post

O PIMDRural de Íntegro regresa en setembro cun novo curso sobre creación de perfís en webs de emprego

No último ano, 24 persoas beneficiáronse do Punto de Intervención para Mulleres, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O mes de setembro arrinca con importantes novidades no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), unha iniciativa promovida polo Centro de Recursos Íntegro e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Tras un ano de intensa actividade formativa para dotar ás mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia, necesarias para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, este mes poremos en marcha unha novidosa acción, totalmente de balde baseada na creación de perfís en webs de emprego, que ten como obxectivo aumentar a empregabilidade de todas as participantes no curso e lograr a súa plena integración socio-laboral. Para elo, ofrecerase unha atención personalizada e especializada, orientada á realidade actual do mercado de traballo.

Todas as persoas que estean interesadas en participar nesta actividade, prioritariamente mulleres con disCapacidade, deberán inscribirse canto antes no Centro de Recursos Íntegro. Para máis información tamén poden chamar ao 981 734 985.

Balance

Durante o período 2018/2019, un total de 24 mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse do noso servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral, postos en marcha hai xa catro anos. Moitas delas, formaron parte tamén dun extenso e variado programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación. Así mesmo, leváronse a cabo numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional.  

Ademais das sesións teóricas, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras. Nos vindeiros meses, está previsto continuar co este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.

post

Íntegro inicia un ciclo de visitas a grandes empresas para promover a inserción laboral de persoas con diversidade

Dez usuarios/as do centro ocupacional e 6 mulleres do PIMD Rural foron os/as primeiros participantes desta novidosa acción, que tivo como destino Aluman pero que continuará con visitas a empresas como Coca-Cola, Inditex ou Cerdeimar, entre outras   

Un dos obxectivos da asociación Íntegro é dotar ás persoas con diversidade funcional da zona rural dos medios formativos e laborais necesarios para o desenvolvemento dunha vida plena, autónoma e igualitaria. Para elo, a nosa entidade vén de iniciar un ciclo de visitas a grandes empresas da contorna co obxectivo de poñer en marcha novos “ itinerarios de inserción profesional” para mellorar a capacitación profesional e o acceso ao mercado de traballo tanto dos usuarios do noso centro ocupacional como das participantes do programa PIMD Rural, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE).

A empresa Aluman, con sede no municipio de Arteixo, foi primeiro destino desta interesante iniciativa, na que, nesta ocasión, participaron dez usuarios/as do centro ocupacional e 6 mulleres do Punto de Información á Muller con Diversidade. Ata alí se desprazaron, o pasado día 28, todos/as participantes, acompañados/as pola terapeuta ocupacional e a educadora Social do centro, para realizar un percorrido polas instalacións e asistir a unha charla na que recibiron detallada información sobre o funcionamento da fábrica e as diferentes áreas de traballo que engloba. 

 

 

Esta actuación, que forma parte do plan estratéxico de inserción laboral do centro, verase complementada con novas visitas a outras grandes empresas, punteiras na  xeración de emprego e de riqueza na nosa contorna como é o caso do grupo Inditex, a conserveira Cerdeimar ou a sede de Coca-Cola na Coruña, entre outras. Ademais dunha primeira toma de contacto co tecido empresarial, esta ronda de visitas propiciará un maior achegamento ao mundo laboral das persoas con diversidade funcional que residen nas zonas rurais e, especialmente, das mulleres que sofren unha dobre discriminación, converténdose nun dos grupos de exclusión social máis vulnerables. O número de participantes variará en cada saída en función da dispoñibilidade das empresas. Manterémosvos informados/as!