post

3 de decembro: Día Internacional das persoas con discapacidade

Noelia Barreira Castiñeira, directora Centro Recursos asociación INTEGRO

Transporte AdaptadoImaxinas non poder decidir sobre a túa propia vida? A pesares de parecer isto unha visión distópica, a realidade é que ó longo da historia negóuselles sistematicamente ás persoas con discapacidade a posibilidade de adoptar decisións e exercer o control de maneira persoal e individual en todas as esferas da súa vida.

Isto débese a que a sociedade non está baseada nunha participación activa, senón que aínda ten trazos autoritarios que en moitas ocasións nos pasan desapercibidos.

O artigo 19 da Convención sobre os dereitos das persoas con Discapacidade recoñece o dereito en igualdade de condicións de todas as persoas con discapacidade a vivir de maneira independente e a ser incluídas na comunidade, coa liberdade de elixir e controlar a súa vida.

Cando falamos de desinstitucionalización facémolo referíndonos a un proceso para cambiar o modelo das institucións a un modelo de apoios na comunidade. Un camiño co que lograr que os colectivos vulnerables, neste caso as persoas con discapacidade recuperen a súa autonomía e independencia.

Os dereitos e a autodeterminación son dúas das dimensións da calidade de vida que teñen que tomar especial relevancia no modelo de coidados, onde estes dous conceptos son a base de calquera intervención que se propoña para a mellora do benestar e a consecución das condicións de vida desexadas por unha persoa.

Neste cambio de modelo hai 2 aspectos clave:  dunha banda, que este proceso estea dirixido polas propias persoas con discapacidade para garantir que o cambio se axuste ás súas decisións da mellor forma posible, e doutra banda, que é imprescindible adaptar os servizos de apoio ás persoas de forma individualizada vinculándoos ás redes comunitarias, de forma que fomenten a inclusión da persoa.

A calidade de vida dunha persoa con discapacidade aumenta cando se lle da o poder de participar en decisións que afectan a súa vida. A participación da persoa na elección do seu plan de vida futura, a participación en aspectos tales como a elección do lugar onde vivir, con quen facelo, que comer, se nos gusta durmir ata tarde ou deitarnos máis aló das 21:00 horas, se preferimos saír ou quedar na casa, se nos gusta poñer mantel na mesa, se queremos ter animais de compañía ou escoitar música… Todas estas eleccións deben ser totalmente independentes do apoio que requiran.

Este é un cambio de modelo complexo, un traballo de fondo, conxunto entre asociacións, entorno, familias e persoas con discapacidade co fin de crear sinerxías e redes de apoio, que sumado a un desenrolo adecuado dos roles profesionais son factores básicos para o éxito.

As sementes que plantemos hoxe determinarán o froito do mañá, por tanto dende as entidades sociais, como é INTEGRO, potenciemos o papel dos membros da familia para que apoien aos familiares con discapacidade a facer efectivo o seu dereito a vivir de forma independente e dotemos ás persoas con discapacidade das ferramentas necesarias, escoitémolas e fagámolas partícipes para que as súas capacidades poidan brillar.

post

Seis entidades da provincia participaron nunha xornada inclusiva de Xogos Populares

O pavillón municipal de Cabana de Bergantiños acolleu unha nova edición desta competición lúdico-deportiva que logrou reunir a representantes de diferentes asociacións da provincia

O polideportivo de Cabana de Bergantiños foi o escenario elixido pola asociación Íntegro para celebrar os seus tradicionais Xogos Populares, un evento lúdico-deportivo que logrou reunir esta mesma mañá a representantes de diferentes entidades sociais da provincia nunha xornada que mesturou deporte, diversión e convivencia coa posta en valor dos xogos tradicionais.

Integrantes das asociacións Ambar, Adisbismur, Misela, A Creba Saúde Mental e Avante foron os protagonistas desta edición xunto cun nutrido grupo de escolares do CPI As Revoltas, convertida xa en punto de encontro anual e nun referente en toda a Costa da Morte.

A xornada inclusiva deu comezo ás 11.30 horas con dous grandes clásicos: a agardada “carreira de peixes” e o xogo da “pesca”, que deron paso á “cruz de espigos” e a unha entretida “encesta de castañas”. Ata as 13.15 horas, todos os/as participantes compartiron vivencias, diversión e moitas risas, sen descoidar a competición e as ganas de facerse co podio. Ao finalizar, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña e o alcalde de Cabana José Muíño xunto ao concelleiro de Obras e Servizos Carlos Allo foron os encargados de facer entrega dos premios aos equipos gañadores, que foron os seguintes:

  • Carreira de  peixes: 1º Ambar; 2º Íntegro; 3º Avante
  • Pesca: 1º Avante; 2º Adisbismur; 3º Íntegro
  • Cruz de espigos: 1º Íntegro; 2º Ambar; 3º Misela
  • Encesta de castañas: 1º A Creba; 2º Íntegro; 3º Ambar

A xornada rematou cun xantar popular para todos os asistentes, que tivo lugar no pavillón municipal, e no que non faltou boa música, moito baile e unha espectacular sesión de karaoke coa que se puxo o broche final a unha xornada para o recordo. Vémonos en 2025!

post

Íntegro e o Concello de Cabana asinan un convenio para a posta en marcha dunha experiencia piloto de vida independente para persoas con discapacidade

  • Trátase da cesión temporal de dúas vivendas sociais, totalmente equipadas e adaptadas, situadas nas antigas casas dos mestres xunto ao CIP As Revoltas
  • Esta iniciativa experimental pretende sentar as bases para a futura xestión de novos programas de vivenda con apoio

A asociación Íntegro vén de asinar un convenio de colaboración co Concello de Cabana para a cesión de uso temporal de dúas vivendas sociais destinadas a promover a inclusión e autonomía persoal de persoas con diversidade funcional.

A través da posta en marcha do proxecto “Experiencia piloto Vida Independente”, a entidade que preside Adolfo López Baña desenvolverá, ao longo do segundo semestre de 2024, unha iniciativa pioneira e experimental que proporcione as claves necesarias para a futura xestión de novos programas de vivenda con apoio.

O acto de sinatura, celebrado o pasado venres na Casa do Concello, contou coa presenza do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; un dos vogais da Xunta Directiva, David Pombo, e o alcalde de Cabana, José Muíño. “Este é un primeiro paso para sentar as bases de novos recursos de proximidade e apoio, moi demandado polas familias das persoas usuarias do noso centro de día e ocupacional para evitar o desarraigo familiar que moitas veces se produce cando unha persoa ten que desprazarse a unha residencia fóra da súa contorna”, destacou López Baña. Neste senso, o rexedor cabanés incidiu tamén na importancia deste tipo de iniciativas que “favorecerán a plena inclusión de persoas con discapacidade comezando por un dereito tan básico como o acceso a unha vivenda”, recalcou.

Cada un dos apartamentos, situados nas antigas casas dos mestres xunto ao CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, conta con cociña, salón-comedor, baño con ducha e tres habitacións totalmente equipadas para habitar. Ademais, todos os espazos son accesibles e están adaptados para persoas con mobilidade reducida.

De cara a lograr unha inclusión plena e integral, todas as persoas que participen nesta experiencia piloto recibirán os coñecementos e ferramentas necesarias para o desenvolvemento da súa autonomía e habilidades básicas, ao tempo que se fomentará o ocio e a utilización dos propios recursos da contorna para favorecer a economía local.

Desde Íntegro queremos agradecer ao Concello de Cabana a súa permanente aposta e implicación na posta en marcha de iniciativas que promoven a inclusión social das persoas con diversidade funcional, e a confianza depositada na nosa entidade para o desenvolvemento de proxectos tan relevantes para a nosa comunidade como este.

post

A prevención da lesión medular e Diversiplás espertan conciencias no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco

No que vai de ano, a entidade de Nantón xa leva ofrecido accións formativas a máis de 100 alumnos e alumnas da Costa da Morte

A campaña de prevención da Lesión Medular de Íntegro continúa o seu percorrido polos centros educativos da Costa da Morte coa finalidade de reducir os índices de discapacidade adquirida entre a mocidade. O CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco foi o destino elixido para a segunda xornada de sensibilización deste 2024, tras a sesión informativa levada a cabo o pasado mes de xaneiro no CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños. No que vai de ano, a entidade de Nantón xa leva ofrecido accións formativas a máis de 100 alumnos e alumnas da Costa da Morte.

O pasado xoves 21, a educadora social de Íntegro Tania Bartucca ofreceu unha charla ao alumnado de 4º da ESO para concienciar a un dos principais grupos de risco sobre a necesidade de evitar graves lesións de consecuencias irreparables. Accidentes domésticos, caídas, mergullos en zonas perigosas e unha condución arriscada son algunhas das principais causas, especialmente entre a poboación máis nova. O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, tamén participou nesta actividade poñendo o foco na importancia da prevención como única medida efectiva para diminuír a sinistralidade entre a mocidade. A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular, así como as barreiras físicas e sociais ás que debe facer fronte.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña, que constitúe unha das principais accións do programa Capacíta-T, ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, poden poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Diversiplás

Por outra banda, máis de 50 alumnos de 5º e 6º de primaria do CPI Xosé Pichel de Coristanco participaron nunha xornada de sensibilización en materia de recuperación e valorización de residuos plásticos, enmarcada no programa Capacíta-T. Logo de dar a coñecer aos escolares a nosa entidade e o proxecto medioambiental Diversiplás, explicámoslles conceptos relacionados coa reciclaxe e os diferentes tipos de plásticos, facendo especial fincapé na importancia de darlle unha segunda vida ás cousas desde a infancia.

Dentro da campaña que estamos levando a cabo este ano nos colexios da Costa da Morte coa intención de implicar á comunidade educativa na recolecta de residuos, ao centro coristanqués asignóuselle a recollida de tapóns de cor lila, rosa e morado que se destinará á fabricación de novos produtos. Agora só queda esperar á recolecta da nova materia prima e dar as grazas por tanta colaboración e interese.

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación de toda a comunidade educativa na difusión das campañas de sensibilización que temos en marcha co obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as apostando por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

post

Íntegro volve ás aulas cunha nova edición da Diverescola

O CPI de Zas foi a primeira parada desta iniciativa, incluída no programa Capacíta-T, para a achegar ao alumnado de infantil e primaria da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento

A asociación Íntegro vén de poñer en marcha unha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida pola entidade de Nantón, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento. A primeira saída da nova campaña levouse a cabo o pasado xoves 14 e tivo como destino o CPI de Zas.

No caso do alumnado de 6º de educación infantil, a xornada de sensibilización consistiu na lectura dun “contacontos guiado” coa finalidade de traballar os conceptos de Discapacidade e Inclusión. Ademais, realizáronse outras actividades lúdicas arredor desta temática a través da técnica do “muralismo” para intercambiar ideas e afianzar conceptos. Pola súa banda, nas aulas de 2º de primaria tamén houbo tempo para achegarse á diversidade a través do relato de “Súper Lucía”.

As vindeiras citas terán lugar xa en 2024. A primeira será nada máis regresar das vacacións de Nadal (xoves 11) no CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e o xoves 18 no CEIP O Areal de Camariñas.

Educación en valores

Diverescola é unha acción de sensibilización desenvolvida por Íntegro, no marco do programa de capacitación da sociedade Capacíta-T, encamiñada a educar en valores ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos da Costa da Morte, co obxectivo de formar, xunto ao profesorado, persoas comprometidas coa diversidade funcional, romper as barreiras mentais e propiciar a normalidade e a inclusión real. A través do xogo e o entretemento, os máis cativos/as terán a oportunidade de reflexionar e flexibilizar sobre crenzas erróneas, xa consolidadas, en torno ás persoas que son diferentes e/ou teñen diferentes capacidades, ata darse conta das súas potencialidades, aprender a respectalas e descubrir que a riqueza e a importancia da diversidade. Deste xeito, promoveremos actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade a través da lectura de contos, o proxección dunha curtametraxe e diferentes xogos de barreiras.

Enmarcadas dentro do programa Capacíta-T conviven outras iniciativas orientadas a sensibilizar ao alumnado de 4º e 5º de EP da Costa da Morte en materia de diversidade como é Visítanos, unha acción que pretende sumar en positivo dentro das actividades de visibilidade e inclusión efectiva das persoas con diversidade, na que os/as escolares son os verdadeiros protagonistas, xunto coas nosas persoas usuarias. Trátase de gozar dunha xornada de convivencia, coñecemento e intercambio para enriquecer e dotar ao alumnado participante dunha mellor empatía e sensibilidade, que lles permitirá coñecer o centro, as instalacións e as nosas actividades. A actividade, de 2 horas e media de duración, consistirá nunha breve recepción e presentación, visita ao taller de reciclaxe de plástico Diversiplás, unha sesión na escola de cociña, talleres ocupacionais, obradoiros de artes manuais, circuítos de mobilidade en cadeira de rodas “ponte no meu lugar” e acto clausura con exposición dun balance final da actividade. A primeira xornada post-pandemia terá lugar o 11 de xaneiro para recibir aos escolares do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños.

A xa tradicional campaña de prevención de lesións medulares para escolares da ESO arrincará tamén co novo ano, concretamente o 23 de xaneiro no CPI de Cabana. Vémonos nas aulas!

 

 

post

A accesibilidade nas praias

Sol, calor, area, hamacas, baño no mar….

Achégase o verán e dá comezo a tempada de praias. As persoas somos diversas, e segundo os gustos de cada unha pode agradar máis ou menos desfrutar do ocio nas praias, pero estas, sendo un servizo público, deben estar accesibles para TODAS as persoas.

Se nos poñemos a buscar praias accesibles, debemos de ter en conta as que posúen bandeira azul, distinción que a Fundación Europea de Educación Ambiental outorga anualmente a praias e portos cunha serie de condicións nas súas instalacións e uns requisitos ambientais.

Para que unha praia sexa posuidora de bandeira azul, debe cumprir uns criterios como a calidade da auga, a seguridade, a prestación de servizos xerais e a xestión e sustentabilidade ambiental. Estes criterios son avaliados para garantir unhas instalacións en bo estado, pero isto non quere dicir que sexan praias accesibles, xa que, os seus puntos adaptados que existen poden non satisfacer a todas as persoas, ou ser nulos. 

A accesibilidade debe transformarse e tela en conta para todo, abrangue máis que adaptar un lugar para unha cadeira de rodas. A accesibilidade ten que ser pensada e creada para TODAS as persoas, incluíndo persoas con mobilidade reducida, que empreguen bastón, muleta, andador; pais e nais con carriños de bebé, persoas con discapacidade auditiva, visual (ou ambas)… e non ser excluínte como ocorre na maioría das ocasións.

Debemos favorecer a adaptación ao medio sabendo que a lexislación non ampara ás praias da Costa da Morte, xa que son praias naturais e non teñen que cumprir coa normativa. Non estaría de máis, o apoio das administracións públicas. Axudaría a poñer o enfoque nunha sociedade máis INCLUSIVA.

As persoas maiores e as persoas con discapacidade son os colectivos que máis consumen os produtos e servizos turísticos. O turismo é unha fonte de riqueza, e ten que ser sustentable, accesible e un turismo para todas as persoas.

Por VIRGINIA VÁZQUEZ.- Departamento accesibilidade INTEGRO

post

Doce usuarios/as de Íntegro desfrutan dos beneficios da natación terapéutica

Trátase dunha actividade, dirixida principalmente a persoas con dificultade de mobilidade, que se desenvolve unha vez á semana desde hai máis dunha década na piscina municipal de Cabana

Un ano máis, un grupo de usuarios e usuarias do noso Centro de Día e do Centro Ocupacional veñen de iniciar un novo curso de natación terapéutica na piscina municipal de Cabana para mellorar a súa coordinación, equilibrio e autonomía persoal, pero tamén para desfrutar dunha morea de xogos e actividades no medio acuático.

Nesta edición, doce persoas con discapacidade benefícianse xa desta actividade deportiva complementaria, enmarcada no programa de saúde e benestar do departamento de Fisioterapia da asociación Íntegro, que utiliza a auga cun fin correctivo e preventivo. De feito, a súa práctica está recomendada por médicos e especialistas como terapia continuada, especialmente, no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes con algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.

Como en anos anteriores, a duración do curso de natación terapéutica será de outubro a xuño, unha vez á semana (xeralmente os venres). Acompañados/as de tres monitoras de apoio e unha profesora especializada en natación adaptada, o alumnado, na súa maioría con dificultades de mobilidade,  non só aprende a nadar, senón que tamén realiza exercicios de estimulación para contribuír a mellorar o seu funcionamento muscular e articular. Ademais dos innumerables beneficios físicos, as sesións repercutirán positivamente na adquisición dunha maior auto-confianza, independencia e capacidade de socialización.

Coa finalidade de adaptar as clases ás necesidades individuais de cada alumno/a e prestar unha atención totalmente personalizada, o número de participantes é sempre moi reducido. Este ano, son doce os beneficiarios/as deste programa que, cada edición, renova o alumnado para garantir a participación de todos/as e cubrir así a demanda existente. Ademais, ao longo do curso contaremos coa colaboración dun persoa voluntaria para prestar apoio en tarefas auxiliares e  ofrecer así un servizo de maior calidade.

Agardamos que esta edición dea resultados tan positivos como en anos anteriores e que os nosos usuarios/as gocen dunha experiencia saudable e divertida a partes iguais. Non perdades de vista os seus progresos!!

post

Persoas usuarias do Centro Ocupacional visitan varias empresas da Costa da Morte

A actividade, incluída no programa de formación, orientación e inserción laboral, pretende potenciar as habilidades ocupacionais e pre-laborais das persoas con diversidade funcional

Dentro do programa de formación, orientación e inserción laboral, que se desenvolve no Centro Ocupacional Íntegro co obxectivo de promover a autonomía persoal e a vida independente das persoas con diversidade funcional, un grupo de usuarios e usuarias, acompañados/as do persoal voluntario da entidade, veñen de realizar unha rolda de visitas a varias empresas da Costa da Morte para coñecer os diferentes perfís profesionais que existen na contorna, analizar os sectores aos que pertencen e achegarse ás súas rutinas de traballo.

Para complementar a formación teórica en materia de orientación e inserción laboral, que cada semana se leva a cabo nas dependencias de Nantón (Cabana de Bergantiños), o pasado mes de setembro realizáronse varias saídas a empresas da contorna para posibilitar a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades ocupacionais e pre-laborais necesarias para unha plena inclusión no mercado de traballo.

Agrosoneira, Eroski, Granxa Os Loureiros e Comercial Benedicto foron os novos destinos deste programa, co que tamén se pretende potenciar as capacidades individuais, a participación na vida social e a mellora da autonomía e a autoestima das persoas con diversidade. Ademais de amosarse interesados/as no funcionamento interno das empresas, os usuarios e usuarias do Centro Ocupacional quixeron coñecer máis a fondo as rutinas de traballo que se desenvolven a diario en cada unha. Quizais coa intención de formar parte delas algún día! Desde Íntegro desexamos que así sexa!

post

A Diverescola chega ás unitarias de Traba e Torrexallóns, en Laxe

Un total de 15 nenos e nenas de educación infantil participaron nesta iniciativa, enmarcada no programa Capacíta-T, para a achegar a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento

Un total de 15 nenos e nenas das escolas unitarias de Torrexallóns e Traba de Laxe veñen de participar nunha nova xornada de sensibilización posta en marcha pola asociación Íntegro. Nesta ocasión, foi a través da Diversescola, unha iniciativa do programa Capacíta-T deseñada para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Dada a curta idade do alumnado, a actividade centrouse exclusivamente na representación dun “contaconto guiado”, que logrou atraer o interese e a participación da cativada, tanto na escenificación da lectura como nas conversas mantidas ao remate para afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade. Unha experiencia, sen dúbida, moi enriquecedora na que diversión e aprendizaxe foron da man.

Educación en valores

Diverescola é unha acción de sensibilización desenvolvida por Íntegro, no marco do programa de capacitación da sociedade Capacíta-T, encamiñada a educar en valores ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos da Costa da Morte, co obxectivo de formar, xunto ao profesorado, persoas comprometidas coa diversidade funcional, romper as barreiras mentais e propiciar a normalidade e a inclusión real. A través do xogo e o entretemento, os máis cativos/as terán a oportunidade de reflexionar e flexibilizar sobre crenzas erróneas, xa consolidadas, en torno ás persoas que son diferentes e/ou teñen diferentes capacidades, ata darse conta das súas potencialidades, aprender a respectalas e descubrir que a riqueza e a importancia da diversidade. Deste xeito, promoveremos actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade.

post

A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro visita o CPI Cabo da Area de Laxe

29 escolares de 3º e 4º da ESO participaron no día de onte nunha xornada de sensibilización que contou cunha charla informativa, a proxección dun vídeo e o testemuño dun lesionado medular

Neste mes de marzo, a campaña de prevención da lesión medular de Íntegro volveu ás aulas coa celebración dunha xornada de sensibilización no CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, na que participaron 29 alumnos de 3º e 4º da ESO. A actividade, incluída na programación conmemorativa do 30º aniversario da entidade, xirou arredor das causas e consecuencias dos accidentes medulares para concienciar aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco en estradas, praias e piscinas, como principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

A sesión informativa, celebrada onte á mañá, contou coa participación do presidente de Íntegro Adolfo López Baña, encargado de explicar ao alumnado os motivos que se agochan tras os accidentes medulares, e José Manuel, un voluntario do programa, que expuxo o seu caso e deixou impresionado tanto ao alumnado como ao profesorado co seu exemplo de forza, coraxe e superación. A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”. Ao remate, celebrouse un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular. Nesta ocasión, debido á situación actual derivada da COVID-19, non se realizaron as habituais sesións prácticas, que agardamos poder retomar en breve.

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.