post

O PIMDRural organiza novas accións formativas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus(FSE) ao abeiro do programa operativo FSE+Galicia 2021-2027, conta xa coa participación activa de 45 mulleres desde o pasado mes de setembro 
  • Ademais dun plan de formación continuada, desde este servizo de apoio ofrécese asesoramento, orientación laboral, acompañamento e atención psicolóxica a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural), promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE + Galicia 2021-2027, vén de superar o ecuador da edición correspondente ao período 2022-2023 cun balance moi esperanzador e positivo, contando xa coa participación activa de máis de 45 mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

A principal finalidade deste servizo de apoio á muller, que está operativo desde 2016, é a de promover a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da tripla discriminación que sofren diariamente as usuarias, dotándoas así dunha maior autonomía e independencia para mellorar a súa situación persoal e lograr a plena inclusión social e laboral. Neste senso, o equipo de profesionais do PIMD Rural, formado por unha psicóloga, unha traballadora social e unha educadora social, desenvolven de xeito continuado unha atención personalizada e especializada nas seguintes áreas e programas:

  • Recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a diferentes colectivos.
  • Servizo de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social.
  • Atención psicolóxica.
  • Mediación intercultural e/ou familiar.
  • Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas e/ou de competencias para a mellora da empregabilidade.
  • Medidas de orientación laboral e acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.

Programa formativo

A posta en marcha de accións formativas tamén contribúe notablemente a unha maior capacitación das participantes e, polo tanto, mellora a súa autoestima e diminúe a discriminación social e laboral á que habitualmente están sometidas as mulleres con disCapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, ata o de agora levamos a cabo con gran éxito de participación varios talleres sobre afectividade e sexualidade, habilidades sociais, uso correcto de internet e busca activa de emprego.

Así mesmo, nos vindeiros meses (maio, xuño e xullo) daremos continuidade ao noso plan de formación coa posta en marcha de novos talleres sobre diferentes temáticas. O primeiro, que arrincará xa a vindeira semana (martes 2), baixo o título “Coidando a quen me coida”, abordará a atención á figura da coidadora, en feminino, xa que maioritariamente- e sobre todo nas zonas rurais- a atención ás persoas dependentes segue recaendo nas mulleres. A continuación, está previsto que dea comezo o segundo obradoiro deste ciclo, que xirará arredor da “Xestión da ansiedade e autocoidado emocional”. O plan de formación terá continuidade durante os meses de xuño e xullo con outros talleres sobre risoterapia, manexo do teléfono móbil e redes sociais, e autocoidados.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto coa asociación Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.