post

Íntegro impulsa accións de sensibilización e prevención das violencias machistas arredor do 25N

 A entidade organizará actividades de convivencia, formación e coñecemento dos recursos públicos, ademais de participar en iniciativas reivindicativas para visibilizar a situación das mulleres con discapacidade

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a asociación Íntegro desenvolve durante este mes diferentes accións de sensibilización e prevención das violencias machistas, con especial atención á realidade das mulleres con discapacidade.

A programación comezou este xoves 12 cunha saída a Zas na que participou un grupo de mulleres usuarias dos servizos da entidade. A actividade incluíu un almorzo de convivencia nun establecemento da localidade, favorecendo o encontro, o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.

O 20 de novembro, profesionais de Íntegro asistirán a unha xornada formativa organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo, dirixida a compartir coñecementos e experiencias no ámbito da prevención e atención das violencias contra as mulleres.

O día 24 celebrarase en Nantón un novo encontro de mulleres «Café e conversa», ás 11.00 horas. Será un espazo de participación e reflexión no que as usuarias poderán compartir experiencias e abordar cuestións relacionadas coa igualdade, os seus dereitos e a prevención das violencias machistas.

Ao día seguinte, o mércores 25, Íntegro participará nos actos conmemorativos organizados polo Concello de Cabana de Bergantiños baixo o lema «Contra a violencia de xénero, unindo voces, rompendo silencios». A programación terá lugar ás 11.00 horas na Casa do Pendón.

A actividade continuará o 26 de novembro cunha visita ao Centro de Información á Muller de Zas. As participantes coñecerán o funcionamento deste servizo, os recursos dispoñibles e as posibilidades de información, atención e acompañamento que ofrece.

Visibilizar a violencia contra as mulleres con discapacidade

Coincidindo co 25N, Íntegro difundirá tamén un vídeo nas súas redes sociais para denunciar todas as formas de violencia machista e reivindicar o dereito das mulleres a vivir libres de medo e a decidir sobre as súas propias vidas.

A entidade lembra que a violencia non se limita ás agresións físicas. O control, a manipulación, a humillación, o illamento ou a limitación da autonomía tamén son formas de violencia que poden permanecer ocultas.

Esta realidade presenta dificultades engadidas para as mulleres con discapacidade, que poden atoparse con barreiras relacionadas coa dependencia, o illamento social, a falta de accesibilidade á información ou as dificultades para acceder aos recursos de atención e protección.

Segundo os datos recollidos na campaña de sensibilización da entidade, unha de cada catro mulleres con discapacidade afirma ter vivido algunha situación de violencia ao longo da súa vida.

Un compromiso durante todo o ano

A prevención e atención das violencias machistas forman parte do traballo continuado de Íntegro. Entre os recursos cos que conta a entidade destacan o servizo de psicoloxía, o Punto de Intervención para Mulleres con Discapacidade (PIMD) no ámbito rural, os talleres de afectividade e sexualidade e os servizos de información e asesoramento.

A través destas iniciativas, Íntegro traballa para reforzar a autonomía persoal, facilitar ferramentas para identificar posibles situacións de abuso ou violencia e garantir que as mulleres con discapacidade coñezan e poidan exercer os seus dereitos.

A entidade insiste na necesidade de incorporar unha perspectiva inclusiva á loita contra as violencias machistas, eliminando as barreiras que dificultan a prevención, detección e atención e garantindo a todas as mulleres o acceso aos recursos e mecanismos de protección.

post

O presidente de Íntegro e o alcalde de Cabana visitan as novas vivendas sociais para persoas con discapacidade

Esta Experiencia Piloto de Vida Independente, co-financiada pola Xunta de Galicia, a través da COGAMI con fondos procedentes do 0,7% do IRPF, pretende sentar as bases para a futura xestión de novos programas de vivenda con apoio

O presidente da asociación Íntegro Adolfo López Baña visitou esta mañá, xunto ao alcalde de Cabana de Bergantiños José Muiño e a directora do centro de recursos Noelia Barreira, as antigas casas dos mestres, nas que a entidade está a desenvolver unha Experiencia Piloto de Vida Independente, grazas á cesión de dúas vivendas sociais realizada polo consistorio cabanés, e ao co-financiamento da Xunta de Galicia, a través da COGAMI con fondos procedentes do 0,7% do IRPF (casiña 106 da declaración da renda para fins sociais).

O proxecto, que deu comezo o pasado 1 de setembro, pretende mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade do rural da Costa da Morte dotándoas de habilidades para levar a cabo unha vida autónoma e independente. Trátase dun recurso baseado na prestación de servizos de proximidade, centrado na persoa e adaptado de forma individualizada a cada usuario/a, tendo en conta os perfís tan similares e á vez dispares, debido ás características da súa discapacidade (principalmente, intelectual). Deste xeito, procuramos que os/as beneficiarias deste programa permanezan na súa zona de influencia, evitando o desarraigamento e a realización de desprazamentos innecesarios e custosos, por mor da gran dispersión xeográfica que existe na Costa da Morte. Neste senso, López Baña destacou a importancia de “contar con novos recursos de proximidade e apoio tan demandados polas familias das persoas usuarias do noso centro de día e ocupacional para evitar o distanciamento que se produce cando unha persoa se despraza a unha residencia fóra da súa contorna”. Pola súa banda, o rexedor cabanés asegurou que “este tipo de iniciativas, que posibilitan o acceso á vivenda, son as garanten a plena inclusión de persoas con discapacidade”.

Cada un dos apartamentos, situados nas antigas casas dos mestres xunto ao CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, conta con cociña, salón-comedor, baño con ducha e tres habitacións totalmente equipadas para habitar. Ademais, todos os espazos son accesibles e están adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Actualmente, benefícianse deste proxecto dúas persoas con discapacidade, que  reciben diariamente supervisión e apoio para a realización das actividades básicas da vida diaria.

post

Instalados 24 paneis fotovoltaicos e baterías en Íntegro dos que se beneficiarán 45 persoas usuarias

O proxecto está co-financiado pola Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF da declaración da renda procedentes de marcar o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social” 

Este ano, a  asociación Íntegro levou a cabo un proxecto de “Instalación de paneis fotovoltaicos e baterías no centro de recursos Integro”, do que se beneficiarán as 45 persoas usuarias do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte.

Esta actuación, que consistiu na instalación de 24 paneis fotovoltaicos colocados nun terreo anexo ao centro, está destinada á xeración de enerxía eléctrica para o autoconsumo que permitirá lograr beneficios económicos e medioambientais grazas á diminución da contaminación atmosférica e dos gases efecto invernadoiro.

O proxecto conta coa financiación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que subvenciona, a través de COGAMI o 85% do gasto grazas aos fondos do IRPF procedentes do cadro 106 de  “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a propia entidade e a Deputación Provincial da Coruña, con cargo á convocatoria FOIE 2023, asumirán o 15% restante.

A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que dende 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional que prestan servizo a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños) forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).