- Levarase a cabo o luns 21 para dar visibilidade aos problemas que sofren a diario ás persoas con mobilidade reducida
- A entidade súmase así, un ano máis, ao programa de actos que organiza a Concellería de Mobilidade, do 16 ao 22 deste mes, coa colaboración ademais da área de Igualdade, o Club Ciclista Carballo e a Asociación Ambiental Senda Nova
O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a Educadora Social Tania Bartucca Nión, asistiron onte en Carballo á presentación do programa de actividades que o consistorio carballés vai poñer en marcha do 16 ao 22 de setembro con motivo da conmemoración da Semana Europea da Mobilidade. Trátase dunha programación ampla e variada, deseñada desde a Concellaría de Mobilidade coa colaboración da área municipal de Igualdade, o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, Senda Nova e a nosa entidade, que non quixo faltar, un ano máis, a esta importante cita para aportar o noso gran de area na organización de varias accións encamiñadas a sensibilizar e implicar á cidadanía no difícil reto de converter as nosas rúas en espazos seguros e accesibles para todos e todas. No acto, celebrado nas inmediacións do Fórum, tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e Eva Cameán, da asociación ambiental Senda Nova.
Desde a asociación Íntegro colaboraremos, nesta ocasión, na organización do Día da Accesibilidade, que terá lugar o luns 21 nunha xornada con marcado carácter reivindicativo e repleta de actividades tan singulares como novidosas, orientadas a dar visibilidade aos problemas cos que se atopan a diario as persoas con mobilidade reducida. A primeira delas, denominada “Son só 5 minutiños”, desenvolverase pola mañá, entre as 11.00 e as 13.00 horas, e consistirá na ocupación de varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes con cadeiras de rodas, muletas e carteis coas desculpas máis empregadas cando se utilizan prazas PMR sen tarxeta “para que a xente que ocupa as prazas para persoas con mobilidade reducida vexa o mal que se sentiría se lle pasase a eles. Non hai prazas para persoas con mobilidade reducida porque queiramos, senón porque as precisamos”, aclarou Adolfo López. Xa pola tarde celebrarase a segunda, unha ruta en cadeira de rodas polas rúas da contorna do Fórum para avaliar as melloras feitas en accesibilidade e detectar posibles novos puntos nos que sexa preciso actuar. Será das 17.00 ás 18.30 horas.
Este ano, debido ás restricións impostas pola COVID-19 e para garantir a seguridade dos/as participantes, formaranse grupos reducidos nas diferentes actividades e extremarase as medidas de prevención (uso de tapabocas, distanciamento social e desinfección de obxectos), segundo detallou Juan Seoane, encargado de debullar toda a programación, na que figuran propostas tan atractivas como o “Día sen Coches”, unha iniciativa que se desenvolverá por primeira vez e que consistirá en cortar ao tráfico rodado varias rúas para que as usen os peóns con xogos e actividades co obxectivo de dar visibilidade á transformación urbana da vila. Esta acción, que se realizará de forma simultánea en diferentes barrios da vila, coincidirá tamén coa celebración de “Pedaleando pola igualdade”, unha actividade que a Concellaría de Igualdade tivo que suspender no mes de marzo e que agora retoma, en colaboración co Club Ciclista Carballo, para “darlles recursos ás mulleres para poder andar en bicicleta e que se sintan libres”, manifestou Maica Ures. O programa complétase cunha ruta a pé pola beira do Anllóns para poñer en valor as marxes dos ríos da man de Senda Nova, e unha morea de actividades máis que non podes perder. Bótalle un ollo e participa!