post

Máis Porvir Xestión Social avanza na inclusión laboral de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

A empresa de iniciativa social de Íntegro, que conta xa con 40 trabajadores con discapacidade da Costa da Morte, está especializada na prestación de servizos auxiliares a empresas, institucións e particulares

A empresa de iniciativa social de Íntegro Máis Porvir Xestion Social segue avanzando con paso firme na inclusión laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, o noso Centro Especial de Emprego conta xa con 40 traballadores/as, que desempeñan numerosos servizos auxiliares a empresas, organismos públicos e particulares da contorna, entre os que destacan diferentes traballos de limpeza de superficies e inmobles, labores de conserxería e hidrolimpezas en exteriores.

Un dos últimos municipios da Costa da Morte en sumarse a este proxecto empresarial sustentable e competitivo foi o Concello de Muxía. Desde o pasado mes de novembro, un grupo de persoas con discapacidade encárgase da realización das labores de limpeza nos centros de educación infantil e primaria de Vilarmide-Eduardo Noya, Virxe da Barca e Os Muíños.

 

Por outra banda, localidades como Mazaricos e Zas xa hai anos que depositaron a súa confianza e compromiso en Máis Porvir para garantir o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade. No caso do primeiro, a través da contratación do servizo de limpeza da gardería e o ximnasio municipais, así como do CEIP de Pino de Val (antes de que pechara as súas portas), e do CPI A Picota e CEIP San Cosme, onde tamén se realizan labores de conserxería. En Zas, estanse a efectuar tamén traballos de limpeza nos dous centros de saúde, na gardería municipal e no CEIP Labarta Pose de Baio.

Ademais destas accións empresariais, desde a nosa entidade de iniciativa social promóvense tamén numerosas actividades formativas ao longo do ano para proporcionar  aos nosos traballadores/as novas capacidades e habilidades que dean como resultado un cambio social real que contribúa a mellorar a vida das persoas con diversidade funcional.

RURALÍZATE 2022

Outra das iniciativas que un ano máis vimos de poñer en marcha en colaboración co Concello de Cabana é o programa de actividades para persoas maiores de 55 anos Ruralízate, organizado polo consistorio cabanés e xestionado por Máis Porvir.

Hai unha semana arrincou a nova edición, que neste 2022 desenvolverase nas instalacións da Escola de Vela (os mércores) e no Centro de Recursos Íntegro (os xoves) debido ao elevado volume de inscricións. O primeiro obradoiro, que xira arredor das artes manuais, levarase a cabo de febreiro a marzo en horario de 17.30 a 19.30 horas. De abril a maio, haberá outro de arranxos florais que dará paso, no mes de xuño, a un taller de risoterapia. Xa para o último trimestre do ano, están programados outros dous: restauración de mobles (de setembro a novembro) e arranxos de Nadal (de novembro a decembro).