post

A subdelegada do Goberno visita Íntegro e Máis Porvir para coñecer as aplicacións do Kit Dixital

María Rivas tamén aproveitou a súa estancia para realizar un percorrido polas instalación, conversar coas persoas usuarias e coñecer o taller de Diversiplás

A subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, visitou no día de onte as instalacións da asociación Íntegro e de Máis Porvir Xestión Social para coñecer de primeira man as aplicacións do Kit Dixital, do que ambas entidades son beneficiarias grazas ao Plan de Recuperación posto en marcha polo Goberno para promover a dixitalización de pequenas empresas, micro-empresas e autónomos.

No caso de Íntegro, o bono-desenvolvido por donClic- foi destinado a oficina virtual, conectividade segura e ciberseguridade, mentres que no centro especial de emprego Máis Porvir- dixitalización xestionada por A Meiga- empregouse para a adquisición e posta en marcha dun programa de xestión interna, remodelación da páxina web e a implantación dunha tenda online, a través da que se poden adquirir produtos elaborados polos usuarios do centro como caixas de madeira, xardineiras e papeleiras de plástico reciclado.

A subdelegada do Goberno aproveitou a súa estancia en Nantón para realizar un percorrido polas instalacións do Centro de Día e do Centro Ocupacional e conversar cos usuarios e usuarias para coñecer os diferentes programas e actividades que desenvolven a diario, incluída a nosa liña de produtos de Bicos de Amora. Durante a visita, estivo acompañada polo presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o vicepresidente, Ramón Pombo; o tesoureiro, Silvestre Couto; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño. Así mesmo, tamén estivo presente o axente dixitalizador de Íntegro, Diego Iglesias.

Ademais de trasladar os seus parabéns ao persoal de ambas entidades “por mellorar de maneira notable a calidade de vida das persoas usuarias e conseguir a súa inclusión laboral no ámbito rural”, María Rivas destacou o importante labor desenvolvido desde o taller de Diversiplás, o proxecto medioambiental de economía circular de Íntegro destinado ao tratamento e valorización do plástico co dobre obxectivo de lograr unha Costa da Morte máis sostible e favorecer o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade.

post

O PIMDRural organiza novas accións formativas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus(FSE) ao abeiro do programa operativo FSE+Galicia 2021-2027, conta xa coa participación activa de 45 mulleres desde o pasado mes de setembro 
  • Ademais dun plan de formación continuada, desde este servizo de apoio ofrécese asesoramento, orientación laboral, acompañamento e atención psicolóxica a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural), promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE + Galicia 2021-2027, vén de superar o ecuador da edición correspondente ao período 2022-2023 cun balance moi esperanzador e positivo, contando xa coa participación activa de máis de 45 mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

A principal finalidade deste servizo de apoio á muller, que está operativo desde 2016, é a de promover a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da tripla discriminación que sofren diariamente as usuarias, dotándoas así dunha maior autonomía e independencia para mellorar a súa situación persoal e lograr a plena inclusión social e laboral. Neste senso, o equipo de profesionais do PIMD Rural, formado por unha psicóloga, unha traballadora social e unha educadora social, desenvolven de xeito continuado unha atención personalizada e especializada nas seguintes áreas e programas:

  • Recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a diferentes colectivos.
  • Servizo de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social.
  • Atención psicolóxica.
  • Mediación intercultural e/ou familiar.
  • Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas e/ou de competencias para a mellora da empregabilidade.
  • Medidas de orientación laboral e acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.

Programa formativo

A posta en marcha de accións formativas tamén contribúe notablemente a unha maior capacitación das participantes e, polo tanto, mellora a súa autoestima e diminúe a discriminación social e laboral á que habitualmente están sometidas as mulleres con disCapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, ata o de agora levamos a cabo con gran éxito de participación varios talleres sobre afectividade e sexualidade, habilidades sociais, uso correcto de internet e busca activa de emprego.

Así mesmo, nos vindeiros meses (maio, xuño e xullo) daremos continuidade ao noso plan de formación coa posta en marcha de novos talleres sobre diferentes temáticas. O primeiro, que arrincará xa a vindeira semana (martes 2), baixo o título “Coidando a quen me coida”, abordará a atención á figura da coidadora, en feminino, xa que maioritariamente- e sobre todo nas zonas rurais- a atención ás persoas dependentes segue recaendo nas mulleres. A continuación, está previsto que dea comezo o segundo obradoiro deste ciclo, que xirará arredor da “Xestión da ansiedade e autocoidado emocional”. O plan de formación terá continuidade durante os meses de xuño e xullo con outros talleres sobre risoterapia, manexo do teléfono móbil e redes sociais, e autocoidados.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto coa asociación Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.

post

Íntegro presenta “FestIgual, diversamente iguais”, unha xornada lúdica e de encontro coa comunidade

  • O evento, que se celebrará o vindeiro 27 de maio no campo da festa de Nantón, conta coa colaboración do Concello de Cabana
  • Música, artesanía, obradoiros, gastronomía e xogos infantís protagonizarán unha xornada lúdico-festiva chea de actividades e diversión

Promover novos espazos de encontro coa comunidade para celebrar a diversidade como valor irrenunciable dunha sociedade que camiña cara a plena inclusión e a igualdade de oportunidades para todos e todas é o principal obxectivo de FestIgual, diversamente iguais, unha xornada de convivencia lúdico-festiva, organizada pola asociación Íntegro e Máis Porvir Xestión Social en colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños, aberta á participación de toda a cidadanía.

Artesanía, música, obradoiros, gastronomía, xogos infantís e altas doses de diversión serán os principais ingredientes da primeira edición desta gran “festa interxeracional”, que terá lugar o 27 de maio, a partir das 12.00 horas, no campo da festa de Nantón, en Cabana de Bergantiños.

Durante a presentación, que tivo lugar esta mesma mañá no salón de plenos cabanés, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, subliñou o carácter “aberto e participativo desta convocatoria como fiel reflexo da sociedade diversa e plural na que vivimos e na que todos/as somos diversamente iguais”. Pola súa banda, o alcalde de Cabana, José Muíño, tamén presente no acto, amosouse moi orgulloso de contar cunha entidade como Íntegro no municipio e manifestou a súa intención de traballar unidos nesta iniciativa así como en calquera outra en favor da diversidade e a inclusión das persoas con diversidade funcional, “un colectivo ao que lle debemos moito e co que estamos especialmente sensibilizados/as”, asegurou.

 Programa

  • Música

12.00h. Pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Inllar

13.30h. Sesión vermú co Dúo Estrelas

16.30h. Foliada protagonizada por Os Farrapos de Cesullas

  • Gastronomía

Xantar popular a base de tortilla, empanada, bocadillos, larpeira… Venda anticipada de tickets no 981 734 985 e nas propias instalacións. Pre-venda promocional (auga/refresco + tortilla ou empanada + larpeira= 5,50€) do 19 de abril ao 10 de maio.

  • Animación infantil

15.00h-18.00h. Inchables, xogos e pintacaras para os peques da casa

  • Artesanía

12.00h-20.00h. Postos de artesanía e produtos ecolóxicos. Participarán produtores locais e entidades sociais da Costa da Morte.

  • Medio ambiente

Instalación dun punto de #PlásticoCero para informar e sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de reducir o consumo de plástico na nosa vida diaria e contribuír á súa reutilización e reciclaxe. Ademais, polo simbólico prezo de 1€ todos os/as asistentes poderán mercar os seus propios envases reutilizables, de uso obrigatorio durante a festa como mostra de compromiso social para o coidado do medio ambiente e a sostibilidade do planeta.

post

Íntegro deu a coñecer o seu Valor Social Integrado durante a asemblea xeral ordinaria celebrada en Nantón

  • A entidade presentou o seu plan estratéxico e o Plan Operativo Anual
  • Así mesmo, deuse a coñecer o balance económico de Máis Porvir Xestión Social, con máis de 52 profesionais, dos que o 87% son persoas con discapacidade
  • A formación para coidadores/as non profesionais foi unha das principais demandas dos socios/as

O Centro de Recursos Íntegro acolleu esta mañá a celebración da súa Asemblea Xeral Ordinaria  que arrincou en primeira convocatoria, pasadas ás 11.00 horas. Tras a lectura da acta anterior, presentáronse as actividades levadas a cabo en 2022 e o estado contable correspondente a ese exercicio para a súa aprobación. A continuación, déronse a coñecer os programas e accións previstas para este ano, destacando entre as primeiras a celebración do I FestIgual, diversamente iguais, unha xornada lúdico-festiva arredor dun espazo de encontro para toda a comunidade, da que moi pronto adiantaremos a programación.

A xerente de Máis Porvir Xestión Social, Sandra Caamaño, foi a encargada de dar a coñecer o balance económico anual da nosa empresa de economía social da que xa forman parte máis de 52 persoas ( + 87% con disCapacidade).

Outro dos puntos que suscitou gran interese entre os socios/as foi a presentación do Valor Social Integrado (VSI), a contribución económica da entidade á sociedade, que no caso de Íntegro en 2021 foi de 2, 3 millóns de euros. É dicir, que por cada euro que a entidade percibiu, reverteu 7 na sociedade. Un dato moi positivo que pon de manifesto o noso compromiso coa sociedade como un valor de futuro. Así mesmo, ofreceuse información polo miúdo sobre o plan estratéxico e o Plan Operativo Anual (POA) para coñecemento de todos os socios e socias, detallando todas as accións previstas para este 2023.

Durante as tres horas que durou a asemblea, os e as asistentes amosáronse moi interesados/as e participativos/as, realizando interesantes propostas e suxestións que serán valoradas e estudadas para a súa posta en marcha. Entre outras, a demanda de novas accións formativas dirixidas a coidadores/as non profesionais, coa finalidade de capacitar a familiares con persoas dependentes no fogar.

Tras a asemblea, a xornada rematou cun percorrido polas novas instalacións do Centro de Recursos de Nantón para coñecer de primeira man o taller Diversiplás e a remodelación do comedor e o ximnasio.

post

Íntegro celebra este sábado a súa asemblea xeral de socios/as

A xuntanza terá lugar no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, ás 11.00 horas en primeira convocatoria

A asociación Íntegro celebrará este sábado 15 a súa asemblea xeral ordinaria, á que están convocados/as todos os socios e socias da entidade. Dita xuntanza, aprobada pola Xunta Directiva o pasado 18 de febreiro, terá lugar no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, a partir das 11.00 horas en primeira convocatoria e ás 11:30 horas en segunda. A relación de asuntos a tratar desenvolverase de acordo á seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior
  2. Actividades levadas a cabo no ano 2022
  3. Estado contable do ano 2022 e a súa aprobación, se procede
  4. Actividades e orzamentos para o ano 2023 e a súa aprobación, se procede
  5. Situación económica e resume anual do Centro Especial de Emprego Máis Porvir Xestión Social
  6. Informes da Presidencia
  7. Rogos e preguntas

Segundo os estatutos vixentes, as persoas que desexen participar na reunión, exercendo o seu dereito de voz e voto e beneficiándose dos descontos para socios/as, deberán estar ao corrente no pagamento da cota anual correspondente ao exercicio 2023. As persoas que non teñan o pago domiciliado, deberán formalizar o ingreso, á maior brevidade posible, no propio centro ou nas seguintes contas bancarias, facendo constar o nome do socio/a + cota anual 2023.

ABANCA                       IBAN ES03 2080 0075 0330 4000 2407

LA CAIXA                     IBAN ES42 2100 5710 8802 0001 3166

Así mesmo, para maior comodidade dos socios/as, tamén se poderá realizar o pagamento a través de BIZUM no número 06571.

Para máis información, contactar co centro no 981 734 985, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas. Agardámosvos a todos/as!

post

As campañas de sensibilización de Íntegro percorren de novo os centros educativos da Costa da Morte  

A entidade de Nantón vén de poñer en marcha unha nova edición da Diverescola, orientada á cativada, e da campaña de prevención da Lesión Medular para a mocidade

Unha nova edición da campaña de prevención da Lesión Medular de Íntegro botou a andar esta mesma semana na Costa da Morte co obxectivo de seguir informando e concienciando neste 2023 aos nosos mozos e mozas. O CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, foi o centro elixido para celebrar as primeiras xornadas de sensibilización, nas que participaron arredor dunha trintena de estudantes de 4º da ESO.

A sesión informativa, ofrecida o pasado martes pola educadora social de Íntegro Tania Bartucca, contou tamén coa participación do presidente da entidade de Nantón Adolfo López Baña, que se encargou de explicar ao alumnado os motivos que se agochan tras os accidentes medulares ademais de incidir na necesidade de evitar prácticas de risco en estradas, praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre a mocidade. A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular.

No mes de marzo, a campaña de prevención da lesión medular continuará co seu percorrido pola Costa da Morte. A falta de novas confirmacións, a primeira parada prevista será o vindeiro día 14 no IES Alfredo Brañas de Carballo. A continuación, aterrará no CPI Cabo da Area de Laxe o mércores 22, e o martes 28 será a quenda co CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, deberán poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Diverescola

Por outra banda, preto de 100 alumnos veñen de participar durante o mes de febreiro nunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa do programa Capacíta-T coa que a asociación Íntegro pretende achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

A primeira sesión deste 2023 celebrouse o pasado día 14 e tivo como protagonistas a 40 nenos e nenas de 1º e 2º de educación primaria do CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, mentres que a segunda levouse a cabo este mesmo martes 28 no CPI AS Revoltas de Cabana coa participación de 51 cativos/as de 6º de educación infantil e 1º e 2º de primaria. En ambos casos, o alumnado asistiu á representación dun contaconto guiado e realizaron diversos xogos de barreiras para afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade. Unha experiencia, sen dúbida, moi enriquecedora na que diversión e aprendizaxe foron da man. As escolas unitarias de Torrexallóns e Traba, en Laxe, e o CEIP O Areal de Camariñas serán os vindeiros destinos da nosa Diverescola.

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión das campañas de sensibilización que temos en marcha co obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as apostando por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

post

Íntegro celebrará mercados solidarios de segunda man todos os sábados de febreiro  

Roupa, complementos, decoración e libros serán algunhas das “oportunidades” que se poderán adquirir a baixo custe nas instalacións de MáisPovir en Baio (Zas) 

O vindeiro mes de febreiro, as frechas de amor de Cupido compartirán protagonismo coas mostras de solidariedade que realizarán as persoas que se acheguen ata o mercado solidario que a asociación Íntegro celebrará cada sábado nas instalacións que a empresa de Xestión Social MáisPorvir ten na localidade de Baio, en Zas (Os Muíños, nº 7- O Allo).

Mobiliario, téxtil, lámpadas, complementos, enciclopedias ou libros a partir de 2€ serán algunhas das “gangas” que se poderán atopar neste singular rastrillo de produtos de segunda man, que permanecerá aberto ao público os sábados 4, 11, 18 e 25, en horario de 10.30 a 13.30 horas. A recadación de cada evento irá destinada a financiar actividades de lecer, enmarcadas no programa “Vida comunitaria e social” do Centro de Recursos de Nantón, necesarias para promover a adquisición de experiencias que melloren a calidade de vida das persoas usuarias (actividades recreativas, de ocio, relacións sociais…).

Desde Íntegro queremos convidar a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria, que ademais supón todo un exemplo de economía social e sustentabilidade. Máis información a través do enderezo electrónico info@integro.es ou no WhatsApp 650 961 649. Esperámosvos!

post

A autonomía persoal, a mobilidade e o ocio, principais áreas de traballo do Centro de Día de Íntegro

Boa parte das actividades deste 2022 realizáronse con cargo ao programa FOAXE-C da Deputación Provincial da Coruña, que realizou unha achega de 28.500 €

O ano da conmemoración do noso 30ª aniversario chega á súa fin e faino cun balance máis que positivo en todos os eidos. Ademais do éxito alcanzado nas actividades conmemorativas organizadas ao longo de 2022, o nivel de satisfacción e participación dos nosos usuarios e usuarias, e as súas familias, coas accións levadas a cabo ao longo do ano é inmellorable. E iso, énchenos, por unha banda, de satisfacción e orgullo polo traballo realizado, e pola outra, de ilusión e ganas, para seguir avanzando.

Malia que a COVID-19 impediu a participación de persoas alleas ao centro nas actividades de ocio e tempo libre, así como a nosa noutras de carácter social e deportivo ás que acostumabamos ir, preto de 30 persoas usuarias do noso Centro de Recursos formaron parte das diferentes actividades programadas neste 2022. A esta cifra podemos sumar ás máis 32 atendidas no servizo de INFOASE e as 62 do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural).

Servizos e actividades

Desde o noso Centro de Día prestamos atención integral a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte coa finalidade de proporcionarlles os coidados e apoio necesarios para unha maior autonomía persoal e social, e tamén ás súas familias. Ao igual que en anos anteriores, desenvolvéronse numerosos programas centrados en diferentes áreas de traballo como a autonomía persoal, a mobilidade e o ocio. Entre as prestacións máis demandadas figuran o servizo de información e asesoramento en recursos para as zonas rurais; talleres de auto-coidado (aseo, vestido, hixiene persoal, hábitos de vida); tarefas do fogar (cociña, prancha, lavado de roupa.. (actividades instrumentais da vida diaria); actividades de mantemento e rehabilitación cognitiva (memoria, orientación a realidade, escola de adultos, informática); taller de habilidades sociais; actividades de vida comunitaria e social; ocupacionais e pre-laborais (elaboración de xabóns, colaxes, xardín terapéutico…); actividades de mantemento e rehabilitación física (mantemento físico, hixiene postural, fisioterapia, psicomotricidade,…) e de ocio e tempo de lecer (saídas culturais, eventos deportivos, paseos pola natureza,…).

Para o desenvolvemento destas actividades contamos, entre outras, axudas co financiamento da Deputación Provincial da Coruña, que realizou unha achega de 28.500 € (0,2504) con cargo ao programa FOAXE-C, que regula a convocatoria de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento dos centros de servizos sociais.

post

45 persoas con diversidade funcional benefícianse do proxecto de reciclaxe de plásticos Diversiplás, + Diverso – Plástico

  • A asociación Integro executou en 2022 as obras de reforma e adecuación do almacén–garaxe do seu Centro de Recursos para utilizalo como taller de reciclaxe e valorización de plásticos, que forma parte dunha iniciativa de economía circular encamiñada á inclusión socio-laboral das persoas con discapacidade
  • Dito proxecto, que beneficiou directamente a 45 persoas con discapacidade da Costa da Morte, forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE, cunha aportación económica de 10.000 €

Un total de 45 persoas con diversidade funcional na Costa da Morte están a participar neste 2022, e continuarán facéndoo en anos sucesivos, no proxecto DIVERSIPLAS, +Diverso –Plástico,  executado pola Asociación Integro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte. Ademais das persoas usuarias do noso Centro de Recursos, os integrantes da nosa Rede de Entidades Colaboradoras (confrarías de pescadores, mariscadoras, concellos…) e a poboación en xeral están a beneficiarse deste innovador proxecto, orientado a facilitar a inserción socio-laboral das persoas con discapacidade, a través da posta en valor dos residuos plásticos mariños, e o deseño de proxectos de economía circular co obxectivo de reforzar o dinamismo social, económico e ambiental da zona costeira.

A viabilidade de dito proxecto pasou pola creación dun espazo para o aproveitamento e tratamento dos residuos plásticos na sede da asociación Integro en Nantón (Cabana), financiado pola Fundación ONCE, a través da convocatoria do Plan de Prioridades 2022, cunha aportación de 10.000€. Os traballos, executados de xaneiro a outubro deste ano, consistiron na reforma e adecuación do almacén–garaxe do Centro de Recursos ata convertelo nun taller de reciclaxe, capaz de albergar a maquinaria empregada no proceso de transformación dos residuos (trituradora, extrusora, inxectora e compresora) e un pequeno aseo para uso das persoas traballadoras.

Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), conseguíronse realizar actividades ocupacionais, laborais ou terapéuticas no centro, mediante a valorización dos residuos xerados polo plástico, obtendo así un beneficio social, económico e ambiental. Así mesmo, logramos promover a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional, mediante a realización de novas actividades produtivas e/ou laborais na entidade, ademais de contribuír, a través da formación e a ocupación, a unha maior e efectiva participación na vida social, ao desenvolvemento da súa autonomía e á mellora da autoestima.

Por outra banda, tamén foi posible aumentar as capacidades das persoas da asociación mediante actividades de formación relacionadas co aproveitamento e valorización dos plásticos; sensibilizar á sociedade sobre a problemática dos residuos mariños e o aproveitamento sostible dos mesmos con actividades de sensibilización e formación en materia de preservación ambiental, aproveitamento dos refugallos e economía circular, e incrementar a colaboración dos concellos e do sector pesqueiro en favor dunha sociedade máis inclusiva, promovendo a sinerxía entre ambos para realizar actividades de posta en valor dos residuos e promoción da cohesión social da zona costeira.

Inspirado na iniciativa PreciousPlastic, Diversiplás contribuíu á redución do lixo mariño e á mellora da biodiversidade e dos ecosistemas mariños en boa parte da Costa da Morte (Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Vimianzo, Camariñas, Laxe e Muxía), incidindo na xestión e redución do impacto medioambiental do plástico.

Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para a financiación dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.

A Asociación Integro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte é unha Organización non Gobernamental, constituída no ano 1992, coa misión de acadar a inclusión das persoas con diversidade funcional. Ademais, somos membros da COGAMI.

post

A cohesión social e o reto demográfico centraron a reunión do GDR Costa da Morte coas entidades sociais en Íntegro

  • A cohesión social e o reto demográfico centraron a reunión do Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte coas entidades sociais da contorna para establecer a Estratexia do Programa Leader 2023-2027
  • Ademais de Íntegro e MaisPorvir, tamén participaron representantes de Aspadex, Aspaber e Cruz Vermella, así como os responsables políticos e técnicos de varios concellos da contorna

Representantes das entidades de inclusión social Aspadex, Aspaber, Cruz Vermella, MaisPorvir e Integro, participaron nun grupo de traballo para a elaboración da estratexia de desenvolvemento local do programa Leader 2023-2027, celebrado hoxe na nosa sede de Nantón, en Cabana de Bergantiños. Na reunión, á que asistiron tamén representantes políticos e técnicos de concellos da zona, fíxose unha diagnose sobre as principais necesidades do territorio, de cara a garantir un futuro máis igualitario e inclusivo.

As principais problemáticas detectadas relaciónanse coa escasa dotación de servizos á poboación, sobre todo no relacionado coa mobilidade, a infraestrutura tecnolóxica ou os propios servizos. É necesario apostar por unha maior integración das persoas con diversidade no ámbito laboral, pese ás barreiras ou limitacións que seguen tendo moitas entidades privadas, pero tamén públicas.

Para poñer freo ao illamento e despoboación das zonas rurais, é importante desenvolver unha acción conxunta e colaborativa entre o tecido público e privado, empregando a innovación como principal ferramenta.

Por outra banda, para hoxe tamén está prevista a celebración no Centro Sociocultural de Baio do Segundo Foro de traballo para a elaboración do diagnóstico da estratexia. Desta volta, realizaranse mesas sectoriais, nas que se debaterán e poñerán en común os principais atrancos ao desenvolvemento e as posibles propostas de mellora, desde a óptica das entidades agrogandeiras e forestais, entidades do ámbito cultural ou ambiental, o tecido empresarial e tamén as entidades do ámbito social.