post

En marcha o proxecto de “Ampliación do Centro de Recursos Íntegro” do que se beneficiarán 45 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

O proxecto conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF, a Deputación Provincial da Coruña, a través das Convocatorias FOIE 21-22, e a Fundación ONCE, a través do Plan de Prioridades 21

Desde o pasado 1 de maio, a  asociación Íntegro está a desenvolver un proxecto de “Ampliación do Centro de Recursos Íntegro” do que se beneficiarán os 45 usuarios/as do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte. Dita actuación, que consistirá na creación dun novo volume rectangular de 110 metros cadrados ao carón da fachada principal, permitirá ampliar algunhas dependencias actuais como a aula ocupacional, a cociña, os vestiarios e os aseos. Estes traballos permitirán mellorar a calidade dos servizos actuais e incrementar o número de prazas para dar cobertura a un maior número de usuarios/as.

O proxecto, que ascende a uns 180.400,00 €, aproximadamente, e realizarase o longo desta anualidade, conta co financiamento de varias institucións públicas e entidades sociais. Por unha banda, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia subvencionará, a través de COGAMI, o 43% do gasto grazas aos fondos do  0,7% do IRPF procedentes do cadro 106 de “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a Deputación Provincial da Coruña aportará o 37% con cargo ás Convocatorias FOIE 21-22 e a Fundación ONCE investirá o 8%, a través do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE). O resto, un 12%, será aportado pola propia entidade dos fondos propios.

A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que desde 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional que prestan servizo a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños) forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

post

A deputada de benestar social Ana Lamas realizou unha visita a Íntegro acompañada por un grupo de representantes políticos de Ponteceso, Cabana e Malpica

  • A concelleira de Servizos Sociais de Ponteceso e o portavoz do Psoe de Cabana tamén se sumaron á comitiva, que foi recibida polo presidente e a directora da entidade ademais da xerente de Máis Porvir
  • Logo dun percorrido polas instalacións, celebrouse unha xuntanza para conversar sobre as necesidades máis urxentes en materia de formación e emprego e dar a coñecer o proxecto “Vivenda Comunitaria”

O pasado venres a deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas, realizou a súa primeira visita institucional a Íntegro para coñecer de primeira man as nosas instalacións de Nantón (Cabana) e o seu funcionamento, e manter unha reunión cos responsables de Íntegro coa intención de analizar as necesidades actuais e futuras dos nosos usuarios/as e as súas familias. Xunto a ela, acudiron tamén os alcaldes de Ponteceso, Cabana e Malpica así como a concelleira de Servizos Sociais pontecesá e o portavoz do Psoe cabanés. A comitiva foi recibida polo noso presidente, Adolfo López Baña; a directora do centro, Noelia Barreira e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño.

A xornada deu comezo cunha visita guiada polas instalacións para coñecer polo miúdo o funcionamento diario dos diferentes departamentos e poñer en valor o labor que desempeñan as persoas usuarias do Centro de Dia e do Centro Ocupacional a través dos diferentes programas e obradoiros que levamos a cabo ao logo do ano co apoio e a financiación institucional, entre outras, da administración provincial desde a súa área de benestar social e inclusión.

Peticións urxentes

Tras o percorrido, os responsables de Íntegro mantiveron unha xuntanza coa titular provincial, na que tamén estiveron presentes os representantes políticos da contorna, para trasladarlle as necesidades máis urxentes e prioritarias do centro en materia de educación, formación e emprego, “tres áreas sobre as que debemos actuar de maneira conxunta para lograr unha inclusión plena e real na sociedade”, asegurou o presidente da entidade ao tempo que salientou a importancia de ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social a través de centros de emprego, como o de Máis Porvir, nos que ademais de orientar, formar e especializar a futuros traballadores/as, ofrécense novas oportunidades de acceso ao mercado laboral que posibilitarán unha notable mellora da empregabilidade en igualdade de condicións.

Por outra banda, Adolfo López Baña aproveitou a ocasión para presentar publicamente o novo proxecto de Íntegro denominado “Vivenda Comunitaria”, unha iniciativa que xorde para dar resposta a aquelas familias que, chegado o momento, non poidan proporcionar aos seus seres queridos os apoios e coidados necesarios para o seu benestar e desenvolvemento cotiá. Neste senso, tras unha excelente acollida, todos os/as asistentes coincidiron en sinalar a necesidade da existencia dun programa destas características na Costa da Morte e expresaron o seu compromiso e apoio para convertelo nunha realidade capaz de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

 

 

post

17 concellos da Costa da Morte participaron nun almorzo informativo organizado por Cegasal sobre contratación pública de centros especiais de emprego

O encontro, que forma parte da Rede Eusumo, celebrouse en Carballo coa colaboración de Máis Porvir

Esta semana, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal) organizou, coa colaboración da nosa empresa de xestión social Máis Porvir, un almorzo informativo en Carballo co obxectivo de promover o desenvolvemento dunha cultura empresarial inclusiva na Costa da Morte. A xornada, que resultou todo un éxito de participación, contou coa presenza de máis de cincuenta representantes políticos e preto dunha vintena de técnicos dos concellos da contorna que se achegaron para coñecer polo miúdo a contratación pública reservada a este tipo de centros.    

Ademais da xerente do centro especial de emprego de Íntegro, Sandra Caamaño, tamén asistiu ao evento o presidente da nosa entidade e administrador único de Máis Porvir, Adolfo López Baña, xunto a outros membros da asociación como o tesoureiro, Silvestre Couto; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; a traballadora social, Sandra Reimúndez, persoal do centro e usuarios/as.

A xornada xirou arredor da Lei de Integración Social do Minusválido, a Lei de Contratos do Sector Público e a contratación de persoas con discapacidade, cuestións que abordaron Elena Barba Pan, secretaria da Xunta Consultiva de Contratación da Xunta de Galicia; Concepción Campos Acuña, secretaria do Concello de Vigo; Adolfo López Baña e Sandra Caamaño, administrador e xerente de Máis Porvir; Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami, e José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal.

A Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego integra xa a 30 centros de emprego e conta ademais con varias empresas colaboradoras como Construcciones Ramón Vázquez y Reino, que tamén estivo presente neste primeiro encontro, incluído na Rede Eusumo.

 

 

post

O PIMDRural de Íntegro regresa en setembro cun novo curso sobre creación de perfís en webs de emprego

No último ano, 24 persoas beneficiáronse do Punto de Intervención para Mulleres, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O mes de setembro arrinca con importantes novidades no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), unha iniciativa promovida polo Centro de Recursos Íntegro e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Tras un ano de intensa actividade formativa para dotar ás mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia, necesarias para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, este mes poremos en marcha unha novidosa acción, totalmente de balde baseada na creación de perfís en webs de emprego, que ten como obxectivo aumentar a empregabilidade de todas as participantes no curso e lograr a súa plena integración socio-laboral. Para elo, ofrecerase unha atención personalizada e especializada, orientada á realidade actual do mercado de traballo.

Todas as persoas que estean interesadas en participar nesta actividade, prioritariamente mulleres con disCapacidade, deberán inscribirse canto antes no Centro de Recursos Íntegro. Para máis información tamén poden chamar ao 981 734 985.

Balance

Durante o período 2018/2019, un total de 24 mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse do noso servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral, postos en marcha hai xa catro anos. Moitas delas, formaron parte tamén dun extenso e variado programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación. Así mesmo, leváronse a cabo numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional.  

Ademais das sesións teóricas, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras. Nos vindeiros meses, está previsto continuar co este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.

post

Visita do alcalde de Cabana ao Centro de Recursos Íntegro

 José Muíño, que acudiu acompañado polo concelleiro de Obras, Carlos Allo, foi recibido polo presidente de Íntegro, o tesoureiro e a directora do centro

O mes de xullo arrincou coa visita institucional do alcalde de Cabana, José Muíño, que, tras recibir o convite de Íntegro, achegouse este xoves ata o Centro de Recursos de Nantón para coñecer de primeira man as necesidades actuais da entidade e saudar aos seus usuarios/as. O rexedor, que acudiu acompañado polo concelleiro de obras Carlos Allo, foi recibido polo noso presidente, Adolfo López Baña, e a directora Noelia Barreira. Durante o percorrido estiveron tamén presentes o tesoureiro, Silvestre Couto, e a xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño.

Unha das primeiras paradas da visita tivo lugar no exterior do Centro de Recursos coa finalidade de supervisar as obras de remodelación levadas a cabo na fachada do edificio con cargo ao programa FOIE da Deputación da Coruña, destinado a entidades sen fins de lucro, e coa co-financiación da Xunta de Galicia, xestionada por COGAMI a través dos fondos do 0,7% do IRPF destinados a fins sociais. A execución da 2º fase do proxecto de formación de fachada ventilada, levada a cabo no primeiro trimestre do ano, veu a sumarse aos traballos iniciados a finais de 2017 para a reparación e acondicionamento integral da fachada exterior das instalacións de Nantón coa que, ademais de mellorar notablemente a súa imaxe, logrouse proceder ao illamento térmico e acústico da fachada de cara á obtención dun maior aforro enerxético e unha ventilación natural máis eficaz.

Así mesmo, a comitiva tamén se achegou ata Centro Especial de Emprego para ver a nova maquinaria que vén de adquirir a empresa de xestión social, a través dunha subvención para investimentos en activos fixos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a realización de traballos de limpeza e mantemento así como de xardinería. Tanto o alcalde como o concelleiro de Cabana aproveitaron a súa estancia en Nantón para conversar cos usuarios/as e interesarse polo traballo que desenvolven nos diferentes talleres.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro trasladou ás autoridades locais ás novas necesidades do centro. Entre as máis inmediatas, Adolfo López Baña destacou a posta en marcha da 1ª fase do proxecto de renovación da cuberta, actualmente á espera da resolución definitiva do programa FOIE 2019 da Deputación da Coruña. A ampliación dos baños e a renovación dalgúns elementos do mobiliario (portas…) para adaptalos ás necesidades específicas dos usuarios/as completaron as demandas que a entidade agarda poder facer realidade entre este ano e o que vén.
Neste senso, o alcalde de Cabana comprometeuse a seguir colaborando con Íntegro e Máis Porvir e seguir traballando conxuntamente para mellorar a calidade de vida e a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional.

post

Íntegro amplía a súa oferta formativa con catro novos cursos de capacitación laboral

  • Axudante de cociña, auxiliar de almacén, peón de xardín e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais son as novas especialidades que se impartirán en 2017-2018
  • O programa está subvencionado pola Consellería de Política Social da Xunta e o Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo de Galicia 2014-2020

A asociación Íntegro está de parabéns porque o plan de formación do Centro de Recursos de Nantón vaise ver notablemente incrementado durante o período 2017-2018. Esta boa nova chega da man da Dirección Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia que vén de concederlle á entidade un programa de axudas, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) a través do Programa Operativo de Galicia 2014-2020, para a realización de accións sociais e inclusivas destinadas a promover a igualdade de oportunidades para persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. E que mellor maneira de facelo que a través da formación e o emprego.

Entre o 2017 e o 2018 Íntegro porá en marcha catro novos obradoiros centrados na capacitación laboral dos seus participantes como medida de mellora na procura dun emprego digno e de calidade. Axudante de cociña, auxiliar de almacén, peón de xardín e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais (este último xa en marcha) son as especialidades dun programa formativo que será impartido nas instalacións do centro por persoal cualificado e cunha ampla traxectoria docente. Íntegro amplía así a súa oferta de formación para facilitar máis recursos aos colectivos máis vulnerables.

 

Curso en marcha

O que si xa comezou é o curso de “limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais”, tamén incluído no novo plan de formación. Nel están a participar, dende o pasado 3 de xullo, 10 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. As clases teñen unha duración de 208 horas lectivas divididas en catro módulos teóricos, un de prácticas profesionais non laborais e outro de competencias transversais. Entre os obxectivos deste obradoiro, incluído no Programa Operativo de Galicia 2014-2020, está a dotar aos alumnos/as das ferramentas necesarias para realizar as tarefas propias de limpeza e mantemento de superficies, así como mobiliario en edificios e locais, seleccionando as técnicas, produtos e maquinaria necesarios para garantir a súa correcta conservación, hixiene e mantemento, baixo a supervisión do profesional competente, cumprindo coa normativa aplicable en materia de seguridade e saúde.

 

 

post

Íntegro modifica o seu ámbito de actuación e o seu nome

A medida, contemplada nos estatutos, foi aprobada por unanimidade na asemblea extraordinaria de socios/as celebrada o pasado sábado en Nantón

O Centro de Recursos de Nantón converteuse o sábado pasado no punto de encontro de socios/as, usuarios/as, familiares e amigos/as da entidade, que se achegaron ata as nosas instalacións para gozar dunha xornada de convivencia, boa gastronomía e moita diversión na que a música e o ambiente festivo predominaron durante todo o día, logo dunha intensa mañá de traballo na que se celebraron dúas asembleas xerais de socios/as, unha de carácter ordinario e outra extraordinaria.

copi1Ambas xuntanzas transcorreron sen novidades seguindo a orde do día establecida para cada unha delas. Así, na primeira, celebrada a partir das 11h, deuse conta das actividades levadas a cabo o ano pasado e procedeuse á aprobación do estado contable de 2016 e dos orzamentos e actividades previstas para o presente exercicio. Unha vez finalizada esta reunión deu comezo a sesión extraordinaria e con ela, as novidades e o debate.

Un dos primeiros cambios propostos pola Xunta Directiva afectou directamente aos seus estatutos coa finalidade de modificar o ámbito de actuación da asociación e, por conseguinte, a súa denominación. Tras un amplo debate entre os socios/as, a decisión foi unánime e procedeuse a súa aprobación pasando a chamarse “Asociación INTEGRO das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte” . Deste xeito, ademais de englobar as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, o novo nome aporta unha fácil e rápida localización do territorio e fai alusión a unha marca de calidade, con identidade propia e sobradamente coñecida.

Outra das novidades da convocatoria extraordinaria tivo como protagonistas a varios membros da Xunta Directiva que mudaron os seus cargos. Así, púxose en copi2coñecemento dos asociados/as o cese voluntario da vogal María José Cousillas Baneira e pronunciouse o nomeamento como vogais de Mónica Suárez Blanco e de Ramón Porteiro Álvarez, ata o de agora vicesecretaria e vicetesoureiro, respectivamente.

Ambiente festivo

IMG_2597As asembleas deron paso a un ambiente moito máis festivo e relaxado que comezou coa celebración dunha sesión vermú a cargo dun dúo musical moi especial, composto pola nosa logopeda, Beatriz Loureiro, e o seu compañeiro, Ricardo Blanco. A ritmo de cumbia, pasodobre e chachachá, os convidados foron tomando asento para degustar un cocido á altura dos padais máis esixentes e ao que non lle faltou detalle.IMG_2588

Ao longo da tarde houbo actividades para todas as idades, sorpresas, máis baile, agasallos e, sobre todo, momentos para rir, conversar e compartir coa familia e os amigos/as. Grazas a todos e a todas por asistir e parabéns ao noso equipo polo traballo realizado._MG_5169

IMG_2581

post

Íntegro celebrará o día 4 dúas asembleas xerais de socios/as e o seu tradicional cocido popular

Ao xantar, que dará comezo ás 14:30h, poden asistir todas as persoas que o desexen previa reserva de praza

A asociación Íntegro celebrará o vindeiro sábado, 4 de marzo, dúas asembleas xerais-unha ordinaria e outra extraordinaria- ás que están convocados/as todos os socios e socias da entidade. Ditas xuntanzas, aprobadas pola xunta directiva o pasado 11 de febreiro, terán lugar no Centro de Recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños) a partir das 11h.

A xornada dará comezo coa asemblea ordinaria, prevista para as 11h en primeira convocatoria e 11:30h en segunda. A relación de asuntos a tratar desenvolverase de acordo á seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.cartel-asamblea-xeral
  2. Actividades levadas a cabo no ano 2016.
  3. Estado contable do ano 2016 e a súa aprobación, se procede.
  4. Actividades e orzamentos para o ano 2017, e a súa aprobación, se procede.
  5. Rogos e preguntas.

A continuación, procederase á celebración da asemblea xeral extraordinaria na que se inclúen os seguintes asuntos na orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Modificación dos estatutos.
  3. Baixa e alta dun vogal da Xunta Directiva.
  4. Rogos e preguntas.

IMG_6321Segundo establecen os estatutos vixentes, as persoas que desexen participar nas reunións exercendo o seu dereito de voz e voto deberán estar ao corrente no pago da cota anual correspondente ao exercicio 2017, que se pasará ao cobro o vindeiro día 27. En caso de non ter o pago domiciliado deberán formalizar o ingreso, á maior brevidade posible, no propio centro ou ben nas seguintes contas bancarias, facendo constar o nome do socio/a + cota anual 2017.

ABANCA              IBAN ES03 2080 0075 0330 4000 2407

LA CAIXA             IBAN ES42 2100 5710 8802 0001 3166

Xantar

UnhIMG-20160305-WA0025a vez rematadas as asembleas, e como xa ven sendo habitual por estas datas, procederase á degustación dun cocido nas instalacións do centro ao que poderán asistir todas as persoas que o desexen. O prezo do xantar será de 10€ para os/as socios/as e de 15€ para o resto de comensais. Debido a que se trata dun espazo reducido o aforo será limitado, polo que se recomenda aos interesados/as que realicen as súas inscricións o antes posible chamando ao 981 734 985, de luns a venres en horario de  9 a 17h, ou desprazándose ata as nosas oficinas situadas en A Pedra, nº 30 – Nantón (Cabana de Bergantiños).

Ademais de gozar dun saboroso e abundante menú, ao que non lle faltarán ningún dos ingredientes típicos destas datas de Entroido, taIMG-20160305-WA0030mén haberá música, baile e moita troula coa celebración, a partir das 14h, dunha sesión vermú que encherá de ritmo unha xornada que promete ser divertida e moi entretida en compañía de familiares e amigos/as. Ao longo da tarde haberá moitas máis actividades e algunha que outra sorpresa. Non podes faltar!

post

Íntegro impartirá cursos de formación para mulleres con disCapacidade en Ponteceso e Malpica dentro do PIMD Rural

O PIMD Rural -Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional, promovido pola Asociación Íntegro coa colaboración do Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta- está a dar os seus primeiros pasos pola comarca de Bergantiños. Ás primeiras accións formativas que se están a desenvolver no noso centro de recursos de Nantón sumaranse nos vindeiros meses novos cursos dirixidos, preferentemente, a mulleres con disCapacidade nos concellos de Ponteceso e Malpica.

cursos pimd pontecesoEn Ponteceso, en colaboración co Departamento de Servizos Sociais, que dirixe Isabel Vuelta, as mulleres poderán escoller entre varias actividades que se desenvolverán ao longo dos meses de xuño e xullo. Para as apaixonadas das novas tecnoloxías, Íntegro porá en marcha un curso sobre Redes Sociais e Internet, mentres que para as que queiran iniciarse no mundo dos ordenadores está previsto o de Informática Básica e Mecanografía. Tamén haberá un obradoiro de Cociña centrado na preparación de tapas e aperitivos, e outro de Artes Manuais no que coñecerán técnicas tan variadas como a elaboración de xabóns naturais ou bixutería.

As mulleres interesadas poden informarse e inscribirse no centro de recursos de Íntegro, chamando ao 981 734 985 de luns a venres en horario de 09.00 a 17.00, ou no Departamento de Servizos Sociais de Ponteceso, no teléfono 981 714 000. As prazas son limitadas.

En Malpica, en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Marisol Blanco Gorín, e a Secretaría CURSOS MALPICA PIMD RURAL(3)Xeral de Igualdade, tamén se levarán a cabo dúas accións formativas durante os meses de xuño e xullo. No Centro Cívico terá lugar a partir do 9 de xuño un curso de Tapas e Aperitivos, que se celebrará os xoves de 10.00 a 12.00 horas. Na Casa do Oleiro de Buño haberá clases de Informática os mércores, de 10.00 a 12.00 horas, a partir do 8 de xuño.

Como no caso anterior, as prazas son limitadas, e terán preferencia as mulleres con algún tipo de diversidade funcional.  As interesadas poden informarse no centro de recursos de Íntegro no 981 734 985, ou no Departamento de Servizos Sociais de Malpica, no 981 720 280.

Con este tipo de iniciativas preténdese contribuír ao desenvolvemento das mulleres con disCapacidade na sociedade, dotándoas de coñecementos necesarios e útiles tanto para a súa vida diaria como para  a mellora do emprego e a plena inclusión.

post

O presidente de COGAMI visitou Íntegro para coñecer o funcionamento e as necesidades do centro de recursos

Esta semana as portas da Asociación Íntegro abríronse para recibir unha visita moi especial e chea de proxectos. O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila, e Manuel Laureano Caamaño, responsable da área de Fortalecemento do Movemento Asociativo (FMA) da entidade, desprazáronse ata as nosas instalacións de Nantón para coñecer de primeira man o funcionamento do noso centro de recursos así como as súas principais necesidades, actuais e futuras. Esta xuntanza, na que estiveron presentes o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, xunto co vicepresidente, Ramón Pombo, e a práctica totalidade dos membros da directiva e traballadores, desenvolveuse nun ambiente distendido e moi familiar dada a estreita relación que une a ambas agrupacións.

foto visita cogami1 Durante a reunión, o máximo responsable de COGAMI fixo especial fincapé “na importancia de dar visibilidade a todas as persoas con diversidade funcional que non acoden aos centros especializados ou que, simplemente, non teñen a valoración de dependencia requirida”, matizou. Deste xeito, preténdense abrir novas liñas de actuación con accións encamiñadas a atender a persoas con discapacidade que non atopan nun centro de día ou ocupacional unha axeitada adecuación ás súas características ou necesidades específicas.

Íntegro visibleIMG_5361

Por outra banda, os responsables de Integro aproveitaron a ocasión para dar a coñecer a súa “aposta pola visibilidade” con campañas de concienciación e divulgación, intensificadas nos últimos meses con programas educativos de prevención, charlas e xornadas destinadas a pór en valor na sociedade conceptos tan básicos e fundamentais como a diversidade, a igualdade ou a inclusión cunha mención especial ao proxecto Capacita-T, que tan boa acollida está a ter nos municipios da contorna. Non faltaron ademais alusións aos novos proxectos así como o programa de actividades previsto para o 2016.

Esta primeira toma de contacto forma parte dunha rolda de visitas que, durante o presente ano, Anxo Queiruga acompañado polo responsable do FMA, vai realizar polos diferentes centros de recursos das asociacións pertencentes a COGAMI. Dende a Asociación Íntegro agradecemos a súa presenza en Nantón e agardamos con ilusión a posta en marcha de novas liñas de traballo conxuntas en favor dunha maior visibilidade social para os colectivos de persoas con diversidade funcional.