post

Íntegro celebrou o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas moi emotiva e concorrida

  • As bombas de palenque marcaron o inicio da xornada festiva na que participou numeroso público
  • As actividades da mañá deron paso a un xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade

Por fin chegou o gran día! Esta mañá, as bombas de palenque anunciaban en Nantón (Cabana de Bergantiños) o inicio dunha xornada festiva e moi emotiva para a gran familia Íntegro. Pouco antes das 11.00 horas, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, xunto coa directora Noelia Barreira e outros membros da directiva daban a benvida a familiares, socios/as, veciños/as e autoridades locais da comarca (como os alcaldes de Cabana e Ponteceso) que se achegaron ata o Centro de Recursos para participar nesta xornada de portas abertas e compartir un día de festa, celebración e moitas emocións con motivo do noso 30º aniversario.

Fiel ao lema conmemorativo deste ano “todos e todas sumamos”, o numeroso público asistente amosouse, desde o primeiro momento, moi participativo e interesado nas diferentes actividades programadas. As primeiras consistiron na realización de varios obradoiros de temática variada, entre os que non faltaron o de xabóns, chapas e pulseiras, ademais do de reciclaxe de plásticos, que se levou a cabo no taller de Diversiplás para dar a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de transformación e valorización deste tipo de lixo. Paralelamente, no exterior das instalacións de Nantón, realizáronse demostracións de produtos de mobilidade activa, a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare, que lograron captar o interese e a atención de todos os convidados/as, entre os que tamén figuraban os/as integrantes dos grupos de voluntariado xuvenil de Madrid que nos visitaron ao longo do mes. Durante a mañá, foron moitas as persoas que aproveitaron para coñecer polo miúdo as instalacións e realizar un percorrido pola nosa historia a través da mostra fotográfica exposta no centro.

O deporte e a actividade física chegou da man dunha divertidísima e moi movida masterclass de zumba, que combinou á perfección exercicio, música e diversión. A xornada no centro rematou cunha interesante charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez.

A festa e a diversión continuou ao longo do día na Parrillada e Cátering A Pedra, situado na mesma localidade, para desfrutar dun xantar de confraternidade conmemorativo do noso 30º aniversario. Antes de compartir mesma e mantel cos convidados/as, o presidente de Íntegro fixo un breve repaso pola historia da entidade, facendo especial fincapé nos duros comezos xunto a Silvestre Couto e destacando “a proxección de futuro que sempre lle demos á entidade, rodeándonos de persoal técnico e cualificado, para lograr unha maior visibilidade e o empoderamento co obxectivo de que as persoas con discapacidade poidan vivir, traballar e desenvolverse no medio rural”. Adolfo López Baña rematou o seu discurso co desexo de que “todos e todas sigamos traballando unidas/os” nun brinde “polo que está por vir”. Na mesma liña, a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, salientou no seu discurso a necesidade de construír “unha sociedade plural e diversa, que valore as cualidades e potenciais que ten cada persoa e o que cada unha pode aportar, respectando a forma de ser e vivir de cadaquen”. Asimesmo, asegurou que “aínda queda moito por facer pero estamos no camiño correcto e seguiremos apoiando, escoitando e acompañando ás persoas con diversidade para fomentar a súa calidade de vida”, rematou. A continuación, Sandra Caamaño, xerente de Máis Porvir Xestión Social, foi a encargada de explicar o funcionamento do Centro Especial de Emprego no que están a traballar 40 persoas con disCapacidade.

 

Tras o xantar, continuou a festa, con moita música, diversión, concursos e premios para uns convidados/as que tamén deixaron pegada no noso photocall. Grazas a todos/as por acompañarnos nun día tan especial. Aquí vos deixamos algúns dos momentos da xornada e algunhas das novas publicadas esta fin de semana nos medios de comunicación.

 

 

La Voz de Galicia300722

Que pasa na Costa300722

La Voz de Galicia 310722

 

post

Íntegro celebra o Día Internacional da Diversidade Funcional cunha xornada de portas abertas e a presentación dun calendario benéfico para o 2017

O vindeiro sábado, 3 de decembro, conmemórase o Día Internacional da Diversidade Funcional e na Asociación Íntegro queremos sumarnos a esta celebración cunha serie de actividades para reivindicar a igualdade de oportunidades e dereitos das persoas con diversidade e darlles maior presencia e protagonismo na sociedade porque como sinala o noso presidente, Adolfo López Baña, “a inclusión é unha cuestión de capacidades, non de discapacidades”.

SAMSUNG CAMERA PICTURESOs actos darán comezo o vindeiro venres coa celebración dunha xornada de portas abertas, que terá lugar na sede de Íntegro, dirixida ao persoal técnico dos departamentos de servizos sociais dos diferentes concellos da Costa da Morte así como aos orientadores/as laborais pertencentes á nosa área de influencia. Tamén están convidados a participar os integrantes do equipo de inclusión social para as comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, cuxa sede está situada no situada no Punto de Información Xuvenil Casa da Xuventude de Carballo.

O programa de actividades iniciarase ás 12h cunha breve exposición sobre o funcionamento do noso Centro de Día e do Centro Ocupacional para explicar aos asistentes os diferentes programas e servizos que levamos a cabo ao longo do ano. A continuación, celebrase unha charla-coloquio para intercambiar impresións e abrir novas vías de colaboración entre as diferentes administracións e a nosa entidade co fin de poñer en marcha futuros programas de cooperación que potencien a participación social das persoas con diversidade funcional, tanto no eido formativo como na súa inserción no mercado laboral.

img_5082

De seguido, realizarase un percorrido polas instalacións do noso centro de Nantón (Cabana) para amosar os diferentes traballos que realizamos diariamente tanto nos obradoiros ocupacionais como no centro de día (xardinería, artes manuais, Bicos de Amora, etc…). A xornada rematará cunha degustación de petiscos elaborados, integramente, polos nosos usuarios e usuarias.

Calendario 2017

foto-remixO sábado cambiamos de escenario e trasladámonos ao edificio do Forum Carballo para acoller a presentación do calendario benéfico de Íntegro para o 2017. No acto, que dará comezo ás 12h, estarán presentes algúns dos 14 personaxes famosos e os 11 fotógrafos/as, na súa maioría da Costa da Morte,  que se uniron aos nosos usuarios/as para facer realidade a creación deste fermoso proxecto co que pretendemos recadar fondos para financiar o servizo de ximnasia terapéutica do centro, imprescindible para que as persoas con diversidade funcional gocen dunha vida saudable e de calidade.

Actores, presentadores, xornalistas, cociñeiros/as, cantantes, escritoras, científicos, deportistas son tan só algunhas das caras coñecidas que participan de forma solidaria e desinteresada no novo almanaque, que xa está á venta por 5€ nos seguintes locais e establecementos colaboradores:

tarxeta

Marcos Monterroso (Lugo), Donclic (Carballo), Modas Suárez (Carballo), Cafetería Valle Inclán (Carballo), Fisioterapia Eva Senande (Canduas- Cabana), Floristería Amamber (Cabana), Cavident (Ponte do Porto), Restaurante O Ariño (Camariñas), Centro de Estética Mónica Coscoñas (Vimianzo), Parafarmacia Horizonte (Baio), Fisioterapia Vértebra (Baio), Lencería Marta (Baio), Papelería A Pesqueira (Ponteceso), Panadería Forno Novo (Malpica), GastroBar A Ventana (Laxe) e Restaurante A Mundiña (A Coruña).

Dende Íntegro queremos dar as grazas a todos/as os participantes pola súa colaboración, amabilidade e xenerosidade, prestando a súa imaxe e/ou traballo en favor dunha causa que, nesta ocasión, reza baixo o lema #porunanoconmenosbarreiras, especialmente,  para as persoas con diversidade funcional. Así mesmo, convidamos a todas as persoas que o desexen a asistir a este evento para coñecer de preto aos seus protagonistas e descubrir como foi a elaboración do novo calendario benéfico de Íntegro.