post

Máis Porvir Xestión Social asina co Concello de Ponteceso un contrato reservado para a prestación do servizo de limpeza viaria

O contrato, de dous anos prorrogable por outros dous, está reservado a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, en cumprimento da Lei de Contratos do Sector Público

A empresa de iniciativa social Máis Porvir Xestión Social, S.L.U., vén de asinar un contrato co Concello de Ponteceso para a execución do servizo de limpeza viaria municipal, en virtude dun procedemento reservado a Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social (CEEIS) e Empresas de Inserción Laboral, segundo o establecido pola Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público.

Este contrato, cunha duración inicial de dous anos e posibilidade de prórroga por outros dous, supón un novo paso cara á consolidación dun modelo de contratación pública socialmente responsable, que favorece a creación de emprego digno, local e inclusivo.

O acordo foi asinado entre o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato Martínez, e o representante de Máis Porvir, Ramón Pombo Castro, como administrador do CEE con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños), especializado na inserción laboral de persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social. Desde Máis Porvir valoramos especialmente que este contrato sexa reservado a entidades que traballan pola inclusión laboral, como marca a lei, poñendo en valor a economía social como ferramenta para unha sociedade máis xusta e harmoniosa.

“Queremos felicitar ao Concello de Ponteceso por cumprir e facer cumprir a lexislación en materia de contratación pública, apostando pola inclusión laboral real e efectiva, así como ao resto de municipios e entidades que tamén están a cumprir a lei de contratos reservados e/ou realizan os seus servizos a través dos centros especiais de emprego, sinalou o equipo directivo de Máis Porvir. Así mesmo, animamos a outras administracións locais a seguir este modelo de contratación reservada, que permite ofrecer servizos profesionais de calidade ao tempo que se crean oportunidades de emprego para quen máis o necesita.

Máis Porvir é un centro especial de emprego de iniciativa social (CEE), promovido pola asociación Íntegro, que desenvolve servizos de limpeza, mantemento, coidados e atención socio-comunitaria, integrando a persoas con diversidade funcional a través de itinerarios personalizados de inserción.