post

As campañas de sensibilización de Íntegro percorren de novo os centros educativos da Costa da Morte  

A entidade de Nantón vén de poñer en marcha unha nova edición da Diverescola, orientada á cativada, e da campaña de prevención da Lesión Medular para a mocidade

Unha nova edición da campaña de prevención da Lesión Medular de Íntegro botou a andar esta mesma semana na Costa da Morte co obxectivo de seguir informando e concienciando neste 2023 aos nosos mozos e mozas. O CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, foi o centro elixido para celebrar as primeiras xornadas de sensibilización, nas que participaron arredor dunha trintena de estudantes de 4º da ESO.

A sesión informativa, ofrecida o pasado martes pola educadora social de Íntegro Tania Bartucca, contou tamén coa participación do presidente da entidade de Nantón Adolfo López Baña, que se encargou de explicar ao alumnado os motivos que se agochan tras os accidentes medulares ademais de incidir na necesidade de evitar prácticas de risco en estradas, praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre a mocidade. A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular.

No mes de marzo, a campaña de prevención da lesión medular continuará co seu percorrido pola Costa da Morte. A falta de novas confirmacións, a primeira parada prevista será o vindeiro día 14 no IES Alfredo Brañas de Carballo. A continuación, aterrará no CPI Cabo da Area de Laxe o mércores 22, e o martes 28 será a quenda co CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, deberán poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Diverescola

Por outra banda, preto de 100 alumnos veñen de participar durante o mes de febreiro nunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa do programa Capacíta-T coa que a asociación Íntegro pretende achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

A primeira sesión deste 2023 celebrouse o pasado día 14 e tivo como protagonistas a 40 nenos e nenas de 1º e 2º de educación primaria do CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, mentres que a segunda levouse a cabo este mesmo martes 28 no CPI AS Revoltas de Cabana coa participación de 51 cativos/as de 6º de educación infantil e 1º e 2º de primaria. En ambos casos, o alumnado asistiu á representación dun contaconto guiado e realizaron diversos xogos de barreiras para afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade. Unha experiencia, sen dúbida, moi enriquecedora na que diversión e aprendizaxe foron da man. As escolas unitarias de Torrexallóns e Traba, en Laxe, e o CEIP O Areal de Camariñas serán os vindeiros destinos da nosa Diverescola.

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión das campañas de sensibilización que temos en marcha co obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as apostando por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

post

Íntegro celebrará mercados solidarios de segunda man todos os sábados de febreiro  

Roupa, complementos, decoración e libros serán algunhas das “oportunidades” que se poderán adquirir a baixo custe nas instalacións de MáisPovir en Baio (Zas) 

O vindeiro mes de febreiro, as frechas de amor de Cupido compartirán protagonismo coas mostras de solidariedade que realizarán as persoas que se acheguen ata o mercado solidario que a asociación Íntegro celebrará cada sábado nas instalacións que a empresa de Xestión Social MáisPorvir ten na localidade de Baio, en Zas (Os Muíños, nº 7- O Allo).

Mobiliario, téxtil, lámpadas, complementos, enciclopedias ou libros a partir de 2€ serán algunhas das “gangas” que se poderán atopar neste singular rastrillo de produtos de segunda man, que permanecerá aberto ao público os sábados 4, 11, 18 e 25, en horario de 10.30 a 13.30 horas. A recadación de cada evento irá destinada a financiar actividades de lecer, enmarcadas no programa “Vida comunitaria e social” do Centro de Recursos de Nantón, necesarias para promover a adquisición de experiencias que melloren a calidade de vida das persoas usuarias (actividades recreativas, de ocio, relacións sociais…).

Desde Íntegro queremos convidar a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria, que ademais supón todo un exemplo de economía social e sustentabilidade. Máis información a través do enderezo electrónico info@integro.es ou no WhatsApp 650 961 649. Esperámosvos!

post

A autonomía persoal, a mobilidade e o ocio, principais áreas de traballo do Centro de Día de Íntegro

Boa parte das actividades deste 2022 realizáronse con cargo ao programa FOAXE-C da Deputación Provincial da Coruña, que realizou unha achega de 28.500 €

O ano da conmemoración do noso 30ª aniversario chega á súa fin e faino cun balance máis que positivo en todos os eidos. Ademais do éxito alcanzado nas actividades conmemorativas organizadas ao longo de 2022, o nivel de satisfacción e participación dos nosos usuarios e usuarias, e as súas familias, coas accións levadas a cabo ao longo do ano é inmellorable. E iso, énchenos, por unha banda, de satisfacción e orgullo polo traballo realizado, e pola outra, de ilusión e ganas, para seguir avanzando.

Malia que a COVID-19 impediu a participación de persoas alleas ao centro nas actividades de ocio e tempo libre, así como a nosa noutras de carácter social e deportivo ás que acostumabamos ir, preto de 30 persoas usuarias do noso Centro de Recursos formaron parte das diferentes actividades programadas neste 2022. A esta cifra podemos sumar ás máis 32 atendidas no servizo de INFOASE e as 62 do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural).

Servizos e actividades

Desde o noso Centro de Día prestamos atención integral a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte coa finalidade de proporcionarlles os coidados e apoio necesarios para unha maior autonomía persoal e social, e tamén ás súas familias. Ao igual que en anos anteriores, desenvolvéronse numerosos programas centrados en diferentes áreas de traballo como a autonomía persoal, a mobilidade e o ocio. Entre as prestacións máis demandadas figuran o servizo de información e asesoramento en recursos para as zonas rurais; talleres de auto-coidado (aseo, vestido, hixiene persoal, hábitos de vida); tarefas do fogar (cociña, prancha, lavado de roupa.. (actividades instrumentais da vida diaria); actividades de mantemento e rehabilitación cognitiva (memoria, orientación a realidade, escola de adultos, informática); taller de habilidades sociais; actividades de vida comunitaria e social; ocupacionais e pre-laborais (elaboración de xabóns, colaxes, xardín terapéutico…); actividades de mantemento e rehabilitación física (mantemento físico, hixiene postural, fisioterapia, psicomotricidade,…) e de ocio e tempo de lecer (saídas culturais, eventos deportivos, paseos pola natureza,…).

Para o desenvolvemento destas actividades contamos, entre outras, axudas co financiamento da Deputación Provincial da Coruña, que realizou unha achega de 28.500 € (0,2504) con cargo ao programa FOAXE-C, que regula a convocatoria de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento dos centros de servizos sociais.

post

45 persoas con diversidade funcional benefícianse do proxecto de reciclaxe de plásticos Diversiplás, + Diverso – Plástico

  • A asociación Integro executou en 2022 as obras de reforma e adecuación do almacén–garaxe do seu Centro de Recursos para utilizalo como taller de reciclaxe e valorización de plásticos, que forma parte dunha iniciativa de economía circular encamiñada á inclusión socio-laboral das persoas con discapacidade
  • Dito proxecto, que beneficiou directamente a 45 persoas con discapacidade da Costa da Morte, forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE, cunha aportación económica de 10.000 €

Un total de 45 persoas con diversidade funcional na Costa da Morte están a participar neste 2022, e continuarán facéndoo en anos sucesivos, no proxecto DIVERSIPLAS, +Diverso –Plástico,  executado pola Asociación Integro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte. Ademais das persoas usuarias do noso Centro de Recursos, os integrantes da nosa Rede de Entidades Colaboradoras (confrarías de pescadores, mariscadoras, concellos…) e a poboación en xeral están a beneficiarse deste innovador proxecto, orientado a facilitar a inserción socio-laboral das persoas con discapacidade, a través da posta en valor dos residuos plásticos mariños, e o deseño de proxectos de economía circular co obxectivo de reforzar o dinamismo social, económico e ambiental da zona costeira.

A viabilidade de dito proxecto pasou pola creación dun espazo para o aproveitamento e tratamento dos residuos plásticos na sede da asociación Integro en Nantón (Cabana), financiado pola Fundación ONCE, a través da convocatoria do Plan de Prioridades 2022, cunha aportación de 10.000€. Os traballos, executados de xaneiro a outubro deste ano, consistiron na reforma e adecuación do almacén–garaxe do Centro de Recursos ata convertelo nun taller de reciclaxe, capaz de albergar a maquinaria empregada no proceso de transformación dos residuos (trituradora, extrusora, inxectora e compresora) e un pequeno aseo para uso das persoas traballadoras.

Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), conseguíronse realizar actividades ocupacionais, laborais ou terapéuticas no centro, mediante a valorización dos residuos xerados polo plástico, obtendo así un beneficio social, económico e ambiental. Así mesmo, logramos promover a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional, mediante a realización de novas actividades produtivas e/ou laborais na entidade, ademais de contribuír, a través da formación e a ocupación, a unha maior e efectiva participación na vida social, ao desenvolvemento da súa autonomía e á mellora da autoestima.

Por outra banda, tamén foi posible aumentar as capacidades das persoas da asociación mediante actividades de formación relacionadas co aproveitamento e valorización dos plásticos; sensibilizar á sociedade sobre a problemática dos residuos mariños e o aproveitamento sostible dos mesmos con actividades de sensibilización e formación en materia de preservación ambiental, aproveitamento dos refugallos e economía circular, e incrementar a colaboración dos concellos e do sector pesqueiro en favor dunha sociedade máis inclusiva, promovendo a sinerxía entre ambos para realizar actividades de posta en valor dos residuos e promoción da cohesión social da zona costeira.

Inspirado na iniciativa PreciousPlastic, Diversiplás contribuíu á redución do lixo mariño e á mellora da biodiversidade e dos ecosistemas mariños en boa parte da Costa da Morte (Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Vimianzo, Camariñas, Laxe e Muxía), incidindo na xestión e redución do impacto medioambiental do plástico.

Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para a financiación dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.

A Asociación Integro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte é unha Organización non Gobernamental, constituída no ano 1992, coa misión de acadar a inclusión das persoas con diversidade funcional. Ademais, somos membros da COGAMI.

post

A cohesión social e o reto demográfico centraron a reunión do GDR Costa da Morte coas entidades sociais en Íntegro

  • A cohesión social e o reto demográfico centraron a reunión do Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte coas entidades sociais da contorna para establecer a Estratexia do Programa Leader 2023-2027
  • Ademais de Íntegro e MaisPorvir, tamén participaron representantes de Aspadex, Aspaber e Cruz Vermella, así como os responsables políticos e técnicos de varios concellos da contorna

Representantes das entidades de inclusión social Aspadex, Aspaber, Cruz Vermella, MaisPorvir e Integro, participaron nun grupo de traballo para a elaboración da estratexia de desenvolvemento local do programa Leader 2023-2027, celebrado hoxe na nosa sede de Nantón, en Cabana de Bergantiños. Na reunión, á que asistiron tamén representantes políticos e técnicos de concellos da zona, fíxose unha diagnose sobre as principais necesidades do territorio, de cara a garantir un futuro máis igualitario e inclusivo.

As principais problemáticas detectadas relaciónanse coa escasa dotación de servizos á poboación, sobre todo no relacionado coa mobilidade, a infraestrutura tecnolóxica ou os propios servizos. É necesario apostar por unha maior integración das persoas con diversidade no ámbito laboral, pese ás barreiras ou limitacións que seguen tendo moitas entidades privadas, pero tamén públicas.

Para poñer freo ao illamento e despoboación das zonas rurais, é importante desenvolver unha acción conxunta e colaborativa entre o tecido público e privado, empregando a innovación como principal ferramenta.

Por outra banda, para hoxe tamén está prevista a celebración no Centro Sociocultural de Baio do Segundo Foro de traballo para a elaboración do diagnóstico da estratexia. Desta volta, realizaranse mesas sectoriais, nas que se debaterán e poñerán en común os principais atrancos ao desenvolvemento e as posibles propostas de mellora, desde a óptica das entidades agrogandeiras e forestais, entidades do ámbito cultural ou ambiental, o tecido empresarial e tamén as entidades do ámbito social.

post

Íntegro pon o broche de ouro ao seu 30º aniversario cunha gala cargada de emotividade e recoñecementos

O momento máis especial do día protagonizárono os usuarios/as da entidade sorprendendo aos fundadores cun galardón polo seu labor durante estas tres décadas

A música da orquestra de Cámara do Conservatorio de Carballo marcou o inicio da Gala Conmemorativa 30ª aniversario de Íntegro, celebrada onte á mañá no auditorio municipal de Cabana para poñer o broche de ouro a un ano repleto de actividades e celebracións.

Máis de 200 persoas acudiron a unha cita que se presumía cargada de emotividade e gratitude. E así foi! Palabras como inclusión, diversidade, igualdade de oportunidades ou visibilidade foron as máis oídas nun acto que deu renda solta ás emocións (que estaban a flor de pel) e a algunha que outra bágoa entre os/as asistentes. Ademais de usuarios/as, familiares, socios/as, directivos/as, veciñanza e moitas persoas anónimas vinculadas á entidade desde os seus inicios, estiveron presentes numerosas autoridades como a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas; o alcalde de Cabana, José Muíño; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, así como representantes de diferentes concellos da Costa da Morte.

O primeiro en subir ao escenario para recoller o seu galardón foi o rexedor cabanés, José Muíño, que destacou que “hoxe todos somos Íntegro” amosándose moi orgulloso de contar no seu municipio cunha entidade “que leva tres décadas traballando a favor dunha sociedade máis inclusiva desde a normalidade e a diversidade”. A continuación, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, fixo un minucioso percorrido polos 30 anos de historia da asociación, relatando os obstáculos e barreiras superadas desde a creación de Ponte-Cabana ata a actualidade, sen esquecerse da COVID e o cambio de hábitos que trouxo consigo, para concluír lembrando que “é hora de seguir avanzando e aportando á comunidade a través do noso valor social”. Por cada euro público recibido, Íntegro aporta 12€ á sociedade, contribuíndo así á cohesión do tecido empresarial e social da Costa da Morte.

O presidente de COGAMI e COCEMFE, Anxo Queiruga, foi o seguinte en recoller a peza conmemorativa elaborada polos usuarios e usuarias da entidade. Durante o seu discurso só tivo palabras de loanza e agradecemento para “cada unha das persoas que construíron esta gran familia xunto a Adolfo e Sil Couto, e que desde a unión loitan por unha sociedade máis xusta e igualitaria para todos e todas”.

 

A deputada Ana Lamas, destacou a traxectoria e o traballo que leva a cabo “unha entidade que é referencia no eido social e que está aportando calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona, dando un futuro a cada unha das persoas usuarias do centro”.  Pola súa banda, a conselleira María Jesús Lorenzana puxo en valor o traballo desenvolvido por Íntegro e agradeceu “a defensa que realiza en favor da igualdade de oportunidades e o seu compromiso social”. Entre os programas e servizos da asociación, Lorenzana destacou o labor do Centro Especial de Emprego MaisPorvir Xestión Social, así como as accións formativas adaptadas e personalizadas para facilitar e apoiar o acceso ao emprego. A titular da área de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia tamén fixo mención á Medalla Pardo Bazán, que a entidade vén de recibir do órgano autonómico como recoñecemento á súa contribución a unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria.

 

 

 

 

 

 

Recoñecementos especiais

Os recoñecementos máis especiais foron para María Verdes, enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios, en nome do persoal sanitario, que tan importante labor realizou durante a pandemia; Vanesa, asistente persoal e profesional sociosanitaria que representou ao colectivo de profesionais de atención sociosanitaria, e Carmen Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e na actualidade voluntaria da asociación. O recoñecemento empresarial recaeu en José Ramón Pombo Imia, de Autocares J.Pombo, un dos colaboradores máis antigos da entidade, comprometido coa inclusión social das persoas con discapacidade e que na actualidade conta cunha flota de autobuses na que o 60% das prazas son accesibles.

 

 

 

 

A xornada do sábado estivo chea de imaxes para o recordo. Unha das máis emotivas foi sen dúbida o recoñecemento sorpresa que os usuarios e usuarias de Íntegro lle ofreceron aos fundadores da entidade: Adolfo López Baña e Silvestre Couto Torrado. Pero as persoas usuarias foron ademais os grandes protagonistas dunha mañá na que recitaron poemas, elaborados por eles mesmos/as, e exerceron de presentadores da gala.

 

A actuación musical do CMUS de Carballo puxo o punto e final ao acto no auditorio municipal de Cabana. A xornada rematou cun ágape que se serviu na Escola de Vela, á que os convidados/as chegaron camiñando polo paseo fluvial e desfrutando das privilexiadas vistas que ofrece o Estuario do Anllóns.

 

 

 

 

 

post

Íntegro celebra este sábado a gala conmemorativa do seu 30º aniversario

  •  O evento, que se celebrará a partir das 11.00 horas no auditorio municipal de Cabana, contará coa presenza de numerosas autoridades locais, provinciais e autonómicas
  • O alumnado da CMUS de Carballo porá a nota musical a unha xornada cargada de simbolismo, emotividade e recoñecementos

O pasado 1 de febreiro, a asociación Íntegro celebrou o seu 30º aniversario. E para festexar tres décadas de historia, a entidade puxo en marcha un programa de actividades, no que non faltaron concursos, charlas, encontros, xornadas de portas abertas, etc. Co ano a piques de rematar, é hora de poñer o broche de ouro a un 2022 repleto de celebracións cun acto conmemorativo, que estará cargado de simbolismo, emotividade e recoñecementos. Será este sábado 12 no auditorio municipal de Cabana de Bergantiños.

A partir das 11.00 horas, representantes da entidade con sede en Nantón (membros da directiva, traballadores/as, patrocinadores, socios/as, usuarias/os e familias) daranse cita na Gala 30º aniversario Íntegro, á que tamén acudirán numerosas autoridades en representación da Administración local, provincial e autonómica, o presidente de COGAMI-COCEMFE, e persoas anónimas con nome propio que deixaron unha profunda pegada e realizaron unha gran contribución nestas tres décadas de historia.

Entrega de galardóns

Tras a recepción de convidados, aos que se agasallará cun obsequio conmemorativo elaborado polos usuarios/as do centro, a xornada arrincará cun concerto a cargo do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo (CMUS). De seguido, abrirase a quenda de intervencións e entrega de galardóns aos representantes institucionais, polo seu apoio e colaboración ao longo deste 30 anos, entre os que figuran o alcalde de Cabana, José Muíño;  o presidente de Cogami-Cocemfe, Anxo Queiruga; a deputada de Benestar Social e Educación, Ana Lamas, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que estará acompañada no acto polo director xeral da área de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón.

No ámbito social, a asociación Íntegro quere recoñecer o gran labor desempeñado polo persoal sanitario e sociosanitario durante a pandemia e, especialmente, pola súa implicación directa coas persoas con diversidade funcional. Nesta categoría, serán galardoadas: María Verdes- enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios- en representación de todo o persoal sanitario; Vanesa- asistente persoal e profesional sociosanitaria- en nome dos traballadores/as de atención sociosanitaria, e Carmen Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e na actualidade voluntaria da asociación. O recoñecemento empresarial recaerá en José Ramón Pombo Imia- de Autocares J.Pombo- por ser un dos colaboradores máis antigos da entidade, que aposta pola inclusión laboral das persoas con discapacidade.

Durante a gala, usuarios e usuarias de Íntegro protagonizarán un recital poético baseado nun poema que eles/as mesmos/as elaboraron. Finalmente, a música do CMUS de Carballo porá o punto e final á gala conmemorativa. A xornada rematará cun ágape que se servirá na Escola de Vela de Cabana.

Por problemas de aforo, a asistencia ao evento só será posible previo convite.

post

Patrocinadores 30º aniversario Íntegro

O pasado 1 de febreiro, a asociación Íntegro celebrou o seu 30º aniversario. E para celebrarlo por todo o alto, ao longo do ano veu realizando numerosas actividades (charlas, concursos, encontros, xornada de portas abertas…) enmarcadas nun programa conmemorativo que foi posible levar a cabo grazas á colaboración de máis de 30 patrocinadores, na súa maioría empresas da Costa da Morte, instituciones públicas (Xunta de Galicia, Deputación da Coruña) e organizacións sociais sen ánimo de lucro como a Fundación “La Caixa”. A súa axuda e apoio permanente son decisivos para converter en realidade o soño da inclusión. GRAZAS, sempre!!

Se aínda non sabes quen son, bota un vistazo e non perdas detalle. Aquí contámoscho todo sobre os nosos patrocinadores!

Patrocinio PLATINO:

Autocares J.Pombo é unha empresa de carácter familiar con máis de 75 anos de vida. Na actualidade, segue fiel ás súas orixes, mantendo viva a mesma filosofia e solidez que marca unha tradición de varias xeracións.

Desde as súas orixes en 1989, Elías Asesores ofrece asesoramento integral a particulares, pero tamén presta apoio e xestión a pequenos emprendedores, asociacións, colectivos sociais, autónomos e pequenas sociedades. A súa alta capacidade e vocación de servizo valeulle en 2009 a obtención do certificado de calidade ISO 9001, un caso único en toda a Costa da Morte dentro do sector das xestorías-asesorías. O seu ámbito de influencia comprende as comarcas de Bergantiños, Soneira, Fisterra e Xallas, nas que traballan diferentes profesionais coa finalidade de comprender e interactuar co cliente ata lograr a súa plena satisfacción.

A Fundación ”la Caixa” xestiona a Obra Social que historicamente caracterizou a ”la Caixa”, grupo financieiro líder en banca minorista en España. En colaboración con centos de entidades e miles de voluntarios/as, desenvolve un importante labor loitando contra a pobreza e a exclusión, impulsando a investigación médica de excelencia, poñendo a cultura ao alcance de todos e todas e mellorando a educación dos máis cativos.

Patrocinio OURO.-

Autocares Costa é unha empresa familiar dedicada ao transporte de viaxeiros e mercadorías dende hai máis de 50 anos. Ten a súa sede en Baíñas (Vimianzo) e en Santa Comba. Calidade, profesionalidade e proximidade son os auténticos motores desta compañía.

Entretendo S.L. foi creada no ano 2017 e dedícase á creación de contido audiovisual para as súas propias redes sociais, pero tamén para empresas e particulares. Conta cun canal de TIKTAK Draw con máis de 10 millóns de subscritores, no que ademais elaboran contidos para promocións de empresas e/ou eventos particulares.

Ganadería Os Loureiros é unha explotación intensiva de gando vacún. Na actualidade, trátase dunha das máis grandes da contorna, dando emprego directo a 9 persoas da zona de Vimianzo, e indirecto a máis de 30. Procuran sempre o benestar animal para así obter un leite de gran calidade.

Fundado en 1981, Rio Sil Asador é todo un referente gastronómico con máis de 30 anos de historia, que continúa apostando por unha cociña sinxela pero actualizada, baseada no respecto pola materia prima para procurar os sabores auténticos. O seu segredo radica en tratar con detalle, tempo e mimo cada un dos seus pratos.

Yáñez é o concesionario oficial de Volkswagen para a provincia da Coruña con instalacións en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Carballo.

Patrocinio PRATA.-​

Desde Sysdegal cubren todas as necesidades dos seus clientes, garantizándolles maior confort nas súas instalacións, un asesoramento personalizado e unha evaluación exhaustiva de cada caso. Ademais, o servizo está garantido nun prazo aproximado de 24 h.

Artefogo Pirotécnia é unha empresa dedicada á fabricación, realización, deseño e disparo de todo tipo de espectáculos pirotécnicos.

Fundada en 1989 por Vicente Domínguez e a súa muller, Ana Isabel Rey, Productos Cárnicos Domínguez dedícase á fabricación de embutidos artesáns ademais de todo tipo de carne. O produto estrela son os chourizos, fabricados dunha maneira única: afumados con leña de roble como antigamente. Tamén contan cunha liña de 16 produtos naturais, sen aditivos nin colorantes, entre os que destaca o xamón, a paleta asada, as hamburguesas e os curados celta. Así mesmo, comercializan carne de vaca cachena certificada como autóctona. Unha gran flota de vendedores e comerciais encárgase de levar a materia prima ás tendas, restaurantes, colexios… da provincia da Coruña. O cliente pode realizar os seus pedidos a través de operadoras telefónicas e na propia tenda online.

As construcións de Marcos Carreira, S.L. aséntanse principalmente na calidade dos materiales empregados, na optimización da distribución de espazos sobre o proxecto e, sobre todo, no respecto dos prazos de entrega en tempo e forma, xunto co servizo de asesoramento continuo aos seus clientes. cabe destacar que todas as súas obras non só cumpren coa normativa europea ISO, senón tamén con algunhas outras aínda pendentes de aprobación.

JFidalgo leva máis de 15 anos dedicada á construción e impermeabilización de cubertas, fachadas e terrazas na nosa comunidade autónoma e, especialmente na provincia da Coruña. Seriedade, compromiso, confianza e garantía de calidade son a seña de identidade desta empresa situada no lugar da Pereiriña, no Concello de Cee.

Automóviles Dimolk, S.L. é o concesionario oficial Peugeot en Carballo. O Grupo Dimolk segue en constante crecemento desde a súa fundación no ano 1984. Na actualidade conta con 4 concesionarios na provincia da Coruña (Dimolk en Carballo, Dimonorte en Santiago, Tumosa na Coruña e Nissan Antamotor en Carballo, A Coruña e Ferrol).

Ferretería Arán conta con máis de 60 anos de experiencia no sector. A 3ª xeración capitanea xa esta empresa carballesa dedicada ao comercio da ferretería profesional e especializada en ferraxes.

Desde Fisioterapia Eva Senande, en Canduas-Cabana, lévanse a cabo diferentes tipos de tratamentos, tanto de rehabilitación como de prevención.

Desde hai máis de 30 anos, a estación de servicio Gasuma dedícase á venda de combustible para vehículos nas súas instalacións de A Pedra, en Nantón – Cabana. Posteriormente, incorporou a distribución de combustibles de calefacción e automoción a domicilio. Ademais destes servizos, dispón de tenda e cafetería, lavados manuais, aspirado e lavado automático de coches de ultima xeración, así como venda de butano.

A orixe de Ler librerías remóntase a principios dos anos 80 coa apertura dunha pequena librería de 30 m2 nunha localidade rural de apenas 5.000 habitantes. Coa ilusión e con eficaces estratexias comerciais, Isabel Ares apostou por crear afección pola lectura, contando nestes momentos cunha das 10 maiores cadeas de librerías de España.

Montajes Eléctricos López Pose é unha empresa dedicada desde 2007 a ofrecer servizos de electricidade e iluminación, calefacción e telecomunicacións coa máxima eficiencia e rofesionalidade. Fundada por Gonzalo López, está especializada na creación de proxectos industriais e civís, contando cun amplo número de obras espalladas por toda a comunidade autónoma.

Seguindo a longa tradición dunha muller costureira, Modas Suárez instálase en Carballo no ano 1993 como un comercio de textil orientado a señoras de mediana idade, logrando atraer tamén a numeroso público máis novo. A día de hoxe, segue combinando a venda cos arranxos da roupa a prezos accesibles para todos os petos.

A Parrillada e Catering A Pedra é un restaurante con máis de 35 anos no sector. As súas especialidades son o polbo á brasa, o churrasco e o risotto. Ofrece menú do día e dispón de terraza, estacionamento para clientes e conexión wifi. Ademais, ofrece catering para eventos.

Alquileres Reneymar nace en Carballo en decembro de 1994. Na actualidade, as súas instalacións atópanse no polígono industrial de Bértoa. A súa principal actividade é o aluguer de maquinaria e equipos de construcción xunto coa venda de ferramentas e equipos de protección laboral. O seu cadro de persoal está formado por un equipo de 14 persoas distribuídos nos diferentes departamentos de administración, loxística, vendas e mantemento. Dispoñen de servizo de transporte propio.

Abogadas Cee adícase ao asesoramento empresarial abarcando todas as ramas do dereito agás o fiscal.

Patrocinio BRONCE.-

 

Grupo Benedicto, máis coñecido como Comercial Benedicto, é unha empresa familiar que bota a andar no ano 1997 en Vimianzo para dar un servicio ao sector agrícola. Co paso do tempo, foron ampliando servizos e especializáronse tamén no deseño, creación e mantemento de xardíns. Ademais, ofrecen unha ampla oferta ao por menor de sementes, abonos, flores, plantas e pequenos animais domésticos, e todo o necesario para o seu coidado.

Agro-forestal Ures Torrado leva máis de dúas décadas dedicándose á venda e reparación de maquinaria de xardín, agrícola e forestal. É distribuidor oficial e servicio técnico de Husqvarna e Iseki. Abarca toda a Costa da Morte e a zona norte da Coruña. Ofrece atención e asesoramento personalizado ao cliente.

Europlas Carpintería de PVC é unha empresa ceense especializada nese tipo de material, que se utiliza na elaboración de mobles, ventás, portas, persianas, separadores de ambientes, e, en definitiva, calquera tipo de accesorio ou produto ao que poida dar forma.

Farmacia Pose. Desde Santa Comba, Maria Pose S.L. centra os seus esforzos en mellorar a saúde dos seus clientes. Licenciados en óptica e farmacia, tamén son especialistas en parafarmacia, ortopedia e aparatos auditivos.

Vértebra é un centro de fisioterapia especializado no campo da fisioterapia infantil, solo pelviano, neuroloxía, ATM, pilates para embarazadas e fisioterapia do deporte. Está integrado por tres fisioterapeutas que levan 10 anos mellorando a vida dos seus pacientes.

Desde hai 33 anos, a imprenta e publicidade San Cristóbal  adícase ás artes gráficas en xeral: agasallos publicitarios, roupa laboral e todo tipo de rotulacións. Entre os seus principais logros, destaca “seguir estando aí para dar o mellor servizo ao cliente”. Realizan traballos para toda a provincia da Coruña, e especialmente para a Costa da Morte. Ofrecen un servizo integral capaz de cubrir todas as necesidades dunha empresa.

Oficina Técnica PK15 é un estudio de arquitectura e urbanismo, situado en Malpica, que realiza proxectos, dirección de obra, certificacións enerxéticas, inspeccións técnicas de edificios, rehabilitacións, particións hereditarias, parcelacións, topografía catastro, tasacións, xeometría… O seu ámbito de influencia abarca toda a Costa da Morte.

Prohigan é unha empresa familiar que dende hai máis de 20 anos dedícase á distribución e venda a domicilio de productos de hixiene para o ordeño (deterxentes, celulosas, selladores, desinfectantes…); leites maternizadas, complementos vitamínicos e minerais para as gandeirías; hixiene industrial (desengrasantes carrocerías, limpiadores aluminio, xeles mecánicos…) e hostelería- fogar (deterxentes, lavavaixelas, xel de mans…).  Ademais é distribuidor de estruturas metálicas Easy Covering: estruturas metálicas alixeiradas para almacenaxe, naves ganaderas, talleres mecánicos… Conta con rutas de venda fixas, visitando unha vez ao mes aos seus clientes para prestarlles unha atención e asesoramento constante e personalizado. A confianza e o servicio inmediato son, sen dúbida, o seu selo de identidade.

Muebles Sambade é unha empresa familiar que abriu as súas portas en 1977, converténdose por dereito propio nun referente no sector do moble, os complementos e a decoración. Na actualidade, conta cunha ampla variedade de estilos para que todos os seus clientes atopen o moble ou peza decorativa que están a buscar e que mellor se adapte aos seus gustos e necesidades. Todas as súas tendas, repartidas por toda a provincia da Coruña (Camariñas, Muxía, San Cibrao das Viñas, Vimianzo, Ferrol e Carballo) gozan da máxima confianza e fidelidade dos seus clientes, que encontran na súa firma as últimas tendencias do sector.

 

post

Doce usuarios/as de Íntegro desfrutan dos beneficios da natación terapéutica

Trátase dunha actividade, dirixida principalmente a persoas con dificultade de mobilidade, que se desenvolve unha vez á semana desde hai máis dunha década na piscina municipal de Cabana

Un ano máis, un grupo de usuarios e usuarias do noso Centro de Día e do Centro Ocupacional veñen de iniciar un novo curso de natación terapéutica na piscina municipal de Cabana para mellorar a súa coordinación, equilibrio e autonomía persoal, pero tamén para desfrutar dunha morea de xogos e actividades no medio acuático.

Nesta edición, doce persoas con discapacidade benefícianse xa desta actividade deportiva complementaria, enmarcada no programa de saúde e benestar do departamento de Fisioterapia da asociación Íntegro, que utiliza a auga cun fin correctivo e preventivo. De feito, a súa práctica está recomendada por médicos e especialistas como terapia continuada, especialmente, no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes con algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.

Como en anos anteriores, a duración do curso de natación terapéutica será de outubro a xuño, unha vez á semana (xeralmente os venres). Acompañados/as de tres monitoras de apoio e unha profesora especializada en natación adaptada, o alumnado, na súa maioría con dificultades de mobilidade,  non só aprende a nadar, senón que tamén realiza exercicios de estimulación para contribuír a mellorar o seu funcionamento muscular e articular. Ademais dos innumerables beneficios físicos, as sesións repercutirán positivamente na adquisición dunha maior auto-confianza, independencia e capacidade de socialización.

Coa finalidade de adaptar as clases ás necesidades individuais de cada alumno/a e prestar unha atención totalmente personalizada, o número de participantes é sempre moi reducido. Este ano, son doce os beneficiarios/as deste programa que, cada edición, renova o alumnado para garantir a participación de todos/as e cubrir así a demanda existente. Ademais, ao longo do curso contaremos coa colaboración dun persoa voluntaria para prestar apoio en tarefas auxiliares e  ofrecer así un servizo de maior calidade.

Agardamos que esta edición dea resultados tan positivos como en anos anteriores e que os nosos usuarios/as gocen dunha experiencia saudable e divertida a partes iguais. Non perdades de vista os seus progresos!!

post

Diversiplás conta xa con 25 puntos de recollida de plástico na Costa da Morte e 18 entidades colaboradoras

Nas últimas semanas entregáronse 7 novos colectores nos concellos de Carballo e Laxe, e na localidade de Corme

A Rede de Entidades Colaboradoras Diversiplás segue estendéndose pola Costa da Morte e con ela os puntos de recollida de residuos plásticos, que xa ascenden a 25. Nos últimos días, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña e a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, foron os encargados, xunto a varias persoas usuarias de Nantón, de facer entrega dos sete novos contedores brancos que veñen a sumarse aos 18 xa instalados en diferentes localidades da contorna desde finais do pasado mes de setembro.

Os concellos de Carballo (2), Laxe (2 na Casa do Concello e 1 na Confraría de Pescadores) e a localidade de Corme (1 na agrupación de redeiras Illa da Estrela e 1 na confraría) xa teñen a disposición da veciñanza os colectores, nos que se poderán depositar só envases que conteñan os símbolos HDPE 2, PP5 e PS 6, sen adhesivos nin etiquetas, e lavados con auga e xabón. Só os residuos que cumpran estas características poderán ser sometidos ao proceso de tratamento e valorización no taller de Íntegro para convertelos en novos produtos con outras utilidades (testos, pulseiras, chaveiros, mosquetóns…).

Actualmente, estes son os puntos de recollida de residuos plásticos que atoparás na Costa da Morte.

  • Concellos: A Laracha (2), Carballo (2), Malpica (2), Laxe (2), Cabana (2), Vimianzo (2), Muxía (2) e Camariñas (1).  
  • Confrarías: Caión (1), Virxe da Barca de Muxía (1), Malpica (1), Camelle (1), Camariñas (1), Laxe (1) e Corme (1).
  • Agrupacións de mariscadoras e redeiras: Mariscadoras do Anllóns-1 (Cabana), redeiras O Fieital-1 (Malpica) e redeiras Illa da Estrela-1 (Corme-Ponteceso).

Se es institución, asociación, centro educativo ou profesional do mar e tamén queres colaborar sumándote á marea branca Diversiplás, contacta coa asociación Íntegro chamando ao 650 961 649 ou enviando un mail a info@integro.es e súmate ao noso equipo para traballar desde a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible.

Balance

Diversiplás, + diverso – plástico é un proxecto dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira, coordinado pola asociación Integro ao abeiro da iniciativa Tanza, en base á Orde 21 de decembro do 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca 2014-2020, e que se convocan as correspondentes ao ano 2019. Esta iniciativa, que conta co apoio do Galp Costa da Morte, está financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, cunha contía que ascende a 111.800,02 euros.

Tras dous anos de andaina, o noso proxecto medioambiental logrou promover a inclusión social das persoas con diversidade funcional, preservando o medio natural da Costa da Morte e xerando novas dinámicas colaborativas para a posta en marcha de proxectos de economía circular. Para logralo, realizamos actividades ocupacionais, laborais e terapéuticas, a través da valorización do lixo plástico, coa intención de obter así un beneficio social, económico e ambiental; fomentamos a inclusión laboral das persoas usuarias, mediante a realización de novas actividades produtivas e laborais e aumentamos as súas capacidades e habilidades con actividades formativas relacionadas co aproveitamento e valorización dos plásticos. Ademais, tamén impulsamos diversas accións no sector pesqueiro co obxectivo de fomentar a colaboración das confrarías coas entidades sociais, sensibilizar ao sector sobre a problemática do lixo mariño e o aproveitamento sostible dos refugallos do  mar, formar ás confrarías e asociacións de redeiras en materia de preservación ambiental e economía circular e reforzar o traballo en rede do sector e o seu papel como entidades de economía social. Por último, procuramos a colaboración dos concellos a prol dunha sociedade máis inclusiva, reforzando a conexión co ámbito da inclusión social e o pesqueiro, aproveitando a sinerxía entre estas entidades, para realizar actividades de posta en valor dos residuos e promoción da cohesión social da zona costeira.

Boa mostra do alcance e repercusión do proxecto é o impacto directo que Diversiplás logrou sobre os axentes implicados (persoas usuarias do centro ocupacional, sector pesqueiro e marisqueiro, ámbito educativo), pero tamén sobre a poboación da Costa da Morte. Por unha banda, logramos adquirir novos coñecementos sobre a necesidade do coidado dos nosos litorais e mares, melloramos as interrelacións persoais e achegámonos aos diferentes perfís profesionais vinculados co mar. Así mesmo, adquirimos formación especializada no tratamento de plásticos, acadamos unha maior sensibilización ambiental e fixemos posible a inclusión das persoas con diversidade funcional nas actividades cotiás da comunidade ao tempo que acadamos poñer en valor o seu traballo.

Por outra banda, as múltiples accións informativas e de sensibilización cidadá tamén deron os seus froitos. Ademais de poñer o foco sobre a necesidade de coidar e preservar o medio mariño e costeiro e os seus recursos produtivos, as melloras a nivel ambiental repercutiron positivamente na imaxe do sector. Así mesmo, serviron para dar a coñecer as habilidades e capacidades das persoas con diversidade funcional, que, co seu traballo e esforzo, aportan á sociedade un valor engadido.  Outro dos logros acadados foi a colaboración directa entre diferentes sectores sociais, xerando novas dinámicas e abrindo a porta a futuros proxectos en común.

Finalmente, esta iniciativa tivo un gran impacto económico para a entidade, xa que innovamos en liñas de produto (testos, mosquetóns…) ao tempo que contribuímos a reducir os residuos, apostando así por un modelo de economía circular que reforza o posicionamento da optimización económica dos propios resultados do produto.

Concello Camariñas

Concello Carballo

Concello Carballo

Concello Laxe

Confraría Camariñas

Confraría Camelle

Confraría Corme

Confraría Laxe

Confraría Malpica

Redeiras O Fieital (Malpica)

Redeiras Illa da Estrela (Corme)