post

Aberto o prazo de inscrición para o curso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais

  • Trátase dunha acción formativa, dirixida a persoas con disCapacidade e en situación de desemprego, que vén de conceder a Fundación ONCE, e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020
  • O obradoiro, de 284 horas de duración, dará comezo o vindeiro día 26 e prolongarase ata o 12 de maio

Dentro da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “UNO a UNO”, a asociación Íntegro vén de recibir unha subvención para a realización dunha acción formativa adaptada sobre “limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais”, no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020, co-financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo (FSE).

O curso, que terá unha duración de 284 horas, incluirá formación teórica específica en materia de limpeza así como as correspondentes sesións prácticas en empresas. Ademais, levarase a cabo un programa de aprendizaxe transversal e de apoio na posterior busca activa de emprego para promover a inclusión laboral deste colectivo. As clases, que se desenvolverán nas instalacións de Íntegro, darán comezo o vindeiro 26 de xaneiro e rematarán o 12 de maio.

As persoas interesadas en participar nesta formación deberán ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33% e atoparse en situación de desemprego e/ou inactividade. Os interesados/as poderán obter máis información chamando ao 981 734 985, de luns a venres en horario de 09.00 a 17.00 horas, ou enviando un mail ao enderezo electrónico info@integro.es. O 10 de xaneiro arrincarán as primeiras entrevistas do proceso de selección de candidatos/as. Non o deixes pasar!

post

Íntegro e MáisPorvir entregan os diplomas do curso de actividades auxiliares de agricultura e xardinería

Nesta acción formativa, enmarcada no POISES e co-financiada polo Fondo Social Europeo, participaron doce persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

O pasado martes, o presidente da asociación Íntegro Adolfo López Baña e a xerente do Centro Especial de Emprego, Sandra Caamaño Gómez, fixeron entrega dos diplomas do Curso Actividades Auxiliares de Agricultura e Xardinería, impartido en Nantón (Cabana) de abril e novembro deste ano.

Doce persoas con discapacidade, procedentes de diferentes concellos da Costa da Morte, participaron nesta acción formativa de 305 horas de duración enmarcada na Convocatoria de Axudas económicas da Fundación ONCE no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE).

Tras sete meses de formación, o alumnado superou con éxito e gran satisfacción as sesións teórico-prácticas levadas a cabo para proporcionarlles os coñecementos necesarios sobre a materia e facilitarlles unha capacitación profesional para acceder en mellores condicións ao mercado laboral. A parte específica de agricultura e xardinería foi impartida polo Centro Especial de Emprego Mais Porvir.