post

Persoas usuarias do Centro Ocupacional visitan varias empresas da Costa da Morte

A actividade, incluída no programa de formación, orientación e inserción laboral, pretende potenciar as habilidades ocupacionais e pre-laborais das persoas con diversidade funcional

Dentro do programa de formación, orientación e inserción laboral, que se desenvolve no Centro Ocupacional Íntegro co obxectivo de promover a autonomía persoal e a vida independente das persoas con diversidade funcional, un grupo de usuarios e usuarias, acompañados/as do persoal voluntario da entidade, veñen de realizar unha rolda de visitas a varias empresas da Costa da Morte para coñecer os diferentes perfís profesionais que existen na contorna, analizar os sectores aos que pertencen e achegarse ás súas rutinas de traballo.

Para complementar a formación teórica en materia de orientación e inserción laboral, que cada semana se leva a cabo nas dependencias de Nantón (Cabana de Bergantiños), o pasado mes de setembro realizáronse varias saídas a empresas da contorna para posibilitar a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades ocupacionais e pre-laborais necesarias para unha plena inclusión no mercado de traballo.

Agrosoneira, Eroski, Granxa Os Loureiros e Comercial Benedicto foron os novos destinos deste programa, co que tamén se pretende potenciar as capacidades individuais, a participación na vida social e a mellora da autonomía e a autoestima das persoas con diversidade. Ademais de amosarse interesados/as no funcionamento interno das empresas, os usuarios e usuarias do Centro Ocupacional quixeron coñecer máis a fondo as rutinas de traballo que se desenvolven a diario en cada unha. Quizais coa intención de formar parte delas algún día! Desde Íntegro desexamos que así sexa!

post

Íntegro instala 18 puntos de recollida de residuos plásticos na Costa da Morte

  • Tratáse dunha nova acción do proxecto Diversiplás, + diverso – plástico na que participan numerosos axentes sociais da Costa da Morte integrados na Rede de Entidades Colaboradoras
  • Os concellos de A Laracha, Cabana, Malpica, Vimianzo e Muxía, xunto cos profesionais do mar, foron os primeiros en acoller os novos colectores brancos
  • A entidade apela á responsabilidade cidadá para o correcto uso dos contedores

O programa medioambiental da asociación Íntegro Diversiplás, + diverso -plástico segue avanzando cara una Costa da Morte máis sostible e respectuosa coa contorna. E, desta volta, faino centrándose na xestión dos puntos de recollida de plásticos, a través da colaboración cidadá e o compromiso dos numerosos axentes sociais implicados neste proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola entidade de Nantón (Cabana) e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Nas últimas semanas, moitos municipios, confrarías e asociacións da Costa da Morte, integradas na Rede de Entidades Colaboradoras Diversiplás, recibiron xa os novos colectores de plástico da man do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora do centro Noelia Barreira. Concellos como o de A Laracha, Cabana, Malpica, Vimianzo e Muxía contan xa con dous destes contedores brancos, destinados exclusivamente á recollida selectiva de plásticos e situados en zonas accesibles e de maior tránsito peonil. Así mesmo, tamén dispoñen deles algunhas entidades do sector pesqueiro como a Confraría de Pescadores de Caión (Laracha), a Agrupación de Mariscadoras do Anllóns (Cabana) e a Confraría Virxe da Barca de Muxía, coa finalidade de mellorar as boas prácticas na súa actividade e reducir a presenza de plásticos no mar.

Aos 13 colectores xa distribuídos, sumaranse esta mesma semana outros 5. Mañá 4, farase entrega dun aos responsables da Confraría de Malpica e outro ás redeiras O Fieital, mentres que o xoves 6 será a quenda do Concello de Camariñas (1), a confraría da mesma localidade (1) e a de Camelle (1). Ao longo deste mes, está previsto completar o subministro a toda a Rede de entidades colaboradoras, que agardamos siga medrando e estendéndose por toda a Costa da Morte coa incorporación de novos colectivos.   

Colector branco

A partir desta semana, a Costa da Morte conta con 18 novos puntos de recollida selectiva de plásticos, aos que nas vindeiras semanas se irán sumando algúns máis. Para diferencialos do resto, este colectores son de cor branca e contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que se poden depositar (HDPE 2, PP5, PS 6), e en que estado deben estar (sen etiquetas nin adhesivos de ningún tipo, e lavados con auga e xabón) para facilitar así os labores de reciclaxe e posibilitar o proceso de tratamento, recuperación e valorización dos mesmos no taller que a asociación Íntegro ten en Nantón (Cabana).

Desde Íntegro queremos apelar á responsabilidade e ao compromiso da cidadanía para un uso correcto e axeitado dos novos colectores. Do contrario, o proceso de reconversión de residuos non será viable e, polo tanto, non poderemos obter produtos con novas utilidades como testos, chaveiros, mosquetóns, pulseiras, froiteiros, etc.

Concello de A Laracha

Confraría de Caión

Concello de Cabana

Agrupación de Mariscadoras do Anllóns

Concello de Vimianzo

Concello de Malpica

Concello de Muxía

Confraría de Muxía

 

post

O PIMD Rural atendeu a máis de 60 mulleres en situación de vulnerabilidade da Costa da Morte

  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, prestou atención a 62 mulleres desde o pasado mes de outubro 
  • Ademais de accións formativas presenciais, ofrecéronse servizos de asesoramento, orientación laboral, acompañamento e atención psicolóxica a colectivos en risco de exclusión social

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural) clausura neste mes de agosto a edición correspondente ao período 2021/2022 cun balance máis que positivo e un notable incremento de usuarias con respecto ao últimos anos. Dende o pasado 1 de outubro, foron atendidas  62 mulleres, a maioría delas con disCapacidade e residentes en concellos rurais da Costa da Morte con baixa densidade de poboación, neste servizo promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a tripla discriminación á que se ven sometidas moitas das beneficiarias do programa.

Ao longo deste exercicio, realizáronse numerosas actuacións encamiñadas á orientación e información sobre recursos singularizados, de atención e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social. De feito, un dos máis demandados nos últimos meses foi o acompañamento a centros sanitarios e outras administracións públicas ou en entidades bancarias para a realización de trámites básicos. A orientación laboral e o seguimento na busca de emprego foi, xunto coa realización de actividades para a mellora da empregabilidade, unha das prestacións máis requiridas polas usuarias, que tamén precisaron do noso servizo de atención psicolóxica e mediación familiar e/ou intercultural para a resolución de conflitos no ámbito doméstico.

Programa formativo

Por outra banda, a posta en marcha de novas accións formativas contribuíu notablemente a promover a igualdade de oportunidades e diminuír a discriminación á que habitualmente están sometidas as mulleres con disCapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade. Neste último ano, levamos a cabo con gran éxito varios talleres sobre habilidades pre-laborais, habilidades sociais e domésticas, resolución de conflitos, auto-coidados, manexo do teléfono móbil e busca activa de emprego.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.

post

Íntegro celebrou o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas moi emotiva e concorrida

  • As bombas de palenque marcaron o inicio da xornada festiva na que participou numeroso público
  • As actividades da mañá deron paso a un xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade

Por fin chegou o gran día! Esta mañá, as bombas de palenque anunciaban en Nantón (Cabana de Bergantiños) o inicio dunha xornada festiva e moi emotiva para a gran familia Íntegro. Pouco antes das 11.00 horas, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, xunto coa directora Noelia Barreira e outros membros da directiva daban a benvida a familiares, socios/as, veciños/as e autoridades locais da comarca (como os alcaldes de Cabana e Ponteceso) que se achegaron ata o Centro de Recursos para participar nesta xornada de portas abertas e compartir un día de festa, celebración e moitas emocións con motivo do noso 30º aniversario.

Fiel ao lema conmemorativo deste ano “todos e todas sumamos”, o numeroso público asistente amosouse, desde o primeiro momento, moi participativo e interesado nas diferentes actividades programadas. As primeiras consistiron na realización de varios obradoiros de temática variada, entre os que non faltaron o de xabóns, chapas e pulseiras, ademais do de reciclaxe de plásticos, que se levou a cabo no taller de Diversiplás para dar a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de transformación e valorización deste tipo de lixo. Paralelamente, no exterior das instalacións de Nantón, realizáronse demostracións de produtos de mobilidade activa, a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare, que lograron captar o interese e a atención de todos os convidados/as, entre os que tamén figuraban os/as integrantes dos grupos de voluntariado xuvenil de Madrid que nos visitaron ao longo do mes. Durante a mañá, foron moitas as persoas que aproveitaron para coñecer polo miúdo as instalacións e realizar un percorrido pola nosa historia a través da mostra fotográfica exposta no centro.

O deporte e a actividade física chegou da man dunha divertidísima e moi movida masterclass de zumba, que combinou á perfección exercicio, música e diversión. A xornada no centro rematou cunha interesante charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez.

A festa e a diversión continuou ao longo do día na Parrillada e Cátering A Pedra, situado na mesma localidade, para desfrutar dun xantar de confraternidade conmemorativo do noso 30º aniversario. Antes de compartir mesma e mantel cos convidados/as, o presidente de Íntegro fixo un breve repaso pola historia da entidade, facendo especial fincapé nos duros comezos xunto a Silvestre Couto e destacando “a proxección de futuro que sempre lle demos á entidade, rodeándonos de persoal técnico e cualificado, para lograr unha maior visibilidade e o empoderamento co obxectivo de que as persoas con discapacidade poidan vivir, traballar e desenvolverse no medio rural”. Adolfo López Baña rematou o seu discurso co desexo de que “todos e todas sigamos traballando unidas/os” nun brinde “polo que está por vir”. Na mesma liña, a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, salientou no seu discurso a necesidade de construír “unha sociedade plural e diversa, que valore as cualidades e potenciais que ten cada persoa e o que cada unha pode aportar, respectando a forma de ser e vivir de cadaquen”. Asimesmo, asegurou que “aínda queda moito por facer pero estamos no camiño correcto e seguiremos apoiando, escoitando e acompañando ás persoas con diversidade para fomentar a súa calidade de vida”, rematou. A continuación, Sandra Caamaño, xerente de Máis Porvir Xestión Social, foi a encargada de explicar o funcionamento do Centro Especial de Emprego no que están a traballar 40 persoas con disCapacidade.

 

Tras o xantar, continuou a festa, con moita música, diversión, concursos e premios para uns convidados/as que tamén deixaron pegada no noso photocall. Grazas a todos/as por acompañarnos nun día tan especial. Aquí vos deixamos algúns dos momentos da xornada e algunhas das novas publicadas esta fin de semana nos medios de comunicación.

 

 

La Voz de Galicia300722

Que pasa na Costa300722

La Voz de Galicia 310722

 

post

Íntegro celebra o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas

  • Será o 30 de xullo, de 11.00 a 13.00 horas
  • As actividades inclúen obradoiros ocupacionais e de reciclaxe de residuos plásticos, unha demostración de produtos de mobilidade activa, unha masterclass de zumba e unha charla sobre sexualidade e afectividade

Dentro da programación conmemorativa do seu 30º aniversario, a asociación Íntegro celebrará o vindeiro día 30 unha xornada de portas abertas no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, para dar a coñecer a toda a veciñanza tanto as súas instalacións como as diferentes actividades que desenvolve ao longo do ano. Baixo o lema “todos e todas sumamos”, a entidade pretende involucrar e sensibilizar á cidadanía para camiñar xuntos na inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

A xornada arrincará ás 11.00 horas con actividades para todos os públicos. Desde primeira hora, nenos/ as e maiores poderán desfrutar elaborando os seus propios xabóns, chapas e pulseiras nos diferentes obradoiros que se levarán a cabo e nos que contarán coa axuda de usuarios/as e monitores/as do noso Centro Ocupacional. E para promover a conciencia ambiental dos/as asistentes, tamén haberá talleres de reciclaxe de plásticos. A través do programa Diversiplás, daranse a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de reciclaxe, así como os novos produtos e as súas utilidades. Paralelamente, realizaranse demostracións de produtos de mobilidade activa a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare. En ambos casos, as actividades prolongaranse ata as 13.00 horas.

O deporte e a actividade física tamén estarán presentes nesta xornada de portas abertas coa celebración dunha masterclass de zumba para facer exercicio e divertirse ao ritmo da música. Será de 11.30 a 12.00 horas. A continuación, terá lugar unha charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez. Ao remate da xornada, os nosos usuarios/as e as súas familias participarán, xunto cos traballadores/as e directivos/as do centro, nun xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade.

post

Íntegro promove a cohesión social en favor da inclusión e a diversidade a través do seus programas de voluntariado

Financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, a entidade de Nantón desenvolve numerosas actividades e accións formativas desde o programa de Voluntariado coa Diversidade, o Grupo Xuvenil Íntegro e o programa de actividades de captación, sensiblización e formación

Solidariedade, altruísmo e empatía son os valores que mellor definen ao equipo de persoas voluntarias de Íntegro, un dos piares nos que se sustenta a entidade desde os seus comezos, hai xa tres décadas. Consolidar a cohesión social e fomentar a participación e a formación da veciñanza nas diferentes accións individuais e colectivas que se realizan ao longo do ano para promover a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional, son dous dos obxectivos dos programas de voluntariado que se desenvolven desde o Centro de Recursos de Nantón.

Neste 2022, un total de once persoas están a participan nos diferentes programas de voluntariado que promove a asociación Íntegro. Un deles é o proxecto “O Voluntariado coa Diversidade”, unha iniciativa financiada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade que residan nalgún dos concellos da Costa da Morte.  Entre as súas principais funcións destaca a de prestar apoio ao equipo de monitores/as no desenvolvemento das actividades diarias do Centro de Día e do Centro Ocupacional (talleres de auto-coidados, mantemento físico, tarefas do fogar, habilidades sociais…) así como nas diferentes campañas de sensibilización social (Capacíta-T, prevención da lesión medular, muller e diversidade funcional…) ou nas saídas culturais e de lecer como a que realizaron este venres dúas persoas voluntarias do Grupo Xuvenil de Íntegro ao Aquapark de Cerceda, xunto a 10 usuarios/as da entidade e dúas monitoras.

Ademais de fomentar a participación activa do voluntariado, desde Íntegro foméntase a súa formación e capacitación, a través do “Proxecto de actividades de captación, sensibilización e formación”. Xunto á campaña anual de dinamización, levada a cabo en centros de ensino e entidades públicas e privadas da contorna, desenvólvense accións formativas individuais e colectivas arredor de temáticas moi diversas. Unha das primeiras que se celebrarán este mes de xullo xirará arredor da “Formación básica en Medio Ambiente” , que se desenvolverá os días 18, 22, 25 e 27 para concienciar e sensibilizar en materia medioambiental proporcionando valores e actitudes responsables e respectuosas coa contorna. E o 19, 21 e 26 será a quenda dunha nova edición do obradoiro “o voluntariado en época de pandemia”, a terceira tras o éxito de participación acadado nos meses de marzo e abril.

Agosto tamén chegará cargado de novidades para as persoas voluntarias de Íntegro. Os días 23, 25 e 30 levarase a cabo a segunda edición de “Nocións básicas de primeiros auxilios nas actividades de lecer”, unha acción formativa de nova implantación destinada a adquirir os coñecementos básicos para a detección e prevención de accidentes durante a realización de actividades lúdicas, ademais de identificar e responder ante situacións de urxencia. Xa en setembro (6, 7 e 8), arrincará un novo obradoiro sobre “Introdución a perspectiva de xénero e igualdade de oportunidades”, destinado a promover a conciencia social en materia de igualdade e dar a coñecer o novo plan de Íntegro para combater as desigualdades seguindo os obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. A programación formativa anual tamén inclúe talleres sobre o “uso axeitado de internet” e “voluntariado e diversidade funcional”, celebrados xa no primeiro semestre do ano.

Grupo Xuvenil Íntegro 

Por outra banda, dentro do programa Iniciativa Xove, financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, neste 2022 estamos a desenvolver numerosas accións formativas e actividades encamiñadas a promover a inclusión social das persoas con disCapacidade. Trátase dun proxecto integral, dirixido a mozos e mozas con diversidade funcional e con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, orientado a traballar de xeito transversal na área dos hábitos saudables, saúde física e mental, prevención de conductas de risco e/ou violentas, así como a promoción de hábitos sustentables para o coidado medioambiental.

No que vai de ano, desde o Grupo Xuvenil de Íntegro desenvolvéronse actividades, charlas e talleres formativos na área social e de sensibilización (visita aos museos coruñeses e participación nas charlas sobre prevención da lesión medular; na área medioambiental (charla sobre a importancia da reciclaxe, obradoiro de compostaxe doméstica e limpeza de praias a e montes da Costa da Morte) e na área da saúde (adquisición de hábitos saudables, obradoiros sobre sexualidade e nutrición, saídas pola contorna, xornadas deportivas en praias, visita aos mercados, Lecer Náutico en Sanxenxo, navegación en Camariñas e posta en marcha dun Horto Compartido). A próxima actividade programada será o venres 15 e consistirá nunha andaina pola Ruta da Auga, no Concello de Zas.

Se ti tamén queres participar nos programas de voluntariado de Íntegro, inscríbete canto antes chamando ao 981 734 985 ou envía un mail a info@integro.es e benefíciate das vantaxes de formar parte do noso equipo. “Hai mil maneiras de cambiar o mundo, e a primeira empeza por ti”. Súmate!

post

Íntegro clausurou a campaña de prevención da lesión medular cunha edición especial polo seu 30º aniversario

  • Ademais do presidente e varios membros da entidade, ao acto asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC, Antonio Rodríguez Sotillo
  • A clausura, na que participaron 90 alumnos/as de 4º da ESO e dos ciclos formativos, tivo lugar hoxe no IES Monte Neme de Carballo

O IES Monte Neme de Carballo foi o escenario elixido pola asociación Íntegro para celebrar esta mesma mañá o acto de clausura da campaña de prevención da lesión medular nunha edición especial que reuniu, ademais de alumnado e profesorado, a uns convidados de excepción para conmemorar o 30º aniversario desta iniciativa, unha das primeiras da historia da entidade. Xunto a Adolfo López Baña, presidente de Íntegro, e outros responsables da entidade, acudiron Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, e Antonio Rodríguez Sotillo, xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC.

Adolfo López Baña foi o encargado de inaugurar a xornada, na que participaron 90 alumnos e alumnas de 4º da ESO e os ciclos de Formación Profesional. Tras realizar un repaso pola historia da entidade, explicou a necesidade de seguir mantendo estas campañas de sensibilización para “concienciar á mocidade sobre as consecuencias dun accidente medular, que pode acabar coa nosa vida nun segundo”, puntualizou. Neste sentido, o alcalde de Carballo apelou á responsabilidade dos máis novos/as, aos que lles pediu, agora que comeza a temporada estival e as festas, “que desfruten da etapa que están vivindo e se divirtan pero con sentidiño e sen riscos”. Evencio Ferrero tamén aproveitou a ocasión para narrar a súa experiencia persoal como lesionado medular.

E neste aniversario tan especial, estivo presente o doutor Sotillo, que acompañou á entidade nas súas primeiras charlas sobre prevención e é un dos protagonistas do vídeo de Íntegro “A ti tamén che pode pasar”, proxectado ao finalizar o acto. O xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC explicou en que consiste o seu traballo e enumerou as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente destas características. Así mesmo,  fixo especial fincapé no carácter irreversible desta doenza que “non ten cura, só rehabilitación”, sinalou. A xornada concluíu cun breve coloquio, que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con esta doenza. Pola súa banda, os membros da asociación ofreceron os seus testemuños e relataron as súas propias vivencias.

Desde Íntegro queremos agradecer, unha vez máis,  a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña, na que participaron durante o presente curso máis de 500 alumnos/as de educación secundaria e formación profesional da Costa da Morte, co obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva. Vémonos o próximo curso!

post

Presentado o proxecto Diversiplás á Rede de Entidades Colaboradoras para a xestión de residuos plásticos na Costa da Morte

  • Ademais dos responsables da entidade, no acto celebrado esta mañá na Escola de Vela de Cabana, estiveron presentes representantes de varios concellos e agrupacións pesqueiras da Costa da Morte adheridos ao proxecto
  • Ao remate, fíxose entrega do primeiro colector de residuos ao Concello de Cabana e realizouse unha pequena demostración do funcionamento da maquinaria de reciclaxe

O proxecto medioambiental da asociación Íntegro segue traballando e avanzando desde a inclusión cara unha Costa da Morte máis sostible. E hoxe volveuno demostrar na Escola de Vela de Canduas, en Cabana de Bergantiños, durante o acto de presentación de Diversiplás, + diverso – plástico, aos integrantes da Rede de Entidades Colaboradoras, celebrado esta mesma mañá, de 10.30 a 12.00 horas.

O alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez, exerceu de mestre de cerimonias do evento, que contou coa asistencia de numeroso público, entre o que se atopaban algúns representantes dos concellos da Costa da Morte e do sector marítimo e pesqueiro, que integran a Rede de colaboradores do territorio de influencia do Galp Costa da Morte. Durante o discurso de benvida, Muíño sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para ‘’poñer en valor a recuperación de elementos e a cooperación entre as distintas institucións e sectores nun proxecto que buscará darlle solución á problemática do plástico a través de novos empregos do mesmo”.

A continuación, foi a quenda da asociación Íntegro. A directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, foi a encargada de dar a coñecer o proxecto de recuperación e (re) valorización de residuos plásticos, que vén de iniciar unha nova etapa coa posta en marcha dun taller para o aproveitamento e tratamento deste tipo de refugallos na súa sede de Nantón (Cabana). Trátase dun espazo equipado coa tecnoloxía e os recursos necesarios (trituradora, inxectora e extrusora) para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic, co obxectivo de darlles unha segunda vida mediante a creación de novos produtos con novas utilidades (chaveiros, mobiliario…). Con esta iniciativa de economía circular, a entidade pretende non só promover a autonomía e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, senón tamén preservar o medio natural da Costa da Morte xerando novas dinámicas de colaboración. Neste sentido, a directora do centro apelou tamén á conciencia ambiental da cidadanía, á que animou a colaborar no proxecto “utilizando os novos colectores de plástico e contribuíndo a manter limpos os nosos areais con xestos individuais e novos hábitos máis respectuosos co medio ambiente”, declarou.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña destacou na súa intervención o compromiso ambiental da entidade desde as súas orixes e lembrou que “xa no ano 1996 puxemos en marcha xunto coa Confederación Galega o proxecto Ecoemprego para a recollida de voluminosos e no 2000 creamos unha extensión agraria de produción ecolóxica que, por razóns alleas á entidade, non deu os froitos agardados”, matizou.

A Rede de Entidades Colaboradoras

Desde a asociación Íntegro fíxose especial fincapé no importante labor que desempeñarán os diferentes axentes sociais da Costa da Morte (concellos, confrarías, asociacións de mariscadoras, redeiras…), que conforman a denominada Rede de Entidades Colaboradoras, moitos deles presentes no acto, encargados da xestión dos novos puntos de recollida de plásticos. Un compromiso xa selado, coa sinatura dun acordo de colaboración, cos concellos de Cabana, A Laracha, Vimianzo e Carballo, e as confrarías de Caión e Malpica, aos que en breve se sumarán outras entidades públicas e privadas así como centros de ensino e colectivos sociais.

A xornada rematou coa entrega simbólica do primeiro colector ao Concello de Cabana (nos vindeiros días serán enviados a todas as entidades colaboradoras) e unha breve demostración en directo do funcionamento da maquinaria de reciclaxe, a cargo de Just Fair Enough. Os novos contedores, de cor branca para diferencialos do resto, contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo. Por último, os/as asistentes levaron de recordo un obsequio elaborado con plástico reciclado.

Diversiplás é un proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola asociación Íntegro e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. En 2021, arrincou a primeira fase do proxecto coa posta en marcha dun programa de asesoramento e formación no tratamento e valorización de plásticos, dirixido ás persoas usuarias de Integro- en colaboración con Just Fair Enough- e outro de sensibilización, promovendo accións de boas prácticas para reducir a presenza de plásticos no litoral, a través da limpeza de praias e zonas costeiras. Ademais, realizáronse diversos encontros coas profesionais sector marisqueiro e da pesca da Costa da Morte con visitas ás redeiras Illa da Estrela, de Corme, e ás mariscadoras da Agrupación da Confraría de Camariñas.

post

En marcha o proxecto de “Ampliación do Centro de Recursos Íntegro” do que se beneficiarán 45 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

O proxecto conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF, a Deputación Provincial da Coruña, a través das Convocatorias FOIE 21-22, e a Fundación ONCE, a través do Plan de Prioridades 21

Desde o pasado 1 de maio, a  asociación Íntegro está a desenvolver un proxecto de “Ampliación do Centro de Recursos Íntegro” do que se beneficiarán os 45 usuarios/as do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte. Dita actuación, que consistirá na creación dun novo volume rectangular de 110 metros cadrados ao carón da fachada principal, permitirá ampliar algunhas dependencias actuais como a aula ocupacional, a cociña, os vestiarios e os aseos. Estes traballos permitirán mellorar a calidade dos servizos actuais e incrementar o número de prazas para dar cobertura a un maior número de usuarios/as.

O proxecto, que ascende a uns 180.400,00 €, aproximadamente, e realizarase o longo desta anualidade, conta co financiamento de varias institucións públicas e entidades sociais. Por unha banda, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia subvencionará, a través de COGAMI, o 43% do gasto grazas aos fondos do  0,7% do IRPF procedentes do cadro 106 de “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a Deputación Provincial da Coruña aportará o 37% con cargo ás Convocatorias FOIE 21-22 e a Fundación ONCE investirá o 8%, a través do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE). O resto, un 12%, será aportado pola propia entidade dos fondos propios.

A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que desde 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional que prestan servizo a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños) forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

post

Íntegro celebrará este sábado a súa asemblea xeral ordinaria

A xuntanza terá lugar no Centro de Recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños), ás 16.00 horas en primeira convocatoria

A asociación Íntegro celebrará o sábado 11 a súa asemblea xeral ordinaria, á que están convocados/as todos os socios e socias da entidade. Dita xuntanza, aprobada pola Xunta Directiva o pasado 28 de maio, terá lugar no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, a partir das 16.00 horas en primeira convocatoria e ás 16:30 horas en segunda. A relación de asuntos a tratar desenvolverase de acordo á seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior
  2. Actividades levadas a cabo no ano 2021
  3. Estado contable do ano 2021 e a súa aprobación, se procede
  4. Actividades e orzamentos para o ano 2022 e a súa aprobación, se procede
  5. Situación económica e resume anual do Centro Especial de Emprego +Porvir Xestión Social
  6. Rogos e preguntas

Segundo os estatutos vixentes, as persoas que desexen participar na reunión, exercendo o seu dereito de voz e voto e beneficiándose dos descontos para socios/as, deberán estar ao corrente no pagamento da cota anual correspondente ao exercicio 2022. As persoas que non teñan o pago domiciliado, deberán formalizar o ingreso, á maior brevidade posible, no propio centro ou nas seguintes contas bancarias, facendo constar o nome do socio/a + cota anual 2022.

ABANCA                       IBAN ES03 2080 0075 0330 4000 2407

LA CAIXA                     IBAN ES42 2100 5710 8802 0001 3166

Antes da asemblea (15.00h), terá lugar a presentación do novo catálogo de produtos de asistencia técnica de Handbikes Strickers, un revolucionario sistema de transporte adaptado para persoas con mobilidade reducida. Ao final da xornada, servirase un aperitivo. Por razóns de seguridade e hixiene fronte á COVID-19, lémbrase aos asistentes o uso obligatorio da máscara.

Para máis información, as persoas interesadas poderán contactar co centro de luns a venres, en horario de 09.00 a 17.00 horas.