O proxecto, que se levará a cabo no Centro de Recursos de Nantón, conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF da declaración da renda procedentes de marcar o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”
Este ano a asociación Íntegro desenvolverá un proxecto de “Instalación de paneis fotovoltaicos e baterías no centro de recursos Integro”, do que se beneficiarán as 45 persoas usuarias do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte. A actuación consistirá nunha instalación fotovoltaica destinada á xeración de enerxía eléctrica para o autoconsumo.
Con esta instalación, formada por 20 paneis fotovoltaicos que se colocarán nun terreo anexo ao centro, obteranse importantes beneficios económicos e medioambientais mediante a diminución da contaminación atmosférica e dos gases efecto invernadoiro.
O proxecto, que se realizará durante a presente anualidade, ascende a 39.831,02€ e conta coa financiación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que subvencionará, a través de COGAMI o 85% do gasto grazas aos fondos do IRPF procedentes do cadro 106 de “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a propia entidade e a Deputación Provincial da Coruña, con cargo á convocatoria FOIE 2023, asumirán o 15% restante.
A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que desde 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional que prestan servizo a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños) forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).