post

7 persoas con disCapacidade iniciaron hoxe o curso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais

O Centro Especial de Emprego Máis Porvir Xestión Social será o encargado da formación teórica, á que seguirá un período de prácticas en empresas e a prestación de apoio na busca activa de emprego

Esta acción está subvencionada pola Fundación ONCE e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020

Esta mañá deu comezo en Íntegro o novo curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, no que participan 7 persoas con discapacidade e/ou en situación de desemprego. Trátase dunha acción formativa adaptada, incluída na convocatoria de axudas económicas de selección de operacións para o reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “UNO a UNO” da Fundación ONCE, co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020.

Desde hoxe 26 e ata o vindeiro 12 de maio, o alumnado recibirá da man do noso Centro Especial de Emprego MAIS PORVIR XESTIÓN SOCIAL S.L.U. a formación teórica específica en materia de limpeza (160 horas), ademais das correspondentes sesións prácticas en empresas (124horas), coas que completarán o período de aprendizaxe (284 horas). Unha vez rematado o curso, levarase a cabo un programa transversal para prestar apoio individualizado na busca activa de emprego co obxectivo de promover a inclusión laboral real dos alumnos e alumnas. Benvidos a todos/as!

post

Máis PORVIR Xestión Social imparte un curso de limpeza de inmobles para persoas con discapacidade

Dita acción, na que participan 9 alumnos/as, estase a desenvolver no Concello de Zas coa colaboración de Inserta Empleo, da Fundación Once.

Máis PORVIR Xestión Social e o Centro Especial de Emprego da Asociación Íntegro están a impartir en Zas un curso de “Experto en limpeza de inmobles”, no que participan 9 persoas con discapacidade. Ademais, dita acción estase a desenvolver en colaboración con Inserta Empleo, unha entidade pertencente á Fundación ONCE orientada á formación e o emprego.

A través desta actividade formativa, de 150 horas lectivas, preténdese proporcionar ao alumnado as destrezas profesionais necesarias para un rendemento competitivo no mercado de traballo así como o desenvolvemento de aptitudes e habilidades persoais coas que lograr a plena participación no entorno social e laboral. As clases, divididas en dous módulos teórico-prácticos, impártense dende o pasado mes de novembro e prolongaranse ata o vindeiro 19 de xaneiro.

Esta formación lévase a cabo baixo a co-financiación do Fondo Social Europeo, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, e da iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, de ámbito plurirrexional e correspondente ao período de programación 2014-2020.

post

Inaugurado o curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns para persoas con diversidade funcional

Ao acto de presentación, que tivo lugar o pasado día 1 na Casa do Oleiro de Buño, asistiron responsables de Íntegro, MáisPorvir e o Concello de Malpica

A asociación Íntegro vén de inaugurar un curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns dirixido a persoas con diversidade funcional co fin de mellorar a súa capacitación profesional e promover o emprego entre o colectivo. No acto de presentación, celebrado o pasado día 1 na Casa do Oleiro de Buño (Malpica),  estiveron presentes a traballadora social de Íntegro, Sandra Reimúndez; a xerente de MáisPorvir, Sandra Caamaño; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández.

O novo obradoiro, que terá una duración de dous meses e medio, está integrado tan só por doce alumnos/as procedentes de diversas localidades da Costa da Morte que, na actualidade, figuran como demandantes de emprego. Trátase dun grupo moi reducido para garantir unha atención individualizada e axeitada ás necesidades de cada persoa.

 

As clases levaranse a cabo de luns a venres, de 9:30 a 14:30h. e dividiranse en varios módulos teóricos e prácticos. Así, os primeiros serán impartidos por profesionais de Íntegro na Casa do Oleiro de Buño (Malpica) grazas á cesión realizada polo Concello de Malpica para o desenvolvemento das sesións formativas en materia de xardinaría, carpintaría e competencias transversais. Pero dende o consistorio tamén porán a disposición dos alumnos/as varias zonas verdes e axardinadas, tanto no casco urbano como no rural, para a realización das correspondentes prácticas. Pola súa banda, o municipio de Cabana tamén quixo implicarse nesta iniciativa destinando o local da escola de carpintaría, situado na parroquia de Anos, para a execución dos traballos de reparación, rehabilitación e confección de mobiliario urbano, incluídos na programación do curso e impartidos pola empresa de economía social Máis Porvir.

Con esta nova acción formativa, subvencionada pola Fundación ONCE e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) e a asociación Íntegro, agárdase acadar a inserción laboral dunha elevada porcentaxe de participantes, ao igual que sucedeu en ocasións anteriores con outros cursos de características similares.     

post

Aberta a inscrición para o curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns

  • Trátase dunha acción formativa subvencionada pola Fundación ONCE dentro do Programa Operativo de Inclusión e Economía Social co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE)
  • O obradoiro está dirixido a persoas con diversidade funcional que estean inscritas como demandantes de emprego

En Íntegro estamos de parabéns porque a partir de hoxe unha nova acción formativa vai a sumarse ao plan de capacitación posto en marcha pola asociación para dotar ás persoas con diversidade funcional da Costa da Morte das ferramentas necesarias para a mellora do emprego e o desenvolvemento dunha vida plena e autónoma.

A Fundación ONCE, a través da súa Convocatoria Xeral de Axudas Económicas,  vén de conceder á entidade con sede en Nantón unha subvención para a realización dun curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns, enmarcado no Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE).

O curso, que se desenvolverá entre o 1 de marzo e o 15 de xuño, constará dun máximo de 12 prazas, un número moi reducido para garantir unha atención individualizada e adaptada ás necesidades de cada alumno/a e facilitar a realización da formación práctica.

Con esta acción formativa, especializada e acorde á demanda do mercado actual, preténdese acadar a inserción laboral dunha elevada porcentaxe de participantes, ao igual que xa sucedeu en ocasións anteriores noutros cursos destas características.

Inscrición

Dende hoxe e ata o vindeiro 28 de febreiro procederase á selección de candidatos/as para formar parte deste obradoiro.  As persoas que desexen participar só deberán cumprir dous requisitos: ter recoñecida algunha discapacidade e estar inscritos/as como demandantes de emprego. Se estás interesado/a en recibir máis información non dubides en poñerte en contacto con nós chamando ao 981 734 985, de luns a venres en horario de 09 a 17h. Anímete e aposta pola túa formación. Poida que o teu futuro dependa diso. Agardámoste!

post

Clausurado o obradoiro de carpintería de Íntegro cun compromiso dos concellos de potenciar a formación

A Asociación Íntegro clausurou hoxe o obradoiro de carpintería que se desenvolveu ao longo dos últimos seis meses grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo e á colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños. No acto participaron representantes dos concellos de Malpica, Laxe, Zas, Ponteceso e Cabana, cinco concellos que, a raíz desta iniciativa, poderían poñer en marcha un programa de formación conxunto.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Así o explicou o alcalde cabanés, José Muíño, quen destacou os bos resultados do obradoiro de emprego desenvolvido cos concellos de Ponteceso e Zas e avogou pola extensión da experiencia ao resto dos concellos da agrupación supramunicipal Costa Bergantiñá. “A idea –dixo Muíño- é que cada concello homologue unha aula para impartir cursos de formación de distintas especialidades”. No caso de Cabana esa aula sería, precisamente, a nave cedida a Íntegro en Anos para impartir o obradoiro. “Seguiríamos compartíndoa con Íntegro, de balde, de xeito que a asociación poida desenvolver un traballo que lle permita subsistir, ao mesmo tempo que os concellos poidamos beneficiarnos dese servizo ademais de poder utilizar tamén a nave”, engadiu o alcalde de Cabana.

De feito, a cesión do taller á Asociación Íntegro durante os últimos seis meses permitiu encher de vida unhas instalacións que non tiñan uso. Ao longo deste tempo, os alumnos e alumnas traballaron na restauración de pezas de madeira, a elaboración de mobles e a reparación de elementos do mobiliario público, principalmente. Miguel Álvarez, un dos monitores, realizou aos participantes no acto de hoxe unha detallada exposición dos distintos labores realizados, con especial fincapé no mantemento do mobiliario público. Papeleiras, xogos infantís, bancos… do municipio de Cabana volven a estar como novos despois de recibir o tratamento axeitado na nave de Anos. Precisamente, o alcalde de Cabana destacou a importancia do curso desenvolvido por Íntegro para este tipo de tarefas, que xa, segundo indicou, “moitas veces os concellos temos problemas para o mantemento do mobiliario en perfectas condicións”.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Pola súa banda, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, incidiu na importancia do proxecto desenvolvido de cara á autonomía da asociación. “As entidades antes dependían case exclusivamente das subvencións, pero nós queremos demostrar que é preciso prestar un servizo á comunidade e cobrar por iso”, manifestou. Os 9 usuarios e usuarias que participaron no obradoiro de carpintería, que recibiron hoxe os seus diplomas, demostraron a súa capacidade para poder desenvolver este tipo de traballo, e, aínda máis, de “dar resposta á demanda e de facelo con calidade”, destacou López Baña.

post

O curso de pladur inaugurado hoxe en Buño reforza o papel de Íntegro coma entidade prestadora de servizos

SAMSUNG CAMERA PICTURESO curso de técnicas de colocación de pladur que comezou hoxe en Buño é unha mostra máis da decisión de Íntegro de converterse nunha entidade “sostible”, con maior autonomía e menor dependencia das axudas institucionais. Íntegro quere ser “unha entidade prestadora de servizos”, insistiu o presidente, Adolfo López Baña, no acto inaugural. Nese sentido agradeceu a aposta do Concello de Malpica pola visibilización das pe
rsoas con diversidade funcional ou, coma neste caso tamén, en risco de exclusión. “Malpica é o primeiro concello que aposta pola visibilización destes colectivos, é un exemplo para outros”, manifestou.

A asociación agradece a aposta do Concello de Malpica pola visibilización das persoas con diversidade funcional e pono como exemplo para outras institucións

O obradoiro de técnicas de colocación de pladur, que tamén incluirá un apartado de pintura, permitirá a formación de 10 persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión. O curso está organizado polo Concello de Malpica e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, e impartirase todos os luns, martes e xoves, de 9.30 a 13.00 horas, ata o 3 de decembro. Á inauguración asistiron a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, que animou aos alumnos e alumnas a aproveitar o curso para intentar mellorar a súa situación laboral. En representación de Íntegro asistiron o presidente e a vogal María José Cousillas. O taller será impartido polo noso monitor Miguel Álvarez.

post

Íntegro impartirá en Buño un curso de pladur para persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica volve a apostar pola formación como ferramenta para a inclusión. Despois dos obradoiros de xardinería que impartimos o ano pasado, o vindeiro 3 de novembro comezará un curso de técnicas de colocación de pladur e pintura destinado a persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social.

O obradoiro, de carácter eminentemente práctico, terá 42 horas de duración, e será impartido por personal da Asociación Íntegro na Casa do Oleiro de Buño, onde se desenvolverá tanto a formación teórica coma a práctica. As clases serán os luns, martes e xoves, de 09.30 a 13.00 horas.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Os/as interesados/as poden inscribirse xa no Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico) ou chamando ao número de teléfono 981 720 280.