post

A campaña de prevención da lesión medular visitou as aulas do IES Alfredo Brañas

  •  Celebráronse dúas xornadas de sensibilización nas que participaron preto de 100 escolares de 4º da ESO
  • Esta iniciativa, incluída no programa conmemorativo do 30 aniversario de Íntegro, xa se levou a cabo neste 2022 en varios centros de Laxe, Coristanco e Zas e nas vindeiras semanas visitará outros institutos do Concello de Carballo    

A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro chegou esta semana ao IES Alfredo Brañas de Carballo coa celebración de varias xornadas de sensibilización, dirixidas ao alumnado de 4º da ESO. Ao longo de dous días, responsables da entidade deron a coñecer as causas e consecuencias dos accidentes medulares ao tempo que concienciaron aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco, especialmente en estradas, praias e piscinas, por ser os principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

Alumnado 4ºESO IES Alfredo Brañas (Carballo)

Un total de 96 alumnos e alumnas participaron nas diferentes sesións informativas ofrecidas pola educadora social de Íntegro, Tania Bartucca, que acudiu acompañada de José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso como exemplo de forza e superación, e Noé, un usuario da entidade que asistiu ás charlas programadas para o segundo día. Ademais da explicación teórica e do testemuño real, procedeuse á proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”.

A campaña de prevención da lesión medular, incluída na programación conmemorativa do 30 aniversario de Íntegro, xa leva percorrido neste 2022 varios concellos da Costa da Morte. Entre os máis recentes, destacan as visitas a varios centros educativos de Laxe, Coristanco e o CIP de Zas. Así mesmo, as charlas no Concello de Carballo continuarán nas vindeiras semanas para achegar a campaña ao alumnado do IES Monte Neme e o IES Isidro Parga Pondal.

Alumnado de 3º ESO do CPI Xosé Pichel (Coristanco)

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro enviando un correo electrónico a formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

post

Íntegro inaugura a Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema cunha charla sobre lesións medulares

O presidente Adolfo López Baña desprazouse ata o centro educativo de Baio (Zas) acompañado por un vogal da entidade e unha voluntaria

Ante a inminente chegada da temporada estival, a campaña de prevención de lesións medulares está a percorrer os centros educativos da Costa da Morte a un ritmo vertixinoso coa finalidade de concienciar e reeducar ao maior número de mozos e mozas posible, xa que durante as vacacións de verán é cando se produce un maior incremento de accidentes medulares por imprudencias en praias, piscinas e estradas.

Durante a charla, Adolfo, David e Teresa falaron das súas vivencias personais

Para informar sobre as causas e consecuencias de realizar prácticas de risco, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, desprazouse ata o IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas) xunto ao vogal da nosa entidade, David Pombo, e unha voluntaria da asociación, Teresa Fuentes, abrindo así o programa de actividades da XII Semana Cultural do centro zacense.  Os tres poñentes mantiveron unha xuntanza con alumnos e alumnas de 3º da ESO para explicarlles a necesidade de coñecer e evitar riscos innecesarios que poden causar a morte ou deixar secuelas incurables- como as zambullidas de cabeza en praias e piscinas ou viaxar sen o cinto de seguridade- ao tempo que relataron as súas propias vivencias e as dificultades de vivir sobre unha cadeira de rodas, momento que suscitou gran curiosidade entre os/as estudantes por saber como era o seu día a día.

A xornada chegou ao seu punto máis álxido cando tocou poñer en práctica o aprendido na charla informativa. Os e as participantes tiveron a oportunidade de poñer a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas e o seu grao de empatía para poñerse no lugar de quen ten a mobilidade reducida. E todos/as coincidiron en sinalar que sobre as dúas rodas, todo se ve diferente. Facendo gala dunha gran capacidade de adaptación e moitas gañas de superación, os alumnos/as animáronse a lanzar algúns tiros á canastra de baloncesto e realizar un circuíto de mobilidade polo pavillón escolar. O resultado foi espectacular! Seguro que a partir de hoxe todos e todas teñen un pouco máis claro que as imprudencias sempre pasan factura e nunca pagan a pena.

Esta actividade está subvencionada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e nela colaboran tamén varios concellos e entidades privadas da Costa Morte. Vémonos moi pronto!

 

 

 

 

post

Estudantes de primaria e secundaria do CPI Cabo da Area de Laxe achéganse á diversidade con Íntegro

Mentres que os alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO participaron na campaña de prevención de lesións medulares, un grupo de 3º ciclo de primaria protagonizou a última edición de Visítanos!  

Ambas accións están enmarcadas no programa Capacíta-T, dirixido a sensibilizar e concienciar aos escolares en materia de diversidade e inclusión

Cada vez son máis os centros educativos da Costa da Morte que se suman ás campañas de concienciación sobre diversidade e inclusión promovidas pola asociación Íntegro dentro do programa Capacíta-T. Esta semana o protagonista indiscutible, e por partida dobre, foi o CPI Cabo da Area de Laxe. Se os estudantes de secundaria participaron nunha charla-coloquio enmarcada na campaña sobre a prevención de lesións medulares, ao día seguinte, os/as de primaria protagonizaron unha nova edición do programa Visítanos! nas nosas instalacións de Nantón (Cabana).

IMG_5511Por unha banda, un total de 44 estudantes de terceiro ciclo de primaria do CPI Cabo da Area desprazáronse onte ata o noso Centro de Recursos para coñecer a fondo o seu funcionamento e achegarse ao día a día das persoas con diversidade funcional, compartindo unha xornada de vivencias e emocións xunto aos nosos usuarios e usuarias.

_MG_5598

 

Divididos en varios grupos, os escolares realizaron un longo percorrido polo centro para visitar os diferentes departamentos e descubrir cales son as funcións que desempeña cada un deles. Outra das actividades que levaron a cabo dentro do programa de sensibilización consistiu na realización de varios obradoiros ocupacionais nos que participaron moi activamente seguindo as indicacións dos nosos monitores/as e usuarios/as.

_MG_5619

Cociña, estimulación cognitiva, informática, xestión económica ou rehabilitación física foron algúns dos cursos que espertaron maior interese entre os nenos/as pero, sen dubida, un dos momentos máis divertidos tivo lugar na área de logopedia, onde aprenderon a superar barreiras a golpe de imaxinación e moitas risas. O taller de artes manuais volveu a causar gran expectación entre os/as estudantes, que tamén fixeron gala da súa destreza e creatividade para elaborar pezas de bixutería ou orixinais xabóns de glicerina.

_MG_5528

Tras unha xornada moi enriquecedora e chea de boas sensacións, o profesorado comprometeuse a dar continuidade, xa no colexio, ao noso programa de sensibilización coa posta en común das experiencias vividas no centro co obxectivo de compartilas co resto do alumnado e fomentar así o seu compromiso social.

la foto 5

 

Prevención de lesións medulares na ESO

Por outra banda,  máis concienciados/as quedaron tamén os alumnos e alumnas que cursan 3º e 4º da ESO neste colexio laxense tras recibir a visita, un día antes (o martes), de Adolfo López Baña e David Pombo, presidente e vogal, respectivamente, de Íntegro. A sesión teórica deu comezo cunha animada charla-coloquio sobre a prevención das lesión medulares e a importancia de evitar prácticas de risco en praias, piscinas ou accidentes de tráfico, principais causantes na maioría dos casos. Os poñentes, que tamén relataron as súas propias experiencias, incidiron especialmente nos danos irreparables que causan este tipo de lesións e a importancia de evitalos.

Así mesmo, os/as estudantes amosáronse participativos/as e moi interesados/as en coñecer as dificultades de vivir sobre unha cadeira de rodas. E que mellor maneira de sabelo que subíndose a unha delas! Iso foi o que fixeron no pavillón do centro educativo, ao final da xornada, para comprobar a complexidade de desprazarse ou sortear obstáculos coa mobilidade reducida. Coma sempre, houbo quen sorprendeu facendo gala dunha incrible destreza e gran capacidade de adaptación.

la foto 4

la foto 2

 

 

 

 

 

 

Grazas a todos e a todas por participar! Vémonos na seguinte!