post

Íntegro e o Concello de Cabana asinan un convenio para a posta en marcha dunha experiencia piloto de vida independente para persoas con discapacidade

  • Trátase da cesión temporal de dúas vivendas sociais, totalmente equipadas e adaptadas, situadas nas antigas casas dos mestres xunto ao CIP As Revoltas
  • Esta iniciativa experimental pretende sentar as bases para a futura xestión de novos programas de vivenda con apoio

A asociación Íntegro vén de asinar un convenio de colaboración co Concello de Cabana para a cesión de uso temporal de dúas vivendas sociais destinadas a promover a inclusión e autonomía persoal de persoas con diversidade funcional.

A través da posta en marcha do proxecto “Experiencia piloto Vida Independente”, a entidade que preside Adolfo López Baña desenvolverá, ao longo do segundo semestre de 2024, unha iniciativa pioneira e experimental que proporcione as claves necesarias para a futura xestión de novos programas de vivenda con apoio.

O acto de sinatura, celebrado o pasado venres na Casa do Concello, contou coa presenza do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; un dos vogais da Xunta Directiva, David Pombo, e o alcalde de Cabana, José Muíño. “Este é un primeiro paso para sentar as bases de novos recursos de proximidade e apoio, moi demandado polas familias das persoas usuarias do noso centro de día e ocupacional para evitar o desarraigo familiar que moitas veces se produce cando unha persoa ten que desprazarse a unha residencia fóra da súa contorna”, destacou López Baña. Neste senso, o rexedor cabanés incidiu tamén na importancia deste tipo de iniciativas que “favorecerán a plena inclusión de persoas con discapacidade comezando por un dereito tan básico como o acceso a unha vivenda”, recalcou.

Cada un dos apartamentos, situados nas antigas casas dos mestres xunto ao CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, conta con cociña, salón-comedor, baño con ducha e tres habitacións totalmente equipadas para habitar. Ademais, todos os espazos son accesibles e están adaptados para persoas con mobilidade reducida.

De cara a lograr unha inclusión plena e integral, todas as persoas que participen nesta experiencia piloto recibirán os coñecementos e ferramentas necesarias para o desenvolvemento da súa autonomía e habilidades básicas, ao tempo que se fomentará o ocio e a utilización dos propios recursos da contorna para favorecer a economía local.

Desde Íntegro queremos agradecer ao Concello de Cabana a súa permanente aposta e implicación na posta en marcha de iniciativas que promoven a inclusión social das persoas con diversidade funcional, e a confianza depositada na nosa entidade para o desenvolvemento de proxectos tan relevantes para a nosa comunidade como este.