varios representantes da xunta directiva, a deputada visitou cada unha das dependencias e interesouse polos distintos servizos e actividades que se desenvolven no centro, como os programas de formación ocupacional, o servizo de rehabilitación física, fisioterapia e psicoloxía e as diferentes accións para o fomento da autonomía persoal e de ocio e tempo libre, que subvenciona a área de Política Social. Ademais, de conversar animadamente coas persoas usuarias, tamén estivo falando cos mozos e mozas do programa de voluntariado que estes días nos visita, como xa é costume durante a temporada estival.

Durante a súa estancia en Nantón, Mar García destacou “o excelente labor que desde hai máis de tres décadas desenvolve esta entidade en favor da inclusión e a autonomía das persoas con discapacidade, un gran traballo que o ano pasado foi merecedor dun dos premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais que outorga a Deputación”, lembrou.

Pola súa banda, López Baña aproveitou a súa presenza para agradecer o compromiso e apoio permanente da Deputación da Coruña, tanto no financiamento de actividades do centro ocupacional como na optimización dos servizos e transporte adaptado, ao tempo que solicitou unha vez máis a súa colaboración para seguir acometendo obras de reforma interior e mellora das instalacións que redunde nunha maior calidade de vida e benestar dos nosos usuarios/as. Neste senso, a deputada provincial comprometeuse a estudar e analizar todas as propostas.

post

Íntegro pecha o 2023 cun balance moi positivo na promoción da autonomía, a mobilidade e o ocio das persoas usuarias

Boa parte das accións levadas a cabo foron co-financiadas pola Deputación da Coruña a través do programa FOAXE-C, destinado ao mantemento de centros de servizos sociais, cunha achega de 20.385€ (0,2538)

En Íntegro pechamos o ano cun balance máis que positivo! 30 persoas usuarias do noso Centro de Recursos formaron parte das diferentes actividades programadas neste 2023. A esta cifra podemos sumar as 44 atendidas no servizo de INFOASE e as preto de 70 do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural).

Un ano máis, desde o Centro de Día de Íntegro prestamos atención integral a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte coa finalidade de proporcionarlles os coidados e apoio necesarios para unha maior autonomía persoal e social, e tamén ás súas familias. Ao igual que en anos anteriores, desenvolvéronse numerosos programas centrados en diferentes áreas de traballo como a autonomía persoal, a mobilidade e o ocio. Entre as prestacións máis demandadas figuran o servizo de información e asesoramento en recursos para as zonas rurais; talleres de auto-coidado (aseo, vestir, hixiene persoal, hábitos de vida); tarefas do fogar (cociña, pasar o ferro, lavado de roupa.. (actividades instrumentais da vida diaria); actividades de mantemento e rehabilitación cognitiva (memoria, orientación a realidade, escola de adultos, informática); taller de habilidades sociais; actividades de vida comunitaria e social; ocupacionais e pre-laborais (elaboración de xabóns, colaxes, xardín terapéutico…); actividades de mantemento e rehabilitación física (mantemento físico, hixiene postural, fisioterapia, psicomotricidade,…) e de ocio e tempo de lecer (saídas culturais, eventos deportivos, paseos pola natureza,…). Ademais, este ano levamos a cabo a II edición dos Xogos do Mundo na que participaron entidades procedentes de toda a provincia e máis de 250 participantes.

Para o desenvolvemento destas actividades contamos, entre outras axudas, co financiamento da Deputación Provincial da Coruña, que realizou unha achega de 20.385 € (0,2538) con cargo ao programa FOAXE-C, que regula a convocatoria de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento dos centros de servizos sociais.