post

Limpeza de praias en Fisterra e Camariñas para promover a inclusión e o coidado ambiental

 A asociación Íntegro, a  través do seu programa de valorización do plástico Diversiplás, organizará durante o mes de maio dúas xornadas de limpeza de praias na Costa da Morte baixo o lema “Limpa, colabora, inclúe!”, unha iniciativa que combina sensibilización ambiental, participación cidadá e inclusión social.

As actividades desenvolveranse o venres 22 na praia da Langosteira, en Fisterra, de 11:00 a 12:30 horas, e o mércores 27 na praia de Camelle, en Camariñas, de 10:00 a 12:00 horas.

O obxectivo destas accións é fomentar a conciencia ambiental e implicar á veciñanza na conservación dos espazos naturais do litoral galego, promovendo ao mesmo tempo valores de cooperación, convivencia e inclusión.

Desde a entidade facemos un chamamento á participación da cidadanía para contribuír activamente á protección do medio mariño e á redución dos residuos nas praias da Costa da Morte.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do teléfono 981 734 985 ou do whatsapp 650 961 649.

Esta iniciativa está impulsada por Diversiplás e conta co co-financiamento da Xunta de Galicia, da Unión Europea e do GALP Costa da Morte, no marco das accións de apoio ao desenvolvemento sostible e á dinamización social e ambiental do territorio.

post

Novos programas de participación social para reforzar o voluntariado na Costa da Morte

A asociación Íntegro continúa apostando de maneira firme e continuada polo voluntariado como ferramenta de participación social, cohesión e promoción de valores solidarios. A entidade desenvolve diferentes programas que permiten á cidadanía implicarse activamente na mellora da calidade de vida das persoas con diversidade funcional e no coidado do entorno, consolidando un modelo de voluntariado comprometido co territorio e coa inclusión.

Entre as iniciativas máis destacadas atópase o novo programa de voluntariado xuvenil “Mocidade en Acción”, unha proposta dirixida a fomentar a participación activa das persoas menores de 30 anos na vida comunitaria. O proxecto pretende crear un grupo estable de voluntariado xuvenil que colabore de maneira regular nas distintas áreas de intervención da entidade, promovendo valores como a solidariedade, a responsabilidade social e o compromiso co medio ambiente.

O programa está dirixido a 8 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, residentes nalgún dos concellos da Costa da Morte, interesados en participar en accións de voluntariado social, inclusivo e ambiental. A través desta experiencia, as persoas participantes poderán desenvolver competencias persoais e sociais, adquirir novos coñecementos e contribuír activamente á mellora da comunidade.

Entre os principais obxectivos desta iniciativa destacan a promoción da implicación da mocidade en proxectos de carácter social e ambiental, o achegamento á realidade das persoas con diversidade funcional, a sensibilización en materia de inclusión e igualdade de oportunidades e o fomento da participación en iniciativas de sustentabilidade e economía circular.

O proxecto desenvolverase entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro combinando accións de voluntariado en dúas áreas principais. Por unha banda, a inclusión social, mediante a participación nas actividades que se desenvolven no Centro de Día e no Centro Ocupacional de Íntegro, apoiando aos equipos profesionais en programas de promoción da autonomía persoal, habilidades sociais, ocio inclusivo e participación comunitaria.

Por outra banda, o programa incorpora tamén unha dimensión ambiental, a través da colaboración no proxecto Diversiplás, iniciativa de economía circular centrada na recuperación, clasificación e valorización de residuos plásticos procedentes da actividade mariñeira e pesqueira da Costa da Morte, así como en accións de sensibilización ambiental dirixidas á cidadanía.

Para impulsar esta iniciativa, Íntegro desenvolverá ademais unha campaña de captación de voluntariado dirixida á mocidade da zona, co obxectivo de dar a coñecer esta oportunidade de participación social e implicación comunitaria. As persoas voluntarias recibirán tamén formación específica en ámbitos como diversidade funcional, medio ambiente, igualdade de oportunidades, primeiros auxilios ou economía circular, garantindo así unha participación responsable, informada e de calidade.

Voluntariado Interxeracional: Saberes e sabores

Xunto a este programa, a entidade tamén vén de poñer en marcha a segunda edición do proxecto de voluntariado interxeracional “Saberes e Sabores”, unha iniciativa que promove a convivencia, a aprendizaxe mutua e a colaboración entre persoas mozas, maiores e con discapacidade arredor da cociña tradicional, o cultivo da terra e o coidado compartido.

O programa desenvolverase ata o 15 de maio e conta co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, cunha achega de 18.000 euros procedente de fondos europeos, no marco do proxecto Talento Interxeracional e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cofinanciado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

Nesta segunda edición, “Saberes e Sabores” estrutúrase en tres liñas de acción principais: o cultivo ecolóxico interxeracional con apoio tecnolóxico, a elaboración e dixitalización de receitas tradicionais saudables e o reparto solidario dos produtos cultivados e cociñados a persoas maiores en situación de vulnerabilidade.

A través destas iniciativas, Íntegro continúa fortalecendo o seu compromiso coa innovación social, a inclusión, o envellecemento activo e o fortalecemento das redes comunitarias, situando o voluntariado como un eixo fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, participativa e solidaria na Costa da Morte.

post

Íntegro lanza a campaña #MulleresQueInspiran para conmemorar o 8M e promover a igualdade

A iniciativa está aberta á cidadanía e ás entidades sociais, e inclúe o sorteo dunha cesta de produtos artesanais elaborados polas persoas usuarias da entidade

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, que se celebrará o vindeiro 8 de marzo, a Asociación Íntegro pon en marcha a campaña #MulleresQueInspiran, unha iniciativa que busca dar visibilidade á diversidade de mulleres que forman parte das nosas vidas, recoñecer o seu papel fundamental na sociedade e promover valores como a igualdade de oportunidades, a diversidade e o respecto.

A través desta acción, Íntegro pretende implicar tanto ao tecido asociativo como á cidadanía nunha mensaxe positiva e transformadora, dando protagonismo ás mulleres que inspiran, acompañan, lideran e constrúen comunidade día a día. A campaña está aberta á participación de toda a cidadanía e tamén ás entidades sociais que desexen sumarse á iniciativa.

Como parte da acción, desde o domingo 1 de marzo e ata o sábado 7, a entidade dará a coñecer diariamente nas súas redes sociais a historia dunha muller anónima inspiradora, valente e cunha traxectoria que merece ser contada, contribuíndo así a encher o espazo dixital de referentes femininos reais e próximos.

Como participar

Para formar parte da campaña #MulleresQueInspiran, as persoas e entidades interesadas deberán:

  • Publicar no seu perfil ou nas stories unha imaxe dunha muller —ou mulleres— significativas
  • Seguir a conta de @asociacionintegro
  • Mencionar ou etiquetar á asociación Íntegro na publicación

Entre todas as persoas e entidades participantes sortearase unha cesta de produtos artesanais elaborados polas persoas usuarias da entidade, que incluirá artigos de Bicos de Amora e Diversiplas.

O prazo para participar permanecerá aberto ata as 23:59 horas do domingo 8 de marzo, e o luns día 9 anunciarase publicamente nas redes sociais de Íntegro a persoa ou entidade gañadora.

Desde Íntegro animan á cidadanía e ás organizacións sociais a implicarse nesta campaña e contribuír a espallar unha mensaxe colectiva de recoñecemento e igualdade, enchendo as redes de historias que inspiran e constrúen unha sociedade máis xusta e inclusiva.

post

Aprendizaxe, compromiso e colaboración a través dos programas de voluntariado de Íntegro

A asociación Íntegro vén de facer balance dun ano especialmente activo e enriquecedor no eido do voluntariado social e ambiental, grazas ao desenvolvemento de tres programas complementarios que puxeron o foco na inclusión, o medio ambiente e a cooperación interxeracional: o proxecto piloto “Da horta á cociña”, o programa xuvenil Reacciona e as accións de voluntariado coa diversidade Recicla-T. 

Da horta á cociña: talento e aprendizaxe interxeracional no rural

Durante todo o ano, Íntegro desenvolveu o proxecto “Da horta á cociña”, unha iniciativa pioneira no ámbito rural galego que forma parte do proxecto piloto Talento Interxeracional da Xunta de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cofinanciado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

O programa, posto en marcha entre febreiro e outubro, apostou por unir xeracións a través da agricultura, a cociña e a artesanía, implicando a persoas maiores de 55 anos e mozos e mozas menores de 35. O obxectivo foi fomentar a aprendizaxe mutua, reducir o illamento social e ofrecer novas oportunidades de futuro á mocidade do rural, especialmente na Costa da Morte.

O proxecto estruturouse arredor de tres eixos principais:

  • Cultivando Sabedoría, centrado na transmisión de técnicas agrícolas tradicionais e ecolóxicas combinadas co uso das novas tecnoloxías.
  • Cociñando Xuntos, dedicado á recuperación de receitas tradicionais e á creación dun receitario dixital.
  • Tecendo Conexións, enfocado na preservación de técnicas artesanais de tecido e teares.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, destacou que esta experiencia “debe ser un sementeiro de ideas e relacións que fortalezan o rural, demostrando que as xeracións teñen moito que achegarse mutuamente”.

Reacciona: xuventude, reciclaxe e inclusión

Tamén ao longo de 2025, Íntegro desenvolveu o programa Reacciona, unha iniciativa de educación ambiental e inclusión social posta en marcha coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.

O obxectivo principal foi concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos, promovendo ao mesmo tempo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.

As actividades —realizadas entre xullo e setembro— incluíron visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais da economía circular, como SOGAMA, Aula do Freixo, Aquarium Finisterrae, Aspaneps (proxecto Ártabro Inclusivo), Netcycle, Antonia Studio. Ademais, impartiuse unha charla titulada “SOS Planeta Terra” e un obradoiro Diversiplás, centrado na transformación de plásticos reciclados en novos obxectos.

Voluntariado xuvenil Reciclat: compromiso coa diversidade e o medio ambiente

Paralelamente, a entidade continuou impulsando o seu programa de voluntariado xuvenil coa diversidade “Recicla-T”, no que participaron arredor de 12 persoas voluntarias menores de 30 anos. Estas colaboraron en accións de coidado do medio ambiente, reciclaxe de plásticos e apoio a persoas con discapacidade, principalmente durante os meses de verán.

O obxectivo de Íntegro é consolidar un equipo de voluntariado estable e formado, que participe de forma regular nas actividades da entidade e sirva tamén como espazo de aprendizaxe e sensibilización para a mocidade da Costa da Morte. Ademais, o programa permitiu identificar perfís novos que poderían incorporarse no futuro ao equipo profesional do Centro de Recursos Íntegro.

As accións levadas a cabo contaron ademais co apoio e o financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Con estes programas, Íntegro reafirma o seu compromiso co territorio, coa xuventude e coas persoas con discapacidade, apostando por proxectos transformadores que combinan innovación social, sostibilidade e cooperación.

Desde a entidade queremos agradecer o alto grao de participación, implicación e aprendizaxe colectiva acadado ao longo de 2025, consolidando unha rede de colaboración entre entidades, institucións e persoas voluntarias que seguirá medrando nos próximos anos.

post

Íntegro inicia unha campaña de limpeza de praias na Costa da Morte da man de Diversiplás

  • A primeira terá lugar este sábado 13, ás 13.30 horas, na praia cabanesa do Pendón. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao 981 734 985
  • Trátase dun proxecto da asociación Íntegro que conta co apoio do Galp Costa da Morte, a Consellería do Mar e a FEMPA (UE)

A asociación Íntegro, a través do proxecto Diversiplás, pon en marcha unha nova campaña de sensibilización ambiental centrada na limpeza de praias e espazos naturais pola Costa da Morte. Do 13 de setembro ao 2 de outubro, realizaranse diversas actuacións en diferentes areais e zonas verdes do noso litoral co obxectivo de reducir o impacto dos plásticos mariños, darlles unha segunda vida e, ao mesmo tempo, concienciar sobre o coidado do medio ambiente.

Ademais de retirar residuos, as limpezas buscan concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o mar e o litoral, lembrando que unha parte importante dos plásticos que chegan ao océano proceden da actividade pesqueira e marisqueira. Desde Diversiplás, estes materiais recóllense, transfórmanse e convértense en novos produtos, reducindo a contaminación e xerando novas oportunidades para persoas con diversidade funcional.

Esta nova acción está dirixida a todas as persoas preocupadas polo coidado da nosa contorna.  Para participar, abonda con inscribirse chamando ao 981 734 985 ou ao 650 961 649.

Calendario de limpezas

  • Sábado 13 de setembro, 13:30 h – Praia do Pendón (Cabana de Bergantiños)
  • Mércores 17 de setembro, 11:00 h – Praia de Muxía
  • Martes 23 de setembro, 10:30 h – Praia por confirmar no Concello de Carballo. Acción desenvolvida en colaboración coa Cruz Vermella Carballo
  • Xoves 2 de outubro, 11:00 h – Praia e zonas verdes de Ariño (Camariñas)

Esta iniciativa conta co apoio do GALP Costa da Morte, da Consellería do Mar e do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura da Unión Europea), entidades que fan posible levar a cabo este proxecto de economía circular e sensibilización ambiental.

 

 

post

Diversiplás avanza no camiño da inclusión e a sostibilidade da Costa da Morte

O proxecto de tratamento e valorización de residuos mariños de Íntegro vén de recibir unha subvención de 34.681,62 € procedente da Unión Europea, a Xunta de galicia e o Galp Costa da Morte

A asociación Íntegro vén de obter unha subvención de 34.681,62 euros para a ampliación de Diversiplás, un proxecto pioneiro na Costa da Morte que promove a integración socio-laboral de persoas con diversidade funcional a través da valorización de residuos plásticos procedentes do mar e do sector pesqueiro. A achega, financiada nun 70% pola Unión Europea e nun 30% pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar e o Galp Costa da Morte, permitirá mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras e ampliar o catálogo de produtos elaborados con plástico reciclado.

A iniciativa contempla a dotación de equipamento adaptado, novo almacenaxe e unha bomba de calor para o obradoiro de plásticos, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e o confort das persoas usuarias. Tamén se incrementará a produción de artigos reciclados coa creación de bolillos para as palilleiras ou peites de parafina para deportes acuáticos como o surf, contribuíndo así ao fomento da economía circular e a redución de residuos mariños.

Entre os principais obxectivos destacan a inclusión social, sensibilizar ao sector pesqueiro sobre a problemática da contaminación mariña, fomentar a colaboración cos concellos da Costa da Morte e reforzar as redes de traballo entre axentes sociais, pesqueiros e turísticos.

Con esta ampliación, Íntegro dá un paso máis na consolidación de Diversiplás como un proxecto referente en economía circular, inclusión e sostibilidade na Costa da Morte.

post

Íntegro recibe a visita da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo

A asociación Íntegro recibiu esta semana nas súas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños) a visita da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde do municipio, José Muíño, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce. A visita enmárcase dentro das accións de seguimento e apoio aos proxectos sociais que desenvolven entidades da comarca da Costa da Morte.

Durante o encontro, os representantes institucionais puideron coñecer de primeira man o labor que desde 1992 desenvolve Íntegro a prol da inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional. A entidade conta cun centro de día ocupacional e cun centro especial de emprego, desde os que promove programas de capacitación, formación, inserción laboral e mellora da calidade de vida para as persoas usuarias.

A delegada da Xunta puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade, destacando a súa “traxectoria exemplar e pioneira en programas que promoven a inclusión, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades”. Así mesmo, anunciou que a Xunta manterá o seu compromiso de apoio a través de diferentes vías de financiamento, cun investimento global próximo aos 500.000 euros no ano 2025.

Entre as liñas de colaboración previstas figuran axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a contratación de persoas mozas e o mantemento de postos de traballo nos centros especiais de emprego. Ademais, Íntegro é beneficiaria do programa Iniciativa Xove da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como de varias subvencións para actividades de voluntariado e programas interxeracionais en contornas rurais, como o proxecto Talento Interxeracional, financiado pola Unión Europea.

No ámbito dos servizos sociais, a Consellería de Política Social e Igualdade colabora mediante o financiamento de 30 prazas concertadas no centro de día e centro ocupacional a través do IRPF autonómico, cunha achega superior aos 400.000 euros. A isto súmase a labor do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional, un servizo especializado de atención no rural a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, agradeceu a colaboración e o compromiso mantido e continuado da administración pública a través da posta en marcha de proxectos innovadores, que permiten ampliar servizos e, sobre todo, ofrecer oportunidades reais ás persoas que máis o necesitan.

A visita institucional rematou cun percorrido polas instalacións e un encontro co equipo técnico da entidade, no que se compartiron experiencias e proxectos de futuro. Desde Íntegro valoramos moi positivamente este encontro, que reafirma o apoio das administracións ao noso traballo e dá visibilidade ao esforzo colectivo para a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.

 

post

Íntegro impulsa o novo programa xuvenil Reacciona para fomentar a reciclaxe e a inclusión social a través de actividades sostibles

Trátase dunha iniciativa subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O pasado xoves, a sede da asociación Íntegro (Nantón-Cabana de Bergantiños) acolleu  a presentación do proxecto BOOR, unha iniciativa artística que busca combinar arte e sostibilidade. Durante o obradoiro, impartido pola responsable da empresa, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto esta innovadora proposta encamiñada á creación de pezas únicas a partir de materiais recollidos nas praias, como boias e flotadores abandonados, fomentando así a reciclaxe e a conciencia ambiental. Así mesmo, os integrantes do noso grupo xuvenil realizaron un pequeno taller empregando a técnica de debuxo que emprega para as súas creacións artísticas.

Esta acción forma parte do programa de actividades xuvenís Reacciona, posto en marcha o pasado mes de maio. Trátase dunha iniciativa promovida coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que ten como obxectivo principal concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos para o coidado do medio ambiente, promovendo ao mesmo tempo a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

Reacciona nace como resposta á necesidade de integrar á mocidade nun modelo de desenvolvemento sostible, apostando pola educación ambiental e a colaboración entre entidades sociais e ambientais. As actividades, que se desenvolverán entre xullo e setembro, inclúen visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais do sector da reciclaxe e da economía circular.

Aprendizaxe, visitas e acción social

Entre os obxectivos específicos do programa destacan:

  • Identificar e clasificar os distintos tipos de plásticos e as súas aplicacións.
  • Coñecer os procesos de fabricación e o impacto ambiental dos produtos plásticos.
  • Fomentar a reflexión crítica e a responsabilidade individual no uso, redución e reutilización destes materiais.
  • Promover o traballo colaborativo entre organizacións sociais e ambientais.

O calendario inclúe ademais estes outros espazos e proxectos de referencia:

  • SOGAMA (11/07): coñecemento de primeira man da xestión integral de residuos en Galicia.
  • Aula do Freixo (24/07): Centro de transformación de residuos mariños
  • Exposición no Aquarium da Coruña (07/07): aproximación á contaminación mariña por plásticos.
  • Aspaneps- Proxecto Ártabro Inclusivo (setembro): sensibilización ambiental e dinamización da rede de colaboradores con limpezas costeiras e actividades divulgativas.
  • Netcycle (09/09): proxecto de Ecoplas baseado na reutilización do desperdicio plástico para darlle unha segunda vida útil.
  • Antonia Studio (pendente confirmar cita): deseño sostible e economía circular.

Tamén se impartirá a charla divulgativa “SOS Planeta Terra” o 28 de xullo e un obradoiro formativo Diversiplás, centrado na transformación de plásticos reciclados en novos obxectos.

Con este programa, Íntegro reafirma o seu compromiso coa xuventude, o medio ambiente e a igualdade de oportunidades, favorecendo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.

As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición a través do teléfono 981 734 985
ou do mail: info@integro.es.

 

post

Inclusión e solidariedade a través da formación do voluntariado

  • As actividades, incluídas no programa de captación, sensibilización e formación do voluntariado financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xiraron arredor da diversidade, a perspectiva de xénero, os primeiros auxilios e a reconversión do plástico
  • Un grupo de 9 persoas menores de 30 anos integra ademais o grupo de voluntariado xuvenil centrado no desenvolvemento de accións en favor do coidado medioambiental e a reciclaxe de plástico

O voluntariado é unha forma de participación da cidadanía na sociedade a través das organizacións do terceiro sector. Por iso, desde Íntegro volvemos apostar, un ano máis, pola posta en marcha dun programa orientado á capacitación e formación de persoas voluntarias que decidan formar parte do equipo da entidade para sumar en positivo nas accións de visibilidade e inclusión efectiva das persoas con diversidade.

Actualmente, a asociación Íntegro conta cun grupo de voluntariado formado por 17 persoas, das que 9 son menores de 30 anos e integrantes do equipo de voluntariado xuvenil que participa no proxecto “O voluntariado coa diversidade Recícla-T”, orientado ao desenvolvemento de accións vinculadas co coidado e a conservación do medio e a reciclaxe de plástico.

Subvencionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, desde o pasado 1 de xaneiro, estamos a levar a cabo un proxecto de actividades de captación, sensibilización e formación dirixido á mocidade, ás persoas con discapacidade e calquera outra persoa que resida nalgún concello da Costa da Morte, e que estea interesada en realizar actividades de voluntariado na área de persoas con diversidade funcional.

Así, desde a área de sensibilización e formación organizáronse numerosos obradoiros enfocados ao público en xeral como o curso de voluntariado e diversidade funcional, realizado nos meses de febreiro e xullo, co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades, proporcionando  coñecementos básicos en materia de diversidade e inclusión (diferenzas entre integración, inclusión e segregación ou as pautas para unha inclusión real) ou ofrecendo unha formación básica sobre medio ambiente para concienciar e sensibilizar arredor da problemática ambiental coa intención de incentivar valores e actitudes positivas e respectuosas co medio natural. O mes de xuño tamén nos deixou unha interesante aprendizaxe arredor da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a través do curso “Introdución á perspectiva de xénero e igualdade de oportunidades”, que resultou un éxito entre a mocidade.

Reciclaxe e reconversión

Setembro tamén resultou ser un mes de intensa actividade formativa con accións encamiñadas á formación de persoas voluntarias arredor do noso proxecto de reciclaxe de plásticos Diversiplás. Neste senso, tras o éxito acadado no mes de abril o pasado día 18 arrincou a segunda edición da “Formación básica: Identificación de plásticos” para aprender a identificar os plásticos e cales son as súas propiedades e principais aplicacións. Nesta liña, esta mesma semana levamos a cabo a terceira edición, tras a de abril e xullo, do obradoiro de reciclaxe e reconversión de plásticos centrada no manexo da maquinaria que temos no noso taller (trituradora, inxectora e extrusora).

Por outra banda, o pasado día 13 puxemos en marcha un taller de “Nocións básicas sobre primeiros auxilios”, que permitiu ao alumnado adquirir coñecementos básicos en materia de prevención de accidentes, procedementos e técnicas de auto-protección e identificación de situacións de urxencia.

Desde Íntegro queremos convidar aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, a sumarse ao equipo de persoas voluntarias de Íntegro. Ademais de visitar os institutos da Costa da Morte para informar e concienciar aos máis novos, a campaña de captación de voluntariado permanece aberta durante todo o ano a través do 981 734 985 ou en info@integro.es.

post

Aberto o prazo de inscrición para participar na I andaina solidaria “Por un millón de pasos”

  • A iniciativa, que terá lugar o 5 de outubro, conta coa colaboración de Máis Porvir Xestión Social e os concellos de Cabana de Bergantiños e Ponteceso
  • Con cada inscrición entregarase unha camiseta conmemorativa e unha viaxe en tren turístico

O vindeiro 5 de outubro, as localidades de Ponteceso e Cabana converteranse no escenario da primeira edición da andaina solidaria Por un Millón de Pasos, un evento aberto á participación de toda a comunidade que promete converterse unha xornada chea de deporte, diversión e solidariedade.

O evento, organizado pola asociación Íntegro en colaboración con Máis Porvir Xestión Social S.L.U., e os concellos de Ponteceso e Cabana, ten como obxectivo compartir novas experiencias coa veciñanza e poñer en valor o patrimonio natural da nosa contorna e a súa accesibilidade para todos e todas.

A andaina, de dificultade baixa e un percorrido de catro quilómetros, dará comezo ás 16:30 horas na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, e finalizará na Praza do Recheo, en Ponteceso. A ruta, que transcorrerá maioritariamente polo paseo de Cabana, é apta para todas as idades. Ademais, a entidade facilitará medios técnicos de apoio e transporte para promover a participación de todas as persoas que desexen unirse. Durante a ruta, proporcionarase avituallamento (auga, froita e doce) a todos os/as participantes para coller folgos durante o camiño.

A xornada rematará ás 19:00 horas cun concerto do grupo “Versión Imposible”, que poñerá o broche de ouro na Praza do Recheo a un día dedicado á solidariedade e á inclusión.

As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse chamando aos teléfonos 981 73 49 85 ou 650 961 649. Con cada inscrición, que ten un custe de 5 euros, farase entrega dunha camiseta conmemorativa e unha viaxe no tren turístico que ese día estará percorrendo a localidade pontecesán. Ademais, haberá agasallos, cedidos por empresas colaboradoras e outros elaborados no noso centro ocupacional,  para os/as participantes que se animen a facer o percorrido con elementos decorativos ou disfraces na cabeza. A organización premiará a orixinalidade dos deseños e a quen o faga en grupo (a modo de comparsa). Valorarase a utilización de materiais sostibles e reciclados.

Desde a asociación Íntegro animamos a toda a veciñanza a sumarse a esta iniciativa solidaria, cuxos fondos recadados irán destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.