post

Íntegro pon o broche de ouro ao seu 30º aniversario cunha gala cargada de emotividade e recoñecementos

O momento máis especial do día protagonizárono os usuarios/as da entidade sorprendendo aos fundadores cun galardón polo seu labor durante estas tres décadas

A música da orquestra de Cámara do Conservatorio de Carballo marcou o inicio da Gala Conmemorativa 30ª aniversario de Íntegro, celebrada onte á mañá no auditorio municipal de Cabana para poñer o broche de ouro a un ano repleto de actividades e celebracións.

Máis de 200 persoas acudiron a unha cita que se presumía cargada de emotividade e gratitude. E así foi! Palabras como inclusión, diversidade, igualdade de oportunidades ou visibilidade foron as máis oídas nun acto que deu renda solta ás emocións (que estaban a flor de pel) e a algunha que outra bágoa entre os/as asistentes. Ademais de usuarios/as, familiares, socios/as, directivos/as, veciñanza e moitas persoas anónimas vinculadas á entidade desde os seus inicios, estiveron presentes numerosas autoridades como a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas; o alcalde de Cabana, José Muíño; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, así como representantes de diferentes concellos da Costa da Morte.

O primeiro en subir ao escenario para recoller o seu galardón foi o rexedor cabanés, José Muíño, que destacou que “hoxe todos somos Íntegro” amosándose moi orgulloso de contar no seu municipio cunha entidade “que leva tres décadas traballando a favor dunha sociedade máis inclusiva desde a normalidade e a diversidade”. A continuación, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, fixo un minucioso percorrido polos 30 anos de historia da asociación, relatando os obstáculos e barreiras superadas desde a creación de Ponte-Cabana ata a actualidade, sen esquecerse da COVID e o cambio de hábitos que trouxo consigo, para concluír lembrando que “é hora de seguir avanzando e aportando á comunidade a través do noso valor social”. Por cada euro público recibido, Íntegro aporta 12€ á sociedade, contribuíndo así á cohesión do tecido empresarial e social da Costa da Morte.

O presidente de COGAMI e COCEMFE, Anxo Queiruga, foi o seguinte en recoller a peza conmemorativa elaborada polos usuarios e usuarias da entidade. Durante o seu discurso só tivo palabras de loanza e agradecemento para “cada unha das persoas que construíron esta gran familia xunto a Adolfo e Sil Couto, e que desde a unión loitan por unha sociedade máis xusta e igualitaria para todos e todas”.

 

A deputada Ana Lamas, destacou a traxectoria e o traballo que leva a cabo “unha entidade que é referencia no eido social e que está aportando calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona, dando un futuro a cada unha das persoas usuarias do centro”.  Pola súa banda, a conselleira María Jesús Lorenzana puxo en valor o traballo desenvolvido por Íntegro e agradeceu “a defensa que realiza en favor da igualdade de oportunidades e o seu compromiso social”. Entre os programas e servizos da asociación, Lorenzana destacou o labor do Centro Especial de Emprego MaisPorvir Xestión Social, así como as accións formativas adaptadas e personalizadas para facilitar e apoiar o acceso ao emprego. A titular da área de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia tamén fixo mención á Medalla Pardo Bazán, que a entidade vén de recibir do órgano autonómico como recoñecemento á súa contribución a unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria.

 

 

 

 

 

 

Recoñecementos especiais

Os recoñecementos máis especiais foron para María Verdes, enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios, en nome do persoal sanitario, que tan importante labor realizou durante a pandemia; Vanesa, asistente persoal e profesional sociosanitaria que representou ao colectivo de profesionais de atención sociosanitaria, e Carmen Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e na actualidade voluntaria da asociación. O recoñecemento empresarial recaeu en José Ramón Pombo Imia, de Autocares J.Pombo, un dos colaboradores máis antigos da entidade, comprometido coa inclusión social das persoas con discapacidade e que na actualidade conta cunha flota de autobuses na que o 60% das prazas son accesibles.

 

 

 

 

A xornada do sábado estivo chea de imaxes para o recordo. Unha das máis emotivas foi sen dúbida o recoñecemento sorpresa que os usuarios e usuarias de Íntegro lle ofreceron aos fundadores da entidade: Adolfo López Baña e Silvestre Couto Torrado. Pero as persoas usuarias foron ademais os grandes protagonistas dunha mañá na que recitaron poemas, elaborados por eles mesmos/as, e exerceron de presentadores da gala.

 

A actuación musical do CMUS de Carballo puxo o punto e final ao acto no auditorio municipal de Cabana. A xornada rematou cun ágape que se serviu na Escola de Vela, á que os convidados/as chegaron camiñando polo paseo fluvial e desfrutando das privilexiadas vistas que ofrece o Estuario do Anllóns.

 

 

 

 

 

post

Íntegro participará en Carballo na Semana Europea da Mobilidade coa celebración do Día da Accesibilidade  

  • Levarase a cabo o luns 21 para dar visibilidade aos problemas que sofren a diario ás persoas con mobilidade reducida
  • A entidade súmase así, un ano máis, ao programa de actos que organiza a Concellería de Mobilidade, do 16 ao 22 deste mes, coa colaboración ademais da área de Igualdade, o Club Ciclista Carballo e a Asociación Ambiental Senda Nova

O presidente de Íntegro, Adolfo López  Baña, e a Educadora Social Tania Bartucca Nión, asistiron onte en Carballo á presentación do programa de actividades que o consistorio carballés vai poñer en marcha do 16 ao 22 de setembro con motivo da conmemoración da Semana Europea da Mobilidade. Trátase dunha programación ampla e variada, deseñada desde a Concellaría de Mobilidade coa colaboración da área municipal de Igualdade, o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, Senda Nova e a nosa entidade, que non quixo faltar, un ano máis, a esta importante cita para aportar o noso gran de area na organización de varias accións encamiñadas a sensibilizar e implicar á cidadanía no difícil reto de converter as nosas rúas en espazos seguros e accesibles para todos e todas. No acto, celebrado nas inmediacións do Fórum,  tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e Eva Cameán, da asociación ambiental Senda Nova.

Juan Seoane, Eva Cameán, Adolfo López, Tania Bartucca e Maica Ures durante a presentación na contorna do Fórum

Desde a asociación Íntegro colaboraremos, nesta ocasión, na organización do Día da Accesibilidade, que terá lugar o luns 21 nunha xornada con marcado carácter reivindicativo e repleta de actividades tan singulares como novidosas, orientadas a dar visibilidade aos problemas cos que se atopan a diario as persoas con mobilidade reducida. A primeira delas, denominada “Son só 5 minutiños”, desenvolverase pola mañá, entre as 11.00 e as 13.00 horas, e consistirá na ocupación de varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes con cadeiras de rodas, muletas e carteis coas desculpas máis empregadas cando se utilizan prazas PMR sen tarxeta “para que a xente que ocupa as prazas para persoas con mobilidade reducida vexa o mal que se sentiría se lle pasase a eles. Non hai prazas para persoas con mobilidade reducida porque queiramos, senón porque as precisamos”, aclarou Adolfo López. Xa pola tarde celebrarase a segunda, unha ruta en cadeira de rodas polas rúas da contorna do Fórum para avaliar as melloras feitas en accesibilidade e detectar posibles novos puntos nos que sexa preciso actuar. Será das 17.00 ás 18.30 horas.

Este ano, debido ás restricións impostas pola COVID-19 e para garantir a seguridade dos/as participantes, formaranse grupos reducidos nas diferentes actividades e extremarase as medidas de prevención (uso de tapabocas, distanciamento social e desinfección de obxectos), segundo detallou Juan Seoane, encargado de debullar toda a programación, na que figuran propostas tan atractivas como o “Día sen Coches”, unha iniciativa que se desenvolverá por primeira vez e que consistirá en cortar ao tráfico rodado varias rúas para que as usen os peóns  con xogos e actividades co obxectivo de dar visibilidade á transformación urbana da vila. Esta acción, que se realizará de forma simultánea en diferentes barrios da vila, coincidirá tamén coa celebración de “Pedaleando pola igualdade”, unha actividade que a Concellaría de Igualdade tivo que suspender no mes de marzo e que agora retoma, en colaboración co Club Ciclista Carballo, para “darlles recursos ás mulleres para poder andar en bicicleta e que se sintan libres”, manifestou Maica Ures. O programa complétase cunha ruta a pé pola beira do Anllóns para poñer en valor as marxes dos ríos da man de Senda Nova, e unha morea de actividades máis que non podes perder. Bótalle un ollo e participa!

post

O presidente de COGAMI visitou Íntegro para coñecer o funcionamento e as necesidades do centro de recursos

Esta semana as portas da Asociación Íntegro abríronse para recibir unha visita moi especial e chea de proxectos. O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila, e Manuel Laureano Caamaño, responsable da área de Fortalecemento do Movemento Asociativo (FMA) da entidade, desprazáronse ata as nosas instalacións de Nantón para coñecer de primeira man o funcionamento do noso centro de recursos así como as súas principais necesidades, actuais e futuras. Esta xuntanza, na que estiveron presentes o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, xunto co vicepresidente, Ramón Pombo, e a práctica totalidade dos membros da directiva e traballadores, desenvolveuse nun ambiente distendido e moi familiar dada a estreita relación que une a ambas agrupacións.

foto visita cogami1 Durante a reunión, o máximo responsable de COGAMI fixo especial fincapé “na importancia de dar visibilidade a todas as persoas con diversidade funcional que non acoden aos centros especializados ou que, simplemente, non teñen a valoración de dependencia requirida”, matizou. Deste xeito, preténdense abrir novas liñas de actuación con accións encamiñadas a atender a persoas con discapacidade que non atopan nun centro de día ou ocupacional unha axeitada adecuación ás súas características ou necesidades específicas.

Íntegro visibleIMG_5361

Por outra banda, os responsables de Integro aproveitaron a ocasión para dar a coñecer a súa “aposta pola visibilidade” con campañas de concienciación e divulgación, intensificadas nos últimos meses con programas educativos de prevención, charlas e xornadas destinadas a pór en valor na sociedade conceptos tan básicos e fundamentais como a diversidade, a igualdade ou a inclusión cunha mención especial ao proxecto Capacita-T, que tan boa acollida está a ter nos municipios da contorna. Non faltaron ademais alusións aos novos proxectos así como o programa de actividades previsto para o 2016.

Esta primeira toma de contacto forma parte dunha rolda de visitas que, durante o presente ano, Anxo Queiruga acompañado polo responsable do FMA, vai realizar polos diferentes centros de recursos das asociacións pertencentes a COGAMI. Dende a Asociación Íntegro agradecemos a súa presenza en Nantón e agardamos con ilusión a posta en marcha de novas liñas de traballo conxuntas en favor dunha maior visibilidade social para os colectivos de persoas con diversidade funcional.