post

Presentado o proxecto Diversiplás á Rede de Entidades Colaboradoras para a xestión de residuos plásticos na Costa da Morte

  • Ademais dos responsables da entidade, no acto celebrado esta mañá na Escola de Vela de Cabana, estiveron presentes representantes de varios concellos e agrupacións pesqueiras da Costa da Morte adheridos ao proxecto
  • Ao remate, fíxose entrega do primeiro colector de residuos ao Concello de Cabana e realizouse unha pequena demostración do funcionamento da maquinaria de reciclaxe

O proxecto medioambiental da asociación Íntegro segue traballando e avanzando desde a inclusión cara unha Costa da Morte máis sostible. E hoxe volveuno demostrar na Escola de Vela de Canduas, en Cabana de Bergantiños, durante o acto de presentación de Diversiplás, + diverso – plástico, aos integrantes da Rede de Entidades Colaboradoras, celebrado esta mesma mañá, de 10.30 a 12.00 horas.

O alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez, exerceu de mestre de cerimonias do evento, que contou coa asistencia de numeroso público, entre o que se atopaban algúns representantes dos concellos da Costa da Morte e do sector marítimo e pesqueiro, que integran a Rede de colaboradores do territorio de influencia do Galp Costa da Morte. Durante o discurso de benvida, Muíño sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para ‘’poñer en valor a recuperación de elementos e a cooperación entre as distintas institucións e sectores nun proxecto que buscará darlle solución á problemática do plástico a través de novos empregos do mesmo”.

A continuación, foi a quenda da asociación Íntegro. A directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, foi a encargada de dar a coñecer o proxecto de recuperación e (re) valorización de residuos plásticos, que vén de iniciar unha nova etapa coa posta en marcha dun taller para o aproveitamento e tratamento deste tipo de refugallos na súa sede de Nantón (Cabana). Trátase dun espazo equipado coa tecnoloxía e os recursos necesarios (trituradora, inxectora e extrusora) para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic, co obxectivo de darlles unha segunda vida mediante a creación de novos produtos con novas utilidades (chaveiros, mobiliario…). Con esta iniciativa de economía circular, a entidade pretende non só promover a autonomía e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, senón tamén preservar o medio natural da Costa da Morte xerando novas dinámicas de colaboración. Neste sentido, a directora do centro apelou tamén á conciencia ambiental da cidadanía, á que animou a colaborar no proxecto “utilizando os novos colectores de plástico e contribuíndo a manter limpos os nosos areais con xestos individuais e novos hábitos máis respectuosos co medio ambiente”, declarou.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña destacou na súa intervención o compromiso ambiental da entidade desde as súas orixes e lembrou que “xa no ano 1996 puxemos en marcha xunto coa Confederación Galega o proxecto Ecoemprego para a recollida de voluminosos e no 2000 creamos unha extensión agraria de produción ecolóxica que, por razóns alleas á entidade, non deu os froitos agardados”, matizou.

A Rede de Entidades Colaboradoras

Desde a asociación Íntegro fíxose especial fincapé no importante labor que desempeñarán os diferentes axentes sociais da Costa da Morte (concellos, confrarías, asociacións de mariscadoras, redeiras…), que conforman a denominada Rede de Entidades Colaboradoras, moitos deles presentes no acto, encargados da xestión dos novos puntos de recollida de plásticos. Un compromiso xa selado, coa sinatura dun acordo de colaboración, cos concellos de Cabana, A Laracha, Vimianzo e Carballo, e as confrarías de Caión e Malpica, aos que en breve se sumarán outras entidades públicas e privadas así como centros de ensino e colectivos sociais.

A xornada rematou coa entrega simbólica do primeiro colector ao Concello de Cabana (nos vindeiros días serán enviados a todas as entidades colaboradoras) e unha breve demostración en directo do funcionamento da maquinaria de reciclaxe, a cargo de Just Fair Enough. Os novos contedores, de cor branca para diferencialos do resto, contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo. Por último, os/as asistentes levaron de recordo un obsequio elaborado con plástico reciclado.

Diversiplás é un proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola asociación Íntegro e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. En 2021, arrincou a primeira fase do proxecto coa posta en marcha dun programa de asesoramento e formación no tratamento e valorización de plásticos, dirixido ás persoas usuarias de Integro- en colaboración con Just Fair Enough- e outro de sensibilización, promovendo accións de boas prácticas para reducir a presenza de plásticos no litoral, a través da limpeza de praias e zonas costeiras. Ademais, realizáronse diversos encontros coas profesionais sector marisqueiro e da pesca da Costa da Morte con visitas ás redeiras Illa da Estrela, de Corme, e ás mariscadoras da Agrupación da Confraría de Camariñas.

post

Natureza, diversión e aprendizaxe nas novas rutas de sendeirismo de Íntegro

  • Trátase dunha actividade dirixida a mozos e mozas de 16 a 35 anos, incluída no programa Iniciativa Xove, financiada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia 
  • A vindeira semana, as instalacións de Nantón tamén acollerán un interesante obradoiro sobre as “3R” 

A nova realidade imposta tras a pandemia e as medidas anti-COVID recomendadas para frear a súa propagación, están a poñer de manifesto a necesidade de mudar os nosos hábitos sociais e procurar novas formas de entretemento e diversión para o noso tempo de lecer. Neste senso, as actividades ao aire e o contacto directo coa natureza están a converterse nunha alternativa ideal para o tempo de ocio, capaz de garantir o cumprimento das novas restricións sanitarias, ademais de fomentar novos valores para o desenvolvemento dunha vida máis saudable e respectuosa coa contorna.

En Íntegro sabémolo moi ben e por iso estamos a promover, desde o programa Iniciativa Xove, financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, diversas rutas de sendeirismo pola Costa da Morte encamiñadas á aprendizaxe, observación e interpretación da natureza polo miúdo así como a sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre a importancia de respectar e protexer o medio ambiente.

Coa finalidade de preservar a saúde dos/as participantes e cumprir estritamente coas medidas de prevención establecidas para evitar a propagación da COVID-19, cada grupo estará formado por un número moi reducido de persoas, que deberán someterse a un control de temperatura e hixiene de mans antes da saída así como o uso obrigatorio de mascarilla durante a camiñada. Ademais, os sendeiristas deberán levar roupa e calzado cómodos, protección solar, gorra e bebida abundante para combater o calor.  

Rutas e recomendacións

Os percorridos elixidos para as rutas que imos levar a cabo discorrerán por diferentes localidades da Costa da Morte, de gran beleza paisaxística e riqueza medioambiental como a de Caión-Baldaio, Camelle-Arou ou os paseos marítimo-fluviais de Laxe e Cabana de Bergantiños. A data e o horario de cada ruta concretarase cos/as asistentes unha vez rematado o período de inscrición.  

Esta actividade vai dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Se estás interesado/a en participar, inscríbete canto antes enviando un mail a info@integro.es e prepárate para desfrutar dunha xornada na que aventura, diversión e aprendizaxe estarán aseguradas.   

Obradoiro 3R

Por outra banda, e seguindo coa nosa política de protección medioambiental para lograr un mundo máis equilibrado e sostible, a vindeira semana poremos en marcha unha nova acción formativa incluída no programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. O contido do obradoiro, que se desenvolverá en horario de tarde nas nosas instalacións de Nantón, en Cabana de Bergantiños, xirará arredor da regra das “3R” (Reducir, Reciclar e Reutilizar) e a importancia de aplicalas na nosa vida cotiá para salvar o planeta e xerar hábitos de consumo responsable. Apúntaste? Agardámoste!

 

post

Usuarios e usuarias de Íntegro participaron na campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”

Trátase dunha iniciativa de sensibilización medioambiental dirixida a colectivos sociais

Na asociación Íntegro apostamos pola conservación da nosa contorna e a protección do medio natural coa posta en marcha de actividades encamiñadas á educación e á sensibilización ambiental. Neste senso, esta semana, os nosos usuarios e usuarias tiveron a oportunidade de aprender novos conceptos relacionados coa reciclaxe e a correcta xestión dos residuos urbanos a través do programa “Separemos ben, reciclaremos mellor”, promovido conxuntamente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Sogama.

_mg_1029

_mg_0981

 

 

 

 

 

A actividade, realizada o pasado luns nas instalacións de Nantón, consistiu na realización de dous obradoiros temáticos, impartidos por educadoras ambientais especializadas da Xunta de Galicia, para informar e asesorar sobre a importancia de reducir o impacto ambiental, económico e social que supón, a día de hoxe, a elevada xeración de lixo, colaborando na súa axeitada xestión e tratamento. Neste senso, as monitoras puideron comprobar a correcta separación selectiva de refugallos que se realiza a diario na nosa entidade, clasificándoos e depositándoos nos contedores correspondentes para a súa posterior reciclaxe. Tamén coñeceron de primeira man o aproveitamento dos residuos orgánicos do centro, empregados como compost para os nosos invernadoiros.

_mg_1003

_mg_1032

 

 

 

 

 

A parte máis divertida e creativa chegou cando tocou poñer en práctica o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) co fin de aprender tamén a dar novos usos a aqueles produtos que xa non serven e que sempre desbotamos. Con un pouco de imaxinación, algúns tapóns e uns tubos de papel baleiros lograron crear pequenas obras de arte, que resultaron moi orixinais e sorprendentes grazas a súa máis que probada experiencia na realización de traballos manuais. Cofres, estoxos, calcapapeis ou lapiseiros foron algunhas das creacións elaboradas polos propios usuarios/as. Foi unha xornada educativa e moi produtiva na que, ademais de pasalo xenial, aprendemos a separar ben para reciclar mellor. Sen dúbida, un paso moi importante cara a consecución dun desenvolvemento sostible.

_mg_0999