No último ano, 36 persoas beneficiáronse do Punto de Intervención para Mulleres, co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020
O mes de setembro deixounos un balance máis que positivo no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), unha iniciativa promovida pola asociación Íntegro e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a triple discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Tras un ano de intensa actividade formativa para dotar ás mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia, necesarias para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, o pasado mes de setembro puxemos en marcha unha novidosa acción, totalmente de balde baseada na creación de perfís en webs de emprego, coa finalidade de mellorar a formación das participantes de cara a aumentar a súa empregabilidade ata lograr a plena integración socio-laboral.
Balance
Durante o período 2018/2019, un total de 36 mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse do noso servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral, postos en marcha hai xa catro anos. Moitas delas, formaron parte tamén dun extenso e variado programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación.
Así mesmo, leváronse a cabo numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional logrando 4 insercións laborais, unha cifra moi positiva tendo e conta a triple discriminación que padece este colectivo (muller con diversidade funcional que reside no medio rural).
Ademais das sesións teóricas, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras. Nos vindeiros meses, está previsto continuar con este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.