- As bombas de palenque marcaron o inicio da xornada festiva na que participou numeroso público
- As actividades da mañá deron paso a un xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade
Por fin chegou o gran día! Esta mañá, as bombas de palenque anunciaban en Nantón (Cabana de Bergantiños) o inicio dunha xornada festiva e moi emotiva para a gran familia Íntegro. Pouco antes das 11.00 horas, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, xunto coa directora Noelia Barreira e outros membros da directiva daban a benvida a familiares, socios/as, veciños/as e autoridades locais da comarca (como os alcaldes de Cabana e Ponteceso) que se achegaron ata o Centro de Recursos para participar nesta xornada de portas abertas e compartir un día de festa, celebración e moitas emocións con motivo do noso 30º aniversario.
Fiel ao lema conmemorativo deste ano “todos e todas sumamos”, o numeroso público asistente amosouse, desde o primeiro momento, moi participativo e interesado nas diferentes actividades programadas. As primeiras consistiron na realización de varios obradoiros de temática variada, entre os que non faltaron o de xabóns, chapas e pulseiras, ademais do de reciclaxe de plásticos, que se levou a cabo no taller de Diversiplás para dar a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de transformación e valorización deste tipo de lixo. Paralelamente, no exterior das instalacións de Nantón, realizáronse demostracións de produtos de mobilidade activa, a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare, que lograron captar o interese e a atención de todos os convidados/as, entre os que tamén figuraban os/as integrantes dos grupos de voluntariado xuvenil de Madrid que nos visitaron ao longo do mes. Durante a mañá, foron moitas as persoas que aproveitaron para coñecer polo miúdo as instalacións e realizar un percorrido pola nosa historia a través da mostra fotográfica exposta no centro.
O deporte e a actividade física chegou da man dunha divertidísima e moi movida masterclass de zumba, que combinou á perfección exercicio, música e diversión. A xornada no centro rematou cunha interesante charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez.
A festa e a diversión continuou ao longo do día na Parrillada e Cátering A Pedra, situado na mesma localidade, para desfrutar dun xantar de confraternidade conmemorativo do noso 30º aniversario. Antes de compartir mesma e mantel cos convidados/as, o presidente de Íntegro fixo un breve repaso pola historia da entidade, facendo especial fincapé nos duros comezos xunto a Silvestre Couto e destacando “a proxección de futuro que sempre lle demos á entidade, rodeándonos de persoal técnico e cualificado, para lograr unha maior visibilidade e o empoderamento co obxectivo de que as persoas con discapacidade poidan vivir, traballar e desenvolverse no medio rural”. Adolfo López Baña rematou o seu discurso co desexo de que “todos e todas sigamos traballando unidas/os” nun brinde “polo que está por vir”. Na mesma liña, a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, salientou no seu discurso a necesidade de construír “unha sociedade plural e diversa, que valore as cualidades e potenciais que ten cada persoa e o que cada unha pode aportar, respectando a forma de ser e vivir de cadaquen”. Asimesmo, asegurou que “aínda queda moito por facer pero estamos no camiño correcto e seguiremos apoiando, escoitando e acompañando ás persoas con diversidade para fomentar a súa calidade de vida”, rematou. A continuación, Sandra Caamaño, xerente de Máis Porvir Xestión Social, foi a encargada de explicar o funcionamento do Centro Especial de Emprego no que están a traballar 40 persoas con disCapacidade.
Tras o xantar, continuou a festa, con moita música, diversión, concursos e premios para uns convidados/as que tamén deixaron pegada no noso photocall. Grazas a todos/as por acompañarnos nun día tan especial. Aquí vos deixamos algúns dos momentos da xornada e algunhas das novas publicadas esta fin de semana nos medios de comunicación.