post

Limpeza de praias na Costa da Morte e xornada de portas abertas con Diversiplás

  • As accións desenvolveranse durante o mes de setembro nas praias de Traba (Laxe), Ariño (Camariñas) e Balarés (Ponteceso)
  • A programación inclúe tamén unha xornada de portas abertas no obradoiro Diversiplás para coñecer de primeira man o proceso de transformación dos residuos plásticos

A asociación Íntegro, a través do proxecto Diversiplás, desenvolverá durante o mes de setembro unha nova campaña de sensibilización ambiental na Costa da Morte, incluída entre as accións previstas para a anualidade 2026. A iniciativa combinará tres xornadas de limpeza de praias cunha xornada de portas abertas no obradoiro Diversiplás, co obxectivo de achegar á cidadanía o problema dos residuos plásticos e mostrar as posibilidades que ofrece a súa recuperación e transformación.

As actuacións de limpeza comezarán o 2 de setembro na praia de Traba, en Laxe, continuarán o 9 de setembro na praia do Ariño, en Camariñas, e rematarán o 14 de setembro na praia de Balarés, en Ponteceso.

Durante estas xornadas, que se desenvolverán de 10 a 13 horas, as persoas participantes colaborarán na retirada de residuos dos areais, nunha acción que pretende ir máis alá da propia limpeza. O obxectivo é sensibilizar sobre o impacto que os residuos, especialmente os plásticos, teñen nos ecosistemas mariños e lembrar que aquilo que hoxe queda abandonado na contorna pode acabar mañá no mar. Para participar abonda con inscribirse ata o día anterior chamando ao 981 734 985 ou 650 961 649.

Do residuo ao recurso

A campaña terá continuidade o 4 de setembro, coa celebración dunha xornada de portas abertas no obradoiro Diversiplás. A iniciativa permitirá coñecer o traballo que se desenvolve neste espazo e descubrir que acontece cos residuos plásticos unha vez recuperados. Ademais, as persoas que se acheguen poderán coñecer de primeira man as renovadas instalacións que a entidade ten en Nantón e iniciarse na reciclaxe coas novas adquisicións de moldes, cos que poder elaborar xaboeiras, “bolillos”, peites para táboas de surf e moito máis.

A través deste proceso, Diversiplás traballa na transformación e valorización de residuos plásticos, promovendo a economía circular e demostrando que determinados materiais que xa non teñen uso poden converterse en novos recursos e produtos.

Con estas actuacións, que serán totalmente de balde, Íntegro busca implicar á cidadanía no coidado da contorna e poñer en valor o compromiso colectivo coa protección do litoral. Unha chamada á acción que se resume nunha idea: para coidar o mar, tamén hai que poñerse mans á obra.

As actividades forman parte das accións da anualidade 2026 do proxecto Diversiplás, promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Unión Europea, a Xunta de Galicia e o GALP Costa da Morte.

 

post

Íntegro e Máis Porvir organizan en Corme o Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas

O deporte inclusivo volve ser protagonista na Costa da Morte coa celebración do Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas, unha cita deportiva que se celebrará o sábado 25 no pavillón polideportivo de Corme (Rúa do Cubeiro, Corme – Ponteceso).

O evento, organizado pola asociación Íntegro e a entidade Máis Porvir Xestión Social S.L., contará coa participación dos equipos ICB Coruña e Inclusport, que se enfrontarán en dúas apaixonantes sesións. A primeira, ás 18.00 horas, será para disputar o partido oficial da copa e, unha hora despois (ás 19.00h) terá lugar un encontro amigable.

A cita, promovida pola Federación Galega de Balonmán, A Federación Española de Balonmán e o Concello de Ponteceso, conta coa colaboración de Deporte Galego, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e varias empresas da contorna. Con eventos deste tipo, preténdese fomentar e dar visibilidade á práctica deportiva inclusiva, promovendo valores como a igualdade, o esforzo e o traballo en equipo.

A entrada é totalmente gratuíta, polo que se convida a toda a veciñanza a achegarse para apoiar aos deportistas e gozar dun espectáculo cheo de emoción, compañeirismo e superación.

post

Máis Porvir Xestión Social asina co Concello de Ponteceso un contrato reservado para a prestación do servizo de limpeza viaria

O contrato, de dous anos prorrogable por outros dous, está reservado a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, en cumprimento da Lei de Contratos do Sector Público

A empresa de iniciativa social Máis Porvir Xestión Social, S.L.U., vén de asinar un contrato co Concello de Ponteceso para a execución do servizo de limpeza viaria municipal, en virtude dun procedemento reservado a Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social (CEEIS) e Empresas de Inserción Laboral, segundo o establecido pola Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público.

Este contrato, cunha duración inicial de dous anos e posibilidade de prórroga por outros dous, supón un novo paso cara á consolidación dun modelo de contratación pública socialmente responsable, que favorece a creación de emprego digno, local e inclusivo.

O acordo foi asinado entre o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato Martínez, e o representante de Máis Porvir, Ramón Pombo Castro, como administrador do CEE con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños), especializado na inserción laboral de persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social. Desde Máis Porvir valoramos especialmente que este contrato sexa reservado a entidades que traballan pola inclusión laboral, como marca a lei, poñendo en valor a economía social como ferramenta para unha sociedade máis xusta e harmoniosa.

“Queremos felicitar ao Concello de Ponteceso por cumprir e facer cumprir a lexislación en materia de contratación pública, apostando pola inclusión laboral real e efectiva, así como ao resto de municipios e entidades que tamén están a cumprir a lei de contratos reservados e/ou realizan os seus servizos a través dos centros especiais de emprego”, sinalou o equipo directivo de Máis Porvir. Así mesmo, animamos a outras administracións locais a seguir este modelo de contratación reservada, que permite ofrecer servizos profesionais de calidade ao tempo que se crean oportunidades de emprego para quen máis o necesita.

Máis Porvir é un centro especial de emprego de iniciativa social (CEE), promovido pola asociación Íntegro, que desenvolve servizos de limpeza, mantemento, coidados e atención socio-comunitaria, integrando a persoas con diversidade funcional a través de itinerarios personalizados de inserción.

post

Volve a Andaina Solidaria de Íntegro: deporte, solidariedade e moita diversión

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na segunda edición, que se celebrará o 26 de abril, a partir das 16.30 horas

A asociación Íntegro pon en marcha a segunda edición da andaina solidaria Por un millón de pasos, unha iniciativa que busca fomentar hábitos saudables, inclusión e solidariedade a través do deporte e o lecer. O evento, que terá lugar o vindeiro 26 de abril, foi presentado esta mañá nun acto ao que asistiu o presidente da entidade Adolfo López Baña, acompañado de varios directivos e persoas usuarias; o alcalde de Cabana José Muíño e o edil Carlos Allo, así como o responsable do Concello de Ponteceso José Manuel Mato, que tamén colaboran no desenvolvemento da actividade.

Durante a xornada, ademais de gozar das incribles visitas que ofrece esta ruta a pé, cun percorrido totalmente accesible que partirá da Praza do Recheo de Ponteceso ás 16:30 horas e rematará na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, os e as participantes poderán desfrutar dun paseo en tren turístico, animación e moitas outras sorpresas nas que xa se están a traballar desde a organización.

Inscricións

As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/fdCiFSD1H4FF1Php9. O prezo da inscrición é de 3€ para nenos e nenas de 0 a 12 anos, mentres que para adultos (+13 anos) será de 5€. Ademais, aquelas persoas que non participaron na primeira edición e aínda non teñan a camiseta conmemorativa do evento, poderán adquirila por tan só 5€.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono 981 734 985, o móbil 650 961 649 ou o correo electrónico info@integro.es.

Desde Íntegro animamos a toda a veciñanza a participar nesta andaina solidaria, unha oportunidade perfecta para practicar deporte, gozar da natureza, compartir tempo en familia e con amigos/as e contribuír a unha gran causa social.