post

A subdelegada do Goberno visita Íntegro e Máis Porvir para coñecer as aplicacións do Kit Dixital

María Rivas tamén aproveitou a súa estancia para realizar un percorrido polas instalación, conversar coas persoas usuarias e coñecer o taller de Diversiplás

A subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, visitou no día de onte as instalacións da asociación Íntegro e de Máis Porvir Xestión Social para coñecer de primeira man as aplicacións do Kit Dixital, do que ambas entidades son beneficiarias grazas ao Plan de Recuperación posto en marcha polo Goberno para promover a dixitalización de pequenas empresas, micro-empresas e autónomos.

No caso de Íntegro, o bono-desenvolvido por donClic- foi destinado a oficina virtual, conectividade segura e ciberseguridade, mentres que no centro especial de emprego Máis Porvir- dixitalización xestionada por A Meiga- empregouse para a adquisición e posta en marcha dun programa de xestión interna, remodelación da páxina web e a implantación dunha tenda online, a través da que se poden adquirir produtos elaborados polos usuarios do centro como caixas de madeira, xardineiras e papeleiras de plástico reciclado.

A subdelegada do Goberno aproveitou a súa estancia en Nantón para realizar un percorrido polas instalacións do Centro de Día e do Centro Ocupacional e conversar cos usuarios e usuarias para coñecer os diferentes programas e actividades que desenvolven a diario, incluída a nosa liña de produtos de Bicos de Amora. Durante a visita, estivo acompañada polo presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o vicepresidente, Ramón Pombo; o tesoureiro, Silvestre Couto; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño. Así mesmo, tamén estivo presente o axente dixitalizador de Íntegro, Diego Iglesias.

Ademais de trasladar os seus parabéns ao persoal de ambas entidades “por mellorar de maneira notable a calidade de vida das persoas usuarias e conseguir a súa inclusión laboral no ámbito rural”, María Rivas destacou o importante labor desenvolvido desde o taller de Diversiplás, o proxecto medioambiental de economía circular de Íntegro destinado ao tratamento e valorización do plástico co dobre obxectivo de lograr unha Costa da Morte máis sostible e favorecer o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade.