O vindeiro sábado, 3 de decembro, conmemórase o Día Internacional da Diversidade Funcional e na Asociación Íntegro queremos sumarnos a esta celebración cunha serie de actividades para reivindicar a igualdade de oportunidades e dereitos das persoas con diversidade e darlles maior presencia e protagonismo na sociedade porque como sinala o noso presidente, Adolfo López Baña, “a inclusión é unha cuestión de capacidades, non de discapacidades”.
Os actos darán comezo o vindeiro venres coa celebración dunha xornada de portas abertas, que terá lugar na sede de Íntegro, dirixida ao persoal técnico dos departamentos de servizos sociais dos diferentes concellos da Costa da Morte así como aos orientadores/as laborais pertencentes á nosa área de influencia. Tamén están convidados a participar os integrantes do equipo de inclusión social para as comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, cuxa sede está situada no situada no Punto de Información Xuvenil Casa da Xuventude de Carballo.
O programa de actividades iniciarase ás 12h cunha breve exposición sobre o funcionamento do noso Centro de Día e do Centro Ocupacional para explicar aos asistentes os diferentes programas e servizos que levamos a cabo ao longo do ano. A continuación, celebrase unha charla-coloquio para intercambiar impresións e abrir novas vías de colaboración entre as diferentes administracións e a nosa entidade co fin de poñer en marcha futuros programas de cooperación que potencien a participación social das persoas con diversidade funcional, tanto no eido formativo como na súa inserción no mercado laboral.
De seguido, realizarase un percorrido polas instalacións do noso centro de Nantón (Cabana) para amosar os diferentes traballos que realizamos diariamente tanto nos obradoiros ocupacionais como no centro de día (xardinería, artes manuais, Bicos de Amora, etc…). A xornada rematará cunha degustación de petiscos elaborados, integramente, polos nosos usuarios e usuarias.
Calendario 2017
O sábado cambiamos de escenario e trasladámonos ao edificio do Forum Carballo para acoller a presentación do calendario benéfico de Íntegro para o 2017. No acto, que dará comezo ás 12h, estarán presentes algúns dos 14 personaxes famosos e os 11 fotógrafos/as, na súa maioría da Costa da Morte, que se uniron aos nosos usuarios/as para facer realidade a creación deste fermoso proxecto co que pretendemos recadar fondos para financiar o servizo de ximnasia terapéutica do centro, imprescindible para que as persoas con diversidade funcional gocen dunha vida saudable e de calidade.
Actores, presentadores, xornalistas, cociñeiros/as, cantantes, escritoras, científicos, deportistas son tan só algunhas das caras coñecidas que participan de forma solidaria e desinteresada no novo almanaque, que xa está á venta por 5€ nos seguintes locais e establecementos colaboradores:
Marcos Monterroso (Lugo), Donclic (Carballo), Modas Suárez (Carballo), Cafetería Valle Inclán (Carballo), Fisioterapia Eva Senande (Canduas- Cabana), Floristería Amamber (Cabana), Cavident (Ponte do Porto), Restaurante O Ariño (Camariñas), Centro de Estética Mónica Coscoñas (Vimianzo), Parafarmacia Horizonte (Baio), Fisioterapia Vértebra (Baio), Lencería Marta (Baio), Papelería A Pesqueira (Ponteceso), Panadería Forno Novo (Malpica), GastroBar A Ventana (Laxe) e Restaurante A Mundiña (A Coruña).
Dende Íntegro queremos dar as grazas a todos/as os participantes pola súa colaboración, amabilidade e xenerosidade, prestando a súa imaxe e/ou traballo en favor dunha causa que, nesta ocasión, reza baixo o lema #porunanoconmenosbarreiras, especialmente, para as persoas con diversidade funcional. Así mesmo, convidamos a todas as persoas que o desexen a asistir a este evento para coñecer de preto aos seus protagonistas e descubrir como foi a elaboración do novo calendario benéfico de Íntegro.