- A concelleira de Servizos Sociais de Ponteceso e o portavoz do Psoe de Cabana tamén se sumaron á comitiva, que foi recibida polo presidente e a directora da entidade ademais da xerente de Máis Porvir
- Logo dun percorrido polas instalacións, celebrouse unha xuntanza para conversar sobre as necesidades máis urxentes en materia de formación e emprego e dar a coñecer o proxecto “Vivenda Comunitaria”
O pasado venres a deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas, realizou a súa primeira visita institucional a Íntegro para coñecer de primeira man as nosas instalacións de Nantón (Cabana) e o seu funcionamento, e manter unha reunión cos responsables de Íntegro coa intención de analizar as necesidades actuais e futuras dos nosos usuarios/as e as súas familias. Xunto a ela, acudiron tamén os alcaldes de Ponteceso, Cabana e Malpica así como a concelleira de Servizos Sociais pontecesá e o portavoz do Psoe cabanés. A comitiva foi recibida polo noso presidente, Adolfo López Baña; a directora do centro, Noelia Barreira e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño.
A xornada deu comezo cunha visita guiada polas instalacións para coñecer polo miúdo o funcionamento diario dos diferentes departamentos e poñer en valor o labor que desempeñan as persoas usuarias do Centro de Dia e do Centro Ocupacional a través dos diferentes programas e obradoiros que levamos a cabo ao logo do ano co apoio e a financiación institucional, entre outras, da administración provincial desde a súa área de benestar social e inclusión.
Peticións urxentes
Tras o percorrido, os responsables de Íntegro mantiveron unha xuntanza coa titular provincial, na que tamén estiveron presentes os representantes políticos da contorna, para trasladarlle as necesidades máis urxentes e prioritarias do centro en materia de educación, formación e emprego, “tres áreas sobre as que debemos actuar de maneira conxunta para lograr unha inclusión plena e real na sociedade”, asegurou o presidente da entidade ao tempo que salientou a importancia de ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social a través de centros de emprego, como o de Máis Porvir, nos que ademais de orientar, formar e especializar a futuros traballadores/as, ofrécense novas oportunidades de acceso ao mercado laboral que posibilitarán unha notable mellora da empregabilidade en igualdade de condicións.
Por outra banda, Adolfo López Baña aproveitou a ocasión para presentar publicamente o novo proxecto de Íntegro denominado “Vivenda Comunitaria”, unha iniciativa que xorde para dar resposta a aquelas familias que, chegado o momento, non poidan proporcionar aos seus seres queridos os apoios e coidados necesarios para o seu benestar e desenvolvemento cotiá. Neste senso, tras unha excelente acollida, todos os/as asistentes coincidiron en sinalar a necesidade da existencia dun programa destas características na Costa da Morte e expresaron o seu compromiso e apoio para convertelo nunha realidade capaz de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.