post

A conselleira de Emprego e Igualdade destaca o labor do PIMDRural na súa visita a Nantón

  • María Jesús Lorenzana desprazouse esta mañá a Nantón, acompañada polo alcalde de Cabana e varios membros do goberno local, para coñecer de primeira man os programas desenvolvidos pola entidade en materia de emprego e igualdade  
  • Ademais de interesarse polo funcionamento do Centro de Día e Ocupacional, e do Centro Especial de Emprego, mantivo unha xuntanza con varias usuarias do PIMDRural para coñecer polo miúdo este servizo, que conta co financiamento da Xunta de Galicia desde a súa creación en 2016  

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou esta mañá, xunto ao alcalde do Concello de Cabana, as instalacións da asociación Íntegro para coñecer de primeira man o seu funcionamento e os diferentes servizos e programas que se levan a cabo para promover a igualdade e a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Durante a súa estancia en Nantón estivo acompañada polo presidente da entidade, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto Torrado, e a directora Noelia Barreira, ademais de varios concelleiros do goberno local e traballadoras da entidade.

A xornada arrincou cunha visita polas dependencias para coñecer polo miúdo o día a día das persoas usuarias da entidade, coas que conversou de forma distendida sobre os diferentes talleres e obradoiros nos que participan. Ademais de interesarse polos diferentes proxectos e servizos que se están a desenvolver tanto no Centro de Día como no Centro Ocupacional, onde tivo ocasión de ver algúns dos produtos da liña comercial Bicos de Amora, especializada en artigos de elaboración artesanal (xabóns de glicerina, pulseiras, candeas, chapas…),  prestou especial atención ás accións formativas e de empregabilidade posta en marcha no noso Centro Especial de Emprego.

Así mesmo, Lorenzana mantivo unha xuntanza coas responsables do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), desde o que se presta servizo a usuarias de toda a Costa da Morte e que conta co apoio e o financiamento do ente autonómico desde a súa creación en 2016 porque “iniciativas como esta posibilitan chegar a persoas que se atopan en situacións máis complicadas e desfavorecidas, prestando, de maneira personalizada, servizos de proximidade e dotando de novos recursos ao noso medio rural”, subliñou a titular de Emprego e Igualdade.

No que vai de 2022, o Punto de Intervención atendeu xa a 22 mulleres en situación de vulnerabilidade prestándolles información, asesoramento e apoio na adquisición de habilidades persoais e sociais, así como na busca de emprego e/ou mellora da súa capacitación profesional. Así mesmo, estanse a promover diversas accións para incentivar a súa participación na vida social, a atención psicolóxica e a mediación familiar e a posta en marcha de campañas de sensibilización contra a violencia de xénero e a discriminación, que, no caso deste colectivo “atópase nunha situación de maior vulnerabilidade, xa que son as mulleres con discapacidade que viven no medio rural e, polo tanto, sofren unha dobre ou mesmo tripla discriminación: por razón de xénero, de discapacidade e de falta de acceso aos recursos”, matizou a Conselleira.

30 anos de historia

Lorenzana non quixo rematar a súa estancia en Nantón sen antes trasladar os seus parabéns á nosa entidade polo seu 30º aniversario, destacando o importante labor desempeñado “desde este espazo inclusivo que traballa día a día na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, ofrecendo unha atención integral e adaptada ás necesidades de cada usuario e usuaria e traballando para conseguir unha contorna máis acolledora que poña en valor a diversidade”, puntualizou.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro agradeceu a visita e recordou “a necesidade de seguir traballando cóbado con cóbado para seguir avanzando na inclusión social e laboral das persoas con discapacidade no medio rural”.

post

7 persoas con disCapacidade iniciaron hoxe o curso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais

O Centro Especial de Emprego Máis Porvir Xestión Social será o encargado da formación teórica, á que seguirá un período de prácticas en empresas e a prestación de apoio na busca activa de emprego

Esta acción está subvencionada pola Fundación ONCE e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020

Esta mañá deu comezo en Íntegro o novo curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, no que participan 7 persoas con discapacidade e/ou en situación de desemprego. Trátase dunha acción formativa adaptada, incluída na convocatoria de axudas económicas de selección de operacións para o reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “UNO a UNO” da Fundación ONCE, co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020.

Desde hoxe 26 e ata o vindeiro 12 de maio, o alumnado recibirá da man do noso Centro Especial de Emprego MAIS PORVIR XESTIÓN SOCIAL S.L.U. a formación teórica específica en materia de limpeza (160 horas), ademais das correspondentes sesións prácticas en empresas (124horas), coas que completarán o período de aprendizaxe (284 horas). Unha vez rematado o curso, levarase a cabo un programa transversal para prestar apoio individualizado na busca activa de emprego co obxectivo de promover a inclusión laboral real dos alumnos e alumnas. Benvidos a todos/as!

post

Aberto o prazo de inscrición para o curso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais

  • Trátase dunha acción formativa, dirixida a persoas con disCapacidade e en situación de desemprego, que vén de conceder a Fundación ONCE, e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020
  • O obradoiro, de 284 horas de duración, dará comezo o vindeiro día 26 e prolongarase ata o 12 de maio

Dentro da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “UNO a UNO”, a asociación Íntegro vén de recibir unha subvención para a realización dunha acción formativa adaptada sobre “limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais”, no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020, co-financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo (FSE).

O curso, que terá unha duración de 284 horas, incluirá formación teórica específica en materia de limpeza así como as correspondentes sesións prácticas en empresas. Ademais, levarase a cabo un programa de aprendizaxe transversal e de apoio na posterior busca activa de emprego para promover a inclusión laboral deste colectivo. As clases, que se desenvolverán nas instalacións de Íntegro, darán comezo o vindeiro 26 de xaneiro e rematarán o 12 de maio.

As persoas interesadas en participar nesta formación deberán ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33% e atoparse en situación de desemprego e/ou inactividade. Os interesados/as poderán obter máis información chamando ao 981 734 985, de luns a venres en horario de 09.00 a 17.00 horas, ou enviando un mail ao enderezo electrónico info@integro.es. O 10 de xaneiro arrincarán as primeiras entrevistas do proceso de selección de candidatos/as. Non o deixes pasar!

post

Rematado o curso de creación de perfís en webs de emprego para achegar ao mercado laboral ás mulleres con diversidade funcional do rural

No último ano, 36 persoas beneficiáronse do Punto de Intervención para Mulleres, co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O mes de setembro deixounos un balance máis que positivo no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), unha iniciativa promovida pola asociación Íntegro e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a triple discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Tras un ano de intensa actividade formativa para dotar ás mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia, necesarias para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, o pasado mes de setembro puxemos en marcha unha novidosa acción, totalmente de balde baseada na creación de perfís en webs de emprego, coa finalidade de mellorar a formación das participantes de cara a aumentar a súa empregabilidade ata lograr a plena integración socio-laboral.

Balance

Durante o período 2018/2019, un total de 36 mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse do noso servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral, postos en marcha hai xa catro anos. Moitas delas, formaron parte tamén dun extenso e variado programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación.

Así mesmo, leváronse a cabo numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional logrando 4 insercións laborais, unha cifra moi positiva tendo e conta a triple discriminación que padece este colectivo (muller con diversidade funcional que reside no medio rural).

Ademais das sesións teóricas, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras. Nos vindeiros meses, está previsto continuar con este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.

 

post

Clausurado o obradoiro de acondicionamento de exteriores organizado polo Concello de Ponteceso para persoas en risco de exclusión

Hoxe foi clausurado o obradoiro de acondicionamento de exteriores organizado polo Concello de Ponteceso e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social. Un total de 14 alumnos/as participaron na acción formativa impartida dende o mes de xuño pola empresa de economía social Máis Porvir, participada ao 100 % pola Asociación Íntegro.

No acto de clausura, celebrado na Casa da Cultura de Ponteceso, participaron o alcalde, Lois García Carballido, e a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta, en representación do Concello. Por parte de Máis Porvir asistiron o administrador e a xerente da empresa, Adolfo López Baña e Sandra Caamaño. A acción formativa incluíu módulos de carpintería e xardinería, busca activa de emprego e habilidades sociais. O alumnado recibiu os seus diplomas e rematou a participación no curso compartindo un aperitivo.

O obradoiro de acondicionamento de exteriores non só cumpriu o obxectivo de formar a un grupo de persoas para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral en dúas áreas nas que hai demanda de persoal, como son a xardinería e o mantemento de mobiliario urbano, senón que ademais permitiu recuperar espazos verdes e restaurar elementos do mobiliario urbano pontecesán deteriorados polos efectos do vandalismo. “Grazas a estas iniciativas e á colaboración dos concellos conseguiremos que se xere emprego, e polo tanto riqueza, na zona”, destacou o administrador de Máis Porvir. O alcalde de Ponteceso, pola súa banda, reiterou o seu compromiso de implicación para acadar o obxectivo da inserción laboral.