Dez usuarios/as do centro ocupacional e 6 mulleres do PIMD Rural foron os/as primeiros participantes desta novidosa acción, que tivo como destino Aluman pero que continuará con visitas a empresas como Coca-Cola, Inditex ou Cerdeimar, entre outras
Un dos obxectivos da asociación Íntegro é dotar ás persoas con diversidade funcional da zona rural dos medios formativos e laborais necesarios para o desenvolvemento dunha vida plena, autónoma e igualitaria. Para elo, a nosa entidade vén de iniciar un ciclo de visitas a grandes empresas da contorna co obxectivo de poñer en marcha novos “ itinerarios de inserción profesional” para mellorar a capacitación profesional e o acceso ao mercado de traballo tanto dos usuarios do noso centro ocupacional como das participantes do programa PIMD Rural, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE).
A empresa Aluman, con sede no municipio de Arteixo, foi primeiro destino desta interesante iniciativa, na que, nesta ocasión, participaron dez usuarios/as do centro ocupacional e 6 mulleres do Punto de Información á Muller con Diversidade. Ata alí se desprazaron, o pasado día 28, todos/as participantes, acompañados/as pola terapeuta ocupacional e a educadora Social do centro, para realizar un percorrido polas instalacións e asistir a unha charla na que recibiron detallada información sobre o funcionamento da fábrica e as diferentes áreas de traballo que engloba.
Esta actuación, que forma parte do plan estratéxico de inserción laboral do centro, verase complementada con novas visitas a outras grandes empresas, punteiras na xeración de emprego e de riqueza na nosa contorna como é o caso do grupo Inditex, a conserveira Cerdeimar ou a sede de Coca-Cola na Coruña, entre outras. Ademais dunha primeira toma de contacto co tecido empresarial, esta ronda de visitas propiciará un maior achegamento ao mundo laboral das persoas con diversidade funcional que residen nas zonas rurais e, especialmente, das mulleres que sofren unha dobre discriminación, converténdose nun dos grupos de exclusión social máis vulnerables. O número de participantes variará en cada saída en función da dispoñibilidade das empresas. Manterémosvos informados/as!