Xa está en marcha o Programa de Envellecemento Activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña. Por segundo ano consecutivo, a xestión do programa correspóndelle a + Porvir, a empresa de economía social da Asociación Íntegro. Con esta actividade preténdese dotar ás persoas maiores das ferramentas necesarias para poder manter a súa autonomía, ademais de evitar o seu illamento e favorecer a súa participación social. Este ano participan un total de 50 persoas, repartidas practicamente a partes iguais entre Buño e Malpica. Os obxectivos fixados para esta segunda edición son os seguintes:
- Previr o deterioro cognitivo a través de exercicios prácticos, favorecendo así a autonomía persoal.
- Ofrecer estratexias para un envellecemento feliz, para a mellora das relacións persoais e sociais de xeito que se optimicen as relacións das persoas participantes no obradoiro co seu entorno.
- Aprender novas formas de comunicación e participación a través das TIC’s.
- Previr o deterioro físico e ensinar unha serie de exercicios sinxelos para o mantemento físico que as persoas participantes poidan reproducir con facilidade no seu fogar.
- Realizar pequenos traballos manuais cos que estimular e mellorar a coordinación motora fina.
- Fomentar o consumo saudable.
- Previr o deterioro físico a través do exercicio ao tempo que se fomenta o coñecemento das diferentes músicas típicas dos países escollidos.
-
Dotar ás persoas participantes de ferramentas coas que mellorar o seu autoconcepto e as súas relacións persoais.
- Dar a coñecer os beneficios da lectura para manter a mente activa.
- Ofrecer os beneficios das augas termais para a mellora das diferentes patoloxías das persoas participantes.
Para acadar eses obxectivos desenvolverase unha serie de actividades de estimulación cognitiva, xogos de mesa e campionatos, corpo e mente en movemento, taller afectivo sexual, obradoiro de mantemento físico con pilates, cachibol, elaboración de xabóns, recuperación de receitas tradicionais, elaboración menú e degustación conxunta, charla de reumatoloxía, balneario e festa de clausura. “É un Programa de Envellecemento Activo que, como se pode comprobar, favorece a participación activa dos/das veciños e veciñas dun xeito dinámico e lúdico”, explicou Marisol Blanco na presentación do programa, na que tamén participou o administrador de + Porvir e presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, acompañado polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández.