post

Máis de 50 estudantes de bacharelato do IES Agra de Leborís participan nunha charla sobre lesións medulares

A concelleira de Servizos Sociais de A Laracha, Rocío López, acompañou aos membros de Íntegro durante a xornada de sensibilización celebrada esta mañá

A campaña de prevención de lesión medulares promovida pola asociación Íntegro non para de viaxar polos centros de ensino da Costa da Morte. Esta semana chegou ata o Concello de A Laracha para facer parada no IES Agra de Leborís. O presidente da entidade, Adolfo López Baña, e a concelleira de Servizos Sociais, Emprego, Sanidade e Muller, Rocío Lopez Rey, foron os encargados de inaugurar a xornada de sensibilización celebrada esta mañá con alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.

Ademais da proxección do novo vídeo da campaña “A ti tamén che pode pasar”, no que interveñen tanto profesionais sanitarios como doentes, a educadora social do Centro de Recursos de Nantón, Tania Bartucca, informou aos estudantes sobre as principais causas e consecuencias dos accidentes medulares así como das medidas a ter en conta para evitalos. Segundo as estatísticas, os mergullos en praias e piscinas e as imprudencias ao volante son os causantes da maioría de sinistros entre a mocidade, “polo que é moi importante que tomedes conciencia de que un segundo pode cambiar toda unha vida”, recalcou López Baña para insistir o alumnado sobre a importancia da prevención.

O momento máis emotivo chegou da man de David Pombo e Teresa Alvarellos, vogal e socia-colaboradora de Íntegro, respectivamente. Ambos, en cadeira de rodas por mor dunha lesión medular, narraron as súas experiencias e transmitiron o seu exemplo de vida e superación aos máis de 50 mozos e mozas que seguiron con gran interese e expectación as súas intervencións. A accesibilidade e a inclusión social centraron o coloquio co que se puxo o punto e final á actividade, aínda que só por hoxe porque o vindeiro venres a campaña volverá ás aulas do instituto larachés para seguir concienciando a máis estudantes.