post

A conselleira de Emprego e Igualdade destaca o labor do PIMDRural na súa visita a Nantón

  • María Jesús Lorenzana desprazouse esta mañá a Nantón, acompañada polo alcalde de Cabana e varios membros do goberno local, para coñecer de primeira man os programas desenvolvidos pola entidade en materia de emprego e igualdade  
  • Ademais de interesarse polo funcionamento do Centro de Día e Ocupacional, e do Centro Especial de Emprego, mantivo unha xuntanza con varias usuarias do PIMDRural para coñecer polo miúdo este servizo, que conta co financiamento da Xunta de Galicia desde a súa creación en 2016  

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou esta mañá, xunto ao alcalde do Concello de Cabana, as instalacións da asociación Íntegro para coñecer de primeira man o seu funcionamento e os diferentes servizos e programas que se levan a cabo para promover a igualdade e a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Durante a súa estancia en Nantón estivo acompañada polo presidente da entidade, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto Torrado, e a directora Noelia Barreira, ademais de varios concelleiros do goberno local e traballadoras da entidade.

A xornada arrincou cunha visita polas dependencias para coñecer polo miúdo o día a día das persoas usuarias da entidade, coas que conversou de forma distendida sobre os diferentes talleres e obradoiros nos que participan. Ademais de interesarse polos diferentes proxectos e servizos que se están a desenvolver tanto no Centro de Día como no Centro Ocupacional, onde tivo ocasión de ver algúns dos produtos da liña comercial Bicos de Amora, especializada en artigos de elaboración artesanal (xabóns de glicerina, pulseiras, candeas, chapas…),  prestou especial atención ás accións formativas e de empregabilidade posta en marcha no noso Centro Especial de Emprego.

Así mesmo, Lorenzana mantivo unha xuntanza coas responsables do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), desde o que se presta servizo a usuarias de toda a Costa da Morte e que conta co apoio e o financiamento do ente autonómico desde a súa creación en 2016 porque “iniciativas como esta posibilitan chegar a persoas que se atopan en situacións máis complicadas e desfavorecidas, prestando, de maneira personalizada, servizos de proximidade e dotando de novos recursos ao noso medio rural”, subliñou a titular de Emprego e Igualdade.

No que vai de 2022, o Punto de Intervención atendeu xa a 22 mulleres en situación de vulnerabilidade prestándolles información, asesoramento e apoio na adquisición de habilidades persoais e sociais, así como na busca de emprego e/ou mellora da súa capacitación profesional. Así mesmo, estanse a promover diversas accións para incentivar a súa participación na vida social, a atención psicolóxica e a mediación familiar e a posta en marcha de campañas de sensibilización contra a violencia de xénero e a discriminación, que, no caso deste colectivo “atópase nunha situación de maior vulnerabilidade, xa que son as mulleres con discapacidade que viven no medio rural e, polo tanto, sofren unha dobre ou mesmo tripla discriminación: por razón de xénero, de discapacidade e de falta de acceso aos recursos”, matizou a Conselleira.

30 anos de historia

Lorenzana non quixo rematar a súa estancia en Nantón sen antes trasladar os seus parabéns á nosa entidade polo seu 30º aniversario, destacando o importante labor desempeñado “desde este espazo inclusivo que traballa día a día na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, ofrecendo unha atención integral e adaptada ás necesidades de cada usuario e usuaria e traballando para conseguir unha contorna máis acolledora que poña en valor a diversidade”, puntualizou.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro agradeceu a visita e recordou “a necesidade de seguir traballando cóbado con cóbado para seguir avanzando na inclusión social e laboral das persoas con discapacidade no medio rural”.

post

Máis Porvir Xestión Social avanza na inclusión laboral de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

A empresa de iniciativa social de Íntegro, que conta xa con 40 trabajadores con discapacidade da Costa da Morte, está especializada na prestación de servizos auxiliares a empresas, institucións e particulares

A empresa de iniciativa social de Íntegro Máis Porvir Xestion Social segue avanzando con paso firme na inclusión laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, o noso Centro Especial de Emprego conta xa con 40 traballadores/as, que desempeñan numerosos servizos auxiliares a empresas, organismos públicos e particulares da contorna, entre os que destacan diferentes traballos de limpeza de superficies e inmobles, labores de conserxería e hidrolimpezas en exteriores.

Un dos últimos municipios da Costa da Morte en sumarse a este proxecto empresarial sustentable e competitivo foi o Concello de Muxía. Desde o pasado mes de novembro, un grupo de persoas con discapacidade encárgase da realización das labores de limpeza nos centros de educación infantil e primaria de Vilarmide-Eduardo Noya, Virxe da Barca e Os Muíños.

 

Por outra banda, localidades como Mazaricos e Zas xa hai anos que depositaron a súa confianza e compromiso en Máis Porvir para garantir o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade. No caso do primeiro, a través da contratación do servizo de limpeza da gardería e o ximnasio municipais, así como do CEIP de Pino de Val (antes de que pechara as súas portas), e do CPI A Picota e CEIP San Cosme, onde tamén se realizan labores de conserxería. En Zas, estanse a efectuar tamén traballos de limpeza nos dous centros de saúde, na gardería municipal e no CEIP Labarta Pose de Baio.

Ademais destas accións empresariais, desde a nosa entidade de iniciativa social promóvense tamén numerosas actividades formativas ao longo do ano para proporcionar  aos nosos traballadores/as novas capacidades e habilidades que dean como resultado un cambio social real que contribúa a mellorar a vida das persoas con diversidade funcional.

RURALÍZATE 2022

Outra das iniciativas que un ano máis vimos de poñer en marcha en colaboración co Concello de Cabana é o programa de actividades para persoas maiores de 55 anos Ruralízate, organizado polo consistorio cabanés e xestionado por Máis Porvir.

Hai unha semana arrincou a nova edición, que neste 2022 desenvolverase nas instalacións da Escola de Vela (os mércores) e no Centro de Recursos Íntegro (os xoves) debido ao elevado volume de inscricións. O primeiro obradoiro, que xira arredor das artes manuais, levarase a cabo de febreiro a marzo en horario de 17.30 a 19.30 horas. De abril a maio, haberá outro de arranxos florais que dará paso, no mes de xuño, a un taller de risoterapia. Xa para o último trimestre do ano, están programados outros dous: restauración de mobles (de setembro a novembro) e arranxos de Nadal (de novembro a decembro).

post

O alcalde de Laxe visita Íntegro para coñecer de primeira man a actividade do centro

José Luís Pérez, que acudiu acompañado pola concelleira de Servizos Sociais Sandra Mouzo, foi recibido polos responsables de Íntegro e Máis Porvir

A semana arrincou en Íntegro coa visita institucional do alcalde de Laxe, José Luís Pérez, que se achegou ata o Centro de Recursos de Nantón para coñecer de primeira man as instalacións e comprobar “in situ” as necesidades actuais da nosa entidade. O rexedor, que acudiu acompañado pola concelleira de Servizos Sociais Sandra Mouzo, foi recibido polo presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora Noelia Barreira. Durante o percorrido que realizaron tamén estiveron presentes o tesoureiro, Silvestre Couto, e a xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño.

Unha das paradas obrigadas da visita tivo lugar no exterior do Centro de Recursos para contemplar a remodelación da fachada da edificio, executada hai uns meses con cargo ao programa FOIE da Deputación da Coruña, que lle confire un aspecto máis moderno e actual ademais de mellorar substancialmente a calidade de vida dos usuarios/as grazas ao illamento térmico e acústico da fachada de cara á obtención dun maior aforro enerxético e unha ventilación natural máis eficaz.

Tras realizar un minucioso percorrido polas aulas do Centro de Día e do Centro Ocupacional, a comitiva tamén se achegou ata Centro Especial de Emprego para interesarse polo traballo que desenvolven a diario os nosos usuarios e usuarias nos diferentes obradoiros que temos en marcha. Sen dúbida, un dos que máis chamou a súa atención foi o taller de elaboración de xabóns de glicerina Bicos de Amora. Ao longo da mañá, tamén mantiveron un encontro de traballo cos responsables de Íntegro para coñecer en profundidade as actividades e os novos programas de acción social da entidade de cara aos vindeiros anos. Así mesmo, tamén se celebrou unha entrevista coa xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño, coa que conversaron sobre os servizos que presta actualmente na contorna.

Durante a xuntanza, o presidente de Íntegro aproveitou a ocasión para trasladar ás autoridades locais ás novas necesidades do centro ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello de Laxe no desenvolvemento de accións conxuntas que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Neste senso, o alcalde de Laxe comprometeuse a seguir traballando con Íntegro e Máis Porvir para favorecer a inclusión laboral e social dos colectivos máis desfavorecidos e, especialmente, das persoas que residen na zona rural.