A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático anunciou que estudará as vías de colaboración para impulsar esta iniciativa de reforestación e sensibilización escolar
A asociación Íntegro mantivo recentemente unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para presentar o seu novo proxecto de educación ambiental “Sementes de futuro”. O encontro contou tamén coa presenza do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, e outros representantes da entidade.
Durante a reunión, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, explicou os obxectivos principais desta proposta, que nace cunha dobre vocación formativa e medioambiental. O proxecto pretende recuperar zonas degradadas mediante a reforestación con especies autóctonas galegas, ao tempo que busca concienciar á comunidade escolar e á poboación en xeral sobre a importancia da biodiversidade e dos bosques autóctonos.
A través de Sementes de futuro, Íntegro aposta por implicar a diferentes xeracións e colectivos sociais nun proceso participativo que combine educación ambiental, inclusión e acción comunitaria, favorecendo así a aprendizaxe compartida e o respecto polo medio natural.
Desde a entidade, valórase moi positivamente a boa acollida da proposta por parte da Consellería, que se comprometeu a analizar posibles vías de colaboración para facer realidade este proxecto, co obxectivo de que poida contar con apoio institucional e financiamento público. “Para Íntegro, é unha gran satisfacción comprobar que a Xunta comparte a nosa preocupación pola protección do medio ambiente e a educación en valores sostibles. Agardamos que esta colaboración poida materializarse nun proxecto conxunto que beneficie á mocidade, ás persoas con diversidade funcional e ao noso territorio”, sinalou Adolfo López Baña, presidente da entidade.
Con iniciativas como Sementes de futuro, Íntegro continúa ampliando o seu compromiso coa sustentabilidade, a inclusión e a mellora da calidade de vida na Costa da Morte, unindo esforzos entre administracións, comunidade educativa e sociedade civil para crear un futuro máis verde e solidario.
















