post

Íntegro pon o broche de ouro ao seu 30º aniversario cunha gala cargada de emotividade e recoñecementos

O momento máis especial do día protagonizárono os usuarios/as da entidade sorprendendo aos fundadores cun galardón polo seu labor durante estas tres décadas

A música da orquestra de Cámara do Conservatorio de Carballo marcou o inicio da Gala Conmemorativa 30ª aniversario de Íntegro, celebrada onte á mañá no auditorio municipal de Cabana para poñer o broche de ouro a un ano repleto de actividades e celebracións.

Máis de 200 persoas acudiron a unha cita que se presumía cargada de emotividade e gratitude. E así foi! Palabras como inclusión, diversidade, igualdade de oportunidades ou visibilidade foron as máis oídas nun acto que deu renda solta ás emocións (que estaban a flor de pel) e a algunha que outra bágoa entre os/as asistentes. Ademais de usuarios/as, familiares, socios/as, directivos/as, veciñanza e moitas persoas anónimas vinculadas á entidade desde os seus inicios, estiveron presentes numerosas autoridades como a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas; o alcalde de Cabana, José Muíño; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, así como representantes de diferentes concellos da Costa da Morte.

O primeiro en subir ao escenario para recoller o seu galardón foi o rexedor cabanés, José Muíño, que destacou que “hoxe todos somos Íntegro” amosándose moi orgulloso de contar no seu municipio cunha entidade “que leva tres décadas traballando a favor dunha sociedade máis inclusiva desde a normalidade e a diversidade”. A continuación, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, fixo un minucioso percorrido polos 30 anos de historia da asociación, relatando os obstáculos e barreiras superadas desde a creación de Ponte-Cabana ata a actualidade, sen esquecerse da COVID e o cambio de hábitos que trouxo consigo, para concluír lembrando que “é hora de seguir avanzando e aportando á comunidade a través do noso valor social”. Por cada euro público recibido, Íntegro aporta 12€ á sociedade, contribuíndo así á cohesión do tecido empresarial e social da Costa da Morte.

O presidente de COGAMI e COCEMFE, Anxo Queiruga, foi o seguinte en recoller a peza conmemorativa elaborada polos usuarios e usuarias da entidade. Durante o seu discurso só tivo palabras de loanza e agradecemento para “cada unha das persoas que construíron esta gran familia xunto a Adolfo e Sil Couto, e que desde a unión loitan por unha sociedade máis xusta e igualitaria para todos e todas”.

 

A deputada Ana Lamas, destacou a traxectoria e o traballo que leva a cabo “unha entidade que é referencia no eido social e que está aportando calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona, dando un futuro a cada unha das persoas usuarias do centro”.  Pola súa banda, a conselleira María Jesús Lorenzana puxo en valor o traballo desenvolvido por Íntegro e agradeceu “a defensa que realiza en favor da igualdade de oportunidades e o seu compromiso social”. Entre os programas e servizos da asociación, Lorenzana destacou o labor do Centro Especial de Emprego MaisPorvir Xestión Social, así como as accións formativas adaptadas e personalizadas para facilitar e apoiar o acceso ao emprego. A titular da área de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia tamén fixo mención á Medalla Pardo Bazán, que a entidade vén de recibir do órgano autonómico como recoñecemento á súa contribución a unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria.

 

 

 

 

 

 

Recoñecementos especiais

Os recoñecementos máis especiais foron para María Verdes, enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios, en nome do persoal sanitario, que tan importante labor realizou durante a pandemia; Vanesa, asistente persoal e profesional sociosanitaria que representou ao colectivo de profesionais de atención sociosanitaria, e Carmen Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e na actualidade voluntaria da asociación. O recoñecemento empresarial recaeu en José Ramón Pombo Imia, de Autocares J.Pombo, un dos colaboradores máis antigos da entidade, comprometido coa inclusión social das persoas con discapacidade e que na actualidade conta cunha flota de autobuses na que o 60% das prazas son accesibles.

 

 

 

 

A xornada do sábado estivo chea de imaxes para o recordo. Unha das máis emotivas foi sen dúbida o recoñecemento sorpresa que os usuarios e usuarias de Íntegro lle ofreceron aos fundadores da entidade: Adolfo López Baña e Silvestre Couto Torrado. Pero as persoas usuarias foron ademais os grandes protagonistas dunha mañá na que recitaron poemas, elaborados por eles mesmos/as, e exerceron de presentadores da gala.

 

A actuación musical do CMUS de Carballo puxo o punto e final ao acto no auditorio municipal de Cabana. A xornada rematou cun ágape que se serviu na Escola de Vela, á que os convidados/as chegaron camiñando polo paseo fluvial e desfrutando das privilexiadas vistas que ofrece o Estuario do Anllóns.

 

 

 

 

 

post

Íntegro celebrou o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas moi emotiva e concorrida

  • As bombas de palenque marcaron o inicio da xornada festiva na que participou numeroso público
  • As actividades da mañá deron paso a un xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade

Por fin chegou o gran día! Esta mañá, as bombas de palenque anunciaban en Nantón (Cabana de Bergantiños) o inicio dunha xornada festiva e moi emotiva para a gran familia Íntegro. Pouco antes das 11.00 horas, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, xunto coa directora Noelia Barreira e outros membros da directiva daban a benvida a familiares, socios/as, veciños/as e autoridades locais da comarca (como os alcaldes de Cabana e Ponteceso) que se achegaron ata o Centro de Recursos para participar nesta xornada de portas abertas e compartir un día de festa, celebración e moitas emocións con motivo do noso 30º aniversario.

Fiel ao lema conmemorativo deste ano “todos e todas sumamos”, o numeroso público asistente amosouse, desde o primeiro momento, moi participativo e interesado nas diferentes actividades programadas. As primeiras consistiron na realización de varios obradoiros de temática variada, entre os que non faltaron o de xabóns, chapas e pulseiras, ademais do de reciclaxe de plásticos, que se levou a cabo no taller de Diversiplás para dar a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de transformación e valorización deste tipo de lixo. Paralelamente, no exterior das instalacións de Nantón, realizáronse demostracións de produtos de mobilidade activa, a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare, que lograron captar o interese e a atención de todos os convidados/as, entre os que tamén figuraban os/as integrantes dos grupos de voluntariado xuvenil de Madrid que nos visitaron ao longo do mes. Durante a mañá, foron moitas as persoas que aproveitaron para coñecer polo miúdo as instalacións e realizar un percorrido pola nosa historia a través da mostra fotográfica exposta no centro.

O deporte e a actividade física chegou da man dunha divertidísima e moi movida masterclass de zumba, que combinou á perfección exercicio, música e diversión. A xornada no centro rematou cunha interesante charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez.

A festa e a diversión continuou ao longo do día na Parrillada e Cátering A Pedra, situado na mesma localidade, para desfrutar dun xantar de confraternidade conmemorativo do noso 30º aniversario. Antes de compartir mesma e mantel cos convidados/as, o presidente de Íntegro fixo un breve repaso pola historia da entidade, facendo especial fincapé nos duros comezos xunto a Silvestre Couto e destacando “a proxección de futuro que sempre lle demos á entidade, rodeándonos de persoal técnico e cualificado, para lograr unha maior visibilidade e o empoderamento co obxectivo de que as persoas con discapacidade poidan vivir, traballar e desenvolverse no medio rural”. Adolfo López Baña rematou o seu discurso co desexo de que “todos e todas sigamos traballando unidas/os” nun brinde “polo que está por vir”. Na mesma liña, a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, salientou no seu discurso a necesidade de construír “unha sociedade plural e diversa, que valore as cualidades e potenciais que ten cada persoa e o que cada unha pode aportar, respectando a forma de ser e vivir de cadaquen”. Asimesmo, asegurou que “aínda queda moito por facer pero estamos no camiño correcto e seguiremos apoiando, escoitando e acompañando ás persoas con diversidade para fomentar a súa calidade de vida”, rematou. A continuación, Sandra Caamaño, xerente de Máis Porvir Xestión Social, foi a encargada de explicar o funcionamento do Centro Especial de Emprego no que están a traballar 40 persoas con disCapacidade.

 

Tras o xantar, continuou a festa, con moita música, diversión, concursos e premios para uns convidados/as que tamén deixaron pegada no noso photocall. Grazas a todos/as por acompañarnos nun día tan especial. Aquí vos deixamos algúns dos momentos da xornada e algunhas das novas publicadas esta fin de semana nos medios de comunicación.

 

 

La Voz de Galicia300722

Que pasa na Costa300722

La Voz de Galicia 310722

 

post

Íntegro celebra o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas

  • Será o 30 de xullo, de 11.00 a 13.00 horas
  • As actividades inclúen obradoiros ocupacionais e de reciclaxe de residuos plásticos, unha demostración de produtos de mobilidade activa, unha masterclass de zumba e unha charla sobre sexualidade e afectividade

Dentro da programación conmemorativa do seu 30º aniversario, a asociación Íntegro celebrará o vindeiro día 30 unha xornada de portas abertas no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, para dar a coñecer a toda a veciñanza tanto as súas instalacións como as diferentes actividades que desenvolve ao longo do ano. Baixo o lema “todos e todas sumamos”, a entidade pretende involucrar e sensibilizar á cidadanía para camiñar xuntos na inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

A xornada arrincará ás 11.00 horas con actividades para todos os públicos. Desde primeira hora, nenos/ as e maiores poderán desfrutar elaborando os seus propios xabóns, chapas e pulseiras nos diferentes obradoiros que se levarán a cabo e nos que contarán coa axuda de usuarios/as e monitores/as do noso Centro Ocupacional. E para promover a conciencia ambiental dos/as asistentes, tamén haberá talleres de reciclaxe de plásticos. A través do programa Diversiplás, daranse a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de reciclaxe, así como os novos produtos e as súas utilidades. Paralelamente, realizaranse demostracións de produtos de mobilidade activa a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare. En ambos casos, as actividades prolongaranse ata as 13.00 horas.

O deporte e a actividade física tamén estarán presentes nesta xornada de portas abertas coa celebración dunha masterclass de zumba para facer exercicio e divertirse ao ritmo da música. Será de 11.30 a 12.00 horas. A continuación, terá lugar unha charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez. Ao remate da xornada, os nosos usuarios/as e as súas familias participarán, xunto cos traballadores/as e directivos/as do centro, nun xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade.

post

Presentado o proxecto Diversiplás á Rede de Entidades Colaboradoras para a xestión de residuos plásticos na Costa da Morte

  • Ademais dos responsables da entidade, no acto celebrado esta mañá na Escola de Vela de Cabana, estiveron presentes representantes de varios concellos e agrupacións pesqueiras da Costa da Morte adheridos ao proxecto
  • Ao remate, fíxose entrega do primeiro colector de residuos ao Concello de Cabana e realizouse unha pequena demostración do funcionamento da maquinaria de reciclaxe

O proxecto medioambiental da asociación Íntegro segue traballando e avanzando desde a inclusión cara unha Costa da Morte máis sostible. E hoxe volveuno demostrar na Escola de Vela de Canduas, en Cabana de Bergantiños, durante o acto de presentación de Diversiplás, + diverso – plástico, aos integrantes da Rede de Entidades Colaboradoras, celebrado esta mesma mañá, de 10.30 a 12.00 horas.

O alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez, exerceu de mestre de cerimonias do evento, que contou coa asistencia de numeroso público, entre o que se atopaban algúns representantes dos concellos da Costa da Morte e do sector marítimo e pesqueiro, que integran a Rede de colaboradores do territorio de influencia do Galp Costa da Morte. Durante o discurso de benvida, Muíño sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para ‘’poñer en valor a recuperación de elementos e a cooperación entre as distintas institucións e sectores nun proxecto que buscará darlle solución á problemática do plástico a través de novos empregos do mesmo”.

A continuación, foi a quenda da asociación Íntegro. A directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, foi a encargada de dar a coñecer o proxecto de recuperación e (re) valorización de residuos plásticos, que vén de iniciar unha nova etapa coa posta en marcha dun taller para o aproveitamento e tratamento deste tipo de refugallos na súa sede de Nantón (Cabana). Trátase dun espazo equipado coa tecnoloxía e os recursos necesarios (trituradora, inxectora e extrusora) para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic, co obxectivo de darlles unha segunda vida mediante a creación de novos produtos con novas utilidades (chaveiros, mobiliario…). Con esta iniciativa de economía circular, a entidade pretende non só promover a autonomía e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, senón tamén preservar o medio natural da Costa da Morte xerando novas dinámicas de colaboración. Neste sentido, a directora do centro apelou tamén á conciencia ambiental da cidadanía, á que animou a colaborar no proxecto “utilizando os novos colectores de plástico e contribuíndo a manter limpos os nosos areais con xestos individuais e novos hábitos máis respectuosos co medio ambiente”, declarou.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña destacou na súa intervención o compromiso ambiental da entidade desde as súas orixes e lembrou que “xa no ano 1996 puxemos en marcha xunto coa Confederación Galega o proxecto Ecoemprego para a recollida de voluminosos e no 2000 creamos unha extensión agraria de produción ecolóxica que, por razóns alleas á entidade, non deu os froitos agardados”, matizou.

A Rede de Entidades Colaboradoras

Desde a asociación Íntegro fíxose especial fincapé no importante labor que desempeñarán os diferentes axentes sociais da Costa da Morte (concellos, confrarías, asociacións de mariscadoras, redeiras…), que conforman a denominada Rede de Entidades Colaboradoras, moitos deles presentes no acto, encargados da xestión dos novos puntos de recollida de plásticos. Un compromiso xa selado, coa sinatura dun acordo de colaboración, cos concellos de Cabana, A Laracha, Vimianzo e Carballo, e as confrarías de Caión e Malpica, aos que en breve se sumarán outras entidades públicas e privadas así como centros de ensino e colectivos sociais.

A xornada rematou coa entrega simbólica do primeiro colector ao Concello de Cabana (nos vindeiros días serán enviados a todas as entidades colaboradoras) e unha breve demostración en directo do funcionamento da maquinaria de reciclaxe, a cargo de Just Fair Enough. Os novos contedores, de cor branca para diferencialos do resto, contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo. Por último, os/as asistentes levaron de recordo un obsequio elaborado con plástico reciclado.

Diversiplás é un proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola asociación Íntegro e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. En 2021, arrincou a primeira fase do proxecto coa posta en marcha dun programa de asesoramento e formación no tratamento e valorización de plásticos, dirixido ás persoas usuarias de Integro- en colaboración con Just Fair Enough- e outro de sensibilización, promovendo accións de boas prácticas para reducir a presenza de plásticos no litoral, a través da limpeza de praias e zonas costeiras. Ademais, realizáronse diversos encontros coas profesionais sector marisqueiro e da pesca da Costa da Morte con visitas ás redeiras Illa da Estrela, de Corme, e ás mariscadoras da Agrupación da Confraría de Camariñas.

post

En marcha o proxecto de “Ampliación do Centro de Recursos Íntegro” do que se beneficiarán 45 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

O proxecto conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF, a Deputación Provincial da Coruña, a través das Convocatorias FOIE 21-22, e a Fundación ONCE, a través do Plan de Prioridades 21

Desde o pasado 1 de maio, a  asociación Íntegro está a desenvolver un proxecto de “Ampliación do Centro de Recursos Íntegro” do que se beneficiarán os 45 usuarios/as do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte. Dita actuación, que consistirá na creación dun novo volume rectangular de 110 metros cadrados ao carón da fachada principal, permitirá ampliar algunhas dependencias actuais como a aula ocupacional, a cociña, os vestiarios e os aseos. Estes traballos permitirán mellorar a calidade dos servizos actuais e incrementar o número de prazas para dar cobertura a un maior número de usuarios/as.

O proxecto, que ascende a uns 180.400,00 €, aproximadamente, e realizarase o longo desta anualidade, conta co financiamento de varias institucións públicas e entidades sociais. Por unha banda, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia subvencionará, a través de COGAMI, o 43% do gasto grazas aos fondos do  0,7% do IRPF procedentes do cadro 106 de “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a Deputación Provincial da Coruña aportará o 37% con cargo ás Convocatorias FOIE 21-22 e a Fundación ONCE investirá o 8%, a través do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE). O resto, un 12%, será aportado pola propia entidade dos fondos propios.

A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que desde 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional que prestan servizo a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños) forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

post

A Deputación da Coruña cofinanciará as obras de ampliación da sede de Íntegro

Así o confirmou o presidente provincial durante a visita que realizou á sede de Nantón, xunto ao alcalde de Cabana, José Muíño

A actuación, que tamén estará cofinanciada pola Xunta de Galicia, a Fundación ONCE e o propio centro, consistirá na creación dun novo volume de 110 metros cadrados para ampliar a aula ocupacional, a cociña e a zona de aseos e vestiarios

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, visitou  as instalacións de Íntegro xunto ao alcalde de Cabana, José Muíño, e o presidente da asociación, Adolfo López Baña, ademais doutros membros e responsables da entidade e do goberno municipal, así como da empresa de xestión social MáisPorvir.

Tras un percorrido polas dependencias para coñecer de preto as actividades e os programas que se desenvolven desde os centros de Día, de Recursos e Ocupacional, manifestou o seu compromiso de apoiar economicamente as obras de ampliación da actual sede de Nantón “para seguir aportando recursos económicos e capacidades que lles permitan ir materializando, pouco a pouco, non só o traballo que fan diariamente, que é enorme, atendendo a máis de 40 familias, senón tamén as ilusións e as aspiracións da asociación”, subliñou. Así mesmo, fixo alusión á estreita e permanente colaboración da Deputación coa entidade a través do financiamento de actividades e programas así como dos traballos de reparación da cuberta do edificio, a creación dunha marquesiña ou o pintado interior, entre outras actuacións.

Pola súa banda, Adolfo López Baña agradeceu á Deputación a visita e as axudas que cada ano concede para o mantemento e mellora do centro e engadiu que “os que máis agradecidos/as están son os usuarios e usuarias de toda a Costa da Morte que veñen ao centro, que agora mesmo son 43 e 5 máis en  lista de agarda”. “Nós o que queremos é dar cobertura a cantas máis familias mellor porque para elas este tipo de centros é moi importante, non só para o respiro familiar senón para a inclusión laboral e social dos seus familiares”, destacou. Tamén o alcalde de Cabana, José Muíño, fixo referencia á necesidade de colaboración entre as diferentes institucións para “tender pontes que axuden á xente máis necesitada. É moi bonito que esteamos xuntos, que colaboremos nunha forma de traballar baseada no respecto institucional”, matizou.

Programa FOAXE-C

Por outra banda, a Deputación da Coruña vén de facer públicas as subvencións correspondentes ao programa FOAXE-C para entidades sen fins de lucro, destinadas ao mantemento dos diferentes centros de servizos sociais da provincia para o ano 2022. Neste senso, a achega provincial para a nosa entidade ascenderá a 28.500,00 € (0,2504% ), que irán destinados á posta en marcha de diferentes programas e actividades do noso Centro de Día encamiñados a mellorar o benestar e calidade de vida das persoas usuarias.

post

Tres centros de primaria da Costa da Morte, gañadores do concurso escolar 30 aniversario de Íntegro

  • Tratase do CPI As Revoltas de Cabana, o CEIP Labarta Pose de Baio (Zas) e o centro de primaria O Areal de Camariñas
  • Os gañadores/as recibirán da man dos usuarios/as da entidade unha tablet e un diploma acreditativo para a clase e chapas para todos os nenos e nenas premiados/as

O concurso escolar 30 aniversario “Camiñando cara a inclusión”, convocado pola asociación Íntegro dentro do programa de actividades conmemorativas deste 2022, xa ten finalistas. Desde o pasado mes de febreiro, máis de 20 centros de educación primaria da Costa da Morte participaron nesta iniciativa, encamiñada a promover valores como a inclusión e a igualdade no ámbito educativo, que resultou ser todo un éxito entre a cativada.

Rematado o prazo de presentación dos traballos e tras unha “longa e moi difícil” deliberación do xurado, formado por un traballador/a e un usuario/a de Íntegro; un patrocinador/colaborador do 30 aniversario, un representante dos escolares e un profesional do ámbito cultural, estes foron os finalistas das diferentes categorías:

A. DEBUXO (alumnado de 1º e 2º de EP): 1º de primaria do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños)

B. POESÍA (alumnado 2º e 3º de EP): 4º primaria do CEIP Labarta Pose (Baio-Zas)

C. NARRATIVA (alumnado de 5º e 6º de EP): 6º de primaria do CEIP O Areal (Camariñas)

A elección dos gañadores levouse a cabo seguindo os criterios establecidos nas bases da convocatoria, entre os que destacaban a creatividade, orixinalidade e calidade dos traballos ademais doutros valores engadidos como a mensaxe, a accesibilidade e a implicación máis alá da aula.

Entrega premios

Debuxo gañador de 1º primaria do CPI As Revoltas de Cabana

 

Esta semana, as aulas gañadoras serán premiadas cunha tablet e un diploma acreditativo como agasallo colectivo, e unha chapa conmemorativa do concurso para cada neno/a galardoado/a. Os primeiros/as premiados foron os alumnos e alumnas de Cabana, que esta mesma mañá recibiron a visita dos nosos usuarios/as para facerlles entrega dos seus agasallos nun acto celebrado ás 12.00 horas no salón de actos do centro educativo. Mañá 5, ás 10.30 horas, será a quenda dos escolares de Camariñas e ás 12.30 horas, os de Baio, en Zas.

Desde Íntegro queremos dar a grazas a toda a comunidade educativa pola súa participación e implicación nesta iniciativa destinada a fomentar a inclusión e a igualdade na contorna e a promover novos espazos para a reflexión achegando á cativada conceptos tan importantes como a accesibilidade ou a disCapacidade.

 

 

 

 

post

A Diverescola chega ás unitarias de Traba e Torrexallóns, en Laxe

Un total de 15 nenos e nenas de educación infantil participaron nesta iniciativa, enmarcada no programa Capacíta-T, para a achegar a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento

Un total de 15 nenos e nenas das escolas unitarias de Torrexallóns e Traba de Laxe veñen de participar nunha nova xornada de sensibilización posta en marcha pola asociación Íntegro. Nesta ocasión, foi a través da Diversescola, unha iniciativa do programa Capacíta-T deseñada para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Dada a curta idade do alumnado, a actividade centrouse exclusivamente na representación dun “contaconto guiado”, que logrou atraer o interese e a participación da cativada, tanto na escenificación da lectura como nas conversas mantidas ao remate para afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade. Unha experiencia, sen dúbida, moi enriquecedora na que diversión e aprendizaxe foron da man.

Educación en valores

Diverescola é unha acción de sensibilización desenvolvida por Íntegro, no marco do programa de capacitación da sociedade Capacíta-T, encamiñada a educar en valores ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos da Costa da Morte, co obxectivo de formar, xunto ao profesorado, persoas comprometidas coa diversidade funcional, romper as barreiras mentais e propiciar a normalidade e a inclusión real. A través do xogo e o entretemento, os máis cativos/as terán a oportunidade de reflexionar e flexibilizar sobre crenzas erróneas, xa consolidadas, en torno ás persoas que son diferentes e/ou teñen diferentes capacidades, ata darse conta das súas potencialidades, aprender a respectalas e descubrir que a riqueza e a importancia da diversidade. Deste xeito, promoveremos actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade.

post

A campaña de prevención da lesión medular visitou as aulas do IES Alfredo Brañas

  •  Celebráronse dúas xornadas de sensibilización nas que participaron preto de 100 escolares de 4º da ESO
  • Esta iniciativa, incluída no programa conmemorativo do 30 aniversario de Íntegro, xa se levou a cabo neste 2022 en varios centros de Laxe, Coristanco e Zas e nas vindeiras semanas visitará outros institutos do Concello de Carballo    

A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro chegou esta semana ao IES Alfredo Brañas de Carballo coa celebración de varias xornadas de sensibilización, dirixidas ao alumnado de 4º da ESO. Ao longo de dous días, responsables da entidade deron a coñecer as causas e consecuencias dos accidentes medulares ao tempo que concienciaron aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco, especialmente en estradas, praias e piscinas, por ser os principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

Alumnado 4ºESO IES Alfredo Brañas (Carballo)

Un total de 96 alumnos e alumnas participaron nas diferentes sesións informativas ofrecidas pola educadora social de Íntegro, Tania Bartucca, que acudiu acompañada de José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso como exemplo de forza e superación, e Noé, un usuario da entidade que asistiu ás charlas programadas para o segundo día. Ademais da explicación teórica e do testemuño real, procedeuse á proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”.

A campaña de prevención da lesión medular, incluída na programación conmemorativa do 30 aniversario de Íntegro, xa leva percorrido neste 2022 varios concellos da Costa da Morte. Entre os máis recentes, destacan as visitas a varios centros educativos de Laxe, Coristanco e o CIP de Zas. Así mesmo, as charlas no Concello de Carballo continuarán nas vindeiras semanas para achegar a campaña ao alumnado do IES Monte Neme e o IES Isidro Parga Pondal.

Alumnado de 3º ESO do CPI Xosé Pichel (Coristanco)

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro enviando un correo electrónico a formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

post

A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro visita o CPI Cabo da Area de Laxe

29 escolares de 3º e 4º da ESO participaron no día de onte nunha xornada de sensibilización que contou cunha charla informativa, a proxección dun vídeo e o testemuño dun lesionado medular

Neste mes de marzo, a campaña de prevención da lesión medular de Íntegro volveu ás aulas coa celebración dunha xornada de sensibilización no CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, na que participaron 29 alumnos de 3º e 4º da ESO. A actividade, incluída na programación conmemorativa do 30º aniversario da entidade, xirou arredor das causas e consecuencias dos accidentes medulares para concienciar aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco en estradas, praias e piscinas, como principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

A sesión informativa, celebrada onte á mañá, contou coa participación do presidente de Íntegro Adolfo López Baña, encargado de explicar ao alumnado os motivos que se agochan tras os accidentes medulares, e José Manuel, un voluntario do programa, que expuxo o seu caso e deixou impresionado tanto ao alumnado como ao profesorado co seu exemplo de forza, coraxe e superación. A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”. Ao remate, celebrouse un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular. Nesta ocasión, debido á situación actual derivada da COVID-19, non se realizaron as habituais sesións prácticas, que agardamos poder retomar en breve.

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.