post

A deputada de Política Social Mar García visita as instalacións de Íntegro

Ademais de comprobar a boa marcha dos programas de formación ocupacional e promoción da vida autónoma que financia a entidade provincial, comprometuese a seguir colaborando en novas liñas de axuda

Esta semana, a deputada de Política Social Mar García Vidal desprazouse ata a sede da nosa entidade en Nantón (Cabana de Bergantiños) para comprobar de primeira man a boa marcha dos programas de formación ocupacional e promoción da vida autónoma que financia a entidade provincial.

Xunto ao presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a directora do centro, Noelia Barrera; a xerente do centro especial de emprego Máis Porvir, Sandra Caamaño; o tesoureiro, Silvestre Couto, e varios representantes da xunta directiva, a deputada visitou cada unha das dependencias e interesouse polos distintos servizos e actividades que se desenvolven no centro, como os programas de formación ocupacional, o servizo de rehabilitación física, fisioterapia e psicoloxía e as diferentes accións para o fomento da autonomía persoal e de ocio e tempo libre, que subvenciona a área de Política Social. Ademais, de conversar animadamente coas persoas usuarias, tamén estivo falando cos mozos e mozas do programa de voluntariado que estes días nos visita, como xa é costume durante a temporada estival.

Durante a súa estancia en Nantón, Mar García destacou “o excelente labor que desde hai máis de tres décadas desenvolve esta entidade en favor da inclusión e a autonomía das persoas con discapacidade, un gran traballo que o ano pasado foi merecedor dun dos premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais que outorga a Deputación”, lembrou.

Pola súa banda, López Baña aproveitou a súa presenza para agradecer o compromiso e apoio permanente da Deputación da Coruña, tanto no financiamento de actividades do centro ocupacional como na optimización dos servizos e transporte adaptado, ao tempo que solicitou unha vez máis a súa colaboración para seguir acometendo obras de reforma interior e mellora das instalacións que redunde nunha maior calidade de vida e benestar dos nosos usuarios/as. Neste senso, a deputada provincial comprometeuse a estudar e analizar todas as propostas.