post

O PIMDRural de Íntegro regresa en setembro cun novo curso sobre creación de perfís en webs de emprego

No último ano, 24 persoas beneficiáronse do Punto de Intervención para Mulleres, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O mes de setembro arrinca con importantes novidades no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), unha iniciativa promovida polo Centro de Recursos Íntegro e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Tras un ano de intensa actividade formativa para dotar ás mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia, necesarias para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, este mes poremos en marcha unha novidosa acción, totalmente de balde baseada na creación de perfís en webs de emprego, que ten como obxectivo aumentar a empregabilidade de todas as participantes no curso e lograr a súa plena integración socio-laboral. Para elo, ofrecerase unha atención personalizada e especializada, orientada á realidade actual do mercado de traballo.

Todas as persoas que estean interesadas en participar nesta actividade, prioritariamente mulleres con disCapacidade, deberán inscribirse canto antes no Centro de Recursos Íntegro. Para máis información tamén poden chamar ao 981 734 985.

Balance

Durante o período 2018/2019, un total de 24 mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse do noso servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral, postos en marcha hai xa catro anos. Moitas delas, formaron parte tamén dun extenso e variado programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación. Así mesmo, leváronse a cabo numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional.  

Ademais das sesións teóricas, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras. Nos vindeiros meses, está previsto continuar co este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.