- Ademais dos responsables da entidade, no acto celebrado esta mañá na Escola de Vela de Cabana, estiveron presentes representantes de varios concellos e agrupacións pesqueiras da Costa da Morte adheridos ao proxecto
- Ao remate, fíxose entrega do primeiro colector de residuos ao Concello de Cabana e realizouse unha pequena demostración do funcionamento da maquinaria de reciclaxe
O proxecto medioambiental da asociación Íntegro segue traballando e avanzando desde a inclusión cara unha Costa da Morte máis sostible. E hoxe volveuno demostrar na Escola de Vela de Canduas, en Cabana de Bergantiños, durante o acto de presentación de Diversiplás, + diverso – plástico, aos integrantes da Rede de Entidades Colaboradoras, celebrado esta mesma mañá, de 10.30 a 12.00 horas.
O alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez, exerceu de mestre de cerimonias do evento, que contou coa asistencia de numeroso público, entre o que se atopaban algúns representantes dos concellos da Costa da Morte e do sector marítimo e pesqueiro, que integran a Rede de colaboradores do territorio de influencia do Galp Costa da Morte. Durante o discurso de benvida, Muíño sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para ‘’poñer en valor a recuperación de elementos e a cooperación entre as distintas institucións e sectores nun proxecto que buscará darlle solución á problemática do plástico a través de novos empregos do mesmo”.
A continuación, foi a quenda da asociación Íntegro. A directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, foi a encargada de dar a coñecer o proxecto de recuperación e (re) valorización de residuos plásticos, que vén de iniciar unha nova etapa coa posta en marcha dun taller para o aproveitamento e tratamento deste tipo de refugallos na súa sede de Nantón (Cabana). Trátase dun espazo equipado coa tecnoloxía e os recursos necesarios (trituradora, inxectora e extrusora) para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic, co obxectivo de darlles unha segunda vida mediante a creación de novos produtos con novas utilidades (chaveiros, mobiliario…). Con esta iniciativa de economía circular, a entidade pretende non só promover a autonomía e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, senón tamén preservar o medio natural da Costa da Morte xerando novas dinámicas de colaboración. Neste sentido, a directora do centro apelou tamén á conciencia ambiental da cidadanía, á que animou a colaborar no proxecto “utilizando os novos colectores de plástico e contribuíndo a manter limpos os nosos areais con xestos individuais e novos hábitos máis respectuosos co medio ambiente”, declarou.
Pola súa banda, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña destacou na súa intervención o compromiso ambiental da entidade desde as súas orixes e lembrou que “xa no ano 1996 puxemos en marcha xunto coa Confederación Galega o proxecto Ecoemprego para a recollida de voluminosos e no 2000 creamos unha extensión agraria de produción ecolóxica que, por razóns alleas á entidade, non deu os froitos agardados”, matizou.
A Rede de Entidades Colaboradoras
Desde a asociación Íntegro fíxose especial fincapé no importante labor que desempeñarán os diferentes axentes sociais da Costa da Morte (concellos, confrarías, asociacións de mariscadoras, redeiras…), que conforman a denominada Rede de Entidades Colaboradoras, moitos deles presentes no acto, encargados da xestión dos novos puntos de recollida de plásticos. Un compromiso xa selado, coa sinatura dun acordo de colaboración, cos concellos de Cabana, A Laracha, Vimianzo e Carballo, e as confrarías de Caión e Malpica, aos que en breve se sumarán outras entidades públicas e privadas así como centros de ensino e colectivos sociais.
A xornada rematou coa entrega simbólica do primeiro colector ao Concello de Cabana (nos vindeiros días serán enviados a todas as entidades colaboradoras) e unha breve demostración en directo do funcionamento da maquinaria de reciclaxe, a cargo de Just Fair Enough. Os novos contedores, de cor branca para diferencialos do resto, contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo. Por último, os/as asistentes levaron de recordo un obsequio elaborado con plástico reciclado.
Diversiplás é un proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola asociación Íntegro e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. En 2021, arrincou a primeira fase do proxecto coa posta en marcha dun programa de asesoramento e formación no tratamento e valorización de plásticos, dirixido ás persoas usuarias de Integro- en colaboración con Just Fair Enough- e outro de sensibilización, promovendo accións de boas prácticas para reducir a presenza de plásticos no litoral, a través da limpeza de praias e zonas costeiras. Ademais, realizáronse diversos encontros coas profesionais sector marisqueiro e da pesca da Costa da Morte con visitas ás redeiras Illa da Estrela, de Corme, e ás mariscadoras da Agrupación da Confraría de Camariñas.