post

Preto de 70 mulleres en situación de vulnerabilidade acudiron ao PIMD Rural de Íntegro

  • Desde o pasado mes de setembro, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, atendeu a 69 mulleres das zonas rurais da Costa da Morte
  • As accións de orientación laboral e acompañamento na busca de emprego seguen a incrementarse ano tras ano

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural) vén de clausurar a edición correspondente ao período 2023/2024 cun balance máis que positivo e un notable incremento de usuarias con respecto ao últimos anos. Dende o pasado mes de setembro, foron atendidas preto de 70 mulleres (69), a maioría delas (48) con disCapacidade, sendo as restantes residentes en concellos rurais da Costa da Morte con baixa densidade de poboación.

Ao longo deste exercicio rexistrouse un maior incremento de intervencións na área psicolóxica debido á dispoñibilidade a xornada completa de persoal especializado na atención individualizada e a mediación familiar e/ou intercultural para a resolución de conflitos no ámbito doméstico. Desde O PIMDRural ofrecemos un servizo de continuidade, integrado por tres profesionais: unha psicóloga, unha educadora social e unha traballadora social.

Por outra banda, realizáronse numerosas actuacións encamiñadas á orientación e información e asesoramento en recursos singularizados, actividades para a adquisición de habilidades persoais e/ou sociais, tanto individuais como grupais, dirixidas a grupos reducidos para ofrecer un servizo individualizado, apoio na prospección laboral… Acompañamentos na xestión de todo tipo de trámites (administrativos, de saúde, laborais, de atención e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social.

As accións de orientación laboral e o seguimento na busca de emprego seguen sendo, xunto coa realización de actividades para a mellora da empregabilidade, unhas das prestacións máis requiridas polas usuarias, que nesta edición posibilitaron a inserción laboral de seis persoas.

Este servizo, promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, está encamiñado a fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a tripla discriminación á que están sometidas moitas das beneficiarias do programa.

Programa formativo

Así mesmo, neste último ano, levamos a cabo con gran éxito varios talleres formativos para grupos reducidos sobre diferentes temáticas en atención á demanda das nosas usuarias: manexo do smartphone, autonomía persoal, autocoidados, autodefensa emocional, soidade en positivo, orientacion laboral, busca de emprego en internet, sexting seguro e sexualidade e afectividade baixo o título “se o amor apreta, non é da túa talla”.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.

post

O PIMDRural ofrecerá en xuño un taller sobre “sexting seguro” para mulleres con discapacidade

O prazo de inscrición xa está aberto. As prazas son limitadas!

Desde o Punto de Intervención para Mulleres con Discapacidade do Rural, promovido pola asociación Íntegro e co-financiado polo polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE+ Galicia 2021-2027, chega unha nova edición do ciclo formativo que a entidade ten en marcha coa finalidade de dotar de recursos a un dos colectivos máis vulnerables da sociedade. Desta volta, a nova acción xirará arredor do “Sexting seguro”, unha practica moi estendida e normalizada desde a pandemia baseada no intercambio de fotografías e outros contidos audiovisuais con fins eróticos, sobre a que convén poñer o foco de atención.

Para elo, no mes de xuño a psicóloga do centro María Redonda impartirá un taller especializado nesta temática para que as mulleres participantes saiban como protexerse e cales son as canles máis seguras para facelo. Será durante o mes de xuño.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse canto antes  chamando ao 981 734 985 – 650 961 649 ou enviando un mail a info@integro.es. Dado que está orientado a grupos reducidos, as prazas son limitadas. Bule e non quedes sen a túa!

post

Un grupo de mulleres do PIMDRural visita unha empresa de reciclaxe téxtil

  • Esta iniciativa, na que tamén participaron persoas usuarias do centro ocupacional, desenvolveuse dentro do programa de acompañamento na busca de emprego 
  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural está promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE+ Galicia 2021-2027 

No que vai de ano, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural), que promove a asociación Íntegro, continúa a desenvolver a súa labor no ámbito da Costa da Morte a favor das mulleres prioritariamente con discapacidade das zonas rurais.

Durante o período 2022-2023, prestouse atención a 68 mulleres da nosa contorna, a maioría delas con algún tipo de discapacidade. Unha psicóloga, unha educadora social e unha traballadora social son as encargadas de prestar unha ampla variedade de servizos para atender as demandas de todas as usuarias. Ademais de ofrecer información, orientación e asesoramento en cuestións relativas á discapacidade e á dependencia, o  apoio na busca activa de emprego e orientación laboral, encamiñada á adquisición de habilidades persoais e sociais, e os acompañamentos na prospección laboral das participantes a través de visitas a diferentes empresas, figura entre as prestacións máis solicitadas. Neste senso, un grupo de mulleres do Punto de Intervención veñen de realizar, xunto a algunhas persoas usuarias do noso centro ocupacional, unha visita ás instalación da empresa Coleo Recycling, pioneira na reciclaxe de téxtil a través dun  proceso completamente circular no que as prendas recicladas convértense en teas ou fíos coas que se confeccionan outras pezas e se reduce o gran volume deste tipo de residuo. Así mesmo, esta compañía tamén está comprometida coa diversidade, xa que o 90% dos seus traballadores son persoas cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%.

Outros servizos

A atención psicolóxica ou o de mediación tamén figura entre as prestacións máis demandadas xunto co acompañamento na xestión de calquera tipo de trámite ou o apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social. No caso de mulleres con mobilidade reducida, dispoñemos de transporte adaptado para facilitar os seus desprazamentos. De feito, un dos máis demandados foi a visita a centros sanitarios e outras administracións públicas ou en entidades bancarias para a realización de trámites básicos.

Este programa está co-financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade a través de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, subvencionado parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es. As persoas interesadas tamén poden acudir ao noso centro de Nantón (Cabana de Bergantiños) sen necesidade de cita previa. Desde o Punto de Intervención achegarémonos ata calquera punto da Costa da Morte para facilitar o acceso de todas as mulleres que o precisen aos nosos recursos e servizos.

post

A directora xeral de Persoas con Discapacidade pon en valor o labor desempeñado por Íntegro e Máis Porvir durante a súa primeira visita a Nantón

Begoña Abeijón, que acudiu acompañada do vicepresidente de COGAMI, percorreu as instalacións e interesouse pola posta en marcha dalgúns dos proxectos levados a cabo en 2023 como a instalación de paneis fotovoltaicos e a adquisición dun novo furgón

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, realizou este xoves a súa primeira visita institucional a Íntegro para coñecer de primeira man o funcionamento do noso centro de día e ocupacional, así como o centro especial de emprego Máis Porvir Xestión Social, xunto ao vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo Lestón. Ademais, durante a súa estancia en Nantón, estiveron acompañados polo presidente da entidade, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño, representantes do Concello de Cabana e varios directivos de Íntegro.

Supervisar algúns dos proxectos levados a cabo en 2023, como a instalación de paneis fotovoltaicos e baterías no centro de Recursos, que co-financiou nun 85% a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través de COGAMI e con cargo aos fondos do IRPF da declaración da renda, ou visitar o parque móbil da entidade, que vén de ampliarse coa adquisición dun novo furgón subvencionado cos fondos europeos NextGeneration, foron dous dos obxectivos prioritarios desta visita. Pero tamén houbo tempo para achegarse a coñecer as diferentes dependencias (talleres, cociña, invernadoiros, ximnasio, etc…) e conversar coas persoas usuarias co obxectivo de coñecer o seu día a día e as súas necesidades máis inmediatas.

Así mesmo, Abeijón interesouse especialmente polo funcionamento do taller Diversiplás, o proxecto medioambiental de economía circular de Íntegro destinado ao tratamento e valorización do plástico para lograr unha Costa da Morte máis sostible e favorecer o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade.  Neste senso, avogou por seguir actuando da man das entidades sociais para que os servizos e programas cheguen realmente a onde son necesarios, e proporcionen as ferramentas adecuadas para a adquisición de novas habilidades e maior autonomía. Pola súa banda, López Baña agradeceu a visita e lembrou a importancia de contar co apoio institucional para lograr sacar adiante novos proxectos que melloren de maneira notable a calidade de vida das persoas usuarias e a súa inclusión laboral e social no ámbito rural.

 

post

Íntegro amplía o parque móbil coa adquisición dun furgón

Dita adquisición está financiada con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea-NextGenerationEU e o apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Xuventude

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de adquirir un novo vehículo adaptado, con capacidade para nove persoas, que permitirá mellorar o servizo de transporte dos seus usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. Así mesmo, con este novo vehículo a entidade vén a modernizar a actual flota coa finalidade de mellorar a eficiencia da mesma e diminuír as emisións contaminantes contribuíndo así a unha economía sostible.

Dita adquisición foi posible grazas ao financiamento da Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, e o apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, amosou a súa satisfacción por dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional e lembrou a importancia de dotar ás entidades sociais dos medios e recursos necesarios para eliminar os problemas de accesibilidade e transporte á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.