post

Un grupo de mulleres do PIMDRural visita unha empresa de reciclaxe téxtil

  • Esta iniciativa, na que tamén participaron persoas usuarias do centro ocupacional, desenvolveuse dentro do programa de acompañamento na busca de emprego 
  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural está promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE+ Galicia 2021-2027 

No que vai de ano, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural), que promove a asociación Íntegro, continúa a desenvolver a súa labor no ámbito da Costa da Morte a favor das mulleres prioritariamente con discapacidade das zonas rurais.

Durante o período 2022-2023, prestouse atención a 68 mulleres da nosa contorna, a maioría delas con algún tipo de discapacidade. Unha psicóloga, unha educadora social e unha traballadora social son as encargadas de prestar unha ampla variedade de servizos para atender as demandas de todas as usuarias. Ademais de ofrecer información, orientación e asesoramento en cuestións relativas á discapacidade e á dependencia, o  apoio na busca activa de emprego e orientación laboral, encamiñada á adquisición de habilidades persoais e sociais, e os acompañamentos na prospección laboral das participantes a través de visitas a diferentes empresas, figura entre as prestacións máis solicitadas. Neste senso, un grupo de mulleres do Punto de Intervención veñen de realizar, xunto a algunhas persoas usuarias do noso centro ocupacional, unha visita ás instalación da empresa Coleo Recycling, pioneira na reciclaxe de téxtil a través dun  proceso completamente circular no que as prendas recicladas convértense en teas ou fíos coas que se confeccionan outras pezas e se reduce o gran volume deste tipo de residuo. Así mesmo, esta compañía tamén está comprometida coa diversidade, xa que o 90% dos seus traballadores son persoas cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%.

Outros servizos

A atención psicolóxica ou o de mediación tamén figura entre as prestacións máis demandadas xunto co acompañamento na xestión de calquera tipo de trámite ou o apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social. No caso de mulleres con mobilidade reducida, dispoñemos de transporte adaptado para facilitar os seus desprazamentos. De feito, un dos máis demandados foi a visita a centros sanitarios e outras administracións públicas ou en entidades bancarias para a realización de trámites básicos.

Este programa está co-financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade a través de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, subvencionado parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es. As persoas interesadas tamén poden acudir ao noso centro de Nantón (Cabana de Bergantiños) sen necesidade de cita previa. Desde o Punto de Intervención achegarémonos ata calquera punto da Costa da Morte para facilitar o acceso de todas as mulleres que o precisen aos nosos recursos e servizos.