post

O alcalde de Laxe visita Íntegro para coñecer de primeira man a actividade do centro

José Luís Pérez, que acudiu acompañado pola concelleira de Servizos Sociais Sandra Mouzo, foi recibido polos responsables de Íntegro e Máis Porvir

A semana arrincou en Íntegro coa visita institucional do alcalde de Laxe, José Luís Pérez, que se achegou ata o Centro de Recursos de Nantón para coñecer de primeira man as instalacións e comprobar “in situ” as necesidades actuais da nosa entidade. O rexedor, que acudiu acompañado pola concelleira de Servizos Sociais Sandra Mouzo, foi recibido polo presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora Noelia Barreira. Durante o percorrido que realizaron tamén estiveron presentes o tesoureiro, Silvestre Couto, e a xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño.

Unha das paradas obrigadas da visita tivo lugar no exterior do Centro de Recursos para contemplar a remodelación da fachada da edificio, executada hai uns meses con cargo ao programa FOIE da Deputación da Coruña, que lle confire un aspecto máis moderno e actual ademais de mellorar substancialmente a calidade de vida dos usuarios/as grazas ao illamento térmico e acústico da fachada de cara á obtención dun maior aforro enerxético e unha ventilación natural máis eficaz.

Tras realizar un minucioso percorrido polas aulas do Centro de Día e do Centro Ocupacional, a comitiva tamén se achegou ata Centro Especial de Emprego para interesarse polo traballo que desenvolven a diario os nosos usuarios e usuarias nos diferentes obradoiros que temos en marcha. Sen dúbida, un dos que máis chamou a súa atención foi o taller de elaboración de xabóns de glicerina Bicos de Amora. Ao longo da mañá, tamén mantiveron un encontro de traballo cos responsables de Íntegro para coñecer en profundidade as actividades e os novos programas de acción social da entidade de cara aos vindeiros anos. Así mesmo, tamén se celebrou unha entrevista coa xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño, coa que conversaron sobre os servizos que presta actualmente na contorna.

Durante a xuntanza, o presidente de Íntegro aproveitou a ocasión para trasladar ás autoridades locais ás novas necesidades do centro ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello de Laxe no desenvolvemento de accións conxuntas que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Neste senso, o alcalde de Laxe comprometeuse a seguir traballando con Íntegro e Máis Porvir para favorecer a inclusión laboral e social dos colectivos máis desfavorecidos e, especialmente, das persoas que residen na zona rural.