- Trátase dun proxecto medioambiental promovido pola entidade e co-financiado a través do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP)
- Ademais de promover a inclusión social e laboral de persoas con discapacidade, desenvolverá accións de sensibilización ambiental e tratamento de residuos plásticos en colaboración con concellos, centros educativos e o sector pesqueiro da Costa da Morte
A asociación Íntegro vén de recibir unha subvención procedente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, a través do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), para a posta en marcha dun ambicioso proxecto denominado Diversiplás, + Diverso – Plástico, dirixido a promover e fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade así como a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior, dependentes da pesca e a acuicultura, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.
O proxecto, que se desenvolverá en dúas anualidades (2021-2022), contempla diversas liñas de actuación entre as que destaca a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento de residuos plásticos obtidos do mar así como o desenvolvemento dun programa de divulgación, sensibilización e concienciación orientado á erradicación e valorización dos residuos, tanto mariños como costeiros, que contará coa colaboración e implicación de diferentes entidades, administracións locais e outros colectivos da Costa da Morte (confrarías, redeiras, sector pesqueiro, comunidade escolar, colectivo de inclusión social), procurando así a implicación de toda a sociedade para contribuír a reforzar o dinamismo social, económico e ambiental do noso litoral. Deste xeito, ademais de promover a redución do lixo mariño e a mellora da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, potenciaremos a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade no ámbito social e laboral.